25.10.10

Ribeira: cambiou a directiva da Adoración Nocturna

Ribeira, 25 de outubro de 2010. A sección de Ribeira da Adoración Nocturna celebrou reunión da súa xunta directiva o pasado 20 de outubro, segundo nos informou o seu secretario, José Manuel Pena. Nela tomaron posesión os novos cargos directivos. A presidenta é agora María Lourdes Álvarez Pena,
o vicepresidente Edmundo Martínez Muñiz; exerce como secretario José Manuel Pena Sampedro. Son bandeiristas María Manuela Maneiro e Matilde Fernández. Como tesoureira queda Ángeles Martínez Parada, e vicetesoureira Cecilia Ferreiro Mato. Como vogais, Eugenia García Casais, Emilia Mosquera, María Teresa Ventoso, María Jesús Domínguez Pena e Mari Paz Gago Paz.
Outro dos cambios acordados nesa asamblea foi o cambio de titularidade da conta corrente da sección ribeirense da Adoración Nocturna, para poder incluir os nomes da presidenta nova e da tesoureira.

Download now or preview on posterous
LOURDES.doc (22 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Sálvora, lanzado, lidera competicións infantiles, alevíns e benxamíns

Ribeira, 25 de outubro de 2010. Diversas categorías de fútbol desta bisbarra van encabezadas polo do club ribeirense Sálvora, que está obtendo moi bos, e ás veces incluso abultados, resultados. En concreto son as categorías base do Sálvora C.F as que lideran as competicións de infantís, alevíns e benxamíns tra-los resultados obtidos este fin de semana. A táboa quedou así:

GRUPO 4º  ALEVÍNS  
 
X.AGUIÑO B 3 - SÁLVORA A 5

XUÑO 0 - SÁLVORA B 40

ATL RIVEIRA B 1 - SÁLVORA C 10 
 
GRUPO 5º BENXAMÍNS 
 
SÁLVORA A 5 - SPORTING LAMPÓN 1

ATL RIVEIRA B 0 - SÁLVORA B  

SEGUNDA AUTONÓMICA INFANTIS GRUPO 8º 
 
XUÑO 0 - SÁLVORA 14

      Na categoría alevín, dentro do Grupo 4º da Delegación de Santiago, ó Sálvora B encabeza a clasificación tras catro encontros disputados con 12 puntos e 82 goles a favor e ningún en contra. Esta semana lograron un resultado de 0-40 diante da SD Xuño. 

      Na categoría benxamín, no grupo 5º da Delegación de Santiago,e tras catro xornadas o Sálvora A tras gañar 5-1 ó Sporting Lampón tamén lidera a tabla clasificatoria. 

      Dentro da Segunda autonómica de infantís, no Grupo 8º, o Sálvora grazas a goleada colleitada en Xuño de 0-14 na primeira xornada de competición tamén alcanzou o liderato.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Banda deseñada: o brionense e medio boirense Brais Rodríguez Verde, gañador do VI premio "Castelao" de banda deseñada con "A man do diaño"


O premio, convocado pola Deputación da Coruña, está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora

Boiro, 25 de outubro de 2010. O debuxante Brais Rodríguez Verde (Brión, 1980), é o gañador da VI edición do premio de banda deseñada “Castelao”, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. O fallo foi feito público esta mañá polo presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, durante unha rolda de prensa que contou tamén coa asistencia do comisario do certame, Miguelanxo Prado, da deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño, e dos integrantes do xurado, que seleccionou por unanimidade a obra A man do diaño, de Brais Rodríguez, da que destacou que “a partir dunha anécdota sinxela constrúe, nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”.

Brais Rodríguez , nado en 1980 en Brión e criado en Boiro, Brais Rodríguez Verde é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta xa, pese á súa xuventude, cunha dilatada traxectoria de premios entre os que se conta o primeiro premio de banda deseñada do certame GZ-Crea en 2009, ou o primeiro premio do certame de banda deseñada de Cangas do Morrazo (2005).

Salvador Fernández Moreda afirmou que, coa convocatoria deste galardón, a Deputación da Coruña quere “promover a aparición de novos valores no ámbito da banda deseñada, xente que nun futuro poida ser para o cómic galego o que hoxe é Miguelanxo Prado”, e destacou que os gañadores deste premio en anteriores edicións como David Rubín, Antonio Seijas, Jacobo Fernández Serrano ou Mariano Casas, contan hoxe cunha importante proxección no ámbito do cómic galego.

Pola súa banda, Miguelanxo Prado subscribiu as verbas de Fernández Moreda e apuntou que o gañador da anterior edición do certame, Daniel Montero Coira, participará o vindeiro mes de xuño no I salón de banda deseñada de Munich, motivo polo que expresou a súa satisfacción, xa que o premio Castelao “non busca só o efecto directo de premiar a una obra e un autor concreto, senón que se produza como efecto secundario promover a banda deseñada galega en xeral”.

Segundo explicou o comisario do certame, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”.

Autorretrato de Brais Rodríguez Verde

Cofundador do fanzine "Carne líquida", Brais Rodríguez é un dos autores fixos da revista "Barsowia" desde o seu primeiro número e o autor individual con maior volume de obra presente no tomo colectivo "Barsowia en llamas". Tamén foi un dos nomes ineludibles do "Fanzine Enfermo", e contribuíu á revista "Dos veces breve" (especial underground), ao álbum colectivo "H2Oil", así como ao web www.chapapote.org do Colectivo Chapapote. Historietas súas viron a luz nos compilatorios do principal concurso galego de BD nos anos 1999 e 2003. Ademais, ten sido merecedor de recoñecementos como pintor, participando en diversos certames. É membro do colectivo Leña Verde, de Boiro, dende a súa fundación.

En Certo non somos alleos ás súas andanzas, e levamos seguíndoo dende a nosa fundación. Hai unha entrevista del aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o novo obradoiro de emprego, que levará o nome de "Airoas", acaba de ser concedido pola Xunta


O último obradoiro de emprego chamábase "Illote Noro II"

Ribeira, 25 de outubro de 2010. A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vén de informar favorablemente sobre a celebración en Ribeira dun novo obradoiro de emprego, destinado á formación teórico-práctica de persoas maiores de 25 anos con dificultades de inserción laboral. 

Nesta ocasión (e proseguindo coa política de adoptar nomes relacionados coa toponimia náutica riveirense), denominarase “Airoas” ao obradoiro (os anteriores chamáronse “Illa de Sagres”, “Illote Noro” e “Illote Noro 2”). A escola formará a un total de 35 persoas nalgunha destas tres especialidades: carpintería, xardinería ou pavimentación con lastros. 


Melloras en San Roque

O Concello pretende seguir aproveitando a oportunidade desta iniciativa para seguir facendo melloras no municipio e, unha vez máis, incidirase especialmente na adecuación do Parque Periurbano de San Roque.  

Así, entre as actuacións que se contemplan figuran o adoquinado da zona de acceso a San Roque dende a estrada de Frións, a execución da segunda fase da pavimentación do camiño que enlaza o parque coa cidade riveirense dende a zona dos Xulgados e a realización dun aparcamento e dunha zona axardinada no recinto, ademais doutros traballos como a confección de mobiliario urbano e de equipamento municipal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Literatura: a terceira edición do certame de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira" está a ser divulgada de xeito masivo

O prazo de admisión de orixinais remata o 23 de marzo de 2011
Ribeira, 25 de outubro de 2010. A Concellería de Cultura e Festexos convocou en xuño deste ano e xa está divulgando a terceira edición do Concurso Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Ribeira 2010-2012”. Trátase dun certame de frecuencia bienal co que se pretende potenciar e apoiar a literatura en lingua galega co gallo de conmemorar a concesión do título de Cidade a Santa Uxía o 23 de marzo de 1906. 

Así, a Área Municipal de Cultura efectuou este mes un envío de carteis e dípticos a máis de 300 lugares de Galicia e do exterior, ademais dun mailing masivo, co obxectivo de informar sobre as bases do certame, que nas súas dúas anteriores edicións foi gañado por Begoña Paz Rey, con “As mellores intencións”, e por Ignacio Silva con “Vertixes”. Ambas obras están publicadas pola editorial Xerais. 

Poderán concorrer ao concurso todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, cun único traballo en lingua galega normativa de temática libre, orixinal e inédito. A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 120.000 caracteres, presentarase por quintuplicado en exemplares separados. 

O prazo de admisión de orixinais rematará o 23 de marzo de 2011, aniversario da concesión do título de Cidade. 

Premio único de 3.000 euros

Establécese un primeiro e único premio de 3.000 euros, diploma conmemorativo da obra e publicación que será realizada por Edicións Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. 

Máis información no Auditorio Municipal (teléfono: 981 835 650, e-mail: culturaefestexos@riveira.com)

Antes publicamos:

Convocada a terceira edición do premio de novela de Ribeira

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o mago Cayetano Lledó estivo actuando na Paxareira para un cento de persoas

</object>

Dodro, 25 de outubro de 2010. O pasado sábado, 23 de outubro, tivo lugar  a presentación do espectáculo "Máxico Circus Cabaret", do mago Cayetano Lledó. Arredor dun cento de persoas acudiron a contemplalo no local da Paxareira. O departamento encargado da organización do acto foi a Concellería de Cultura, e o seu novo responsable, Abel Tarrío,  tamén asistiu.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng lamenta que o Museo do Mar volte a pechar nos horarios máis turísticos

Rianxo, 25 de outubro de 2010. Os nacionalistas de Rianxo emitiron unha nota de prensa na que se laian de que o Museo do Mar de Rianxo (o único destas características aínda en Barbanza e Noia) volte a reducir os seus horarios nos momentos en que máis afluencia de turistas pode haber. "Cando se poñen en marcha as estancias literarias promovidas pola mancomunidade Arousa Norte onde un mariñeiro das ilustracións de Castelao acompaña aos turistas pola vila os domingos o Museo do Mar permanece pechado", explican. "Supoñemos que finalizada alguha subvención o executivo de Rianxo é incapaz de manter uns horarios axeitados para manter aberto o que alcumaron de buque insignia do proxecto "Rianxo, o mar feito tradición" e que semella ter numerosas fendas no seu casco, entre eles a falta de persoal para atendelo e a falta de vontade política para constituír un Padroado que nunca se reuniu e botar abaixo a cacarexada e publicitada entente co Museo do Pobo Galego", apuntan.


O Bng xa denunciara os horarios de apertura en 2008

Progresivamente, despois da súa apertura, o Museo do Mar foi reducindo o horario de apertura axustándose ao das oficinas municipais en horario de mañá.  "Evidentemente atraer o turismo pechando polas tardes, fins de semana e festivos non semella ser o camiño máis acertado para potencialo", salientan dende o Bng.

"Cando se proclama o turismo como un dos motores económicos desta bisbarra e deste concello en particular, é cando menos cuestionábel que un dos atractivos nos que se investiron notábeis recursos económicos estea nunha situación de atención baixo mínimos, atendido unicamente en horario de oficina polos técnicos de turismo pero pechado cando o turista ou o veciño de Rianxo dispón de tempo libre para acudir", engaden.

Proposta: voluntariado entre os mariñeiros e mariscadoras xubiladas

O BNG de Rianxo proporá se abra unha liña de voluntariado entre os xubilados do mar rianxeiros para que complementen os horarios dos traballadores e ofrezan a súa experiencia mariñeira para a mellor guía dos visitantes do Museo do Mar. "Que mellor explicación dos contidos que escoitar in situ a algún mariñeiro ou mariscadora dar conta da súa vida de traballos no mar e presentarnos os seus trebellos! Pero de ningún xeito isto pode ir en detrimento da necesidade primaria de dotar de persoal suficiente ao Museo do Mar. Cada quen ten o seu papel e eles, os xubilados ou o voluntariado non van solucionar a falta de xestión en temas de persoal do executivo rianxeiro", conclúe o Bng.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical