27.9.10

Lousame: datas dos obradoiros de memoria nas parroquias, do 5 ao 8 de outubro


Lousame, 27 de setembro de 2010. Por oitavo ano consecutivo o Concello de Lousame , dentro do Programa de Envellecemento activo, subvencionado pola Deputación Provincial, pon en marcha a actividade Taller de Memoria dirixido a tódalas persoas maiores de 65 anos.

Baixo o lema ¡Activa - mente!, este Taller ten como obxectivo, por unha banda, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, previndo o posible deterioro das capacidades cognitivas, e por outra, promover a interacción entre os que participan, facilitando un punto de encontro semanal para estes veciños/as.

O Taller de Memoria desenvólvese en sesións semanais dende outubro ata xuño, impartidas por monitoras dos Servizos Sociais do Concello. Nestas sesións lévanse a cabo actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, as funcións executivas, o cálculo e a linguaxe.

Estas áreas trabállanse mediante dinámicas e exercicios adaptados ao nivel do grupo e tamén ao nivel de cada participante cando é necesario.

O calendario semanal dos grupos do Taller de Memoria é o seguinte:

Local social

Data

Hora

Tállara

Martes, 5 outubro

10.00h

Camboño

Mércores, 6 outubro

10.30h

Vilacoba

Martes, 5 outubro

10.00h

Lesende

Martes, 5 outubro

12.00h

Escabia

Mércores, 6 outubro

10.00 h

Aldeagrande

Mércores, 6 outubro

11.30h

Cruido

Venres, 8 outubro

10.00h

Dende o Concello anímase a tódolos veciños e veciñas maiores de Lousame a participar nesta actividade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a Xunta investirá 450.000 euros en prospeccións de hidrocarburos ao oeste da Ría, no Gran Burato

Economía e Industria financia a expedición ao “Gran Burato” fronte ás costas Galicia, a uns 250 quilómetros ao oeste da ría de Muros e Noia, en augas españolas.

Noia, 27 de setembro de 2010.- Mentres a confusión entre as diversas administracións segue a reinar no que atinxe á limpeza das 400 hectáreas da Ría de Noia, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo co que a Xunta financiará a exploración xeofísica e xeolóxica da zona do “Gran Burato”, co propósito de establecer e valorar a existencia e extensión de posibles xacementos de hidrocarburos. Esta zona xeolóxica está situada, curiosamente, enfronte á Ría de Muros e Noia, a 250 quilómetros cara ao oeste. Aínda que as novas na Universidade de Vigo falan de que está a 140 quilómetros, segundo se pode ler aquí. Estarán xogando ao despiste para que non lle saquen o "tesouro"?

Investigadores Ana Bernabeu, Belén Rubio, Daniel Rey e Federico Vilas, do proxecto Geoma, da Universidade de Vigo

Co apoio da Consellería de Economía e Industria, o Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo levará a cabo o proxecto de exploración do maior volcán submarino, producido por unha erupción de gas, dos atopados até o de agora no mundo. O cráter deste “Gran Burato” ten uns tres quilómetros de diámetro e está situado a unha profundidade de entre 2.500 e 2.800 metros. O conselleiro de Economía e Industria destacou que o Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo é “o máis apropiado para levar a cabo este proxecto, se temos en conta que liderou a campaña Marbanga, co apoio do Buque Oceanográfico Hespérides” na que se detectou un BSR (bottom-simulating reflector), xeralmente indicativo da presenza de gas, “un achado, que xunto cos datos obtidos da análise preliminar das mostras, pode considerarse como un indicio razoable da posible existencia de hidrocarburos explotables”.

Segundo explica a Xunta, Guerra destacou que na Consellería de Economía e Industria, ao igual que na comunidade científica, manteñen a “esperanza fundada de que o Gran Burato podería albergar unha gran bolsa de gas”. Deste xeito, o Goberno galego tense convertido no promotor dos labores de exploración da morfoestrutura singular atopada na marxe continental occidental de Galicia e coñecida como “O Gran Burato”, achado no 2007 por investigadores de varias institucións científicas españolas, fronte ás costas Galicia, a uns 250 quilómetros ao oeste da ría de Muros e Noia, en augas españolas.

Buque Sarmiento de Gamboa, cuxo nome homenaxea ao aventureiro mariño pontevedrés

Javier Guerra asegurou que a Consellería de Economía e Industria financiará o proxecto e contratará por 15 días o Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para poñelo ao dispor do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo durante a exploración do “Gran Burato”, cun orzamento duns 450.000 euros.

O propósito desta expedición é establecer e valorar a existencia e extensión de posibles xacementos de hidrocarburos, para iso tentarán acadar uns obxectivos básicos que pasan por detectar a presenza de gas por caracterización de atributos sísmicos; caracterizar a natureza dos fluídos presentes nos sedimentos (auga, gases ou hidratos de gas); determinar a extensión espacial e temporal dos eventos de fluxo inferidos, e construír un modelo de evolución xeolóxica, explicativo dos fenómenos asociados coa presenza de gas na zona de estudo. Ademais, os traballos a desenvolver concluirán na emisión dun informe final que conterá a análise de todos os datos solicitados.

Intentos fallidos anteriores

Non é a primeira vez que se intenta buscar petróleo en augas da costa galega. Na era Fraga, constituiuse unha empresa pública chamada Gali Oil con ese obxectivo. Resultado: seis millóns de euros de débeda (mil millóns, pois entón só había pesetas) e nada de petróleo. Na época do Bipartito só houbo tímidas declaracións: buscaríase petróleo se Repsol o atopaba en Asturias. Irá desta volta? Ou teremos que seguir colaborando co maior depredador de petróleo do mundo en países como Afganistán para ver se nos toca un pouquiño máis barato? Segundo os expertos, aínda que se atopara gas no "Gran Burato", se este estivese xeado (o máis probable) tardaríase entre dez e vinte anos en desenvolver a tecnoloxía necesaria para extraelo. Por certo, na nota da Xunta non citan -non vaia se-lo demo- que o "Gran Burato" está situado cerquiña de onde repousan os restos do Prestige. De novo curiosidades e casualidades da vida, o Gran Burato foi descuberto mentres se analizaban as consecuencias daquel gran desastre e as consexuencias xeoambientais daquela zona.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o PP lamenta que o goberno non chamara a empresas especializadas da bisbarra para o servizo de bicicletas

!!Os que loitan polas empresas da Comarca!!


TOMÉ ACUSA O GOBERNO DO PSOE E BNG DE “AMAÑO” NA ADXUDICACIÓN DA XESTIÓN DA REDE MUNICIPAL DE BICICLETAS

* EMPRESAS ESPECIALIZADAS DA COMARCA ESTABAN INTERESADAS EN PARTICIPAR.

*O GOBERNO SONENSE DO PSOE E BNG
NON INVITOU A NINGUNHA EMPRESA DA COMARCA COSA QUE OUTROS CONCELLOS SÍ O FIXERON.

*ESTE PROXECTO SUPRAMUNICIPAL ESTÁ INTEGRAMENTE FINACIADO POLO INEGA E CONQUERIUNO O EX ALCALDE MANUEL TOMÉ.

Porto do Son, 24de Setembro de 2010

O Portavoz sonense do Partido Popular Manuel Tomé Piñeiro, acusou o Goberno bipartito do PSOE e BNG de “facer o concurso a medida”da adxudicación da dotación, instalación e xestión do sistema de bicicletas de uso público no Concello sonense.

Hai que lembrar que este Proxecto ten ámbito supramunicipal abarcando os Concellos de Lousame, Noia e Porto do Son.

Esta iniciativa parte do anterior rexedor, o popular Manuel Tomé que acadou os apoios dos rexedores dos concellos limítrofes anteriormente citados.

Este proxecto será o primeiro que se desenvolva dentro da nosa Comunidade e que englobe a máis dun concello, xa que tódolas anteriores iniciativas desenvolvéronse nas Grandes Cidades de Galicia.

O importe desta subvención que é integramente financiada polo INEGA, elévase ata os cento corenta mil euros e a súa posta en servizo deberá estar en funcionamento antes de que finalice o 2010.

Durante o Goberno Popular Sonense, o ex alcalde Manuel Tomé Piñeiro reuniuse con distintas empresas da comarca especializadas no sector das dúas rodas, os que lle agradeceron a iniciativa e plantexaron a posibilidade de constituir unha sociedade para presentarse á xestión de ditas instalacións.

A raíz da Moción de Censura o pasado Novembro 2009, o proxecto mantúvose vivo gracias a solicitarlle Manuel Tomé unha prórroga para cumprir o compromiso dos prazos dados polo ente autonómico.

Desgraciadamente, distintas empresas da comarca dirixíronse ó Departamento de Deportes sonense co gallo de interesarse polo tema, pero non conquerindo que se lle informase nin se lle dese a opción de poder presentarse a dito concurso.

Está claro que este Goberno do PSOE e BNG non lles importa nada como se atopen as empresas de bicicletas da comarca e despreciándoas a non invitalas a dito concurso, cousa que outro Concello dentro do proxecto sí que tivo a sensibilidade e a interese de preocuparse polas empresas de bicicletas da comarca.

O Goberno Local Sonense volta a demostrar coas súas actuacións o desprezo ás empresas da comarca e con máis preocupación, as da noso concello.

A invitacion a empresas foráneas e a “causalidade”do concurso adxudicándose a unha empresa de Albacete e non presentándose ningunha das outras dúas ás que se lle invitou,demostra o presunto amaño premeditado do mesmo.

O Partido Popular Sonense acusa de forma directa ó BNG por ser os máximos responsables da área en que se engloba dito Concurso.

Está claro que os nacionalistas sonenses voltan a demostrar cada día de forma máis notoria o seu interese polo país e máis especialmente polas empresas comarcais e locais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Medio Ambiente: Dez preguntas básicas sobre a enerxía en Galicia, por Verdegaia

Dez preguntas básicas sobre a enerxía en Galicia PDF Imprimir Correo-e

 A produción, a transformación e o consumo de enerxía son a princct_meirama.jpgipal causa de deterioración ambiental, tanto en Galicia como a nivel mundial. Convidámoste a ler as respostas actualizadas a algunhas cuestións básicas para entendermos mellor a realidade enerxética da nosa terra: cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?, somos un país excedentario en enerxía?, a electricidade xerada nos parques eólicos substitúe á electricidade sucia?, que custos dentro e alén das nosas fronteiras implica o modelo enerxético galego?, que propón Verdegaia para avanzarmos cara a un modelo enerxético sustentable?,...

1. Cales son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?

A enerxía primaria son os recursos enerxéticos empregados para un uso final  ou para a súa transformación noutra forma de enerxía (por exemplo, carbón ou vento para xerar electricidade). Segundo o Balanzo enerxético para o ano 2008 do Instituto Enerxético de Galicia -o último dispoñible- só o 13,2 % da enerxía primaria total é de orixe renovable (hidráulica, eólica, solar, biomasa e outros residuos de biomasa). Xa que logo, a maior parte da enerxía primaria procede de combustibles fósiles. O petróleo constitúe a principal fonte de enerxía,  fornecendo o 57,6% da enerxía primaria total. A achega do gas natural medrou moito nos últimos anos até chegar en 2008 a supor o 14,3% e superar así lixeiramente en importancia ao carbón, que agora é a terceira fonte, proporcionando o 14,1% da enerxía primaria.

O artigo enteiro en http://www.verdegaia.org/content/view/176/122/
Convén lelo para desmontar tópicos que temos arraigados na cachola (como que somos excedentarios en determinadas enerxías).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: programación cultural prevista en outubro

Boiro: Comoxo celebra o San Miguel na primeira fin de semana de outubro

Cartel cortesía de Dani Gestoso no seu Facebook

Boiro, 27 de setembro de 2010. A aldea de Comoxo celebra as súas segundas maiores festas adicadas a San Miguel (este mércores 29 de setembro, que coincide desta volta coa folga xeral). O traslado á fin de semana é por simple sentido común, non por política nin outras gaitas: na fin de semana pode asistir máis xente aos actos. Nembargantes, o mércores 29 mantense a misa na honra do santo, que será ás doce do mediodía, na capela de San Salvador e cantada polo coro de Boiro.

Xa o venres 1 de outubro comeza a foliada. Ás 12 do mediodía, misa cantada polo coro de Postmarcos (A Pobra) e logo sesión vermú con Panamá, na que haberá unha mexilloada de balde. Pola noite tamén será a orquestra Panamá a que amenice a verbena, pero antes estará o Dúo Togayán para ir quentando.

O sábado 2 de outubro a misa tamén será ás 12, cantada polo coro do Loreto. A continuación, sesión vermú con Atenas, que é a orquestra que tamén actúa esa noite. Na sesión vermú a comisión organiza unha degustación de empanadas de varias clases. Non lle teñan medo ao tempo: haberá carpa!


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: representantes do Concello asistiron a un cumio de loita contra as drogas en Coímbra

A concelleira de Sanidade, Rosa Ana Mariño, e o coordinador do Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias, David Saavedra, foron invitados pola Alianza de Cidades de Tratamento de Drogas

Noia, 27 de setembro de 2010. Máis de 100 participantes que representaban a 30 cidades (entre elas o Concello de Noia) de 28 países da Unión Europea, América Latina e o Caribe estiveron presentes no Foro de Coimbra que tivo lugar entre os días 22 e 25 de
setembro. "A presenza neste foro internacional da representación institucional de Noia supón un impulso ás actuacións en materia de drogodependencias", explicou David Saavedra.
A delegación de Noia estivo encabezada pola Concelleira de Sanidade Rosa Ana Mariño González e o Coordinador do Plan Comarcal de Prevención de Drogodepedendencias David Saavedra Pino, invitados pola Alianza de Cidades de Tratamento de Drogas que é unha iniciativa da CICAD (Inter American Drug Abuse Control Commission). Durante as sesións de traballo tratáronse os retos das novas estratexias no deseño dos diagnósticos locais, os modelos de xestión de servizos de tratamento e prevención a nivel local, así como o apoio dende os Organismos Internacionais a programas de redución da demanda.

No Cumio de Coímbra as cidades participantes ratificaron a Declaración de Lugo, na cal se considera unha declaración de intencións onde se recoñece que as políticas e programas de redución da demanda de drogas, deben ser amplas, de longo prazo e incluír a promoción de estilos de vida saudables, a prevención do uso e abuso de drogas, o tratamento e a rehabilitación das persoas dependentes das drogas, así como a oferta de servizos de apoio á recuperación da comunidade.

A asistencia ao cumio vén motivada por un interese en impulsar as políticas sociais sobre atención aos drogodependentes e fortalecer os programas de prevención de drogodependencias comunitarios, así como o intercambio de experiencias no eido local.
No mesmo cumio deuse continuidade á iniciativa EU-LAC da alianza de cidades en tratamento e reducción da demanda de drogas, na que se promove a inclusión do problema das drogodependencias na axenda política.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical