15.1.13

Ribeira: o domingo 27 de xaneiro, andaina por Muros

Andaina_muros

Ribeira, 15 de xaneiro de 2013. O vindeiro domingo 27 de xaneiro organízase unha andaina con saída en Muros e chegada a Monte Louro, pasando por varios dos sitios máis emblemáticos da zona de Louro, como son os Petróglifos da Laxe de Rodas, o Convento de San Francisco, o Vía Crucis de San Francisco e remate cunha volta a Monte Louro, pasando polo seu faro.

A saída será ás 9 da mañá da Estación de Autobuses de Ribeira, para chegar a Muros ás 10.00 h. e facer a andaina duns 12 quilómetros aproximadamente a un ritmo medio de 5 quilómetros por hora. Haberá paradas nos puntos emblemáticos citados para disfrutar plenamente deles.

Logo de rematar a andaina o autobús achegará aos participantes a Muros para completar o resto da xornada nas rúas deste enxebre pobo mariñeiro e poder degustar a súa gastronomía. A volta, xa case coa caída do sol, será ás 17.30 h. e contan con estar en Ribeira unha hora despois.

O prezo do autobús é de 9 € (NOVE EUROS) e pódese reservar praza en www.arousa.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o goberno local no Concello apoia as demandas d@s afectad@s polas preferentes e subordinadas

https://pbs.twimg.com/media/BAKko5ZCMAAW6PN.jpg:large
Os das preferentes en Boiro colleron o touro polos cornos e pecháronse no Concello para reclamar os seus cartos

Noia, 15 de xaneiro de 2013. O Goberno Local de Noia levará ao pleno ordinario deste mes de xaneiro (o último venres de mes, o 25) a moción na defensa dos afectados polas participacións preferentes e da débeda subordinada. Na mesma defenderase a necesidade de que a Xunta de Galicia apoie de xeito decidido as reivindicacións dos afectados, no sentido de esixir a devolución íntegra dos aforros depositados nos citados productos financieiros, opóndose á “quita” anunciada, de tal xeito que os aforradores non vexan minguados os seus depósitos.

Tamén se esixirá da Xunta de Galicia, que inste ao Goberno do Estado para que o Banco de España e a Comisión do Mercado de Valores, inicien unha campaña de inspección sobre a comercialización por parte das entidades financieiras deste tipo de productos opacos e complexos entre as persoas aforradoras e invertidoras minoristas, a fin de depurar as responsabilidades a que houbera lugar.

A mariores, darase a coñecer o traballo desenvolvido, nestes últimos meses, pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor, no tocante ás reclamacións presentadas polo colectivo de afectados e afectadas.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a información pública este trimestre a variante de Portosín

  • A directora da Axencia Galega de Infraestruturas adiantoulle hoxe este prazo ao alcalde de Porto do Son nunha reunión de traballo

  • A Xunta está a redactar un estudo informativo e de impacto ambiental no que se analizan as distintas posibilidades de trazado co fin de definir a mellor alternativa para optimizar a accesibilidade da zona

  • A nova variante comezaría en Taramancos, no punto onde finaliza a variante de Noia que actualmente se atopa en construción, finalizando na AC-550, en Cans ou nas proximidades de Quintáns, tras pasar Portosín

Media_httpfarm7static_cfpws

Castro de Taramancos, arrasado polo viaduto da variante de Noia. De perto partiría a nova variante de Portosín

Porto do Son, 15 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará no primeiro trimestre deste ano o proceso de información pública da variante da estrada AC-550, no núcleo de Portosín. Así llo manifestou hoxe a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Ethel Vázquez, ao alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo, nunha reunión de traballo.

O departamento que dirixe Agustín Hernández está a redactar o estudo informativo e de impacto ambiental da citada variante. O contrato para a redacción do estudo foi asinado en xullo de 2012 co obxecto de definir un novo vial de circunvalación de Portosín, que servirá de alternativa á actual estrada AC-550.

A nova variante comezaría en Taramancos, no punto onde finaliza a Variante de Noia que actualmente se atopa en construción, finalizando na AC-550, en Cans ou nas proximidades de Quintáns, tras pasar Portosín.

Neste estudo informativo estanse a analizar as distintas posibilidades de trazado co fin de definir a mellor alternativa para optimizar a accesibilidade da zona, tendo en conta os distintos condicionantes orográficos, sociais e económicos existentes.

A Axencia Galega de Infraestruturas xa ten elixida a alternativa proposta das tres opcións estudadas, con lonxitudes comprendidas entre 7,3 os e 8,3 os Km, e un orzamento cuxo importe ascende a preto de 25 millóns de euros.

O estudo foi sometido en outubro de 2012 á fase de consultas ambientais previas ás Administracións Públicas afectadas, estando previsto que sexa sometido a información pública neste ano 2013, tal e como xa se indicou anteriormente.

Tamén, en Porto do Son:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: bases do Festival de Murgas e Comparsas do Entroido, a celebrar o martes 12 de febreiro

  • Máis de dous mil euros en premios e 200 euros de gratificación por participar, segundo os casos

Media_httpfarm8static_wuqsv

BASES

 

1.- Establécense dúas categorías de participación:

- Infantil: ata 15 anos (incluídos).

- Adulto: dende os 16 anos (incluídos).

 

2.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 14 participantes, sen límite máximo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 2 nenos/as.

 

3.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido de unha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación.

 

3.1.- Establécense as seguintes categorías e modalidades:

a) Murgas (persoas adultas): Máx. 15 agrupacións, das que doce serán do termo municipal e tres do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases.

b) Murgas (infantil): Máx. 5 agrupacións.

c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións.

Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival.

 

4.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8 minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía).

 

5.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade ou interese xeral.

 

6.- Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas, asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.

 

7.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o MARTES 5 de febreiro do presente ano, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello ou no Auditorio Municipal. Entenderase que a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas.

 

7.1- Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email...), relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) para o pago da gratificación/premio correspondente.

 

8.- As murgas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar e hora que a organización estableza, así como a animar o pasarrúas.

 

9.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as Murgas da categoría Infantil, e ao rematar estas, As da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.

 

10.- Establécese a contía total de 3.800 € para as gratificacións e 2.200 € para os premios, segundo o seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades:

 

10.1.- Gratificacións por participación:

a) POR CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)

Máx. 200 € para cada Comparsa

b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:

No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 € (os membros de cada unha das murgas (infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).

Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.

 

10.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios:

- Primeiro Premio: 1.000,00 €

- Segundo Premio: 500,00 €

- Terceiro Premio: 350,00 €

- Especial Premio Local: 350,00 €.

(No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).

 

10.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e

comparsas, non optarán a ningún premio.

 

11.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estar á composto por seis membros: cinco profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra, Música, Vestiario, Maquillaxe, e Posta en escena) e pola Concelleira de Cultura e Festexos –ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo.

Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios

son individuais e indivisibles.

 

12.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival, considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente pasarán a disposición da organización.

 

13.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.

 

Máis información:

AUDITORIO MUNICIPAL

Praza dos Mariñeiros -RIVEIRA

Teléfono 981.83.56.50 – Fax 981 873209

Correo electrónico: culturaefestexos@riveira.com

www.riveira.com

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, insiste coas fusións "voluntarias"

http://multimedia.xunta.es//portal-web/Videos/2012/Xaneiro/20130115_Presidenc...

  • Rueda visitou esta mañá os investimentos feitos no concello de Outes co fondo de compensación ambiental
  • Os fondos procedentes do canon contribuíron á ampliación de redes de abastecemento e saneamento de auga no concello

Outes, 15 de xaneiro de 2013.- Logo do parto dos montes feito con Oza e Cesuras, a Xunta segue a insistir co das fusións voluntarias. Así se pronunciou hoxe o vicepresidente do ente autonómico, Alfonso Rueda, como se observa no vídeo desta información, no das fusións como futuro, parece que tirándolle indirectas a Outes, un pequeno concello que vai perdendo poboación cada ano (o seu índice de envellecemento é dun brutal 267%: namentres a taxa bruta de natalidade só chega ao 5'6% a taxa de mortandade é do triplo, cun 15'3).

Rueda realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Outes, onde comprobou in situ as obras levadas a cabo neste municipio grazas ao Fondo de Compensación Ambiental. Estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do alcalde da localidade, Carlos López Crespo; e aproveitou a visita para anunciar que, por cuarto ano consecutivo, o Executivo galego volverá a poñer a disposición dos concellos galegos este fondo, que estará dotado con 11,5 millóns de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, procedente do canon eólico, e permitiu -segundo a nota da Xunta- que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. "A medida, ademais dun forte compromiso coas facendas locais e o medio ambiente, é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia", segundo a Xunta.

Así, o FCA está permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos da explotacións do vento, a través das actuacións que están poñendo en marcha os seus concellos. Este é o caso de Outes, no que se levou a cabo a ampliación da rede de abastecemento e saneamento de auga cun orzamento de preto de 67.000 euros, dos cales 19.000 euros son para gastos de funcionamento. Precisamente, Rueda destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios do fondo para que puidesen dispoñer del para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos concellos. Ademais, como novidade para este ano o FCA poderá tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Datos_de_Outes.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a asociación cultural Borobó organiza viaxe á neve do 15 ao 17 de febreiro

  • Á estación leonesa de San Isidro
  • Data límite de inscrición o 2 de febreiro

San_isidro2013

Boiro, 15 de xaneiro de 2013. Baixo o lema “Borobó vaise á neve”, a entidade cultural presenta a organización da xa cuarta viaxe á estación invernal de San Isidro, coa finalidade de facilitar que os mozos e mozas, principalmente da comarca, teñan a posibilidade de disfrutar da práctica dos deportes de inverno coma o esquí ou o snowboard.

A saída está prevista o venres día quince de febreiro, sobre as once da noite, diante da Casa da Cultura de Boiro e voltarase ao redor das dez da noite do domingo dezasete. A viaxe, que ten un prezo de cento cinco euros, inclúe o transporte de ida e volta en autobús, o aloxamento na noite do sábado no Albergue Bustiello, a cea do sábado e o almorzo do domingo e o forfait do fin de semana. Non está incluido o aluguer do equipo, xa sexa de esquí ou de snowboard, pero dende a asociación realizan a xestión do arrendamento.


Para inscribirse e facer o pago dase de prazo ata o día dous de febrero e pode
facerse a través do correo electrónico de Borobó (asociacionborobo@gmail.com) ou no teléfono 620970072.

Noutros concellos:



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical