Noia, 17 de novembro de 2010. O BNG de Muros e Noia, por medio das deputadas Ana Luísa Bouza e Ana Belén Pontón, vén de presentar unha pregunta parlamentaria onde se interesa polo estado dos servizos de atención sanitaria que lle afectan á poboación da comarca.
Na presentación da iniciativa a deputada Ana Luísa Bouza e o responsable comarcal, Manuel González, indicaron que a Consellería de Sanidade "non prevé ningunha acción específica de mellora dos centros de atención primaria existentes nos seis concellos da comarca, nin tampouco no Punto de Atención Continuada (PAC)". Do mesmo xeito, denunciaron a paralización por parte do actual goberno do Plan de Mellora de Atención Primaria que lanzara o anterior goberno e que tiña como obxectivo incrementar os medios humanos e materiais nos centros de atención primaria e dese xeito evitar o desvío de casos aos centros de atención especializada. Tamén lamentaron o incremento nas listas de agarda no Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) tanto para atención especializada como para operacións cirúrxicas. "Non podemos esquecer que os veciños de todos os concellos da comarca, agás Porto do Son que depende do hospital da Barbanza, se ven afectados polo empeoramento nos servizos do CHUS", indicou Manuel González.Así, a media de espera para cirurxia situase neste centro nos 96 días, 11 máis que en 2009 sendo especialmente grave nalgúns casos como en Pediatría (136,5 días) ou en Traumatoloxía (100,3 días). A agarda media para a atención especializada sitúase tamén nos 96 días.
Centro de saúde de Noia
Culpan á "política privatizadora do PP"
Ana Luísa Bouza indicou que a presente situación "é motivada polas políticas privatizadoras e a nula capacidade de xestión do goberno do Sr. Feijoo, que se preocupa máis en facer propaganda que en solventar os problemas cidadáns". Finalmente, os representantes do BNG instaron á poboación da comarca a manifestarse este domingo 21 en Santiago de Compostela en defensa da Sanidade Pública e contra o que eles denominan "a política privatizadora do Goberno do PP".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario