- Javier Rodríguez Vieites pregúntase se a Xunta "é indiferente ou é un castigo ao Concello"
- Sinala o retraso nas obras de reparación, que vai para dous anos, como "insostible, xa que ao deterioro do teatro hai que engadir que incluso está afectando a edificios anexos"
- Tanto o anterior conselleiro de Cultura, Roberto Varela, como o actual, Jesús Vázquez, ignoraron as peticións de entrevista para arranxar esta paralización
A última actuación no teatro noiés foi en tempos do goberno de Zapatero, co famoso Plan E (imaxe de novembro de 2010)
Noia, 24 de xaneiro de 2013. Segundo explica hoxe en nota de prensa o concelleiro de Cultura de Noia, Javier Rodríguez Vieites, "xa en reiteradas ocasións desde o Concello se ten alertado sobre os danos ocasionados no Teatro ao non teren comezado as obras comprometidas por parte da Xunta de Galicia. A Xunta, hai máis dun ano, convocara o concurso sendo a empresa NEOR
a encargada de executar as obras de restauración, obras que nunca deron comezado ao crebar a empresa adxudicataria, posteriormente os pasos serían, segundo información obtida, tramitar de novo a convocatoria e sacar a obra a concurso, cousa que son consciente que leva un tempo, pero…..A estas alturas o edificio Teatro “Coliseo Noela” está a notar o paso do tempo polo peche e polas filtracións ao que hai que engadir os danos colaterais nas casas colindantes".
Ignorado por dous conselleiros de Cultura
O concelleiro noiés engade que "como político e como cidadán considero que o equipamento cultural que facilitou e facilita a democratización da cultura precisa que todos miremos e coidemos deses tesouros que conforman o acervo cultural dun país. O político ten que preocuparse destes grandes e máxicos contenedores da cultura e responder con criterios de POLÍTICO –en maiúscula- e non con criterios ineficaces e partidistas". Para Rodríguez, "cando comento o de responder e actuar como POLÍTICO dígoo porque non recibín resposta ás miñas solicitudes de entrevista con dous conselleiros de Cultura, o anterior e o actual, coa finalidade de informarme dos plans que tiñan ao respecto. Despois disto que debo pensar: QUE SON INDIFERENTES? ou QUE É UN CASTIGO?".
Críticas ao PP local por "cómplices co seu silencio"
Javier Rodríguez considera que "namentres, o PP de Noia, que critica calquera atraso dun par de semanas das obras municipais, está a ser cómplice co seu silencio dos anos de atraso desta obra". Finalmente, o concelleiro de Cultura de Noia desexa que "dunha vez por todas, os responsables actúen como políticos preocupados polo noso, que é o de todos, e se comporten como servidores dos cidadáns, e non como alguén que non procura o ben da cidadanía e só se move por criterios partidistas".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia