20.1.11

Política: dous cargos socialistas da bisbarra de Noia colgan as súas nóminas nos seus respectivos blogs


José Manuel Lage
Noia, 20 de xaneiro de 2011. Fai o que digo pero non o que fago. Predican e non dan trigo. Estamos acostumados a aplicarlles estas frases feitas a políticos e relixiosos pero, nestes tempos de Internet a realidade pode estar a mudar. E esixencia de transparencia de cada vez máis cidadáns concienciados ás súas clases dirixentes está en alza. Aínda que a clase política en Galicia e en España en xeral está máis acostumada a darlle conta do que fai aos seus xefes -os que os poñen na lista electoral en moitas ocasións- que aos seus representados, algúns entre eles pensan que é tempo de trocar esa opacidade hacia os que pagamos os seus soldos.

O deputado socialista José Manuel Lage leva uns días falando no seu blog de transparencia. E hoxe deu exemplo: "Tal e como vos adiantaba onte, fago pública a miña nómina (os meus ingresos correntes) como deputado no Parlamento de Galicia. Non é unha obriga, é unha decisión libre, voluntaria e un paso máis de cara a facer máis transparente a actividade política".


Horas máis tarde, o alcalde de Noia, o tamén socialista Rafael García Guerrero, facía o mesmo no seu blog. Non sabemos se callará esta acción, nin se provocará os efectos desexados (unha maior confianza dos gobernados cos seus administradores eventuais) ou os contrarios (de desconfiar aínda máis, en plan "publica esa nómina, pero a saber a quen lle pon o cazo").

Rafael García Guerrero, alcalde de Noia

José Manuel Lage presentou xa unha iniciativa (aquí pódense ver completos os motivos e fundamentacións) no Parlamento de Galicia para que todos os galegos poidamos saber o que cobran os nosos políticos polo que fan, o patrimonio que teñen e, importantísimo, o patrimonio co que quedan ao saír do posto para o que o escollemos. Nesa iniciativa recóllense estes cinco puntos:

1.-Presentar, no prazo máximo de tres meses, un proxecto de lei que regule a Publicidade dos Bens, Rendas, Actividades e Intereses dos cargos públicos (Presidente/a; conselleiros/as; secretarios/as xerais/directores/as xerais) da Administracción Autonómica e das Sociedades, Empresas ou Entes dependentes da Xunta así como dos Deputados/as do Parlamento de Galicia.

2.-Incluir no citado proxecto a publicación anual no Diario Oficial de Galicia das correspondentes declaracións de bens, rentas, actividades e intereses, tal e como xa se fai noutras Comunidades Autónomas e tamén por parte do propio Goberno de España.

3.-En relación cos bens patrimoniais, publicarase unha declaración comprensiva da situación patrimonial dos altos cargos da administracción autonómica de xeito individualizado, pero omitíndose aqueles datos referentes á localización e salvagardando a privacidade e a seguridade dos seus titulares.

4.-Incluir no citado proxecto a obriga anual de facer públicos no Diario Oficial de Galicia, os bens, actividades, rentas e intereses dos altos cargos da Xunta de Galicia e dos/as deputados/as nos tres meses seguintes ao momento do seu nomeamento e tamén do seu cese, e igualmente durante os tres anos seguintes ao cese.

5.-Facilitar a tódolos cidadáns a través de internet o acceso aos datos de bens, rentas, actividades e intereses dos cargos públicos da Adminisracción Autonómica, coa obriga da súa actualización ao mesmo tempo que son publicadas as correspondentes declaracións anuais no Diario Oficial de Galicia, pero preservando aqueles datos referentes á localización e salvagardando a privacidade e a seguridade dos seus titulares.

Poñeranse as súas señorías a si mesmas estes axóuxeres? Ou seguiremos os cidadáns tratando de dilucidar quen é rato e quen é gato?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o PP asegura que o Concello perdeu 95.000 euros dunha subvención en Bexo por incumprir unha normativa

Dodro, 20 de xaneiro de 2011. O Partido Popular de Dodro asegura hoxe en nota de prensa que "a Consellería do Medio Rural anuloulle unha subvención de 95.000 euros ao Concello de Dodro por incumprir a normativa legal. Tal e como se pode comprobar, o BNG arranxou camiños da aldea de Bexo con cargo a outras subvencións da Deputación, a pesar de que xa tiña concedida a subvención de 95.000 euros da Consellería de Medio Rural. Esta subvención xa fora adxudicada á empresa TRAGSA e notificada ó Concello, a pesar do cal, o Bng de Dodro optou por empregar a financiación doutros plans da Deputación, e coñecía sobradamente que non se podía modificar o proxecto de inversión unha vez que xa fora adxudicada a obra".

268.000 euros perdidos por "tres anos de absoluta incompetencia"

Os populares conclúen que "a perda desta subvención de 95.000 euros súmase aos 83.000 euros que o organismo AGADER tamén lle anulou ó Concello de Dodro por non ter cumpridos os prazos para xustificar a inversión a pesar de concederlle unha prórroga de seis meses. Á parte, cabe recordar tamén que a Comunidade de Montes Balouta Fontecova pagou a iluminación do campo de fútbol cando a Deputación de A Coruña financiou esta obra a todos os Concellos da provincia ata un importe de 60.000 euros. E xa ultimamente, o Concello de Dodro non soubo xestionar os fondos do segundo PLAN E de Zapatero e perdéronse mais de 30.000 euros. En total suman xa 268.000 euros que o Concello de Dodro leva perdidos nestes últimos tres anos pola absoluta incompetencia do goberno PSOE-BNG, e que os propios veciños foron aportando co seu patrimonio a través das Comunidades de Montes".

Relacionada:


Bexo: os veciños fan pancartas de protesta polos camiños estragados

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: O Faiado 2 convídate a unha visita guiada ao Pazo de Goiáns o sábado 29 de xaneiro


Boiro, 20 de xaneiro de 2011. O Pazo de Goiáns é público. Ou así semella, pero chegas alí e a enorme porta enreixada ten un candado ben gordo e pechado. "Que este Pazo sexa un punto de encontro entre tódolos boirenses e que entre todos sexamos capaces de crear e recrear un futuro mellor. (...) A partir de hoxe este Pazo e de tódolos boirenses, coidémolo como se fose de cada un nós, porque o é", dicía o alcalde o día que se asinou a compraventa para o pobo de Boiro. Pero se non sabes que hai que pedir cita e agardar a que che abran, chegas alí e nada: como moito tiras algunha foto dende a cancela e ves por onde gabearon e se colaron outros máis ousados.
A oportunidade de visitalo ao dereito vén desta volta da activísima organización etnográfica O Faiado 2, que convoca a aqueles interesados en velo e saber ben polo miúdo a súa historia e o que se coceu neste Versalles do Barbanza para o vindeiro sábado 29 de xaneiro.
Os guías desta visita serán a mesma presidenta de O Faiado 2, María Luísa López, e o escritor e profesor Xulio Gutiérrez Roger. Terán que anotarse previamente nos medios indicados na invitación adxunta.

Antes publicamos:


Pazo de Goiáns: Patrimonio autoriza obras para 2011


Pazo de Goiáns: xa é público. Discurso do alcalde

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: a Xunta da o visto bo á ocupación de terreos para construír a primeira granxa mariña de abalón

Subliñan que a primeira planta acuícola de cría de orella de mar en España creará 54 empregos directos e uns 70 indirectos

Orella de mar (abalón, haliotis asinina). Disque o marisco máis caro do mundo. Foto Wikipedia

Muros-Noia, 20 de xaneiro de 2011. O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se declara a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución das obras do proxecto da granxa mariña e criadeiro de abalón (orella de mar) en Muros. A Consellería do Mar dá así un paso máis na execución do primeiro proxecto de acuicultura de nova creación desenvolvido e aprobado nos últimos 5 anos no marco do Plan Galego de Acuicultura.
Este proxecto xerará máis de 120 empregos, 54 directos e máis de 70 postos indirectos, correspondentes a actividades como o mantemento e a recolección e aprovisionamento de microalgas para alimentar as orellas de mar. A Consellería destina a esta granxa e criadeiro de Muros un total de 3.503.250,59 euros, a través das axudas destinadas ao ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca.

Este proxecto, sempre segundo a Xunta,  "responde a unha iniciativa agardada na zona que suporá unha importante dinamización económica nesta comarca e nas adxacentes. Ademais contribuirá a asentar as bases dunha novidade para a
acuicultura galega, a do cultivo de gasterópodos mariños, reforzando o proceso produtivo do sector da acuicultura galega e impulsando o I+D+i. Por outra banda, a actividade da granxa contribuirá a reforzar o comercio exterior acuícola de Galicia, xa
que o cultivo do abalón se destinará á exportación.

Aínda que na maioría dos casos a empresa chegou a acordo cos propietarios dos terreos cos que negociou directamente tal e como posibilita o Plan galego de acuicultura, no procedemento de expropiación vense afectadas 86 parcelas e no 98% dos casos a expropiación afecta unicamente á cabeceira dos predios. Deste xeito, cúmprese coa modificación realizada ao plan a principios de 2010, que establece a expropiación coma un método posible de adquisición de terreos, pero non como o único xeito de adquirilos, permitindo que as empresas do sector acuícola poidan converterse en propietarias dos terreos como garantía do seu investimento. Este proxecto enmárcase nas directrices da Consellería do Mar de crear espazos no litoral galego para actividades de acuicultura que regulen o crecemento da acuicultura mariña na terra atendendo ao criterio de equilibrio económico, social e ambiental. Cabe lembrar que a concesión da axuda de máis de 3,5 millóns de euros á empresa promotora do proxecto, Galician Marine Acuiculture S.L., aprobada en novembro de 2009, supuxo o desbloqueo da acuicultura en Galicia.

Algúns datos

Galician Marine Aquaculture, S.L. é unha empresa calificada como IEBT (Iniciativa de Base Tecnolóxica) e gañou o primeiro premio do III Concurso de Iniciativas Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela en Fase Proxectos de Base Tecnolóxica. Iniciou a súa actividade en xaneiro de 2004. O grupo promotor e os socios fundadores da empresa está formado por catro profesionais: un doutor en Bioloxía, un licenciado en Bioloxía, un enxeñeiro en Acuicultura e outro en Química.

Previsións: 10 millóns de euros en 2019

A empresa explotadora desta planta en Muros será a primeira en Europa de cultivo de abalón por volume de produción, mediante instalacións emprazadas en terra, de abalón xaponés (Haliotis discus hannai) e abalón europeo (H. tuberculata). O seu obxectivo é acadar unha produción total ao décimo ano de 350 toneladas/ano de abalón (90 % de abalón xaponés –Haliotis discus hannai– e 10% de –abalón europeo– H. tuberculata), con miras postas en tan só o 1% da cota de mercado internacional, en volume de produción, cunha cifra de negocio estimada para o exercicio 2019 duns 10,7 millóns de euros, segundo contaba Óscar Santamaría, o diretor xeral desta empresa, nunha entrevista concedida ao Observatorio Bioemprende.

u oreja de mar, molusco gasterópodo altamente demandado por el mercado asiático. Actualmente, la compañía está tramitando los permisos y autorizaciones pertinentes para construir su planta de cultivo en una parcela de más de 25.000 m 2 cercana a la ciudad de Muros.
El objetivo de la compañía a medio plazo es consolidar su presencia en un nuevo sector productivo y contribuir a la diversificación de la acuicultura regional y nacional, y a largo plazo, posicionarse como líder europeo en volumen de producción de abalón y punto de referencia de esta actividad en España.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Pesca e Mar: o Psoe denuncia que a Consellería de Mar non executou 53 millóns de euros

Marisol Soneira, portavoz de Pesca do PSdeG, di que isto "evidencia o fracaso, a incapacidade e a falta de liderado" da conselleira e que hai "toda unha marxe de ineficiencia entre a propaganda oficial e a realidade, así como unha irresponsabilidade gravísima na actual coxuntura económica e laboral". O remanente de crédito sen executar máis grande, 31 millóns de euros, é o referido a acuicultura

Barbanza-Noia, 20 de xaneiro de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou hoxe que rexistrou varias iniciativas parlamentarias para reclamar explicacións á Conselleira do Mar pola a tramitación dunha baixa de crédito por importe de 53.496.513,53€ de distintas aplicacións orzamentarias correspondentes ao Fondo Europeo da Pesca (FEP) e Transferencias finalistas do Estado. Replica que a baixa deste volume de crédito é a certificación do fracaso, da incapacidade e da falta de liderado social. Todo iso nun contexto de crise económica e cuns fondos que teñen data de caducidade. 

A deputada socialista afirma que esta petición evidencia o recoñecemento da incapacidade de xestionar a cuarta parte do orzamento da Consellería do Mar para o exercicio de 2010 . Subliña que entre a propaganda oficial e a realidade existe toda unha marxe de ineficiencia,  e de irresponsabilidade gravísima na actual conxuntura económica e laboral. 

Na iniciativa rexistrada a portavoz de Pesca relata que a proba máis evidente desa irresponsabilidade é a argumentación pola que a Consellería do Mar solicita da Consellería de Facenda unha baixa desta dimensión. Así, no escrito dirixido o departamento da Sra. Currás, dise literalmente nalgún dos apartados: 

Medida 3.5 de Operación piloto (1.100.000), unha vez atendidas as convocatorias para o presente exercicio se prevén remanentes que non se utilizarán... 

Medida 2.1 Acuicultura (31.395.000,00) Existen remanentes de crédito de exercicios anteriores que se veñen incorporando, a execución orzamentaria é baixa debido a non estar posto en marcha o Plan de Acuicultura ao que se engade o que as grandes empresas non podan acceder ás axudas, o que provoca a existencia de remanentes que se propón dar de baixa... 

Medida 3.1 Accións colectivas (5.500.548,58) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non se prevén executar polo que se solicita a súa baixa... 

Medida 3.2 Protección da flora e fauna acuática (542.163,95) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non  se prevén executar polo que se solicita a súa baixa... 

Medida 3.3 equipamento portos pesqueiros (3.355.000,00), para executar estes créditos resulta preciso contar con proxectos encadrados nun plano de actuacións en portos que se está a elaborar, polo que é imposible executar a totalidade, propoñendo a baixa indicada... 

Medida 4.1 Desenvolvemento sustentable de zonas pesqueiras (8.172.071,01), unha vez cifrados os compromisos derivados da orde de convocatoria para este exercicio se prevé a existencia de remanentes que non se utilizarán e que se propón dar de baixa.


Con estes argumentos Soneira advirte que a Consellería do Mar recoñece que non é capaz de animar o sector a presentar proxectos piloto que aproveiten todas as posibilidades que o financiamento europeo e do Estado lle ofrecen. Denuncia que o Plan de acuicultura está paralizado xa que non é capaz de dinamizar o sector para que presenten proxectos colectivos, explica que para a Consellería a protección da flora e da fauna están a marxe das súas preocupacións. Replica que a Conselleira desprezan os proxectos herdados do Goberno anterior para investir nos portos galegos, e son incapaces de elaborar outros alternativos. 

A deputada socialista rexistrou unha interpelación e unha pregunta para coñecer; 

1.ª) Que razóns obxectivas levaron á Consellería do Mar a solicitar a baixa dunha cuarta parte do orzamento de 2010 cando a situación económica e laboral de Galicia, e máis concretamente do sector pesqueiro e marisqueiro, é  a que todos coñecemos? 

2.ª) Cando ten previsto a Consellería do Mar abordar o Plan de acuicultura de Galicia e animar ás empresas a investir neste sector? 

3.ª) Que medidas ten posto en marcha a Consellería do Mar para animar, incentivar e favorecer a presentación de proxectos colectivos que permitan o desenvolvemento económico e laboral das nosas comarcas costeiras? 

4.ª) Considera a Consellería do Mar que a flora e a  fauna mariñas non merecen ningunha protección? 

5.ª) Como é posible que Portos de Galicia careza de proxectos onde investir os recursos orzamentados?


6.ª) Como é posible que se dean de baixa oito millóns de euros para o desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras cando a Consellería do Mar está reducindo á metade as subvencións aprobadas polos GAC para proxectos produtivos? 

7.ª) É consciente a Sra. Conselleira de que nos estamos a xogar, posiblemente, os últimos fondos procedentes da UE para modernizar o noso sector pesqueiro e marisqueiro?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: abren o prazo para anotarse aos cursos de galego para adultos

Ribeira, 20 de xaneiro de 2011. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello abre, ata o día 28 de febreiro, o prazo de inscrición para asistir aos cursos de galego para adultos, CELGA 2, 3 e 4. 

Nestes grupos obterán formación gratuíta en lingua galega, dirixida á preparación das probas de nivel CELGA 2, 3 e 4 promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

A data prevista de comezo dos cursos é o día 4 de abril. Impartiranse en horario de 20.30 a 22.30 h de luns a xoves, ata completar as 75 horas lectivas de duración. 

Ao longo de 2009 e 2010 formáronse en Ribeira máis de 100 persoas, cun elevado nivel de aprobados nos diferentes niveis do Certificado de Lingua Galega. A liña ascendente no interese por obter unha maior e mellor formación en galego, pasa por diferentes perfís: nais e pais de familia que queren mellorar o seu nivel de lingua para axudar aos seus nenos e nenas na escola; adultos que non tiveron formación en lingua galega na escola; persoas de orixe non galega que teñen interese e necesidade de aprender a falar e escribir en galego; estudantes que queren mellorar os seus currículos coa obtención da titulación CELGA...  

Para realizar a inscrición e obter máis información as persoas interesadas pódense dirixir ao Servizo de Normalización Lingüística, na casa consistorial de 9 a 14 h de luns a venres, ou mediante un correo electrónico normalizacion@riveira.com


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Bng pide cambio de data do pleno para secundar a folga xeral do 27 de xaneiro


A última folga xeral tivo lugar o 29 de setembro de 2010, hai nada

A Pobra do Caramiñal, 20 de xaneiro de 2011. O grupo municipal do Bng na Pobra vén de presentar un escrito no que solicita o cambio de data do pleno ordinario deste mes, que é o xoves 27 de xaneiro, por coincidir coa data sinalada pola Confederación Intersindical Galega para levar a cabo en Galicia unha folga xeral polo "pensionazo".
O escrito íntegro:

"O Goberno do Estado ten anunciado que presentará a finais de xaneiro unha  reforma do sistema público de pensións. Entre outras modificacións, propón aumentar a idade legal de xubilación aos 67 anos e ampliar de 15 a 20 o número de anos de cálculo para a contía das pensións.

      Estas medidas súmanse á reforma laboral levada a cabo o pasado 2010, ao recorte dos 426 euros para todas aquelas persoas ás que se lle agote a prestación por desemprego e ademais, no noso país, á conxelación para 2011, por parte da Xunta de Galiza, da RISGA e das Axudas de Emerxencia Social, última esperanza de obter un ingreso para moitos galegos e galegas que carecen de calquera outro apoio.

      Máis unha vez, Galiza será castigada especialmente por esta ofensiva antisocial xa que a pensión media dos galegos e galegas non chega aos 730 euros e o aumento da idade de xubilación suporá o bloqueo do acceso da mocidade ao mercado laboral incrementando o paro xuvenil que nestes momentos sitúase xa nun escandaloso 34,6%. 

      Neste contexto, a Confederación Intersindical Galega (CIG) ven de convocar unha xornada de folga para o vindeiro xoves, 27 de xaneiro contra unha reforma totalmente inxusta e que afectará gravemente aos máis desprotexidos.

     O BNG considera que este ataque aos dereitos dos traballadores e traballadoras, que non ten precedentes nos últimos 40 anos, require de respostas de rexeitamento e de mobilización e, en coherencia, apoia a convocatoria de folga xeral do día 27 por iso, ao coincidir coa data fixada para o Pleno ordinario do mes de xaneiro,

     SOLICÍTALLE o cambio de data do mesmo para contribuír a facilitar o exercicio da folga a todos e todas aquelas que a queiran secundar".
A Pobra do Caramiñal, 20 de xaneiro de 2011.

     Asdo.: Rosana Pérez Fernández, Concelleira e portavoz do G. M. do BNG. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o sábado 5 de febreiro comeza o acondicionamento do petróglifo Bouza-Abadín

O Concello de Dodro inicia así un proxecto arquolóxico de limpeza deste petróglifo situado en Imo (San Xoán de Laíño)

Dodro, 20 de xaneiro de 2011. A concellaría de Cultura e Patrimonio, a iniciativa do concelleiro nacionalista Abel Tarrío, e en colaboración coa Comunidade de Montes da Cruz do Avelán, vai comezar o próximo sábado 5 de febreiro os traballos de limpeza e acondicionamento do xacemento arqueolóxico de Bouza-Abadín (estación rupestre con gravados na rocha da Idade do Bronce), localizado no lugar de Imo,
parroquia de San Xoán de Laíño.

Co fin de concienciar sobre o valor deste patrimonio e implicar á poboación local no coidado do mesmo, estes traballos vanse facer con persoas voluntarias, baixo o control e a dirección da arqueóloga Beatriz Pereiras. O horario de traballo será de 10:00 a 18:30, con parada para comer ao mediodía. De non rematarse os traballos no día, convocarase ás persoas voluntarias outro sábado do mes (a convir) para
finalizalos.


As persoas interesadas en participar nestes traballos de coñecemento e coidado do patrimonio pétreo galego poderán apuntarse na Casa da Cultura do Concello de Dodro (Tallós, nº 28, S, Xián de Laíño) ou chamando ao teléfono 981802472. A persoa de contacto é a mesma arqueóloga citada, Beatriz Pereiras.

Os interesados deberán presentarse diante do local sociocultural de Imo (antiga escola unitaria) as 9:30 da mañá do sábado 5 de febreiro, momento no que se procederá a dar unha breve explicación e indicacións, por parte da arqueóloga directora, dos traballos a desenvolver.

Para o traballo haberá que levar fouciños -para toxo a poder ser-

Pídese ás persoas que vaian participar neste proxecto que veñan equipadas, na medida do posible, co seguinte material:
– fouces ou fouciños
– tesoiras de podar
– rastrillos
– sachos
– luvas de traballo
– roupa de traballo
– roupa de augas
– botas de seguridade

Calquera dúbida que teñan as persoas voluntarias será resolta na dirección e teléfono antes sinalados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical