17.11.10

Porto do Son: organizan unhas xornadas técnicas sobre cría de ovellas e cabras o sábado 27 de novembro

Lousame: os traballadores da planta de Servia continúan coa folga de recollida de lixo en Ames e Carnota

O concello de Ames celebrará este xoves un pleno extraordinario para tratar o asunto

Lousame, 17 de novembro de 2010. Os traballadores e traballadoras da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame, continúan a folga de recollida de lixo iniciada o pasado sábado día 13 nos concellos de Ames e Carnota. Neste concello, a corporación votou en contra da moción proposta polo Comité de Empresa. Unha moción coa se pretendía que todos os concellos da Mancomunidade asumiran un compromiso firme co modelo de xestión de RSU do Barbanza e o pago das cantidades adebedadas. No caso de Ames, o seu alcalde, o socialista Carlos Fernández, impediu que a moción fose debatida polo pleno e trasladou o punto a un pleno posterior que se celebrará, previsibelmente este xoves 18. Na noite do luns, os servizos mínimos recolleron parte do lixo acumulado nas rúas, operación que se repetirá o xoves.

Antecedentes

O detonante da convocatoria de folga é o perigo de peche que se cerne sobre a planta, xestionada por FCC, logo de que a multinacional anunciara, xa finais de xullo, a súa intención de resolver o contrato por impago da Mancomunidade. Unha débeda que se achega a 2.700.000 € e da que son responsábeis, na súa maioría os concellos de Ames, Carnota e Noia.

Tras numerosas mobilizacións, os traballadores a través do Comité de Empresa propuxeron ás corporacións municipais dos concellos da Mancomunidade unha moción na que se pedía a asunción do compromiso coa planta, garantindo que os concellos non optarían por un modelo diferente de xestión de RSU; o apoio ás iniciativas e plans aprobados no seo da Mancomunidade encamiñadas a garantir o pago da débeda contraída con FCC; que os orzamentos de cada Concello para o ano 2011 preveran o pagamento mensual do canon do lixo (co obxecto de non xerar unha nova débeda) e que se demandara da Xunta de Galiza que esta realizara as actuacións necesarias para demandar da Xunta de Galicia a súa implicación para resolver favorablemente o conflito existente coa recicladora ECOEMBES.

Todos os concellos, incluído o de Noia, que figura entre os máis endebedados, aprobaron a moción, agás os de Carnota e Ames. Neste último e por iniciativa do grupo do goberno socialista liderado por Carlos Fernández, non se puido debater a moción ao prolongarse o pleno, segundo afirman os traballadores/as, a mantenta, para evitar que saíra adiante a proposta feita polo Comité de Empresa ou outra en termos similares. Esta situación é o perigo de peche da planta, coa consecuente perda de postos de traballo provocou o inicio da folga que neste intre está en marcha.

Os ingresos da planta dependen: nun 60% da Mancomunidade, nun 40% dos recuperadores (ECOEMBES, ECOVIDRIO, etc.) e ademais, o 40% que se factura aos recuperadores depende do mercado e dos convenios autonómicos (de feito, o máis importante deles, o de ECOEMBES, estase a negociar entre dito organismo e a Xunta; ECOEMBES intenta levalo á baixa).

Por iso, explican dende a CIG, "é fundamental solucionar a débeda pendente dos concellos e por iso iniciaron as mobilizacións e convocaron agora, en Ames e Carnota esta folga. Entenden que cada administración debe asumir as súas responsabilidades, para evitar a desaparición dun sistema de tratamento de RSU excelente, e para que se garanta a continuidade de 150 postos de traballo directos".

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng pregunta no Parlamento polo estado dos servizos sanitarios da comarca

Noia, 17 de novembro de 2010. O BNG de Muros e Noia, por medio das deputadas Ana Luísa Bouza e Ana Belén Pontón, vén de presentar unha pregunta parlamentaria onde se interesa polo estado dos servizos de atención  sanitaria que lle afectan á poboación da comarca. 

Na presentación da iniciativa a deputada Ana Luísa Bouza e o responsable comarcal, Manuel  González, indicaron que a Consellería de Sanidade "non prevé ningunha acción específica de mellora  dos  centros  de  atención  primaria  existentes nos seis  concellos  da  comarca, nin  tampouco no Punto de Atención Continuada (PAC)". Do mesmo xeito, denunciaron a paralización por parte do actual goberno do Plan de  Mellora de Atención Primaria que lanzara o anterior goberno e que tiña como obxectivo incrementar os medios humanos e materiais nos centros de atención primaria e dese xeito evitar o desvío de casos aos centros de atención especializada. 

Tamén lamentaron o incremento nas listas de agarda no Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)  tanto  para atención  especializada como para  operacións  cirúrxicas. "Non podemos esquecer que os veciños de todos os concellos da comarca, agás Porto do Son que depende do hospital da Barbanza, se ven afectados polo empeoramento nos servizos do CHUS", indicou Manuel González.
Así, a media de espera para cirurxia situase neste centro nos 96 días, 11 máis que en 2009 sendo especialmente grave nalgúns casos como en Pediatría (136,5  días) ou en Traumatoloxía (100,3 días). A agarda media para a atención especializada sitúase tamén nos 96 días.

Centro de saúde de Noia

Culpan á "política privatizadora do PP"

Ana Luísa Bouza indicou que a presente situación "é motivada polas políticas privatizadoras e a nula  capacidade  de  xestión do goberno  do Sr. Feijoo, que se  preocupa máis en facer propaganda que en solventar os problemas cidadáns".

Finalmente, os representantes do BNG instaron á poboación da comarca a manifestarse este domingo 21 en Santiago de Compostela en defensa da Sanidade Pública e contra o que eles denominan "a política privatizadora do Goberno do PP".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a celebración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos xuntará a un milleiro de rapaces este venres

Ribeira, 17 de novembro de 2010. Arredor dun millar de nenos e nenas de Ribeira van participar este venres, día 19 de novembro, nos actos conmemorativos do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, segundo desvelou este mediodía a primeira tenente de alcalde, María Dolores Elorduy Callón.

A edil municipal estivo acompañada durante a celebración da actividade das máximas responsables en Ribeira de tres das ONGs que colaboran na iniciativa: Cruz Ribadulla, presidenta de Unicef Riveira; Ángeles Cores, presidenta da Cruz Bermella de Ribeira, e Ramona Pérez, presidenta de Mans Unidas.

A acción está promovida polas Concellerías de Xuventude e Educación (os seus titulares respectivos, Vicente García e Xoana Ermitas, non puideron intervir na presentación por encontrarse fóra do concello por tarefas municipais). Ademais das tres ONGs citadas, tamén colaboran outras catro organizacións non gubernamentais (Intermón Oxfam, Cáritas Parroquial, Dignidade Ribeira e Médicos Sen Fronteiras), as asociacións Ámbar e Amicos e distintos centros de Ensino Secundario do municipio.

Sensibilización social


María Dolores Elorduy declarou que con esta actividade quérese destacar o traballo feito por cada centro de ensino e ocupacional en canto á divulgación da Declaración dos Dereitos dos Nenos e das Nenas, así como “sensibilizar á sociedade en xeral respecto a este tema transcendental para o futuro”.  

Cruz Ribadulla afirmou que con esta acción preténdese “recordar a todo o mundo que os problemas da infancia existen e que hai moitos nenos que teñen moitas dificultades para sobrevivir". Así mesmo, manifestou que “a infancia é o noso recurso máis preciado”. Nesta idea redundou Ramona Pérez, quen expresou o seu desexo de que “a xente se mentalice de que hai que traballar no futuro dos nenos". Pola súa banda, Ángeles Cores declarou que con esta celebración “logramos que a xente maior se pregunte o motivo da mesma e se preocupe así dos dereitos dos nenos”.

Programa


Os actos darán comezo en torno ás 11.35 horas no Palco de Música do Malecón, onde se darán cita os nenos e nenas que van participar, os cales, unha vez concentrados, camiñarán rumbo á praza do Concello portando unhas pancartas conmemorativas de cada un dos dereitos que se queren promover e nos que estiveron traballando nas últimas semanas: igualdade, protección, identidade, benestar, atención á diversidade funcional, amor e comprensión, educación e xogo, preferencia, non explotación e fraternidade.  

Dez minutos despois, procederase á lectura dos dereitos enumerados por parte dun representante de cada centro educativo e ocupacional participantes e dunha ONG. Acto seguido, o alcalde Xosé Luis Torres lerá un manifesto elaborado para a ocasión.

Acompañamento do grupo Entrelíneas


A continuación, todos os presentes cantarán unha canción solidaria acompañados do grupo de música local Entrelíneas, gañador o pasado verán do Primeiro Concurso de Grupos de Música Local do Concello. Arredor das 12.45 horas porase punto final á actividade e os alumnos regresarán aos seus centros.

Finalmente, a primeira tenente de alcalde formulou o seu desexo de que esta vez a meteoroloxía acompañe o acto e non impida o desenvolvemento do mesmo, tal e como aconteceu o ano pasado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: traballos de limpeza nas brañas de Laíño, no espazo Rede Natura

Dodro, 17 de novembro de 2010. A concellería de Desenvolvemento Local, dirixida polo nacionalista Guillermo González Baleirón, iniciou o traballo de limpeza nos terreos do espazo Rede Natura.

Este traballo, realizado ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia solicitada para tal fin, consiste na limpeza dos camiños, cunetas e na preservación dos tubos de conducción das drenaxes existentes nas Brañas, xa que a situación actual é de obturación. Coa limpeza quérese conseguir unha comunicación ininterrumpida do caudal de agua para paliar as consecuencias propias do inverno nunha zona que de por si tradicionalmente se anegaba, pero que o fai de xeito máis pronunciado dende que se construeu a autovía AG-11 ou do Barbanza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: 45 poemarios compiten no premio de poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón", que revelou hoxe o xurado


Imaxe da entrega o pasado ano a Daniel Costas polo seu poemario "Conservas"

Dodro, 17 de novembro de 2010. A Concellaría de Cultura de Dodro, dirixida polo novo concelleiro do BNG Abel Tarrío, manifesta a súa "satisfacción polo éxito da convocatoria da XXIIIª edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, correspondente a este ano 2010".
O pasado sábado, día 13 de novembro, remataba o prazo de recepción para poemarios inéditos e orixinais que nesta edición ampliou notablemente o seu eco entre as/os creadoras/es galegas/os, "co cal reafírmase de novo Dodro como un lugar dos máis sobranceiros do Parnaso galego. En concreto o Concello rexistrou entrada de 45 obras; todas elas pasarán agora a seren valoradas polo xurado para obteren o nome da obra gañadora, un resultado que xa aventuramos laborioso e difícil", explica o Concello.


No solemne acto de entrega do sábado 11 de decembro non faltará a música

Xurado desta edición

Conforme estipula a base oitava do premio Eusebio Lorenzo Baleirón, chegou o momento de dar a coñecer ao xurado desta edición tras de rematar o prazo de admisión. Está composto por Daniel Costas, gañador da última edición; o tamén poeta Modesto Fraga Moure; a profesora de Literatura, poeta e tradutora de Eusebio Lorenzo
Baleirón, Ánxeles Penas e Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria de longa traxectoria.

A decisión do xurado farase pública o día 11 de decembro, ao que seguirá o acto de entrega do Premio á obra galardoada días despois nun acto revestido da maior relevancia cultural que está xa está a preparar, como todos os anos, o Concello de Dodro. O concelleiro nacionalista quere agradecer a todas as persoas que axudan a difundir este galardón e, moi especialmente ás/aos participantes, "que nos dan o privilexio de coñecer a súa obra inédita e poder colaborar no sostemento e promoción da lingua do noso País, neste momento tan delicado no que hai quen pon en duda a súa valía, un produto intelectual universal e froito da sensibilidade dos nosos artistas, que nos axuda a todas e todos a vivir nun mundo máis rico". Abel Tarrío tamén agradece a colaboración da Deputación da Coruña, que financia a organización deste premio.

Gañadores do Eusebio Lorenzo Baleirón ata o 2009

Relacionada:
Pediron o Día das Letras Galegas de 2011 para Eusebio Lorenzo Baleirón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello abre prazos para solicitar bolsas para deportistas e axudas a deporte federado


Boiro, 17 de novembro de 2010. O Concello de Boiro vén de aprobar na Xunta de Goberno Local celebrada onte, día 16 de novembro, as “Bases específicas da convocatoria de axudas ao deporte federado e de axudas para o fomento de actividades deportivas e outras actividades físicas de tempo libre”, así como as “Bases específicas da convocatoria 2010 de bolsas a deportistas”. No primeiro dos programas, o seu obxectivo básico é “apoiar ás entidades deportivas en ánimo de lucro na realización de actividades deportivas e de tempo libre”, así como respaldar a participación dos clubes federados en ligas e competicións oficiais, mentres que o segundo está destinado a apoiar a deportistas de talento, tanto na súa preparación e práctica como na participación en eventos deportivos. 

O programa de axudas ao deporte federado e fomento de actividades deportivas está dotado con 51.500 euros, e o de bolsas a deportistas, con 4.900 euros; neste último caso a axuda oscila entre 150 e 350 euros, en función do nivel deportivo do solicitante. 

En ambos casos, os solicitantes teñen de prazo até o 26 de novembro para formular as correspondentes solicitudes, que se poden descargar a continuación.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical