7.7.12

Ribeira: recibidos os deportistas de elite internacionais que van participar nos Xogos Olímpicos de Londres

  •  Van estar esta vindeira semana no campamento "Soño Olímpico"

 

Ribeira, 7 de xullo de 2012.- A Casa Consistorial foi escenario este mediodía dunha recepción oficial a unha ducia de deportistas e adestradores do máis alto nivel no deporte do taekwondo que escolleron Ribeira para ultimar a súa preparación de cara aos Xogos de Londres 2012, que darán comezo a principios do mes que vén. Todos eles participarán a partir do vindeiro luns no Campamento Internacional Soño Olímpico, unha iniciativa organizada polo Club Natural Sport Videlgi que contará coa participación duns 200 rapaces de 20 nacionalidades distintas que queren aprender e interactuar con estes combatentes de élite a fin de perfeccionar o seu nivel.

 

O alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez recibiron e felicitaron a grandes especialistas desta arte marcial como, entre outros, Hassane Smaili e Jesús Benito (adestradores da Selección De Marrocos), como Isam Chernoubi, Sanaa Ataborur e Wiam Dislam (que loitarán en Londres 2012 baixo a bandeira de Marrocos), como Suvi Mikkonen (clasificada por Finlandia), como Jesús Ramal (adestrador da selección finesa), e como as suizas Nina Kläy (subcampioa de Europa Absoluta) e Manuela Bezzola (campioa da Universiada e olímpica En Beijing) e a española Yaiza Soiza (campioa nacional), que están a axudar a Suvi Mikkonen a afinar a súa preparación olímpica.

 

Ruiz Rivas desexou aos presentes -que estiveron acompañados no salón de plenos doutros deportistas que participarán tamén no Campionato Soño Olímpico- unha agradable estancia no municipio riveirense en moita sorte para os Xogos.

 

Así mesmo, proclamou a súa esperanza de que nos seguintes xogos olímpicos que se disputarán en Río de Xaneiro no 2016 poida haber presenza ribeirense, en deportes como taekwondo, a natación e o atletismo.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: constituído o Consello Sectorial de Pesca

 

 


 

Ribeira, 7 de xullo de 2012.- Onte pola tarde quedou constituído oficialmente o Consello Sectorial de Pesca de Ribeira, que nace coa intención de aglutinar e representar os intereses do sector pesqueiro local e de servir de órgano de colaboración coas distintas instancias que gardan competencia nesta materia.

 

Ante a presenza con carácter excepcional da conselleira do Medio Rural e do Mar da Xunta, Rosa Quintana, e do secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, o alcalde de Ribeira e presidente do Consello Sectorial, Manuel Ruiz Rivas, explicou que por medio deste órgano se pretende a unión de todos os sectores extractivos e derivados de Ribeira. “Nun mundo globalizado e neste porto que presume de ser o máis importante en pescas como a de baixura, os seus sectores non poden traballar por separado”, afirmou Ruiz Rivas, quen considerou que “a voz de todos debe soar unida e forte”.

 

Rachar a fenda coa poboación civil

O rexedor local tamén salientou a importancia de que os sectores do mar se unan coa poboación civil, xa que nos últimos anos se deu unha fenda importante que provocou que cando as reivindicacións destes sectores buscaban o apoio da xente que ten o seu oficio en terra, non se dera esa implicación. “Hai que rachar calquera tipo de diferenzas que houbera no pasado”, incidiu.

 

Unha das propostas que figuraban na orde do día era a de propoñer un grupo de traballo tanto para a mellora e xestión da lonxa actual como da futura lonxa. Sobre esta última infraestrutura, en pleno proceso construtivo e cun investimento superior aos 17 millóns de euros, Manuel Ruiz declarou que a súa execución vén a paliar un sentimento que se tiña en Riveira de que, sendo o porto máis importante en mans da Xunta de Galicia, non se correspondía ese feito cos servizos que alí se prestaban.

 

Pola súa parte, Rosa Quintana felicitou aos presentes por esta iniciativa e resaltou o feito de que precisamente hoxe pola mañá se constituíra tamén o Consello Galego de Pesca.

 

Sobre a importancia de que todos os sectores implicados traballen en común, a máxima autoridade en materia pesqueira manifestou: “Todos unidos somos unha potencia, pero por separado non somos ninguén.

 

Consello Sectorial

Outro dos puntos do día foi a designación de vicepresidente do Consello Sectorial, posto que recaeu na persoa de Manuel Lampón Suárez.

 

Actúan como vogais: José Antonio Pérez Sieira (en representación da Confraría de Pescadores de San Pedro de Riveira), Miguel Antonio Franco Parada (Confraría de Pescadores de Palmeira, que non puido acudir ao encontro), José Manuel Oujo Fernández (Confraría de Pescadores de Aguiño), Juan Antonio Pérez Vidal (Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía Limitada), Ignacio Vázquez Abad (Asociación de Armadores de Riveira), Francisco Ayaso Casais (Asociación do Cerco de Riveira e Aguiño), José Manuel Vidal Paz (Asociación de Compradores de Pesca de Riveira), José Manuel Orellán Santos (administrador da Lonxa Municipal de Riveira), Mª Herminia Pouso Maneiro (Grupo Municipal Popular), Xosé Antonio Vázquez Cobas (Grupo Municipal Bloque Nacionalista Galego), Andrés Francisco Fariña Cadenas (Grupo Municipal Socialista), Esteban Paz Mariño (Grupo IPdR), así como Andrés Pérez Pouso e Manuel Lampón Suárez a proposta de alcaldía.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o nacionalista Francisco Jorquera cualifica de "feito esperpéntico, eleitoralista e propagandista" a devolución do Códice este domingo por Mariano Rajoy

  • O candidato do BNG á presidencia da Xunta empraza a Feijóo a que pida a renuncia ao alcalde de Portas logo da súa “baixa trampa como militante do PP”




Xornalistas cubrindo a declaración nos xulgados de Santiago do electricista presunto ladrón do Códice

Ribeira, 7 de xullo de 2012. O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, cualifica de “esperpéntico”, “eleitoralista” e “propagandista” o feito de que sexa mañá o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, quen, nun acto oficial, vaia entregar o Códice Calixtino ao Arcebispo de Santiago.

Jorquera fixo esta afirmación durante a súa intervención no acto realizado esta tarde polo BNG de Ribeira dentro da campaña Día da Patria Galega 2012. O acto consistiu nun roteiro cultural pola vila e logo nunhas intervencións políticas, a cargo do líder nacionalista e do escritor Plácido Betanzos.

Sinalou o líder nacionalista que "non ten precedentes que un presidente do Goberno se aproprie dunha actuación policial e se dispoña a utilizala no seu beneficio partidario". O PP, engadiu,  “non asumiu aínda as súas responsabilidades neste caso, as responsabilidades derivadas de que non garantiu nin a protección nin a seguridade do Códice Calixtino, tal e como era a obriga do Goberno galego”.

“É esperpéntico que un goberno democrático utilice propagandisticamente unha actuación policial para facerlle entrega dun ben ao seu titular”, concluiu Jorquera, que non entrou no necesario debate de facer público determinado patrimonio galego, como o caso deste Códice ou o Panteón de Galegos Ilustres, que se pode pechar a vontade da Igrexa, como aconteceu o ano pasado, pois é a titular del.

Concello de Portas

O candidato nacionalista tamén se referiu á situación criada no concello de Portas, logo de que o seu alcalde, implicado nun presunto delito fiscal, se dese de baixa como militante.

“Podemos falar dunha baixa trampa, dáse de baixa formalmente, pero materialmente continúa no PP”, afirma Jorquera, para quen “proba evidente” disto é que o presidente da Xunta –e presidente do PP galego- “non lle pediu que renunciase ao seu cargo”, “por non falarmos da protección evidente que lle brinda o presidente da Deputación de Pontevedra”.

Por un Día da Patria Galega 2012 masivo

Ademais, nun ton tamén electoralista, Jorquera fixo un chamamento a un seguimento “masivo” da convocatoria do BNG para o Día da Patria Galega 2012. “O lema co que convocamos este día é abondo elocuente. Rescata os Teus Dereitos. Iso é o que cómpre: rescatarmos o pobo, e non a banca”, afirmou, ao tempo que considerou que “o que chaman rescate á banca non é máis que un saqueo ao pobo”.

Jorquera acusou ao PP de “pór en risco” a cohesión social con “políticas suicidas” e “antipopulares” que “ameazan con converter a recesión en depresión”. “Son políticas antisociais e políticas centralistas, que aspiran a reducir a cinza as competencias das comunidades autónomas. E que fai Feijóo ante esta aspiración de práctica liquidación do autogoberno galego? Colaborar entusiasta”, reprobou o candidato nacionalista á presidencia da Xunta.







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Strabismo, Los Chavales, Sinestesia e Morrigan homenaxean a Los Tamara cun disco

  • Esta iniciativa foi coordinada desde as instalacións do Espazo Xove que o departamento autonómico ten en Noia


Unha imaxe de arquivo de Strabismo, grupo entrevistado en Certo aquí

Noia, 7 de xullo de 2012.- Un grupo de mozos e mozas de Noia vén de editar un disco homenaxe ao grupo “Os Tamara”, a través do programa de participación xuvenil “Iniciativa Xove” que promove a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou onte esta iniciativa. O obxectivo do proxecto foi recuperar para a mocidade a música dos Tamara e resaltar a importancia desta banda, que tivo grandes éxitos a nivel galego e español.


Neste disco homenaxe, participaron catro bandas da comarca de Noia: Strabismo, Los Chavales, Sinestesia e Morrigan. Todas elas adaptan e reinterpretan os temas dos Tamara “como sentido e humilde homenaxe ao seu traballo pioneiro no eido da música e da cultura galega”.

Esta iniciativa foi coordinada dende as instalacións do Espazo Xove que o departamento autonómico ten en Noia. Pola súa banda, os grupos encargaranse de promocionar e difundir o disco mediante actuacións en locais de ocio da comarca.

O programa “Iniciativa Xove”, que desenvolve a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo a posta en marcha de proxectos de carácter innovador, que fomenten a participación xuvenil. Estas iniciativas poden ser presentadas tanto por asociacións, como por grupos informais de mozos e mozas que se unan para levar á práctica os seus proxectos.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou que ferramentas como Iniciativa Xove “permiten que os mozos e mozas poidan demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar aquelas actividades onde eles mesmos son os actores principais”. Ademais, tamén valorou que “a responsabilidade de organizar as súas propias actividades libera un proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro e supón estar creando unha verdadeira escola de cidadanía activa”.

Iniciativa Xove subvenciona proxectos que non poden ser superiores aos 4.000 euros e financiarase o 100% dos gastos, polo que é incompatible con outras axudas destinadas á mesma actuación.

Este programa tamén concede anticipos automáticos de pagamento do 80% como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a aquelas entidades e grupos informais, que unha vez notificada a resolución de concesión da axuda manifesten expresamente a aceptación da mesma, de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: convocan concurso de fotos sobre Igualdade de Xénero

  • Prazo ata o 19 de abril de 2013

Porto do Son, 7 de xullo de 2012. O Concello de Porto do Son convoca o I Concurso fotográfico sobre a igualdade de xénero.

Tema: “Igualdade de xénero”. Valorarase a temática das fotografías relacionadas coas xentes do Son.
As fotografías ou series poderán ser en cor ou en branco e negro, cun tamaño mínimo de 24 x 30 cm. Tódalas fotografías irán presentadas en superficie ríxida (cartolina, non) en tamaño 50 x 60 cm. Ó dorso de cada fotografía figurará exclusivamente o lema da obra, lugar e ano no que se tomou a fotografía. Con tódalas obras adxuntarase un sobre pechado no exterior do cal aparecerá soamente o alcume do autor e no seu interior indicaranse os seguintes datos: nome e apelidos do autor, título das obras, explicación da técnica utilizada, enderezo e número de teléfono.

Prazo:
as obras serán remitidas ou presentadas nas oficinas do Concello (rúa Atalaia, s/n, 15970, Porto do Son) antes do día 19 de abril de 2013.

Premios:
O primeiro premio: 601,01 € e un diploma conmemorativo.
O segundo premio: 300,51 € e un diploma conmemorativo.
O terceiro premio: 150,25 € e un diploma conmemorativo.
O xurado poderá conceder tres accésit de 60,01 €, se a calidade das fotografías así o requiriran.

Máis información no BOP da Coruña do 5 de xullo de 2012 e na OMIX de Porto do Son, teléfono 981 867 414

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical