LIMIAR
ESCRITORES DO BARBANZA
Recuperar a memoria histórica é sempre algo encomiable nun país coma o noso que, carente de grandes fazañas colectivas, tende a esquecer, máis ou menos envergoñado e pudoroso, o seu pasado.
Nunca fomos grandes coma pobo, nunca fomos imperiais, gozamos da ¿dubidosa? avantaxe de non termos matado a demasiada xente. Foron esencialmente os escritores os que nos constituíron (esquecidos da espada, esgrimindo a pluma) coma o que hoxe somos: comunidade cordial, pobo orixinariamente poético e, no noso alborexar histórico, elegantemente e alporizadamente, ás veces, literario.
“Todo o que permanece o fundan os poetas”, chegara a escribir un día Hölderlin en palabras memorables. E, se é verdade o que el di, nós, todos, pero particularmente os galegos, debémonos preguntar por que. E está claro que os artistas da palabra –os grandes artistas da palabra– esfórzanse por devolverlle ao pobo por escrito a súa fala común e a limpa sabedoría, a limpa e esencial sabedoría, da súa lingua orixinaria.
Moito máis cós economistas ou os científicos, foron, penso eu, os chamados homes de letras, os máis entrañables de entre eles, os que, con suor e bágoas, e mesmo con sangue en demasiadas ocasións, nos ofreceron unha imaxe misteriosa e fuxidía –nunca unha fría idea sen misterio– de nós mesmos: o trémulo reflexo inaferrable, escorregadío e sutil, do noso propio ser.
Pode chamar a atención a alguén o feito de que neste libro non se fale de escritores en xeral e nin sequera, de forma máis particularizada, de escritores galegos. Pero debemos recordar que “a fala é a voz da terra” (¿Sería máis correcto dicir, en pasado, era?) e, daquela, por tanto, a Literatura, ou o que de poesía poida subsistir aínda na Literatura, garda e, espero, gardará sempre unha relación íntima, tan íntima coma enigmática, cos deuses e as deusas do lugar.
A Barbanza, pois. Non simplemente a idea máis ampla, pero tamén máis abstracta –e, por tanto máis pobre– de Galicia.
Galicia nunca debería ser a forza coercitiva do conxunto que domina e se impón con violencia sobre as diversas partes que amorosamente a integran. Galicia debería ser (penso eu, lector) como o escuartexado corazón de Dionisos: pluralidade latexante, arela compartida, tan gozosamente plural, tacitamente –confusamente– unha.
As contradicións fecundan, enchen de mística ebriedade e grandeza as vidas, ¡ai!, tan breves dos humanos. E hai sempre algo que repetidamente me sorprende cando me poño a pensar nestes homes, homes e mulleres, que arrastraron con donaire as súas mágoas e voaron nas ás dos seus soños por estas paraxes líricas, amables –inquietamente doces– da Barbanza. Penso, por me limitar só aos de Rianxo, en Castelao, en Dieste ou en Manuel Antonio. Que agudísima consciencia de Galicia –de Galicia como proxecto histórico– atopamos nestes tres autores que acabo de citar. E, sobre todo nos dous primeiros (o caso do vangardista Manuel Antonio, merecería, creo, algunhas consideracións a parte), que saudable proximidade á fala coloquial e popular. Pois ben, se, como din os entendidos, os comezos da Historia en xeral e os da expresión escrita (non, por suposto, os do discurso oral) son contemporáneos, cómo non se sorprendera ante a tentativa contraditoria e paradóxica de poñeren por escrito –Castelao, o xove Dieste dos “Arquivos do Trasno”–, é dicir, fixar historicamente a través do libro, a torrenteira libre e impetuosa, e intelixentemente analfabeta, ágrafa, da lingua viva.
Creo que o que se nos mostra aquí, neste xesto case inaugural do nacionalismo político galego, é a importancia enorme que estes homes concederon sempre ao pobo, á comunidade popular (esa que nunca fixo historia, que se limitou unicamente a padecela) como base e alicerce de calquera posible forma histórica de concibir –e de forxar– o país ou a nación.
Finalmente, querido lector, “a fala é a flor da boca”. Gustaríame que este libro nos servise a todos para avivecer, un pouco máis, nos nosos corazóns, os misterios gozosos –e os misterios dolorosos– da nosa memoria histórica; que son tamén, como ti sabes, os do sorriso floral da lingua sempre remozada, milagrosamente fresca, de Galicia.
Anxo A. Rei Ballesteros