22.12.11

Medios: apoia aos xornais na lingua propia de Galicia

Vitaminas_medios


Barbanza e Noia, 22 de Nadal de 2011. No mesmo día en que celebramos o centenario do nacemento de quen deixou como epitafio "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis", os medios que apoiamos a iniciativa "Vitaminas para o galego" comezamos cunha nova etapa: o micromecenazgo dos seareiros.

A campaña “Vitaminas para o galego”, foi presentada por 10 medios do país, entre eles Certo, a semana pasada en Arzúa e pretende  buscar o compromiso dos lectores, o compromiso da cidadanía galega para asegurar a nosa supervivencia.

Este xoves 22 de decembro comezou a busca de micromecenas a través da plataforma catalana Verkami. As primeiras horas foron dun auténtico e sorprendente éxito xa que se atoparon en pouco máis de 3 horas, 8 micromecenas. O proxecto permanecerá en vigor durante 40 dias, ata finais do mes de xaneiro.

Certo, xornal dixital de Barbanza e Noia, é un dos medios que apoian esta campaña xunto cos xornais comarcais QPC (Que pasa na Costa),  da Costa da Morte, Osil.info de Valdeorras e Crónica3 da Mariña Lucense, namentres organizan portais dixitais Galicia Confidencial, Praza Pública e Val Miñor.info, a rede de emisoras municipais Radiofusión e os semanarios Tempos Novos e Novas da Galiza. A campaña segue aberta a que se engadan máis medios, destes que empregamos maioritariamente a lingua propia de Galicia.

Que facer? Infórmate en

OLLO!! XA HAI PÁXINA DE SEAREIROS DE CERTO NO FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!! Alí iremos informando máis polo miúdo desta campaña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Industria: rexeitan no Parlamento sentar as bases dun grupo lácteo galego

emenda clesa.PDF Download this file

  • Os alicerces serían co proxecto que lidera Feiraco na planta de Clesa
Media_httpfarm5static_fxahr

  • A portavoz  socialista de Medio Rural, Sonia Verdes preguntou polos 5,5 millóns de euros que entregaron a Arzuana, e polos avais cos que o IGAPE avalou as operacións de Alimentos lácteos sen necesidade de garantías, e que  hoxe paga o leite aos gandeiros con pagarés a 3 meses 
  • Acusou ao Goberno de Feijóo de defender os mesmos intereses que defenden os administradores concursais que son os dos especuladores 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2011. A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes interviu hoxe no Pleno do Parlamento para defender unha emenda na que reclamou sentar as bases dun Grupo Lácteo, garantindo a participación publica da Xunta de Galicia, achegando a suficiente dotación económica para o apoio e participación económica no proxecto que lidera Feiraco para a xestión da planta de Clesa e que integra ao conxunto de cooperativas galegas. 

A deputada tamén demandou garantir a presencia dun representante da Administración autonómica de xeito que tome parte no Consello de Administración do proxecto que xurda para a xestión da Planta de Clesa, a través da integración cooperativa e o apoio ao proxecto que lidera Feiraco. Ademais pide levar a cabo as accións necesarias para promover un cambio de estratexia para reflotar o proxecto de Alimentos Lácteos que, complemente o proxecto de Clesa para a creación do Grupo Lácteo. A proposta foi rexeitada polo PP. 

Na súa intervención Verdes saudou en primeiro lugar aos traballadores da planta de Clesa que estaban presentes no debate desta iniciativa na Cámara Autonómica. 

Dixo que despois de dous anos de conflictos que o goberno galego debería fortalecer ao sector productor e aportar estabilidade ao sector leiteiro galego, pero lamenta “o Conselleiro do Medio Rural está desaparecido”. E insistiu nas súas criticas “o Goberno de Feijoo estivo desaparecido na vaga de lumes e cando había que resolver o conflicto de Pascual para amañarlle a estratexia a Eugenio de Arzúana e a catro amiguetes do PP”. 

A deputada preguntou polos 5,5 millóns de euros que entregaron a Arzuana, e polos avais cos que o IGAPE avalou as operacións de Alimentos lácteos sen necesidade de garantías, e que  hoxe paga o leite aos gandeiros con pagares a 3 meses. “Onde están señorías os cartos dos galegos/as?”, insistiu. 

A parlamentaria afirma que o Goberno de Feijoo boicoteou o proxecto que lideraba Feiraco e que permitía reunir mais de 500 millóns de litros de leite para eliminar intermediarios e que os gandeiros/as participaran no proceso de transformación do leite que xera maior valor engadido. E advirte o PP decidiu “apostar por 5 pequenas cooperativas con escasa solvencia e graves dificultades financieiras cun único aval, cunha única garantía, que eran do Partido Popular”, espetou. 

90 traballadores 

Verdes reclamou explicacións das actuacións do Goberno de Feijóo neste asunto. “Queremos saber -dixo- se van a seguir apuntalando este fracaso con cartos públicos mentres levan arredor dun ano desaparecidos sen ser quen de resolver o futuro da planta de Clesa en Caldas”, da que lembra saldouse xa co despido, consecuencia dun ERE extintivo, que afecta a 90 traballadores. Sinala que estes traballadores están completamente indefensos diante das decisións da administración concursal, que actúa unicamente por intereses económicos co ánimo de dividir a plantilla escollendo unilateralmente aos que se quedan e librar a planta de cargas salariais , facéndoa mais apetecible para posibles especuladores . 

Por último, acusou ao Goberno de Feijóo de defender os mesmos intereses que defenden os administradores concursais, que son os dos especuladores. 
 
 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Amicos celebrou o seu tradicional xantar de Nadal

Ribeira, 22 de Nadal de 2011. O centro de Amicos acubillou hoxe o tradicional xantar de Nadal. Estivo facéndolles compaña o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; o anterior alcalde, José Luís Torres Colomer -agora senador- e o edil de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Tamén chegou por alí Pai Noel, que entregou agasallos a todos os integrantes de Amicos. Dende esta asociación aproveitan para desexarlle a todo o mundo un Bo Nadal e Feliz Aninovo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: denuncian unha volta máis verteduras industriais na depuradora municipal


A Pobra, 22 de Nadal de 2011. O Bng da Pobra presentou un escrito no Concello no que solicita "a actuación decidida e contundente do goberno municipal respecto das verteduras industriais que se produciron esta fin de semana na depuradora municipal".
 
O Bng explica que este asunto vén de vello e foi denunciado en numerosas ocasións "sen que o goberno municipal lle faga fronte, poñéndose sempre do lado dos infractores e de costas á lei, poñendo en perigo o medio ambiente e a saúde das persoas, así como sectores económicos importantísimos para nós como son o marisqueo e o turismo". "O goberno pode, e debe, pois ten os instrumentos legais suficientes na man, rematar con esta situación que xa dura 12 anos e prexudica ao conxunto da cidadanía da Pobra en beneficio sempre dos mesmos", remata o grupo municipal do Bng.

O escrito íntegro:

Diante dos gravísimos verquidos industriais producidos o pasado fin de semana na EDAR municipal, que provocaron practicamente o colapso da mesma e que estiveron a piques de causar un desastre ecolóxico e económico para o noso concello de dimensións incalculábeis, o Grupo Municipal do BNG 

      EXPÓN: 

      1º.- A vella EDAR da Pobra tivo que ser substituída por unhas novas instalación debido, fundamentalmente, a estar preparada para acoller augas residuais domésticas e vir recibindo indiscriminada e constantemente cargas industriais altamente contaminates. Isto é: Toda a cidadanía deste concello tivo que pagar a irresponsabilidade da Administración local e a falla de cumprimento da legalidade por parte de determinadas empresas que vertían directamente á rede de saneamento municipal. 

      2º.- O “Regulamento do Servizo de Verquidos á rede de sumidoiros da Pobra, e uso da mesma” entrou en vigor  en febrero do 2001, estando en construción a EDAR actual, e preveía que “nos 6 meses seguintes á súa aprobación, a calidade dos efluíntes industriais deberase adaptar ás condicións e límites establecidos no mesmo”.  O Regulamento foi modificado en xullo do 2001, precisamente para “garantir o correcto funcionamento da EDAR e para que cada industria conectada á rede de saneamento dispoña dun sistema de tratamento adecuado á natureza da carga contaminante xerada”. 

      3º.- En febrero de 2004 comezou a funcionar, en probas, a nova EDAR. O alcalde asegura nese momento que a maioría das empresas “xa se axustan ás normas estabelecidas polo Regulamento Municipal de Verquidos”. 

      4º.- En setembro de 2004 comezaron as obras dun novo colector que recollería os verquidos das empresas do polígono industrial da Tomada e as levaría directamente á EDAR, sen ter que pasar pola rede xeral de saneamento. Na actuación investíronse perto de 600.000 euros. 

      5º.- En novembro de 2007 modificouse, de novo, o Regulamento Municipal de Verquidos para, entre outras cousas, concretar que tipo de equipos de control de verteduras debían ter as industrias, sobre todo aquelas que “pola súa dimensión e/ou contaminación resulten significativas polas súas augas residuais e/ou volumes de verteduras”.  

      6º.- En xuño de 2009 entrou en vigor o Plan de Vixiancia Ambiental de Verquidos Industriais na Pobra do Caramiñal, posto en marcha pola Xunta de Galicia. O documento pon de manifesto que “a EDAR ten indicios irrefutábeis de presenza dunha elevada porcentaxe de augas industriais, que se traducen nun deterioro acelerado das instalacións, un incremento dos costes de explotación e un aumento do risco de colapso do tratamento, co conseguinte perxuízo medioambiental”. 

      7º.- Despois deste documento, que poñía en evidencia todo o que o BNG e moitos veciños e veciñas da Pobra levaban denunciado ata ese momento, os verquidos seguiron a producirse de xeito absolutamente salvaxe e incontrolado, Augas de Galiza seguiu incoando expedientes ao Concello en materia de verquidos, o SEPRONA seguiu a tramitar un gran número de denuncias e informes de verquidos rexistrados na Pobra, a Xunta seguiu a realizar  
 

auditorías á EDAR insistindo no “incumprimento de todos os límites estabelecidos” e indicando que os verquidos industriais “deben adecuarse ao estabelecido no Regulamento Municipal á maior brevidade posíbel”. 

      A conclusión á que chega este Grupo Municipal e moitos veciños e veciñas da Pobra é que o Goberno Municipal e o seu alcalde á cabeza son os principais  infractores do Regulamento Municipal de Verquidos, por consentir unha e outra vez o incumprimento da Lei e por omitir reiteradamente a súa obriga de control e vixiancia estricta na aplicación do Regulamento. 

      Nesta última ocasión, exactamente igual que en tantas outras anteriores, vense de producir un atentado ao medio ambiente, á saúde das persoas, un grave dano a unhas instalacións municipais que pagamos e mantemos todos e todas e que pode desencadear en calquera momento, como xa ocorreu no pasado, gravísimos problemas económicos e sociais a sectores produtivos como o marisqueiro, de máxima relevancia no noso concello, ou mesmo ao turístico. 

      A reincidencia e gravidade da irresponsabilidade contínua do Executivo Municipal só ten nestes momentos un único camiño: EXERCER AS SÚAS COMPETENCIAS E POÑER PUNTO FINAL DEFINITIVAMENTE A ESTE DESPROPÓSITO ECOLÓXICO, ECONÓMICO, SOCIAL E POLÍTICO. O que, dende logo, non é de recibo é que a súa deixadez de funcións teña que estar sendo pagada tan cara pola cidadanía deste concello, polo que, 

      SOLICITÁMOSLLE: 

      1º- Que investigue ata as últimas consecuencias os feitos ocorridos na EDAR municipal.

      2º.- Que esixa contundentemente as responsabilidades aos causantes destes feitos.

      3º.- Que actúe, consonte ás competencias que lle outorga a Lei, para impedir que se sigan a producir impunemente actuacións como as citadas. 

      A Pobra do Caramiñal, 22 de decembro de 2011. 
 

Asdo.: Rosana Pérez Fernández,

Concelleira e portavoz do G. M. do BNG.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: modifican o horario de recollida do lixo en Noiteboa e Nadal e abren ao tráfico a rúa Cristóbal Colón

Ribeira, 22 de decembro de 2011- A empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, Urbaser, comunica que os vindeiros días sábado 24 e sábado 31 de decembro, con motivo da celebración da Noiteboa e Nadal, o horario de recollida de lixo na cidade de Santa Uxía de Ribeira terá lugar entre as 14 e as 19 horas. 

Doutra banda, o Punto Limpo permanecerá pechado nas tardes dos dous días indicados.

Apertura provisional de Cristóbal Colón ata pasados os Reis

Por outra banda o Concello informa de que a rúa Cristóbal Colón, actualmente en obras, vai abrir de xeito provisional ao tráfico rodado durante as festas de Nadal. 

No día de hoxe está  previsto proceder ao aglomerado da zona de rodadura da vía, estendendo a primeira das dúas capas previstas sobre a mesma. Así e logo, está previsto que mañá venres 23 de decembro, ás 14 horas, poida abrir a rúa á circulación de vehículos. 

Cómpre advertir de que, dado que aínda quedará por estender unha segunda capa, tanto as baixadas aos pasos de peóns como os accesos aos garaxes quedarán a un nivel algo superior ao da zona de rodadura, á espera precisamente de volver a aglomerar. 

Esta última actuación (a extensión da segunda capa de rodadura) terá lugar pasados os Reis, na semana do 9 ao 16 de xaneiro, na que será preciso volver a cortar a vía durante dous días para acometer o traballo. 

Entrementres, os operarios investirán as festas de Nadal en realizar distintos labores sobre as beirarrúas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a banda local "Entrelíneas" grava este Nadal o seu primeiro vídeoclip profesional

  • “Recuerdas” é o tema escollido para a rodaxe, que se fará íntegra en localizacións do municipio
  • Animan aos veciños a encher o parque García Bayón o vindeiro mércores 28 de decembro para un dos intres máis emotivos da produción

Ribeira, 22 de decembro de 2011- A xoven banda local Entrelíneas gravará este Nadal o seu primeiro vídeo profesional, a partir do seu tema “Recuerdas”. Así o deu a coñecer hoxe Manuel Caamaño, baixista do grupo, nunha rolda de prensa celebrada na Casa da Xuventude e na que estivo acompañado das concelleiras de Xuventude e Cultura, Aroa Fernández e Elvira Pisos. 

A gravación terá  lugar os días 27, 28 e 29 de decembro integramente en localizacións ribeirenses. Non obstante, Caamaño non quixo desvelar moitos dos detalles da rodaxe pois se agardan moitas sorpresas: entre elas, o nome da actriz que protagonizará a historia do videofilm, cuxo argumento garda relación cunha muller que se mergulla no mundo das drogas. 

O que si quixo foi facer un chamamento á cidadanía do municipio para que o día 28, ás 16.30 horas, todos os veciños que así o desexen se acheguen ao parque García Bayón con motivo da gravación dun dos momentos máis vibrantes do videoclip, no que se escenificará un concerto. 

Estrea

Unha vez finalizada a rodaxe, a posprodución terá lugar en Madrid e a posteriori a estrea oficial terá lugar en Ribeira. Os integrantes da banda esperan que este vídeo lles permita dar un salto cualitativo en canto á súa promoción, sustentados en internet e nas redes sociais. 

Manuel Caamaño quixo agradecer ao produtor galego afincado na capital de España Bruno Currás Portela, que lles concedera a oportunidade de poder gravar o seu primeiro videoclip profesional. 

Tamén tivo palabras de agradecemento para Emilio Romero (a primeira persoa que lles levou a un estudo de gravación) e para o Concello, que colaborará na loxística da rodaxe, segundo afirmou a edil Elvira Pisos. 

A concelleira de Cultura tamén recordou a traxectoria ascendente que leva a formación de Entrelíneas con actuacións non só dentro do municipio senón tamén noutras moitas localidades da xeografía galega e española.  

Media_httpiimgurcomjo_lnbdj

MySpace oficial: http://www.myspace.com/EntreLineasrock

O grupo está composto por Fran Regueira (voz), Rubén Caamaño (baixo), Santi Iglesias (guitarra), Marcos Barreiro (batería) e Martín Sampedro (batería). Todos eles roldan os 18 ou 19 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres 23, xornada solidaria no Museo do Mar cos pais do STAND

Media_httpfarm7static_klkzn

Noia, 22 de Nadal de 2011. Mañá venres, 23 de decembro, de 17:30 a 21:30 horas, vaise celebrar, no Museo do Mar de Noia (sito na rúa Malecón de Cardarso), unha xornada solidaria coa Asociación de Pais do STAND. Esta xornada enmárcase dentro do Programa Cultural para o Nadal 2011 do Concello de Noia.

Nesta xornada os nenos e nenas do STAND exporán calendarios e outro tipo de  traballos feitos por eles mesmos. Estará amenizada esta xornada por varios grupos musicais da vila e na mesma participarán tamén o concelleiro de Cultura, Javier Rodríguez Vieites e a concelleira de Servizos Sociais Igualdade e Benestar, Sofía Caamaño Lado (ás 18:00h. farán unha intervención pública).

Pode que tamén lle interese:


Programación cultural completa de Nadal: do Concello e do Liceo de Noia


Liceo de Noia: concerto de Nadal o 23 e baile o 25


Turismo e cultura: o maior embaixador da vila é Javier Sierra,

quen escribiu e presentou "El ángel perdido"


Campamentos: para nen@s entre o 26 de decembro e o 5 de xaneiro de 2012

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Opinión: "Xa é irremediable, camiñamos cara ao XXI", por Gonzalo Sarasquete

Este artigo non é para calquera: deberían absterse de lelo os que no
estean dispostos  a coñecer outros  puntos de vista  sexan do nivel
cultural que sexan (escribo para todos).

Coido ter certo grao de coñecemento e autonomía e estar en condicións
para analiza-lo ano que remata agora, non todo o que pasou, senón os
eventos de máis notoriedade. Deixo moitos, e fareino de xeito personal
e non sen autocrítica.

Nos últimos meses vinme enleado en distintas cuestións, todas arredor
da arte, arquitectura, escultura e crítica relacionadas con Ribeira.
Non posúo a verdade absoluta, pero coido que me vou achegando a ela,
por coñecer ou padecer a súas ramificacións.

E por outra banda se ninguén se atreve, eu si, e dou este paso, que
sei que me traerá algún problema no futuro coas mentes ben pensantes
de pouca autonomía.

Unha vez xustificadas as motivacións, e grazas ao convite deste
xornal, teríamos que responder unha pregunta: Camiña Ribeira cara ao
século XXI? Esa é gran pregunta logo de dez anos metidos nel: temos un
nivel para dicilo e amosalo ou simplemente nos movemos por inercia?

Nalgúns aspectos parecemos do século XIX, noutros non, hai exemplos
dun paseniño avance e sempre por iniciativas individuais, pois os
nosos políticos, polo de agora, non se poden gabar de innovación
algunha ou de estar preparados para levar a cabo a dinamización
cultural que unha capital comarcal como a nosa merece (alta cultura).
Só pode vir dunha grande autocrítica:camiñamos, pero a onde?

Polo de agora só vou analizar os temas que máis destacan da
actualidade que son: Chipperfield, si ou non?; a nova lonxa de César
Portela, as sempre presentes Ramiradas e algúns exemplos de iniciativa
particular, tres para ser exactos: a proposta en Facebook dunha nova
escultura nunha rotonda aínda sen apoio ningún pois a proposta ao meu
entender é carente de orixinalidade e creatividade que agardo se
mellore, valorable que se propoña de xeito popular e que se debería
facer por concurso público, unha exposición en Nova Iorque comisariada
por Goretti Bello na que participamos tres de Ribeira que está a
celebrarse neste mesmo intre que estou a escribir, e segundo eles con
moito éxito; e, a máis sinalar, unha intervención escultórica feita
con dólmenes pequenos dunha rapaza madrileña chamada Ruth Montiel
dotada de grande  encanto e delicadeza que me lembrou as pezas que
facían os representantes do land-art inglés, mesturada coa maxia das
cidades en miniatura do valenciano Miquel Navarro, e todo cunha posta
en escea renovada, delicada e con algo moito máis salientable: un
compromiso coa defensa da natureza.

Media_http1bpblogspot_nxesf

A salientar tamén o labor en Ribeira do Ateneo Valle-Inclán, no cal
aínda non se preocuparon pola plástica pero merecen o meu apoio, moi
encomiable, aínda que o premio eu repartiríao con Flor de Toxo por ser
novos e sen medios e porque polo de agora só os frea a falla de
cartos.

AS RAMIRADAS

Non sabemos se o fai por desgravar de Facenda e adquirir notoriedade
ou por que nos quere (hai amores que matan), e se facelo a base de
talonario fai que sexas o personaxe cultural do ano é un síntoma do
que diciamos antes: a cuestión de que a alta cultura esta aínda moi
lonxe. Non temos na Centenaria ese mecenas que poderiamos e
mereceriamos ter, un mecenas na procura de consello, e non fiscal
senón cultural e de futuro. Este home só nos agasalla cun duplicado,
que compraría en moi boas condicións, pola falta de exclusividade e
seguramente sometido ás diferentes ofertas e contraofertas (e, se non
foi así, deixouse enganar). Todo isto sen entrar en valoracións
estéticas sobor da escultura da praza de España, xa que eu como
escultor non debo criticar a obra doutro escultor en público pero
coido que si debo criticar ao promotor, quen debería buscar mellor
consello xa que aquí, aínda que sexamos poucos, algúns temos
suficiente formación para darnos conta do que está a pasar na
realidade .

Por outra banda, tamén promoverá un premio de gravado e levará o seu
nome en Artes, ese museo que está aí, e que ninguén vai visitar. É
unha magoa, e que axiña  seguro presidirá iste home, que se tivese
mellor gusto e asesoramento (non se pode ter todo ou acaparalo todo)
podería ser un mecenas auténtico e admirable, que é o que el pretende
mais non procura, e como xa dixen: polo de agora, para min é un mero
desgravador de Facenda e oxalá cambie algún día, pero para iso tería
que ser máis autocrítico.

SI OU NON A CHIPPERFIELD

Unha importante decisión para o primeiro edil, que agora arrefriouse
pola falla de empurre e non que terá que esforzarse para facerse
comprender nuha crise económica tan fonda. Éste, polo de agora, só
herdou do alcalde anterior certos proxectos, e terá que ir facendo os
seus e non só deixarse levar pola inercia, senón ir na procura desa
alta cultura que algúns demandamos porque sabemos que existe e a
merecemos, porque posuímos criterio e podemos amosar o camiño. O
famoso arquitecto inglés disque está disposto a facelo baixando o seu
caché, pero tamén tería que aclarar: que é o quere facer? E de onde
sacarán os cartos?

Deixará que simplemente lle botemos un ollo antes e opinar? Por favor
que non nolo impoñan e que sexa transparente, a súa categoría paga a
pena, é un profesional de moi recoñecido prestixio internacionai ao
que eu apoiaría sen condicións. De feito xa o fago, como moitos, e que
se a crise da dimisión de Berlusconi en Italia non empeora, será
escollido director da Bienal de Venecia, un cargo que o dignifica ante
calquera dúbida nesta vila centenaria.

A LONXA DE CÉSAR PORTELA  :

Polas imaxes que está a distribuír Acciona parece un macro-proxecto
que dotará a Ribeira da lonxa máis moderna de Europa, e, se me apuran,
do mundo-mundial. A categoría do autor non se discute, aínda con
proxectos polémicos como un cemiterio en Fisterra (sen inaugurar pero
desexado) e con grandes acertos e mencións internacionais incluído
onde W. Gropius puxo a semente  da mellor e máis influinte escola de
arquitectura do século XX e ben seguro será un fermoso edificio.
Agardo que non sexa de titanio para as gaivotas e súas deposicións,
que afearían de súpeto e de seguro un proxecto tan rechamante. As
únicas pegas que lle vexo son a rixidez arquitectónica (un edificio na
beira do mar debería abrirse a el de moitos xeitos), e tamén que
converterá aos subhastadores en pantallas Led electrónicas. Isto
paréceme máis propio de Wall Street que da cotización da maragota e o
muxo para escabeche, e co pouco peixe que queda polas proximidades
terán que traelo de fóra ou centralizar a venda do peixe de toda a
comarca, cousa que non lle gustará a  ningunha das lonxas veciñas.

Dende logo os dous arquitectos posúen un talento inmellorable e de
seguro que nos van abraiar e situar nese ambicionado século XXI. A
falta dunha, teremos dúas catedrais, dous símbolos de modernidade e,
que pasará co resto?  Manterase no pasado, ficarán as cortas miras que
valoraban  as enxebradas  e o sometimento á especulación vertical que
nos preceden, teriamos que ter dúas ligas. Unha Primeira coidada e de
valor demostrable e unha Rexional ou Local para as asociacións con
intencións veciñais, non menos importantes pero cada unha no seu e sen
forzar a comparanza.

ALTA CULTURA

E unha mateira pendente: animo dende aquí ao alcalde a coller as
rendas dunha política de alta cultura, a apostar polo que perdura e
polo que paga a pena, a deixar atrás a pandereita e o cesto, a
liberarse de presións e forzas que non levan a ningures ou algo peor:
ficar onde estabas, sen avance ningún, ancorado, petrificado,
fosilizado .

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: clausurado o obradoiro de emprego "Airoas"

  • Os 35 alumnos, formados xa en xardinería, carpintería e pavimentación, recibiron os seus diplomas acreditativos e agora buscan traballo

Ribeira, 22 de decembro de 2011- O parque periurbano de San Roque viviu na tarde de onte a clausura do obradoiro de emprego Airoas: un acto ao que acudiron -ademais dos 35 alumnos maiores de 25 anos que estiveron dende hai un ano a asistir a esta iniciativa, así como os seus mestres e demais persoal formativo- distintas autoridades en representación das institucións organizadoras da iniciativa (Consellería de Traballo e Benestar e Concello de Ribeira), tales como a delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén Docampo; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida; e o alcalde Manuel Ruiz.. 

Que o parque periurbano fose o lugar escollido para desenvolver o acto de hoxe serviu para amosar as principais melloras promovidas a través do traballo realizado polos alumnos ao longo do curso,   como por exemplo a pavimentación con adoquinado de granito da entrada principal ao parque (tamén se actuou nos outros tres accesos existentes), a elaboración e colocación dunha pasarela de madeira que da acceso ao Centro de Interpretación, a dotación de diversos puntos de luz e dun arco de madeira na zona de entrada ou mesmo a construción en madeira dunha parada de autobús. 

Estas e outras accións foron desenvolvidas polos 35 estudantes repartidos en tres especialidades (xardinería, carpintería e pavimentación), os cales recolleron hoxe os seus correspondentes diplomas acreditativos nun acto que comezou coa intervención da directora do curso, Uxía Argibay. 

Palabras de felicitación e ánimo

Pola súa parte, tanto Manuel Ruiz como Belén Docampo e Andrés Hermida quixeron felicitar ás 35 persoas asistentes ao obradoiro polo gran traballo desenvolvido e coincidiron en salientar que o acto de hoxe non é un fin senón que marca un principio á hora de que estes alumnos poidan acudir con mellores opcións ao mercado laboral: algo para o cal lles quixeron dar moitos ánimos. 

Doutra banda, o alcalde xa adiantou que realizará xestións en orde a intentar conseguir para Ribeira no vindeiro verán unha nova escola obradoiro, que neste caso iría dirixida a persoas menores de 25 anos. Cómpre salientar que este concello é dos máis favorecidos por este tipo de iniciativas, namentres que noutros concellos veciños levan anos sen ter nada semellante. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os alpinistas que foron ao Himalaia estiveron narrando a súa aventura

Sobrado e Fontaíña, da asociación "Sálvora", contaron na casa consistorial o seu reto aventureiro e humanitario


Ribeira, 22 de decembro de 2011- Os aventureiros José Antonio Sobrado Silva e Roi Fontaíña Martínez narraron onte en primeira persoa as andanzas e incidencias que deberon afrontar durante a súa dura travesía pola cordilleira do Himalaia, culminada fai un mes. Os dous membros da Asociación Cultural e Deportiva Sálvora falaron na Casa do Concello, acompañados de Juan Luis Martínez Queiruga e Anxo Orellán Fernández, concelleiros de Deportes e de Turismo do Concello, que prestou a súa colaboración durante o reto que tivo unha dobre vertente aventureira e humanitaria. 

Os expedicionarios incidiron en primeiro lugar no aspecto humanitario do proxecto, explicando que a vontade de axudar lles animou a poñerse en contacto co cooperante español Toni Aguilar, afincado dende fai máis de dez anos en Katmandú, capital de Nepal, ao fronte da ONG “Direct Help Fundation”. O labor deste barcelonés e o da súa fundación consiste en prestar auxilio ás mulleres e nenos máis desfavorecidos dunha ampla zona de Katmandú, dando acubillo e formación a un grande número de persoas. Sobrado e Fontaíña entregaron á entidade diverso material doado por empresas ribeirenses e o Concello de Ribeira, como material escolar, gafas de sol e dous teclados de ordenador. 

Ademais, tamén efectuaron unha doazón de cubrepescozos polares e gafas de sol ao remoto mosteiro de Tengboche, na rexión de Solukhumbu, a máis de 4.000 metros de altitude, o cal visitaron nos seus primeiros días da travesía de montaña. 

Sen porteadores

Polo que respecta á  expedición en si, o reto consistiu en atravesar a pé unha ampla rexión do Solukhumbu, coroando tres cumios de máis de 5.000 metros (Kalla Patar, Nagartsang e Gokio Ri), accedendo ao campo base do Everest e atravesando un dos pasos de montaña máis elevados do planeta, o Cho La, situado a máis de 5.500 metros de altitude sobre o nivel do mar. A ruta tivo lugar de xeito autosuficiente, sen porteadores nin guías, orientándose mediante mapas topográficos e trasladando o seu propio material. 

Sobrado Silva, quen asumiu a encomenda de explicar a viaxe, dividiu o itinerario en catro partes diferenciadas: en primeiro lugar, o acceso a Namche Bazar, punto de partida da travesía e capital do Solukhumbu, dende a cidade de Katmandú. Tivo lugar a través dun vóo en avioneta con destino ao que está catalogado como o aeroporto máis perigoso do planeta, situado na localidade de Lukla. Despois camiñaron durante dúas xornadas polo val do Khumbu por unha zona na que se atoparon con numerosos trekkerse e expedicionarios chegados de todo o mundo, bañada por augas dos ríos procedentes dos glaciares do Himalaya. Esta parte levounos ata os 3.800 metros de altitude de Namche nunha ruta fisicamente esixente pero na que aínda non eran conscientes dos momentos de extrema dificultade que ían atopar. 

Unha segunda parte estivo formada polo traxecto entre Namche Bazar e o Mosteiro de Tengboche. Comezaron a desaparecer os bosques para dar paso a espectaculares vistas de enormes picos nevados como o Ama Dablam, ou o Cholatse. Realizaron esta parte a través de rutas milenarias empregadas polos porteadores sherpas e caravanas de yaks, e a dureza do percorrido reflectíase no menor número de montañeiros avistados. Á súa chegada a Tengboche fixeron a entrega de material mencionado e foron obsequiados coa cerimonia da Puya, coa que se sole despedir a quen propón mergullarse nas entrañas do denominado teito do mundo. 

A parte máis dura

A parte Tengboche-Namche foi a xuízo dos aventureiros a parte máis longa, dura e desafiante. Foron nove días camiñando en soidade, con temperaturas xélidas, a altitudes por enriba dos 5.000 metros que minaban a súa condición física e psicolóxica “por unha paisaxe desoladoras de glaciares e cumios sobrecolledores”. Entre as maiores dificultades con que se atoparon nesta parte figuran que, para o acceder ao Kalla Patar e o Campo Base do Everest tiveron que bordear durante unha xornada o glaciar do Khumbu, no que se producían continuos desprendementos de pedra e xeo. Ademais, durante a travesía do Cho La afrontaron problemas de desprendementos dunha ladeira de 1.000 metros de desnivel, o paso de montaña estaba totalmente xeado, e as nubes chegárono a cubrir totalmente, provocando problemas de orientación (ese día camiñaron durante 10 horas continuadas en condicións extremas). Outra incidencia notable consistiu en que o regreso a Namche fixérono nunha soa xornada de máis de 12 horas, camiñando de noite e cun frío extremo. 

A cuarta e última parte do traxecto estivo formada por Namche Bazar – Lukla – Jiri. Sobrado relatou que despois do regreso a Namche tiñan previsto volver a Lukla e tomar un voo a Katmandú, pero que as condicións meteorolóxicas fixeron que o aeroporto estivese pechado. Así que decidiron emprender unha travesía de 4 días ata Jiri, primeira poboación con acceso por estrada, e de aí en autobús a Katmandú. Durante esta travesía tiveron que percorrer o corazón de Nepal a través da rexión do baixo Kumbu, alonxados do clima de alta montaña e inmersos nunha rexión selvática de moita chuvia e altas temperaturas. 

Os expedicionarios amosaron o seu agradecemento ás entidades que prestaron a súa colaboración e lembraron que no perfil de facebook riveiratrekaventura hai material fotográfico e información da viaxe e que en breve colgarán no blog riveiratrekaventuda.blogspot.com o seu diario de viaxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: agroma unha nova asociación estudantil da man de Converxencia XXI

  • Chámase Asociación Liberal do Estudantado Galego (Alega)
Media_httpfarm8static_fpcje

Obra de Antón Mouzo

Barbanza-Noia, 22 de Nadal de 2011. Converxencia XXI pretende dar un paso máis na súa expansión coa creación da Asociación Liberal do Estudantado Galego (ALEGa), "que será un medio máis para acadar o fin último que sempre foi, é e será servir á sociedade galega", segundo explican en nota de prensa dende ese partido.

A Asociación Liberal do Estudantado Galego pretende ser unha ferramenta de utilidade para que tódolos estudantes galeg@s que o desexen poidan participar na promoción e defensa dos ideais de liberdade e galeguismo no eido da Universidade a través das diferentes actividades que desenvolverá a asociación.

A Asociación Liberal do Estudantado Galego intégrase, por tanto, na familia liberal galega que actualmente conforman a Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia, membro do European Liberal Forum, e Converxencia XXI.

"ALEGa, como asociación autónoma, liberal e aperturista que é, busca a participación de tódolos estudantes galegos que compartan as nosas ilusións por traballar en prol do espallamento das ideas liberais e galeguistas na sociedade galega e dende Converxencia XXI faise un chamamento a tódolos estudantes a traballar nesta liña", conclúen.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o colectivo Escollera presenta unha moción para que os grupos políticos se sumen

Media_httpfarm6static_eagjh

A asociación do balandro Joaquín Vieta tamén pediu no seu día manter a escolleira

Noia, 22 de Nadal de 2011. O colectivo Escollera, que defende a mantenza da barreira de coídos que hai na Ría de Noia, emitiu unha nota de prensa ante os últimos anuncios e contra-anuncios feitos polas distintas administracións. Como é habitual en Certo, colocámola enteira:

"Diante do que está  a acontecer, logo do último acordo do Consello de Ministros, coa pretensión do Sr. Alcalde de Noia co apoio do seu partido de pretender levar por diante a metade de fora da escollera do acceso ao porto de Noia, o que faría que de xeito irreversible Noia quedara sen o seu porto, dende este colectivo queremos poñer en coñecemento da opinión pública a proposta de concordia que estivemos a desenvolver nos últimos meses, denunciar a gravidade da actuación do Ministerio de Medio Ambiente tanto dende o punto de vista de deixar definitivamente a Noia sen porto como tamén de vir a ocasionar importantísimos danos no espazo marisqueiro produtivo actual sen que iso signifique ampliación algunha do mesmo.

Tanto o Partido Popular como o Bng concorreron as últimas eleccións cunha proposta para este ámbito que vemos reflectida na moción,  deles esperamos que cumpran co compromiso adquirido cos noieses e se sumen a esta moción, do contrario a súa actuación sería merecedora de todo tipo de desagradables calificativos. Da forza política N.O.I.A esperamos tamén o seu apoio aínda que eles nunca nada dixeron ao respecto, do psoe sabemos que nada podemos esperar pois nin sequera quixeron recibir a este colectivo.

Vai ser un momento clave para que cada un se defina, e insistimos en que aí veremos se alguén estivo a enganar a Noia.

Xuntamos a proposta de moción que se entregou a todas as forzas políticas, aberta a melloras esperando o seu apoio. 

BORRADOR TEXTO PROPOSTA DO COLECTIVO ESCOLLEIRA SOBRE O PORTO DE NOIA, RECUPERACIÓN ESPAZOS PRODUCTIVOS, PRAIA LABARTA E PASEO MARÍTIMO       

Para que ao abeiro do establecido no artigo 21.2 do Regulamento Orgánico do Concello de Noia, os grupos municipais que teñan a ben apoiala a tramiten como  moción.

      O pasado 25 de xuño do ano 2010, o pleno do concello de Noia aprobou unha moción referida en parte o mesmo ámbito, en base a ela ,  os compromisos adquiridos por determinados partidos políticos de forma clara nas pasadas eleccións municipais, a necesidade que ten o conxunto da cidadanía de que ese espazo público sexa un verdadeiro revulsivo para o desenvolvemento económico da comarca e a oportunidade que se abre coa coincidencia de gobernos na Xunta de Galicia e no  Estado,  elaboramos a seguinte proposta:

M O C I Ó N

Exposición de motivos:

      Que, cunha sinxela revisión das diferentes hemerotecas calquera cidadán pode observar cal foi a evolución da produción marisqueira desta ría, a historia pasaron as fileiras de camións cargados de marisco,  as toneladas e toneladas de berberecho de altísima calidade e ameixa, a historia non tardará a pasar de forma definitiva a importancia que para a vida das xentes da comarca tiña o marisco de Noia, cantos problemas solucionou na maioría das familias que o extraían directamente e para outras que  tamén vivían del de xeito indirecto.

O porqué se estivo a renunciar paulatinamente nas últimas décadas a todo iso, a  natural e acelerada colmatación a desidia e renuncia de toda unha vila a defender o propio, mesmo podería dar lugar a varias teses de cómo un pobo asume o seu declive de xeito incomprensible, da crise que estamos a pasar poderíamos extraer moitas conclusións, para o caso bastaría unha sola, non podemos renunciar o noso potencial e nos mesmo debemos ser os que loitemos por él, esta ría ten capacidade dabondo para ser o motor desta comarca   e  debemos demandar das administracións públicas  unha actuación decidida  para recuperar as ( 293 has) de espazo con potencialidade de  recuperación para a produción marisqueira, a afrontar así o futuro dando pasos decididos na mellora e adecuación dos prantexamentos de xestión conforme demanda os tempos nos que vivimos,  cultivar en toda a extensión da palabra, recuperar espazos  produtivos que pasa inescusablemente por axudar a natureza retirando de forma mecánica a lama, mellorar a comercialización son actuacións  que o conxunto dos cidadáns deben demandar.

Por outra banda as potencialidades e usos que a ría ten abranguen a outros sectores que tamén poden ser xeradores de moito emprego e abrir así mesmo portas para o futuro, reiteramos de novo a exposición do texto aprobado polo concello fai máis de un ano por ser de plena actualidade, referido o porto .

      A importancia histórica do porto de Noia ven desde a súa fundación polo Rei Fernando II, no ano 1168 como porto de Compostela, coidando que a estas alturas ninguén lle negará a esta vila a súa historia como porto receptor de numerosos peregrinos que viñan por mar para continuar logo ata Santiago de Compostela, nin a súa enorme importancia comercial que mesmo o levou a ser un dos portos máis importantes de Galicia, xunto co de Pontevedra.

         A súas condicións naturais propiciaron todo o anterior, pero tamén foi a mesma natureza co progresivo depósito de lama no fondo da ría, a que fixo desde séculos que o porto fora perdendo pouco a pouco o seu calado.

       Esta situación, e diante da demanda de diversas entidades de Noia, levou a que xa no ano 1952, D. Eduardo Álvarez Valderrama  redactara un primeiro proxecto  que pretendía a formación dunha canle duns 1500 metros de lonxitude cunha anchura de 60 metros e con un calado de 1,60 metros por debaixo da baixa mar viva equinocial,  proxecto que na súa redacción definitiva permitía o acceso a Noia de barcos desde un calado de 3,60 metros e 1.300 toneladas de desprazamento que poderían entrar todos os días, ata barcos de 4,41 metros de calado medio e 2.600 toneladas de desprazamento que poderían entrar coa marea viva mensual. Este proxecto que mesmo algúns con enorme ousadía se atreveron a cualificar de inviable tecnicamente,  MESMO RECIBEU FELICITACIÓNS DA SUPERIORIDADE pola súa orixinalidade, xa que entre outros importantes aspectos e mediante un estanque de cabeceira, conseguía manter o calado da canle de acceso de forma natural.

      Hai todo un traballo realizado que analiza aspectos técnicos e económicos, entre outros, que insiste continuamente na proximidade a Santiago de Compostela e na importancia que ese feito ten para o porto de Noia, e que nel tamén poden ver que a falta dunha consignación económica que ascendía a 5.332.023,01 de pesetas, levou a colmatación da enseada de Noia ao punto no que hoxe está.

      A revisión en profundidade do proxecto do Sr Álvarez Valderrama amosa a enorme visión que este home tivo para Noia, logo da construción da ponte, toda a escolleira e cando él fixo, con lixeiros matices, é válido para o século XXI, máxime coas novas comunicacións que esta vila ten con Santiago, co seu aeroporto que fai que Noia poida ser o porto non soamente da capital de Galicia senón dunha parte significativa de moitos españois que con unha viaxe moi curta en tempo teñan a Noia como referente, polo seu porto, pola beleza da súa paisaxe, pola súa vila, gastronomía, clima etc, un potencial de mil catrocentos amarres xerarían numeroso postos de traballo, un mínimo de cento cincuenta,  número calculado en base o que din os medios  entendidos partido por catro.

O anterior debemos engadir a recuperación da praia de Labarta, máis de mil douscentos metros lineais de praia metidos na trama urbana, a recuperación do resto do borde litoral para ouso de residentes e visitantes e a creación dun paseo que bordee o esteiro de Noia integrado este no medio, a potenciación dos restantes valores naturais propios dun espazo rede natura, fan que os veciños desta comarca teñan un potencial de futuro inmenso, un espazo público  de todos e que todos teñen que loitar para sacar adiante e esixir de quen teña a regalía de poder xestionar o faga atendendo única e exclusivamente a búsqueda do interese xeral, pois repetimos de todos é.

A crise non debe ser obstáculo para o que se pretende, máis ben o contrario, pois permitiría a utilización de medios humanos e materiais propios da administración agora mesmo  ociosos diante da falta de recursos para investir en obra, sabemos ben que unha tramitación administrativa como a que se pretende levaría como mínimo tres anos, logo deles sería de esperar que as cousas mudaran.

Xuntamos un plano no que se concretan o conxunto das actuación a realizar nas primeiras anualidades. 

         En base o resumo que se sinalou, proponse  as forzas políticas  que conforman o Pleno do Concello de Noia, a adopción dos seguintes

A C O R D O S

1.- O Pleno do Concello de Noia  diríxese ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño; Secretaría Xeral do Mar, Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa  e do Mar a Comunidad Autónoma de Galicia, Consellería do Mar, Portos de Galicia  para que procedan a unha actuación conxunta  redactando verdadeiro proxecto de rexeneración, recuperación do porto e  do litoral conforme plano que se acompaña a presente, programando así mesmo cantas posteriores anualidades correspondan para unha completa execución das actuación que este Pleno demanda.

2.-  O Pleno do Concello de Noia acorda así mesmo dirixirse aos Grupos Parlamentares que conforman o  Parlamento de Galicia e as organizacións políticas con representación no Congreso dos Deputados para que tomen canta iniciativa consideren na defensa das demandas que se conteñen na presente moción.

3.- O Pleno do concello de Noia comprométese a colaborar co resto das administracións en todo aquilo que esté o seu alcance para a realización do proxecto mencionado así como a adopción de cantes medidas sexan necesarias para a adecuación do futuro plan xeral o proxecto que se redacte.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: organizan un festival benéfico, "Rock Por Paula", el 21 de enero en una discoteca local

Paula_boiro

  • Constará de seis intervenciones presentadas por Beatriz Rico
  • Hasta completar aforo, entre 1.200 y 1.500 personas

Boiro, 22 de diciembre de 2011. Desde el grupo de rock "Forraje" están organizando un festival benéfico para recaudar fondos para costear los gastos de operación y tratamiento de Paula, la niña de Boiro que nació sin sacro. 
 
    Los grupos que actuarán son: Boikot (Madrid), Despistaos (Guadalajara), Forraje (Pobra) + Poncho K (Sevilla) -harán actuación conjunta con temas de las dos bandas-, Konflikto (Coruña), Desalojo (Pobra) y El llanto de un Ciego (Pobra). Boikot, Despistaos y Forraje+ Poncho tocarán 45 minutos cada uno, los demás 30 minutos.Serán, entonces, 6 micro-conciertos presentados y amenizados por la actriz Beatriz Rico.
 
    El lugar del concierto del 21 de enero de 2012 será la discoteca Tonos, en Boiro, A Coruña. Apertura de puertas a las 21:30. Entrada anticipada 10€, taquilla 12€. Aforo limitado. Se pondrán a la venta 1000 entradas y el resto en taquilla hasta completar aforo (entre 1200 y 1500).
 
    Todo lo recaudado será  para la operación y tratamiento de Paula, exceptuando gastos de producción -todos los grupos vienen sin cobrar nada, únicamente se le pagarán los desplazamientos, y dos hostales de A Pobra darán alojamiento gratis para todos, los carteles son cortesía de otra marca comercial y el equipo de sonido de una empresa-.
 
    En esta dirección de facebook hay más información sobre el festival en la sección información. Colaboradores, etc. http://www.facebook.com/pages/Rock-por-Paula/269106026472553?sk=info

    Y en esta otra información sobre Paula y su enfermedad: http://www.facebook.com/PaulaNecesitaAyuda

 
  

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: programación de Nadal 2011-2012

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical