- Concello e Fundación "Amigos de Galicia" aumentan en 2012 a prestación de axuda a estas unidades familiares
Ribeira, 30 de novembro de 2012.- Concello de Ribeira e Fundación Amigos de Galicia incrementarán o ano que vén a prestación de axuda a familias en risco de exclusión social do municipio. Así se reflectiu durante a reunión que tivo lugar hoxe no Consistorio para facer un seguimento do convenio de colaboración subcrito entre as dúas entidades e que surte efectos dende o pasado febreiro: unha reunión na que compareceron o alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro delegado de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio; o presidente de honra da Fundación Amigos de Galicia, o empresario dono de Frinsa Ramiro Carregal Rey; e o director xeral, o tamén empresario en diversas actividades Jesús Busto Peteiro.
O alcalde salientou a necesidade de que os Concellos se involucren neste tipo de accións humanitarias para axudar a quen máis o precisa nestes tempos de crise. Segundo tivo oportunidade de explicar, o número de persoas que se vén favorecidas a día de hoxe polo convenio é de 150, distribuídas en 42 familias: unha cifra que se verá aumentada nun 50% ata superar ás 60 familias, ao tempo que se incrementará tamén a contía económica que o Concello vai destinar á Fundación o ano que vén.
Cabe recordar que ata o de agora, a asistencia que se estaba a prestar traducíase no subministro de produtos alimentarios non perecedoiros e outros bens de primeira necesidade, como roupa e calzado, produtos de hixiene e material escolar.
Produtos frescos
Como novidade, este rango de produtos vai medrar coa aportación tamén de produtos frescos (como carne ou peixe), que o Concello se encargará de recoller e distribuír entre as familias necesitadas baixo a coordinación dos Servizos Sociais.
Ademais, prestarase unha atención especial aos nenos e nenas que necesiten ver melloradas as condicións de habitabilidade das súas vivendas a través de subministro de camas e colchóns.
Xoguetes
Pola súa parte, Vicente Mariño explicou que o Concello sumarase a partir deste mes de decembro á campaña “Ningún neno sen xoguetes” para que os máis pequenos podan recibir tamén este tipo de obxectos (quen desexe colaborar na acción pode doar os seus xoguetes na sede dos Servizos Sociais) e avanzou que durante a época de Nadal a dotación de produtos alimentarios que reciban as familias incluirá tamén os de tipo navideño, como turrón, etcétera.
A Fundación Amigos de Galicia atende preto de 26.000 persoas na Comunidade, das cales 14.000 son nenos ou xóvenes. Ramiro Carregal Rey significou a gran labor que vén desenvolvendo esta institución ao longo dos seus 26 anos de existencia.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia