20.1.12

Cultura: "Amigos e sodomitas", do ribeirense Carlos Callón, gaña o premio Fervenzas Literarias

Image002

Amigos e sodomitas, de Carlos Callón, gaña o premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio e investigación de 2011

O autor de Ribeira xa recibira por esta obra o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011

 

Media_httpfarm7static_hgcog

Sereo na esquina da Moeda Vella, a rúa das putas da Idade Media en Compostela


Ribeira, 20 de xaneiro de 2011.- O libro Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Ribeira, 1978), acaba de colleitar un novo recoñecemento, ao facerse co prestixioso galardón Fervenzas Literarias á mellor obra de ensaio e investigación publicada o ano pasado. Esta distinción súmase ao premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que lle foi entregado o pasado mes de outubro, e a unha excelente recepción crítica, tanto en Galiza como fóra das nosas fronteiras, especialmente en México e no Brasil, aínda que tamén fose noticia en medios do Perú, Chile ou a Arxentina.

Amigos e sodomitas, publicado por Sotelo Blanco, explica desde o rigor porén cunha linguaxe divulgativa como apareceu o prexuízo contra a homosexualidade na Idade Media. En palabras do seu autor, “tenta ser un grito da razón contra a falsificación da historia da sexualidade e, tamén, na medida en que se lle dá protagonismo á rica documentación do reino de Galiza, contra a falsificación da historia do noso país”.

A divulgación do matrimonio homosexual máis antigo documentado na Península Ibérica (en Rairiz de Veiga, no século XI) ou a novidosa análise das opcións sexuais na lírica galego-portuguesa medieval (que inclúe a atención a unha cantiga de amor entre dous homes no século XIII) son algúns dos principais focos da atención que está a recibir este libro. Esta recepción é especialmente feliz para unha obra escrita e publicada na lingua de Galiza.

 

Algunhas opinións sobre Amigos e sodomitas


Pedro J. Ramírez, director de El Mundo: “Unha moi interesante reflexión contra a homofobia”.

Revista M Semanal, de México: “A valentía do texto de Carlos Callón (...) radica sobre todo en que salta a ñoña concepción historiográfica que manteñen moitos dos historiadores españois, formados na ditadura de Franco baixo os eixos e ollos católicos máis retrógrados. Os seus coñecementos como filólogo e a súa proximidade ao mundo LGBT conseguen facernos ver con outro prisma aqueles séculos”.

Xurxo M. Ayán, historiador: “Encontrámonos diante dunha obra verdadeiramente revolucionaria dentro do sistema cultural galego”. “Amigos e sodomitas é auténtica investigación de rescate, máis tamén un libro que se achega á realidade social do presente, grazas tamén ao perfil comunicador e divulgador dun autor que se atopa preto da rúa, dos leitores.”

Armando Requeixo, crítico literario: “Ameno e ben informado, Amigos e sodomitas é un ensaio de máis que recomendable lectura que (...) ‘prende novos farois’ para alumar, dende o histórico, unha realidade sobre a que pairaban abondas sombras.”

 

http://www.carloscallon.com
http://twitter.com/carloscallon
http://www.facebook.com/pages/Carlos-Callón/206383346069097

http://soteloblancoedicions.com



Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Aguiño acolle unha discontinua "Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño"

Ribeira, 20 de xaneiro de 2012- A Asociación "Francisco Lorenzo Mariño" leva sete anos facendo a Semana Cultural en colaboración coa Concellería de Cultura que dirixe Elvira Pisos Arnoso e outras institucións, como a Deputación da Coruña. Tamén colaboraron empresas e outras entidades como Conresa, Clínica Dental Gonzalo Lopez Castro, Frinsa, A Gandaina, A Parroquia de Aguiño, etc.  

Este ano o alcalde Manuel Ruiz Rivas e a concelleira de Cultura renovaron o seu apoio a esta actividade que naceu no ano 2006 coa estreita colaboración do anterior goberno municipal, da man de Torres Colomer e do edil Luciano Fernández. 

O programa deste ano, comeza mañá sábado 21 coa MISA DO VIII ANIVERSARIO na Igrexa de Aguiño ás 19 h oficiada pólo párroco David Mohedano. 

Continuará a vindeira semana, concretamente o venres 27 coa Xornada Cultural titulada “Recursos Patrimoniais de Aguiño. Arqueoloxía, etnografia e paisaxe” a cargo de Pilar Casas Gil, Licenciada en Historia do Arte pola USC que se apoiará de fermosas imaxes antigas e actuais de Aguiño a través dunha proxección audiovisual. A contiuación terá lugar un concerto da Coral Polifónica Municipal dirixida por Enrique Paisal co repertorio que figura no programa de man, e rematarase cun ágape ou viño galego de confraternidade no própio Conservatório de Aguiño (R/ Castelao), onde comezarán os actos ás 20:15 h sendo a inauguración a cargo do Alcalde, do Presidente da Asociación e da Concelleira de Cultura e Festexos. Durante os dous dias no Conservatório colocarase un peto para que quen o desexe poida facer o seu donativo solidario a favor da ong INTERMÓN-OXFAM que desenvolve proxectos de axuda ao Terceiro Mundo. 

O sábado 28 ás 17:30 h terá lugar o acto de Lectura de Manifesto e Ofrenda Floral no Cemiterio de San Vicente de Noal no Son, a lectura do manifesto será  a cargo do presidente da asociación cunha lembranza agarimosa a José  Luis, o amigo de Aguiño que xunto á súa dona Leonor coidaron a Paco na súa enfermidade os últimos anos da súa vida e que faleceu recentemente, concretamente o pasado 13 de xaneiro. Este acto estará amenizado polo grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira que abrirán coa Marcha do Antigo Reino de Galicia e pecharán co Himno Galego. Tamén o sábado ás 20:00 h no Conservatorio de Aguiño terá lugar unha representación teatral a cargo do grupo A POMBIÑA DE NARÓN coa obra “Rosenda, unha criada Indecente”, comedia de enredo dirixida por Betty Couce e cunha hora de duración. 

Para a difusión desta actividade fixéronse 500 programas de man, 100 carteis, unha pancarta de estrada (que está colocada á entrada de Aguiño) e colgouse información na web de Aguiño www.aguiño.com, na web municipal www.riveira.es e nas redes sociais de cultura e xuventude “Entérate”.

Relacionada:



 

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: a sorte sorriu ás mulleres no sorteo do Praceiro/a 2011

A Pobra, 20 de xaneiro de 2012. Hoxe venres levouse a cabo o sorteo do Praceiro Praceira 2011 da Pobra do Caramiñal.

As afortunadas foron:     -Rosa Mª  Rego Hermo , 75 euros

                                        -Dolores Dominguez Neira, 50 euros

                                        -Mª José Mariño Pazos-25 euros

O sorteo contou con numeroso público que se acercou para ver o desenvolvemento do mesmo.  Ademáis tamén se contou coa presenza do representante do comercio Jesús Fernández Munín, o concelleiro de comercio Andrés Millán e a presidenta e secretaria da Praza e Mercado, Dolores Rivas e Mª Carmen Sanisidro.

Este sorteo estivo patrocinado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello da Pobra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: remitidos á Consellería de Infraestruturas os expedientes das obras de rehabilitación da zona vella para a súa cualificación provisional

Media_httpfarm3static_jeugf

Destaca a intervención que se vai facer no Pazo do Forno do Rato, que é Ben de Interese Cultural

Noia, 20 de xaneiro de 2012. A concellería de Casco Histórico e Patrimonio de Noia vén de remitir á Xunta de Galicia os acordos adoptados pola Comisión de Valoración Municipal no relativo aos expedientes da 9º fase da “Área de Rehabilitación”.

Os acordos que se adoptaron en dúas sesións distintas da Comisión de Valoración celebradas durante o presente mes de xaneiro, abranguen un total de seis intervencións, e entre elas destaca a que se fará no Pazo do Forno do Rato, único inmoble civil que conta coa condición de BIC dentro do perímetro do casco vello de Noia.

Catro das intervencións que se propoñen son rehabilitacións integrais de inmobles que contan con algún grado de protección, e as dúas restantes trátase de actuacións menores, igualmente en edificacións protexidas.

A contía das intervencións que se remitiron para a consecución da cualificación provisional, ascende a un total de 69.599,51 euros, a repartir entre as mesmas en función dos parámetros establecidos pola ordenanza reguladora.

No que se refire á  obra de urbanización no espazo público, vinculada á presente fase, serán obras de renovación de beirarrúas e soleiras interiores dos soportais da rúa do Curro.


Mándovos nota de prensa relativa aos acordos adoptados pola Comisión de Valoración Municipal, correspondentes á 9ª fase da "Área de Rehabilitación" do casco vello.
Saúdos

Bieito González Domínguez
Concelleiro de Casco Histórico e Patrimonio
Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Solo

Adxudicación para saneamento entre Boa e Taramancos

Media_httpfarm7static_zedan

Taramancos é unha aldea noiesa que aínda conserva o encanto da arquitectura tradicional

Por outra banda, o Concello de Noia informou hoxe da adxudicación á empresa Proyecon Galicia S.A a obra denominada: "Conexión do saneamento de Boa e Taramancos á rede xeral de saneamento municipal (Noia)" na cantidade de 177.450,76 €.

O Concello descartou a seis empresas en baixa temeraria por documentación insuficiente ou por presentar salarios por debaixo de convenio laboral.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe presenta unha moción para que o goberno deixe de violar e recortar o dereito fundamental á atención sanitaria

Moción restitución atención sanitaria.docx Download this file

Será tratada no pleno da Pobra do Caramiñal o vindeiro xoves, 26 de xaneiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Paraísos non tan lonxanos", fotografía submarina ata o 25 de febreiro no auditorio


Ribeira,
20 de xaneiro de 2012- A Concellaría de Cultura e Festexos anuncia que o martes vindeiro, 24 de xaneiro, será inaugurada no Auditorio Municipal a exposición Paraísos non tan lonxanos. Un percorrido submarino a través da fotografía, organizada polo Grupo de Estudios do Medio Mariño (GEMM).  

A exposición componse de 22 fotografías realizadas por diversos membros deste grupo, nas súas incursións por augas das rías galegas. Nelas recóllense asombrosas imaxes das especies que habitan nas nosas costas: medusas, cabaliños de mar, moluscos, esponxas, anémonas xoias... coas que se pretende, por unha parte difundir a beleza dos fondos mariños e, pola outra, concienciar á cidadanía da necesidade de conservación das especies, algunhas delas en perigo de extinción.  

A exposición estará  aberta ata o próximo 25 de febreiro. 

O acto inaugural, que terá lugar ás 20 horas, estará presidido polo alcalde Manuel Ruiz e contará coa intervención de Jacinto Pérez, presidente do Grupo de Estudos do Medio Mariño.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Comunicación: concerto en Redondela a prol dos medios en galego esta noite

  • ROI CASAL E SILVIA FERRÉ COLABORAN SÚMANSE A “VITAMINAS PARA O GALEGO”, UNHA INICIATIVA NA QUE COLABORAN 20 MEDIOS NA LINGUA PROPIA


http://www.roicasal.com

Redondela, 20 de xaneiro de 2012.- A campaña de apoio aos medios en galego realiza este venres unha presentación-concerto en Redondela. O arpista Roi Casal e a cantante Silvia Ferré actuarán antes e despois da presentación de “Vitaminas para o galego”. Será a partir das 19:30 na Casa da Cultura desta vila. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza o acto.

Media_httpa2ecimagesm_xjkia

Silvia Ferré no seu MySpace

Vitaminas para o galego” é unha iniciativa de na que colaboran vinte medios e plataformas de comunicación na lingua propia: Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta, Certo.gl. O Sil e Crónica3. Tamén apoian Terrachá.xa, Crónicas da comarca (Arzúa - Melide),  Radio Nordés - Cadena Ser Costa da Morte , Cadernos de Comunicación e Analise, Hermes e Atenea, Surfgz, disquecool, Cabozo, de Luns a Venres e Vencello.

A campaña sumou xa máis de 5.100 euros en donativos en liña a través da plataforma Verkami, superando os obxectivos de recadación fixados inicialmente. Todo o diñeiro adícase a sufragar a propia campaña e ao mantemento económico dos medios colaboradores.

Os 140 mecenas que aportaron diñeiro reciben mercadotecnia da campaña (paraugas, etc.) e regalos ofrecidos por empresas colaboradoras. Entre as novas “recompensas” para os que contribúan nos próximos once días a través da web vitaminasparaogalego.gl. estarán produtos doados por Froitas León, queixos da denominación de orixe Arzúa Ulloa e unha fin de semana nunha casa de turismo rural.

Manuel Bragado e tres representantes dos vinte medios que participan

No acto de Redondela participará Manuel Bragado, en representación da plataforma Prolingua. Bragado tamén é presidente da Asociación Galega de Editores. Por parte dos medios organizadores falarán Pedro Telmo (O Val Miñor.info), Marcos Pérez (Praza Pública) e Henrique Sanfiz (Radiofusión).

“Vitaminas para o Galego” naceu co obxectivo de loitar contra a desaparición de medios en galego sufrida nos últimos meses (Vieiros, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, A Peneira, etc). Tamén pretende contribuír ao nacemento de novas cabeceiras.

A iniciativa está aberta a novas incorporacións e, de feito, dende o seu lanzamento xa sumou sete novos medios colaboradores.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical