12.8.10

Política: Xuventudes Socialistas e PSOE de Barbanza e Noia reúnense o luns 16 en Boiro para preparar estratexias para 2011

Boiro, 12 de agosto de 2010. O vindeiro luns terá lugar unha reunión de traballo das Xuventudes Socialistas e do PSdeG da comarca do Barbanza con vistas ás próximas eleccións municipais de maio de 2011.

O encontro será ás 20:30 horas na sede do PSdeG de Boiro. Alí estarán os
Secretarios Xerais das agrupacións da comarca do Barbanza que posúen
organización das Xuventudes Socialistas, é dicir: Boiro, Ribeira, A Pobra do
Caramiñal e Noia, xunto cos Secretarios Xerais de dita agrupación xuvenil.

"No contexto da recente creación das Xuventudes Socialistas de Ribeira e A Pobra,
trátase de buscar unha posta en común de temas concretos relacionados cos
comicios do próximo ano 2011 e, en consecuencia, buscar unha planificaciónn
conxunta a partires de agora", explicou Jorge Campaña, secretario das Xuventudes Socialistas de Boiro.

Entre os asistentes comparecerán a Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de
Galicia, María Torres e o coordinador comarcal do PSdeG, Ramón Quintáns, xunto
cos Secretarios Xerais do PSdeG da comarca: Juan Jesús Ares (PSdeG Boiro),
José Manuel Vilas (PSdeG Ribeira), Teresa García Guillán (PSdeG A Pobra) e Rafael
Guerrero (PSdeG Noia), xunto cos Secretarios Xerais das Xuventudes Socialistas destes
mesmos municipios: o citado Jorge Campaña (XS Boiro), Antía Regueira (XS Ribeira),
Denís Pombar (XS A Pobra) e Mario Pais (XS Noia).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Toño Chouza gañou o concurso de Facebook titulado "El corto y cálido verano" con "Por la mañana"

PREMIOS

Los 10 GANADORES

Parabéns de novo...
Esta curta non deixa de dar boas novas ao boirense.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Barraña será escenario esta fin de semana dun concurso de fotos e da cuarta travesía a nado


Ademais, o domingo día 15 inaugurarase a segunda fase das rutas cicloturísticas do municipio

Boiro, 12 de agosto de 2010. As concellerías de Turismo e Medio Ambiente do Concello de Boiro celebran esta fin de semana (14 e 15 agosto) o cuarto concurso de fotografía “Os habitantes da praia” na praia de Barraña (ao carón das recén inauguradas pistas deportivas).

Calquera persoa interesada, sexa profesional o afeccionada pode participar, segundo as bases que se detallen na fin desta información.

Por outra banda, terá lugar a inauguración da segunda  fase das rutas cicloturísticas de Boiro. Será o domingo 15 de agosto ás 09:30 h da mañá cando un grupo de afeccionados, organizados por Daniel Ríos, sairán da Praza de Galicia para probar unha destas novas rutas. O acto contará coa asistencia do Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e da concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.

IV Travesía Praia de Barraña "Concello de Boiro"

   A proba comeza ás seis da tarde, organizada polo club de natación de Boiro e o Concello. As categorías son as que seguen:

A. Nados o ano 1992 e anteriores.
B. Nados entre 1993 e 1995
C. Nados entre 1996 e 1997
D. Nados en 1998 e posteriores
E. Nados en 1970 e anteriores

Percorrerase un quilómetro e medio por parte das categorías A e B. Os das clases C, D e mais E, a metade. Alí mesmo se explicarán as normas para que non haxa confusións. Para anotarse, se aínda non o fixestes, terás que estar unha hora antes de que comece a proba na praia. Haberá premios importantes en metálico e trofeos para os primeiros clasificados de cada categoría. Tamén a típica distinción ao máis veterano e ao máis mozo que remate a proba, así como para nadadores boirenses.



Bases do concurso de fotos "Os Habitantes da Praia"

Participantes

Calquera persoa interesada, sexa profesional ou afeccionada á fotografía

Tema "As praias de Boiro e o seu entorno"


Non intenten facer esta foto en Barraña...

Categorías      A Escenas e situacións da xente na praia  (xogos infantís, deportes, xantar, baños, ...)

                        B- Natureza  (paisaxes, animais, plantas, ...)

                        C- Denuncia medioambiental  (obxectos atopados na area, residuos, verteduras na auga, ...)

Obras   Cada participante deberá presentar 3 fotografías, unha por cada categoría (A-B-C) : orixinais, inéditas e non premiadas en concursos anteriores.

Formato   Medida tamaño A4  (20x30 cm aproximadamente)

Técnica

Técnica libre en papel fotográfico. En cor ou branco e negro (en todas as súas variantes). Admitiranse retoques dixitais que non manipulen o senso da imaxe.

Presentación

En papel fotográfico e tamaño A4.

No reverso da fotografía poñerase unha lenda que idenficará o sobre pechado cos datos persoais do autor ou autora: enderezo, teléfono. No mesmo reverso cada fotografía deberá, ademais, levar un título e indicación da categoría a que pertenece (A. B, C).

Lugar e prazo de presentación

As fotografías deberàn entregarse a organizaciòn entre as 17:00h. e as 18:30h. do sábado 14 de agosto xunto ao  campo de volei da praia de Barraña 

Xurado

O xurado será seleccionado pola organización do concurso entre persoas cualificadas para exercer esta función. O fallo do xurado poderá  declarar desertos ou compartidos algún ou todos os premios, así como outorgar mencións especiais se o estimase oportuno.

Premios

Establécense os seguintes premios as millores coleccións de 3 fotografías nas 3 categorías:

    * 1º premio – Cámara dixital    2º premio 75 €    3º premio 50 €  (en vales de compra)


Exposición  Mostra fotográfica o aire libre dos premios e unha selección das obras o domingo 15 de agosto no paseo de praia Xardín.

Propiedade das obras

As fotografías premiadas quedarán en propiedade do Concello de Boiro. As non premiadas deberán recollerse a partir da clausura do concurso. O Concello de Boiro reservarase o dereito de exposición, reproducción e calquera outro uso non comercial e sempre relacionado coa promoción da cultura e o deporte, das imaxes premiadas no concurso, citando sempre o nome do autor. Os participantes responsabilízanse  de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas, así  como de toda reclamación por dereitos de imaxe. En calquera caso, a organización do concurso queda eximida de posibles conflictos de publicación ou utilización  das obras presentadas e dos que poidan derivarse.

Consideracións finais

O xurado será competente para resolver calquera circunstancia  non prevista nas bases. A participación neste concurso implica a aceptación íntegra das súas bases.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: o domingo 15 de agosto comeza o V Trofeo "Cidade de Riveira" de fútbol afeccionado


Ribeira, 12 de agosto de 2010. O vindeiro domingo, 15 de agosto, vai comezar a disputarse o V Trofeo "Cidade de Riveira" de fútbol afeccionado. Participan todos os equipos federados de Ribeira.

O trofeo xógase polo sistema de eliminatoria direta, a partido único. No caso de empate, penaltis, sen prórroga.

Todos os partidos comezan ás sete da tarde (19:00 para os que leven hora dixital), cos seguintes emparellamentos:

  1. Atlético Oleiros contra Atlético Riveira, no campo da Trinidade de Oleiros
  2. Aguiño contra Olveira CF, no campo da Tasca
  3. CD Artes contra Sálvora CF, no sintético de A Fieiteira
  4. Exento, e directo a cuartos de final (hainos con sorte), o Palmeira

Os partidos de semifinais serán o vindeiro domingo, día 22 de agosto, tamén ás sete da tarde. Emparéllanse os vencedores dos enfrontamentos 1-2 e 3-4. O partido da final será o domingo 29 de agosto.

O actual gañador do trofeo é o Atlético Riveira, que mallou ao X. Aguiño o ano pasado cun contundente 5-1.

En anteriores edicións gañaron o Atlético Oleiros (2006), Atlético Riveira (2007) e o Oleiros (2008).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: os socialistas denuncian o desleixo dos paseos marítimos en pleno verán

A Pobra do Caramiñal, 12 de agosto de 2010. A portavoz do grupo municipal socialista da Pobra, Teresa García, denunciou as condicións "tan lamentables nas que se atopa o paseo marítimo de Cabío, concretamente no tramo que abarca dende o Cámping ata a súa finalización no merendeiro, e pode observarse como pola maioría do tramo mencionado as silveiras e a maleza xa empezan a subirse pola plataforma de madeira, tanto por debaixo como polos lados". 

     A concelleira socialista subliña que "non para o Sr. Isaac de anunciarnos paseos marítimos por todo o territorio do municipio, incluso chegou a dicir que íamos a poder pasear desde a Ribeiriña a Palmeira por esas pasarelas de madeira. Pasarelas que outras Administracións subvencionan pero cuxo mantemento e conservación correspóndelle ó concello. Por iso é necesario priorizar as necesidades dun pobo, non construír para abandonar".

     Segundo a voceira do Psoe da Pobra, "o Concello fai requirimentos aos particulares para que manteñan limpas as súas fincas de acordo coa lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais, pero esquécese de limpar a maleza dos espazos públicos como é o paseo marítimo preto do cámping de Cabío. Algúns turistas mostraron a súa preocupación  por se se chega a producir un incendio nas inmediacións do cámping. Se chegara a producirse algún sinistro a responsabilidade caería sobre o concello, pois o Sr. Isaac non pode mandar resolucións aos veciños instando a manter limpas de maleza as propiedades particulares e a Admistración local obvia cumprir coas leis".

     Neste mes de agosto, engadiu Teresa García, "hai unha grande afluencia de turistas no noso municipio e a imaxe que lle estamos a dar non é a que o Sr. Isaac nos di: “somos as praias de Compostela”. A enorme praia da Corna está abandonada, as pasarelas cheas de maleza, non se limparon as herbas desde que a demarcación de Costas fixo a obra, non hai papeleiras, os recipientes que se usan para o lixo tardan en desocuparse. Pola contra, a Corna de Palmeira posúe bandeira azul. A nosa Corna ten máis lonxitude e máis valor paisaxístico pero a este goberno municipal non lle interesa poñer en valor este areal".

     Finalmente, tamén lle apuntou ao alcalde popular que "a coherencia debe ser a única forma de gobernar, e non hai relación entre as manifestacións que fai o noso mandatario dicindo ata a saciedade que “é imprescindible o fomento do turismo para o desenrolo do noso pobo” e logo teña en semellante estado de abandono un dos principais reclamos  turísticos".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o sábado 14, Feira do Mel na casa das redeiras

Porto do Son, 12 de agosto de 2010. Non só de polbo e produtos do mar se nutren as festas e feiras gastronómicas nestas bisbarras (este sábado tamén é a Festa do Polbo en Porto do Son). A Feira do Mel abre ás dez da mañá e pecha ás nove da noite. O centro neurálxico será o local das redeiras. Haberá exposición e venta de produtos de apicultura, así como obradoiros para traballar co mel, a cera e outros produtos que se relacionan coas abellas. Tamén se poderán degustar, por suposto. Unha das mostras permitirá examinar unha colmea de vidro. Tamén haberá sorteo dunha cesta cargada de diferentes tipos de mel, para rematar a feira.

Máis información na oficina de turismo, no 981 76 77 35


Festa do Polbo: o sábado 14 de agosto en Porto do Son

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Comercio: axudas da Xunta para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos en Barbanza e Noia


Barbanza-Noia, 12 de agosto de 2010.-  Economía e Industria adxudicou unha partida global de 3,33 millóns de euros para dinamizar 15 Prazas de Abastos e 49 Centros Comerciais Abertos das catro provincias galegas ao abeiro das axudas establecidas no programa de subvencións destinadas a mellorar a competitividade destas organizacións comerciais.

A execución deste programa xunto coa recente habilitación da liña de adecuación e mellora dos equipamentos comerciais municipais (dotada con 7,4 millóns de euros) constitúen o primeiro paso para a posta en marcha da estrutura básica da re-Dic (Rede de Dinamización Comercial de Galicia) en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, todos os presidentes de asociacións comerciais beneficiadas polas axudas do Goberno galego e os xerentes dos CCA, incluídos na re-Dic, traballarán en colaboración coa Xunta, para facer chegar aos comercios locais toda a información e os apoios deseñados co fin de dinamizar a súa actividade.

Centros Comerciais Abertos

En concreto, esta orde fomenta a dinamización e rehabilitación dos centros comerciais abertos a través do apoio ao financiamento dos gastos das unidades xerenciais e do desenvolvemento de sistemas de fidelización mediante servizos para promover as vendas directas, fidelizar e atraer aos consumidores, así como favorecer a sinalización e a dinamización comercial.

Ademais, concédese especial importancia ás iniciativas de cara a mellorar a competitividade comercial a través do apoio a proxectos de creación ou posta en funcionamento e consolidación de centrais de compras e servizos; creación de redes de comunicación, e celebración de xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.

O centro comercial aberto de Noia é un dos beneficiados coas axudas

Os Centros Comerciais Abertos beneficiados nestas bisbarras son o de Noia, Rianxo, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.  

A Pobra do Caramiñal recibe dobre axuda: polo CCA e pola praza de abastos

Prazas de Abastos

Tamén se financia a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, que inclúe a promoción de instalacións e equipamentos e o apoio á contratación dun xerente para o desenvolvemento das tarefas de coordinación e orientación, ligadas a un proxecto de dinamización do mercado, función que poderá desempeñarse de xeito compartido entre varias prazas.

Neste programa de promoción das Prazas de Abastos vaise financiar a creación de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos aos clientes que supoñan unha vantaxe para estes, así como a sinalización e a dinamización comercial.

A única beneficiada nesta bisbarra de Barbanza é a de A Pobra do Caramiñal.

Por outra banda, cómpre sinalar a modificación dos criterios de valoración, feita co obxectivo de acadar unha maior obxectividade e fomentar a implementación da calidade no sector comercial. De xeito que se ten outorgado unha especial importancia nos criterios de avaliación ao emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en embalaxes ou bolsas, á adopción de medidas de redución de impacto ambiental e ao porcentaxe de establecementos, integrados nas diversas asociacións, que teñan implantada a norma UNE (175001-1) de calidade de servizos para o pequeno comercio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical