3.11.10

Dodro: trinta e tres familias resultaron beneficiadas este curso polas axudas á escolaridade


Dodro, 3 de novembro de 2010. A concellería de Igualdade e Benestar, dirixida pola tenente de alcalde nacionalista Victoria Rei, acaba de conceder as axudas para a escolaridade que se convocan a primeiros de curso desde que esta concelleira asumiu a responsabilidade desta área.

Este ano as beneficiadas foron 33 familias, cun total de 55 escolares (hai familias con máis de un/ha fillo/a), e baseándose en criterios económicos e sociais publicados previamente, cunha axuda máxima de 90 euros por cada menor escolarizado na educación obrigatoria. Os conceptos que se financian son material escolar e actividades extraescolares (do mesmo colexio).
A concelleira do BNG sinalou a súa satisfacción pola consolidación destas axudas que
se fan públicas cada ano a principios de curso, nas cales o concello inviste 3.270 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: adxudicado o saneamento, abastecemento e pluviais da rúa do Pombal


A rúa Pombal é peonil, como a rúa de Galicia agora (na imaxen)

Ribeira, 3 de novembro de 2010. O Concello acaba de adxudicar á empresa Construcciones Anspal, S.L., unha actuación consistente no saneamento, abastecemento e pluviais da rúa do Pombal, situada na cidade Santa Uxía. 

O importe da adxudicación ascende a 53.453,90 euros e o prazo de execución é de dous meses. 

A rúa Pombal é unha vía peonil de elevada pendente que está situada xunto á rúa Romero Ortiz (a vía que sube dende a praza de Compostela).  

As instalacións que dispón a día de hoxe son antigas, razón pola cal renovaranse as liñas existentes de abastecemento (instalando unha tubaxe de 50 metros de lonxitude e unha sección de 75 milímetros), saneamento (cunha tubaxe de 53 metros de longo e 250 milímetros de sección) e pluviais (tubaxe de 56 metros e 250 milímetro). Asímesmo, repoñerase a pavimentación con lousas de granito abuxardado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: os socialistas reclaman "as contas transparentes" de 2009 ao Concello


A Pobra, 3 de novembro de 2010.- O Psoe municipal emitiu unha nota de prensa na que explican os motivos polos que reclaman menos opacidade nas contas ao goberno da Pobra, en mans do PP. Como acostumamos, a nota íntegra:

"Na Intervención do Concello, está o expediente relativo á Conta Xeral correspondente ó exercicio do ano 2009. O Concello ten que cumprir a obriga legal de render as contas que constitúen o mecanismo que pon de manifesto a xestión realizada e permite controlar o uso e destino dado aos fondos públicos, en definitiva é un mecanismo de control.

Unha vez máis o Alcalde - Presidente da Corporación pon atrancos para obter a información necesaria para o posterior debate en Pleno sobre a aprobación da conta xeral do ano 2009. O pasado mércores día 27 de outubro foron solicitados verbalmente na Intervención Municipal, e por escrito o día 29, os informes de reparo seguintes:

  1.    Informe sobre determinados incrementos salariais superiores ós legalmente previstos.
  2.    Informe sobre a aprobación de facturas. Omisión de procedemento de contratación por exceder o importe ou prazo de duración dos contratos menores. Ausencia de factura pola prestación do servizo.
  3.    Informe sobre a recadación de taxas por ocupación de dominio público. Inexistencia de liquidacións ou autoliquidacións xustificativas da recadación.
É evidente que a oposición está para fiscalizar ao goberno e parécenos gravísimo non ter acceso a esta documentación porque se supón que os incrementos salariais superiores aos previstos non os pagou o Alcalde coa súa nómina, nin ningún outro membro do equipo de goberno.

Igual de grave é  a ausencia de facturas pola prestación de servizos, non ter acceso a esa documentación fai pensar na multitude de facturas que poidan estar nos caixóns agochadas, e si a persoa ou empresa que prestou o servizo non pasa esas facturas por rexistro corre o risco de non cobralas.

A inexistencia de liquidacións xustificativas sobre a recadación de taxas pola ocupación do dominio público, pódenos facer pensar o peor, da deriva que poidan ter eses cartos.

Todos estes temas son de gravidade extrema porque cos cartos públicos o Sr. Isaac debe ser exquisito e transparente.

En todo caso supoñendo que eses informes foran irrelevantes non tería inconveniente en facilitalos, desta maneira o único que nos queda que pensar, no mellor dos casos, é que se trate de chapuzas ou trapicheos administrativos, sempre de mal gusto, porque non hai mellor orgullo que ser transparente e honrado.

É imposible ter debate no Pleno si se nos censura a información, tendo en conta que todos eses informes son parte da conta xeral do 2009 e da necesidade de fiscalizar o uso correcto ou indebido dos fondos públicos.

O obxectivo é  que se atendan as peticións da oposición, (claro está, si non hai que agochar), porque a conta que se aprobe nese Pleno procede dos impostos de tódolos pobrenses e non da economía familiar do Alcalde, (que esa soamente lle afecta a el).

Por outro lado recoñece publicamente que efectuar inversións cos fondos propios do concello é unha tarefa difícil. Recomendámolle que reduza os gastos en atencións protocolarias, en pompa e boato, porque con eses actos minguan as arcas municipais. Toda esa propaganda tan vistosa pagámola todos os pobrenses. Menos gastos improdutivos e máis eficiencia e racionalidade na xestión.

Este dispendio dos pasados días contrasta coas reclamacións dos proveedores, que como almas en pena, van cada día intentar cobrar o que se lles debe, e para eles non hai cartos. Esta si é a nosa preocupación, menos derroche e máis pagar ás persoas que prestaron servizos.

Reclamamos TRANSPARENCIA, e un concello que saiba os recursos económicos cos que conta, e a quen se lle debe. O concello da Pobra non é o “cortijo” do Alcalde".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Xuventudes Socialistas de Barbanza presenta este venres unha campaña contra a supresión do Noitebús


Un dos carteis da campaña anterior sobre o mesmo

Boiro, 3 de novembro de 2010. Este venres 5 de novembro presentarase en Boiro unha campaña de Xuventudes Socialistas do Barbanza para protestar pola futura supresión do servizo Noitebús.

Será na sede do PsdeG de Boiro, ás oito e media da tarde, e na presentación agárdase a María Torres, Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia; Jorge Campaña, Coordinador Comarcal das Xuventudes Socialistas do Barbanza e Silvia Fraga, Portavoz de Igualdade e Mocidade do Grupo
Parlamentario Socialista. Os tres representantes socialistas ofrecerán a presentación da campaña “Habelas hainas” e explicarán as consecuencias e problemas para a sociedade galega en xeral e para a mocidade en concreto, que traerá consigo a retirada das subvencións a este servizo de mobilidade nocturna.

Na rolda de prensa, os integrantes das Xuventudes Socialistas e a representante parlamentaria tamén incidirán nunha análise das partidas orzamentarias que o Partido Popular adxudica ás políticas adicadas á mocidade.

Recollida de sinaturas


A maiores, o vindeiro sábado día seis de novembro, a partires das 23:30 horas, levarase a cabo unha recollida de sinaturas na rúa Pablo Iglesias de Boiro (no entorno da Praza da Mancomunidade, zona da movida boirense), tal e como se está realizando simultaneamente nos diversos municipios galegos. A finalidade é presentar unha moción no Parlamento en contra das medidas que se están tomando dende a
Xunta para eliminar o Noitebús.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: teatro e cinema, estrelas da programación cultural de novembro, xunto coa Semana Musical

A obra "Frantasmas" será representada o venres 5 de novembro

Noia, 3 de novembro de 2010. A programación cultural de novembro na vila noiesa estará marcada polas representacións teatrais e, xa na fronteira con decembro, coa nova edición da Mostra de Curtas "Vila de Noia", á que se presentaron máis de 400 producións de todo o mundo. Tamén cabe destacar o terceiro Congreso de Educación para a Saúde, que terá lugar na segunda fin de semana, do 12 ao 14 de novembro.

O programa previsto é o seguinte:

 Día 5, venres

PRODUCCIONES A CONTRABUTACA representa a obra FRANTASMAS

22:00 h. Teatro “Coliseo Noela”

Vía Rede Cultural da Deputación
 

Día 6, sábado

NOIASCENA 2010

Teatro Candelexas de Noia

Obra: “faladoiro no banco”

21:00 h. Teatro “Coliseo Noela”



Días 12, 13 e 14:

Congreso de Educación para a Saúde. Máis información aquí

Día 19, venres

Teatro Liceo de Noia. Obra: “Smoking”

21:00 h.  Teatro Coliseo Noela
 

Día 20, sábado

Grupo Mamá  Cabra

18:30 horas. Teatro Coliseo. Entrada Libre. Organiza a editorial Galaxia.

Días 22 ao 28


Semana Musical

22 , 23, 24 e 25 no Teatro Coliseo

26, 27 e 28 na igrexa de San Martiño

Días 26 de novembro ao 5 de decembro


MOSTRA DE CURTAS. Teatro Coliseo Noela

http://www.curtasnoia.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado 6 de novembro, "Comisaría Especial para Mulleres" no conservatorio de Aguiño

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical