22.12.11

A Pobra: denuncian unha volta máis verteduras industriais na depuradora municipal


A Pobra, 22 de Nadal de 2011. O Bng da Pobra presentou un escrito no Concello no que solicita "a actuación decidida e contundente do goberno municipal respecto das verteduras industriais que se produciron esta fin de semana na depuradora municipal".
 
O Bng explica que este asunto vén de vello e foi denunciado en numerosas ocasións "sen que o goberno municipal lle faga fronte, poñéndose sempre do lado dos infractores e de costas á lei, poñendo en perigo o medio ambiente e a saúde das persoas, así como sectores económicos importantísimos para nós como son o marisqueo e o turismo". "O goberno pode, e debe, pois ten os instrumentos legais suficientes na man, rematar con esta situación que xa dura 12 anos e prexudica ao conxunto da cidadanía da Pobra en beneficio sempre dos mesmos", remata o grupo municipal do Bng.

O escrito íntegro:

Diante dos gravísimos verquidos industriais producidos o pasado fin de semana na EDAR municipal, que provocaron practicamente o colapso da mesma e que estiveron a piques de causar un desastre ecolóxico e económico para o noso concello de dimensións incalculábeis, o Grupo Municipal do BNG 

      EXPÓN: 

      1º.- A vella EDAR da Pobra tivo que ser substituída por unhas novas instalación debido, fundamentalmente, a estar preparada para acoller augas residuais domésticas e vir recibindo indiscriminada e constantemente cargas industriais altamente contaminates. Isto é: Toda a cidadanía deste concello tivo que pagar a irresponsabilidade da Administración local e a falla de cumprimento da legalidade por parte de determinadas empresas que vertían directamente á rede de saneamento municipal. 

      2º.- O “Regulamento do Servizo de Verquidos á rede de sumidoiros da Pobra, e uso da mesma” entrou en vigor  en febrero do 2001, estando en construción a EDAR actual, e preveía que “nos 6 meses seguintes á súa aprobación, a calidade dos efluíntes industriais deberase adaptar ás condicións e límites establecidos no mesmo”.  O Regulamento foi modificado en xullo do 2001, precisamente para “garantir o correcto funcionamento da EDAR e para que cada industria conectada á rede de saneamento dispoña dun sistema de tratamento adecuado á natureza da carga contaminante xerada”. 

      3º.- En febrero de 2004 comezou a funcionar, en probas, a nova EDAR. O alcalde asegura nese momento que a maioría das empresas “xa se axustan ás normas estabelecidas polo Regulamento Municipal de Verquidos”. 

      4º.- En setembro de 2004 comezaron as obras dun novo colector que recollería os verquidos das empresas do polígono industrial da Tomada e as levaría directamente á EDAR, sen ter que pasar pola rede xeral de saneamento. Na actuación investíronse perto de 600.000 euros. 

      5º.- En novembro de 2007 modificouse, de novo, o Regulamento Municipal de Verquidos para, entre outras cousas, concretar que tipo de equipos de control de verteduras debían ter as industrias, sobre todo aquelas que “pola súa dimensión e/ou contaminación resulten significativas polas súas augas residuais e/ou volumes de verteduras”.  

      6º.- En xuño de 2009 entrou en vigor o Plan de Vixiancia Ambiental de Verquidos Industriais na Pobra do Caramiñal, posto en marcha pola Xunta de Galicia. O documento pon de manifesto que “a EDAR ten indicios irrefutábeis de presenza dunha elevada porcentaxe de augas industriais, que se traducen nun deterioro acelerado das instalacións, un incremento dos costes de explotación e un aumento do risco de colapso do tratamento, co conseguinte perxuízo medioambiental”. 

      7º.- Despois deste documento, que poñía en evidencia todo o que o BNG e moitos veciños e veciñas da Pobra levaban denunciado ata ese momento, os verquidos seguiron a producirse de xeito absolutamente salvaxe e incontrolado, Augas de Galiza seguiu incoando expedientes ao Concello en materia de verquidos, o SEPRONA seguiu a tramitar un gran número de denuncias e informes de verquidos rexistrados na Pobra, a Xunta seguiu a realizar  
 

auditorías á EDAR insistindo no “incumprimento de todos os límites estabelecidos” e indicando que os verquidos industriais “deben adecuarse ao estabelecido no Regulamento Municipal á maior brevidade posíbel”. 

      A conclusión á que chega este Grupo Municipal e moitos veciños e veciñas da Pobra é que o Goberno Municipal e o seu alcalde á cabeza son os principais  infractores do Regulamento Municipal de Verquidos, por consentir unha e outra vez o incumprimento da Lei e por omitir reiteradamente a súa obriga de control e vixiancia estricta na aplicación do Regulamento. 

      Nesta última ocasión, exactamente igual que en tantas outras anteriores, vense de producir un atentado ao medio ambiente, á saúde das persoas, un grave dano a unhas instalacións municipais que pagamos e mantemos todos e todas e que pode desencadear en calquera momento, como xa ocorreu no pasado, gravísimos problemas económicos e sociais a sectores produtivos como o marisqueiro, de máxima relevancia no noso concello, ou mesmo ao turístico. 

      A reincidencia e gravidade da irresponsabilidade contínua do Executivo Municipal só ten nestes momentos un único camiño: EXERCER AS SÚAS COMPETENCIAS E POÑER PUNTO FINAL DEFINITIVAMENTE A ESTE DESPROPÓSITO ECOLÓXICO, ECONÓMICO, SOCIAL E POLÍTICO. O que, dende logo, non é de recibo é que a súa deixadez de funcións teña que estar sendo pagada tan cara pola cidadanía deste concello, polo que, 

      SOLICITÁMOSLLE: 

      1º- Que investigue ata as últimas consecuencias os feitos ocorridos na EDAR municipal.

      2º.- Que esixa contundentemente as responsabilidades aos causantes destes feitos.

      3º.- Que actúe, consonte ás competencias que lle outorga a Lei, para impedir que se sigan a producir impunemente actuacións como as citadas. 

      A Pobra do Caramiñal, 22 de decembro de 2011. 
 

Asdo.: Rosana Pérez Fernández,

Concelleira e portavoz do G. M. do BNG.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical