12.8.10

Comercio: axudas da Xunta para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos en Barbanza e Noia


Barbanza-Noia, 12 de agosto de 2010.-  Economía e Industria adxudicou unha partida global de 3,33 millóns de euros para dinamizar 15 Prazas de Abastos e 49 Centros Comerciais Abertos das catro provincias galegas ao abeiro das axudas establecidas no programa de subvencións destinadas a mellorar a competitividade destas organizacións comerciais.

A execución deste programa xunto coa recente habilitación da liña de adecuación e mellora dos equipamentos comerciais municipais (dotada con 7,4 millóns de euros) constitúen o primeiro paso para a posta en marcha da estrutura básica da re-Dic (Rede de Dinamización Comercial de Galicia) en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, todos os presidentes de asociacións comerciais beneficiadas polas axudas do Goberno galego e os xerentes dos CCA, incluídos na re-Dic, traballarán en colaboración coa Xunta, para facer chegar aos comercios locais toda a información e os apoios deseñados co fin de dinamizar a súa actividade.

Centros Comerciais Abertos

En concreto, esta orde fomenta a dinamización e rehabilitación dos centros comerciais abertos a través do apoio ao financiamento dos gastos das unidades xerenciais e do desenvolvemento de sistemas de fidelización mediante servizos para promover as vendas directas, fidelizar e atraer aos consumidores, así como favorecer a sinalización e a dinamización comercial.

Ademais, concédese especial importancia ás iniciativas de cara a mellorar a competitividade comercial a través do apoio a proxectos de creación ou posta en funcionamento e consolidación de centrais de compras e servizos; creación de redes de comunicación, e celebración de xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.

O centro comercial aberto de Noia é un dos beneficiados coas axudas

Os Centros Comerciais Abertos beneficiados nestas bisbarras son o de Noia, Rianxo, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.  

A Pobra do Caramiñal recibe dobre axuda: polo CCA e pola praza de abastos

Prazas de Abastos

Tamén se financia a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, que inclúe a promoción de instalacións e equipamentos e o apoio á contratación dun xerente para o desenvolvemento das tarefas de coordinación e orientación, ligadas a un proxecto de dinamización do mercado, función que poderá desempeñarse de xeito compartido entre varias prazas.

Neste programa de promoción das Prazas de Abastos vaise financiar a creación de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos aos clientes que supoñan unha vantaxe para estes, así como a sinalización e a dinamización comercial.

A única beneficiada nesta bisbarra de Barbanza é a de A Pobra do Caramiñal.

Por outra banda, cómpre sinalar a modificación dos criterios de valoración, feita co obxectivo de acadar unha maior obxectividade e fomentar a implementación da calidade no sector comercial. De xeito que se ten outorgado unha especial importancia nos criterios de avaliación ao emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en embalaxes ou bolsas, á adopción de medidas de redución de impacto ambiental e ao porcentaxe de establecementos, integrados nas diversas asociacións, que teñan implantada a norma UNE (175001-1) de calidade de servizos para o pequeno comercio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical