13.10.10

Boiro: "Fomento de hábitos de vida saudables na terceira idade" xa admite inscricións. Prazas limitadas

Boiro, 13 de outubro de 2010. O departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro organizará no vindeiro trimestre do ano que andamos, un proxecto denominado “Fomento de hábitos de vida saudables na terceira idade”. O número de prazas é limitado, mais a participación no programa é de balde.
As actividades fundamentais versarán sobre catro temáticas:

  1. Saúde
  2. Alimentación
  3. Exercicio Físico
  4. Ocio e tempo libre
Ademáis, realizaranse excursións á Illa de Arousa, Castros de Baroña e outros lugares de interese, sempre enmarcadas baixo charlas formativas sobre aspectos varios; nutrición, elaboración de receitas tradicionais saudables, xogos e actividade física.

Todas aquelas persoas xubiladas interesadas en participar deberán inscribirse en Servizos Sociais do Concello de Boiro (2º andar), no teléfono 981 844 800 Ext. 256/257 ou a través do seguinte email: s.sociais@boiro.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: concerto de Comando Robalisa e Inllorfeis o sábado 23 de outubro


Inllorfeis nunha das súas actuacións

Porto do Son, 13 de outubro de 2010. O vindeiro 23 de outubro a música atronará o Chiringo de Fonfo, o que era a antiga sala Ardora, por onde tantos grupos de Barbanza pasaron e se fixeron adultos. Os ribeirenses Inllorfeis fan un paréntese na gravación do seu segundo traballo e darán un concerto acompañados polo grupo local Comando Robalisa.

Os Inllorfeis tiran para a súa casa (como debe ser) e din no Facebook que non vos perdades "a oportunidade de disfrutar do último concerto do ano por esta zona". Á parte do habitual repertorio prometen tocar algunha das novas cancións que sairán co seu segundo álbum.

O dito, non faltedes!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: IV Muiñada para exaltar o Patrimonio cultural, do 15 ao 17 de outubro


Francisco Añón, poeta outiense, será obxecto de varias charlas e un roteiro

Programa completo:

IV MUIÑADA

XORNADAS DE EXALTACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL


      VENRES, 15 outubro

            19 h. : Inauguración das xornadas

            19.30 h: Proxección do DOCUMENTAL Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia

            20 h.: CHARLA: O IX Encontro de embarcacións tradicionais celebrado en Muros no 2009. Por Manuel G. Sendón, organizador do evento.

            21 h.: CONFERENCIA: A Ría do poeta Francisco Añón, por Xoán X. Mariño, historiador e escritor

      SÁBADO, 16  outubro

            11 h: VISITA AO ASTELEIRO tradicional de Abeijón hermanos (O Freixo-Outes)

            12.00 h.: CONFERENCIA: A carpintería de ribeira e os asteleiros no concello de Outes, por Xoán F. García, investigador e escritor.

            17 h.: LECTURA DE POEMAS de Añón, por parte dos alumnos do IES Poeta Añón de Outes.

Ramón Blanco, a quen poden ver neste vídeo

            19 h.: CONFERENCIA: Francisco Añón poesía e libertade, por Ramón Blanco, escritor e profesor

      DOMINGO, 17 outubro

            11.00 h.: ROTEIRO LITERARIO Polas terras de Añón, coa guía de Ramón Blanco, escritor e profesor.

            12 h.: CONFERENCIA: A poesía amorosa de Añón: os epitalamios. Por Manolo do Río, profesor e escritor.

            13 h: PRESENTACIÓN DA REVISTA “Terra de Outes”

            13.30 h.:  CLAUSURA

      LUNS, 1 novembro

            19 h.: Inauguración da EXPOSICIÓN DE FOTOS ANTIGAS de Outes, recollidas polos alumnos do IES Poeta Añón.

Quen era Francisco Añón? Nas charlas enteraraste de máis, pero namentres, Galipedia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: excepcións na tempada de caza que comeza este domingo 17 de outubro

Comeza a tempada de caza

outubro 11th 2010 by| the_author anxos en De interese

Período hábil para a caza o comprendido entre os días 17 de outubro de 2010 e o 6 de xaneiro de 2011, ambos inclusive, na Comunidade Autónoma de Galicia, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V da Orde do 24 de xuño de 2010 pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 2010-2011

.

No que respecta á nosa parroquia:

Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do termo municipal de Porto do Son. A delimitación desta zona denominada lagoas de Xuño e San Pedro de Muro é a seguinte: río Sieira desde a súa desenbocadura no océano Atlántico, río arriba, ata a estrada de Noia a Santa Uxía de Ribeira (km 52,3). Desde este punto ata a encrucillada da estrada de Seráns, pasando por San Pedro de Muro, ata a antiga fábrica de tella. Desde aquí seguindo o camiño que chega ata a punta do cabo Teira séguese pola liña de costa ata a desembocadura do río Sieira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lingua galega: un DVD didáctico sobre Uxío Novoneyra, xa en todos os centros de secundaria

Titúlase “En prol dun verso: Uxío Novoneyra”, unha ferramenta didáctica promovida pola Xunta de Galicia para achegarlle o poeta do Courel ao alumnado de educación secundaria


Barbanza-Noia, 13 de outubro de 2010.- O escritor Uxío Novoneyra chega aos centros educativos a través do DVD "En prol dun verso: Uxío Novoneyra", que busca achegarlles ao alumnado a figura e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010.  Os centros de ensino de Galicia que imparten educación secundaria xa dispoñen dun exemplar deste material, que tamén conta cunha unidade didáctica para traballar os contidos do vídeo.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura promoveron esta obra como derradeira homenaxe a Uxío Novoneyra no 2010, ano que a Real Academia Galega lle dedica ao escritor.

Recitais de Novoneyra e do alumnado do Courel
O DVD recolle imaxes de Uxío Novoneyra no Courel recitando os seus propios poemas, unha oralidade única que engarza a memoria do poeta co futuro, representado polos rapaces e rapazas da escola Seoane do Courel, que acompañan o autor no recital dos seus versos.

O vídeo tamén intercala os testemuños e a análise literaria dos escritores Manuel Forcadela e Marica Campo, da crítica Dolores Vilavedra e do amigo e membro do grupo Brais Pinto Herminio Barreiro.

Unha ferramenta didáctica para o profesorado
Ademais, o DVD acompáñase dunha unidade didáctica para afondar na figura e na obra do autor a partir do vídeo, dirixida, principalmente, ao alumnado de secundaria (ESO e bacharelato). As actividades que se propoñen neste material son orientativas, no sentido de que se entenden como suxestións ou ideas que o profesorado poderá seleccionar, adaptar e/ou completar para axustarse á realidade do seu centro e da súa aula.

Dada a importancia de Uxío Novoneyra na literatura galega do século XX, a Xunta de Galicia promoveu a elaboración deste material non só coa pretensión de sumarse ás homenaxes no ano dedicado ao autor, senón tamén coa de ser empregado en próximos cursos para achegar o alumnado á obra do poeta do Courel.

Á parte do bloque de literatura, os obxectivos perseguidos con esta unidade abranguen outros aspectos do currículo, como por exemplo os relacionados coas destrezas comunicativas orais e escritas en lingua galega.

Web de referencia:
http://uxionovoneyra.com
Web de referencia para o vindeiro ano:
http://loispereiro.com

Relacionada:


Lousame: Alumnos do "Cernadas Castro" recitan a Novoneyra

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Valedor do Pobo insta á Xunta a que atalle as claras irregularidades das oposicións do Sergas

O alto comisionado parlamentario, Benigno López González, dirixiu con data de hoxe a súa resolución á Consellería de Sanidade despois de constatar, por medio dos informes da inspección, incumprimentos e irregularidades en procesos selectivos do Sergas.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2010.O Valedor do Pobo, Benigno López González, entregou con data de hoxe á Consellería de Sanidade o seu escrito de resolución (achégase íntegro en .pdf) pola investigación aberta o pasado mes de maio sobre presuntas irregularidades rexistradas en oposicións do Sergas. Nel resúmense as actuacións emprendidas desde a institución para aclarar o sucedido e dáse conta dos sucesivos informes remitidos desde a administración. Como colofón, inclúe unha recomendación, que se reproduce a continuación, tras constatar a inspección algúns incumprimentos:

-Que, á vista dos incumprimentos e irregularidades nos procesos selectivos do SERGAS obxecto da presente queixa, constatados a través da inspección realizada pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e dos que se da detallada conta no informe correspondente elaborado por ese órgano, con urxencia se proceda a dar efectividade a todas as indicacións do referido informe. En concreto debera resolverse:

-A separación dos actuais procesos selectivos das persoas que forman parte dos tribunais e que deberan terse abstido de formar parte deles.

-A realización dunha avaliación estatística para comprobar ata que punto atopámonos ante unha casualidade moi improbable, de acordo co parámetro de comportamento dos concorrentes nas diferentes categorías.

-E a profunda revisión dos procedementos selectivos que inclúa a definición dun protocolo preciso de actuación que garanta a confidencialidade do proceso, as funcións e responsabilidades dos membros dos tribunais, concretando con nitidez as actuacións que en cada fase teñen que realizar, e a participación que, no seu caso, deba de ter o persoal da Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS encargado da organización dos procesos selectivos, asegurando en todo caso a designación formal deste persoal ben como membros dos tribunais, ben como persoal colaborador dos mesmos.

Finalmente deberan realizarse informes da DXARA para cada un dos tribunais nos que se valoren adecuadamente as eventuais responsabilidades dos opositores implicados, de acordo co xa concluído no informe de inspección, de tal forma que os tribunais podan coñecer con detalle as irregularidades individuais e decidan sobre as consecuencias que as mesmas podan ter para eses opositores implicados".

O Valedor do Pobo deu tamén traslado do escrito aos tres representantes do grupo socialista no Parlamento de Galicia,  promotores da queixa.

Vía http://www.valedordopobo.com

Antes publicamos, sobre este asunto, todo isto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Fotografía: "Mulleres", de Marisa Flórez, pódese ver no auditorio municipal de Ribeira dende esta tarde


A mostra reflicte o papel da muller na Transición e xa estivo en Santiago

Ribeira, 13 de outubro de 2010. A sala de exposicións do Auditorio Municipal de Ribeira acolle desde esta tarde a exposición “Mulleres”, da fotoxornalista Marisa Flórez, patrocinada pola Deputación da Coruña. “Mulleres” está conformada por un total de 39 fotografías en branco e negro e constitúe un mosaico de imaxes que ten como protagonista á muller na época da Transición española. Mulleres de etnia xitana, escritoras, traballadoras, recluídas, artistas, conforman un amplo elenco dos personaxes femininos que protagonizaron aquel momento histórico.

O obxectivo da exposición é, segundo recoñece Salvador Fernández Moreda no texto introdutorio do catálogo, “render unha merecida homenaxe a todas as mulleres, de diferentes sectores sociais, que contribuíron a facer de España un país mellor, máis xusto e solidario”. Marisa Flórez comezou a súa carreira profesional nas diario Informacións de Madrid e pasou a formar parte, en 1976, do equipo fundacional do País, onde tras máis de dez anos como redactora-xefe de fotografía desempeña o cargo de editora gráfica do diario e é profesora da Escola de Xornalismo UAM-O País.

Recibiu o Premio Nacional de Fotografía en 1979 e publicou os seus traballos en diversos medios de comunicación nacionais e estranxeiros, realizando tamén exposicións individuais e colectivas.

Flórez foi candidata ao premio de Liberdade de Prensa "José Couso" conxuntamente con Queca Campillo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: O Banco de Tempo programa "Imos ás setas" para o vindeiro 23 de outubro

Ribeira, 13 de outubro de 2010. O Banco do Tempo de Ribeira, coa colaboracion de expertos da asociación micolóxica Refungando invitan a asistir á "I saida Imos ás setas". Consistirá nunha sesión introductoria á micoloxía facendo unha saida ao monte e despois unha comida picnic (se o tempo o permite). Esta actividade está aberta a tódalas persoas que estean interesadas, sexan ou non socios do Banco do Tempo de Ribeira. Tamén se pretende incentivar aos socios nas actividades conxuntas, atraer a futuros socios e desenvolver actividades conxuntas coas distintas asociacións ribeirenses

Para máis informacion hai que poñerse en contacto coa secretaría de banco do tempo no teléfono 626907299 ou no Cim de Ribeira. O periodo para anotarse a esta actividade rematará o venres 22 de outubro. Tamén é posible poñerse en contacto co Banco de Tempo na rede social Facebook, aquí
 
Os que queiran participar poden cubrir o formulario no facebook do Banco do tempo de Ribeira e envialo ou ben achegarse ao Centro de Información á Muller da Rúa de Correos. A actividade -se o tempo acompaña- vaise facer en Iroite (entre Boiro e Noia). Alí chegarase en coches (a xente que non dispoña de coche será ubicada en calquera dos que teñan algunha praza libre). A hora de saída serán as nove e media da mañá no aparcadoiro do Lidl e cada participante levará a comida para xantar todos xuntos unha vez remate a recolleita. Se o tempo non acompaña adiarase a actividade ata que sexa posible. Faranse grupos, dependendo do número de participantes, e os expertos de Refungando irán acompañando e facendo unha introducción a medida que se vaia organizando a actividade. .

O formulario que se require encher no Facebook contén as seguintes cuestións:

NOME: APELIDOS:
D.NI./NIE:
ENDEREZO:
TELÉFONO:
¿Tes coche para desplazarte á actividade?
¿SABES O QUE É O BANCO DO TEMPO?
¿A través de quen ou de que coñecestes o banco do tempo de Ribeira?
¿Tes alguna suxestión que facer ao Banco do Tempo de Ribeira?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: piden o asfaltado dos accesos ao punto limpo e unha conexión co parque empresarial

O Bng pedirá a súa inclusión no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación con vistas ao 2011

Rianxo, 13 de outubro de 2010. O BNG de Rianxo demandará a mellora dos accesos ao punto limpo de Rianxo. Segundo os nacionalistas, é "unha pista sen asfaltar con zahorra que debe ser substituída por un vial en condicións para o seu uso polos veciños de Rianxo. Xunto ao asfaltado, reiterado en diferentes ocasións polo BNG desde a entrada en funcionamento desta instalación, debe realizarse unha conexión co parque empresarial para favorecer tamén o acceso directo que beneficia aos veciños de Taragoña e o Araño que sen pasar polo Pazo poderían dirixirse desde a rotonda do Té".


O Bng de Rianxo aclara que "son apenas uns metros de distancia os que separan o Punto Limpo dos terreos do polígono polo que sería moi positiva e doada a conexión destes dous servizos". Plantexará a realización desta conexión con cargo á nova andaina de fondos do POS 2011 para Rianxo, do que se decidirá o uso antes de fins de novembro deste ano.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical