24.3.11

Noia: aprobada a Declaración de Impacto Ambiental que permitirá retirar a escolleira e rexenerar a Ría

Noia_dia_escollera

Noia, 24 de marzo de 2011. Un dos capítulos máis longos e xa case aborrecidos da política noiesa parece estar a chegar á súa fin. O director xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar (Ministerio de Medio Rural e Medio Mariño), Pedro Antonio Ríos, o delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, e o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, anunciaron esta tarde a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental que permitirá retirar toda a escolleira e rexenerar parte da Ría de Muros e Noia.
Segundo explicaron, o inicio das obras é xa para o mes vindeiro, abril, e mesmo Pedro Antonio Ríos chegou concretar que os traballos darán comezo "antes de los tambores de Semana Santa", ou sexa antes do 22 de abril, cando os tambores resoan na procesión do Encontro noiesa.

O que se vai facer

Na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) sinálase que se van eliminar as escolleiras de encauzamento actuais, dragar para limpar o fondo mariño preto da escolleira e retirar os cascallos que quedan nas zonas da Chaínza e Testal.

O volume total de demolición das escolleiras é de case 50.000 metros cúbicos, ao que hai que sumar os case 4.000 de recheos existentes. Para derrubar as escolleiras hai que facer dous camiños de acceso provisionais de cinco metros de ancho cada un. Irán desaparecendo conforme se vaia retirando o material de derrubo. Os traballos efectuaranse sobre unha franxa de uns 400 metros cadrados enfronte do paseo marítimo de Noia. Optouse por traballos en seco fronte a acometementos mariños para que as augas non se poñan turbias e poidan danar zonas adxacentes. Os traballos non se farán en ningún momento con máis de 20 centímetros de auga.

Coordinación co viaduto sobre a Ría

Os traballos e a maquinaria van ser coordinados de xeito que se aproveiten tamén para a obra do viaduto sobre a Ría, incluída na solución da nova variante de Noia, a executar pola Xunta de Galicia. En todo momento haberá controis para ver a evolución da dinámica do litoral, control sobre a calidade das augas, sobre a fauna, recursos marisqueiros e mesmo control arqueolóxico, por se aparecera algún vestixio de importancia, aínda que se coida que non, pois a operación é moi superficial.

Antes publicamos:


Política: o Bng di que sacar a escolleira é "unha operación estética"


Rexeneración da Ría: máis preto, trala reversión de 224.000 m2


Limpeza da Ría: lea no Parlamento sobre 400 hectáreas de lama

Versión Bng

Versión PSdeG


Escolleira: Adega fala de chafallada administrativa

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: inauguran as obras da Casa da Xuventude, que se integra na rede territorial "Espazo Xove"

A noiesa é unha das primeiras casas da xuventude galega reformadas, cun investimento de 115.000 euros. Na inauguración estiveron representantes de todos os grupos políticos que agora conforman a Corporación. No centro haberá espazos específicos de vivenda, fomento do espírito emprendedor e difusión de recursos en materia laboral, ao tempo que prestará asesoramento nas temáticas relacionadas co servizo Quérote +

Noia, 24 de marzo de 2010.- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a reforma da Casa da Xuventude de Noia, que prestará a partir de agora máis servizos á mocidade da comarca. Esta obra, na que se investiron preto de 115.000 euros, responde á integración destas instalacións na rede territorial de centros “Espazo Xove”. A remodelación que se levou acabo foi integral, xa que contaba cunha infraestrutura de máis de 20 anos.

Para coñecer o resultado destas obras, Rodeiro Tato desprazouse hoxe ata as súas instalacións. Durante a súa visita, destacou que a de Noia foi unha “das primeiras obras de casas da Xuventude que a Consellería abordou en Galicia, xunto coa de Betanzos, Pontedeume, Lalín e Curtis”. Para a modernización de todos estes centros no seu conxunto, o Goberno galego destinou uns 514.000.

Grazas a este remodelación do centro, os mozos e mozas de Noia e a súa comarca contarán a partir de agora con mellores e máis modernos recursos. De feito, un dos principais obxectivos da creación desta rede de “Espazo xove” é ofrecer nos centros temáticas transversais dentro dunha mesma área xeográfica, de xeito que se amplía o carácter máis local que tiñan ata agora as casas da xuventude.

De feito, para afondar neste liña, os centros desta rede, no que se inclúe Noia, coordinaranse cos distintos concellos do seu territorio, incrementando así a súa colaboración coas entidades locais, e coas entidades xuvenís de cada zona. Ademais, a rede territorial contará co apoio dun equipo de dinamizadores encargado de contactar co colectivo xuvenil.

No que se refire propiamente á organización deste centros, o director xeral de Xuventude salientou que todos eles contarán con espazos específicos destinados á vivenda, ao fomento do espírito emprendedor e á difusión de recursos en materia laboral. Tamén prestarán asesoramento nas temáticas relacionadas co servizo Quérote +, un abano de asuntos que o Goberno galego ten aumentado e que agora abrangue tamén, entre outros temas, trastornos alimenticios, sexualidade, saúde e drogas e condución responsable.

Ademais, estes centros servirán tamén de espazos de encontro, creatividade e formación a través de vías non formais. Así, a xuventude galega disporá nesta rede de salas de exposicións e zonas para actividades formativas.

O responsable da área autonómica apuntou que a reformulación destes centros de xuventude busca “respostar ás novas inquedanzas da xuventude galega, actualizar a nosa oferta de cara eles e, moi importante, escoitar cales son as demandas dos propios mozos e mozas para poder satisfacer as súas necesidades”.

Encontro territorial

Ademais de visitar as novas instalacións, o director xeral de Xuventude presidiu o encontro territorial de informadores xuvenís.

Rodeiro explicou que este novo modelo de encontros cos técnicos das Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) permite traballar en “grupos pequenos” que favorecen unha “maior participación”, así como promove a posibilidade de debater os problemas máis próximos á realidade dos participantes. Ata o de agora, os encontros que se viñan mantendo eran de carácter provincial.

Durante a xuntanza, os responsables da área autonómica de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, deron a coñecer a “Estratexia de Xuventude 2013”. Trátase dun documento de utilidade, que debe servir como referencia para o traballo diario dos informadores e que define o programa a seguir en materia de mocidade durante os próximos catro anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcaldable polo PP organiza novos encontros preelectorais este sábado 26

Dúas horas de cultura e lecer con Manolo Ruiz.doc Download this file

Media_httpfarm6static_pdkje

Acto de precampaña do PP de Ribeira que se titulou "Manuel Ruiz está en forma"

Ribeira, 24 de marzo de 2011. Baixo a denominación “Dúas horas de cultura e lecer con Manolo Ruiz”, os encontros do candidato polo Partido Popular á alcaldía de Ribeira recalan de novo esta fin de semana en Santa Uxía.  Haberá outro encontro para que os veciños e veciñas da cidade teñan oportunidade de expoñerlle aquelas inquedanzas, suxestións e ideas en xeral que consideren beneficiosas para a mellora do concello. A cita está programada para de 18 a 20 horas no parque García Bayón.

Media_httpfarm4static_ajexh

Parque García Bayón

Por outra parte, o acto contará con actividades de índole lúdico e cultural especialmente pensadas para os máis pequenos: haberá monicreques, paiasos, obradoiro de regalos, maquillaxe ou globlofexia.

"Este tipo de encontros están sendo moi ben recibidos polos veciños, pois danlles oportunidade de poder charlar cara a cara co candidato Manuel Ruiz acerca daquelas cuestións que máis lles importan. Así se puxo de releve nas dúas xuntanzas acontecidas a pasada fin de semana, que reuniron a máis de medio millar de persoas entre Palmeira e Carreira e se abordaron temas como o deslinde en Areeiros e Palmeira Norte, as posibilidades construtivas nos núcleos afectados polo parque natural ou a mellora dos paseos e pasarelas do litoral ribeirense", explica o gabinete de prensa do PP local.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 300 escolares festexan no parque dunar o Día da Árbore este venres 25

Media_httpfarm4static_ggete

Ribeira, 24 de marzo de 2011. Máis de 300 alumnos de 3º e 4º de Primaria pertencentes aos centros de ensino de Ribeira e á asociación Ambar participarán mañá venres, día 25 de marzo, na programación organizada polo Concello con motivo do Día da Árbore. O programa de educación e sensibilización ambiental que poñen en marcha a este respecto as Áreas Municipais de Medio Ambiente e Educación recollerá distintas actividades formativas e recreativas que se levarán a cabo no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, contando coa colaboración da directiva do parque. 

Entre as autoridades que está previsto acudan ao evento figuran, ademais do alcalde e as concelleiras competentes, o xefe de servizo de Conservación de Natureza, Carlos Muñoz; e a directora do parque, África Núñez. 

Media_httpfarm4static_sdgfd

Programa previsto:

       10.30.- Recollida de alumnos/as e profesores/as por monitores/as nos distintos centros, e traslado en autobús ao parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan. 

   11.00.- Recepción de alumnos/as e profesores/as no CIELGA polas distintas autoridades e técnicos, e realización de actividades guiadas polos/as monitores/as:

    • Plantación de especies autóctonas no Parque Dunar do Vilar.
    • Charla no salón de actos sobre o Parque Natural e as súas especies.
    • Actividades medioambientais cos monitores/as.

      14.00.- Comida. 

      15.00.- Xogos de natureza para os rapaces cos monitores/as. 

      16.30.- Fin da celebración do “Día da Árbore” e regreso nos autobuses aos respectivos Colexios dende o Parque Dunar do Vilar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcalde e o presidente a Autoridade Portuaria de Vilagarcía abordaron a colocación dunha nova baliza en Centoleiras

Tamén falaron na súa reunión do arranxo do entorno do faro de Corrubedo

Ribeira, 24 de marzo de 2011. O alcalde ribeirense, José Luis Torres Colomer, mantivo na mañá de hoxe unha reunión na Casa Consistorial co presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Javier Puertas Castillo, para tratar diferentes asuntos que son de interese para o municipio. 

Un dos temas abordados foi o da próxima colocación dunha nova baliza nos petóns de Centoleiras, punto situado na bocana da ría (entre as illas Centoleiras e a illa Vionta). Esta actuación tan só está pendente de que se dean as circunstancias meteorolóxicas favorables no mar. 

Media_httpfarm4static_myhii

Faro de Corrubedo

Tamén se falou da adecuación do entorno do faro de Corrubedo. A este respecto, buscarase unha solución inmediata ao arranxo da estrada que sirve de acceso a esta construción. Ademais, ambos coincidiron na idoneidade de establecer un convenio entre a Autoridade Portuaria e o Concello con miras á remodelación e mellor aproveitamento social do entorno, incluídas as construcións que alí se atopan: un punto este último que seguirán tratando de cara a súa cristalización.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Carrachanacacha" estará "Comendo pementos de Padrón con Tarantino" este venres 25

Con motivo do Día Mundial do Teatro
Media_httpfarm5static_zmjnj

Uns pican e outros...

Ribeira, 24 de marzo de 2011. Con motivo da celebración do Día Mundial do Teatro, a Concellería de Cultura e Festexos de Ribeira programa para mañá, venres 25 de marzo, ás 21.00 horas, no Auditorio Municipal de Ribeira, a función “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”, a cargo da compañía de teatro “Carrachanacacha” da asociación “O aturuxo de Melpómene”, de Narón. 

A función narra a historia dunha moza que quere ser cantante (interpretada pola actriz María Veiga), e a historia da súa nai (interpretada pola actriz Gena Hernández) e do seu pasado. Ademais únese a elas un pianista (interpretado polo actor Antonio Estévez) que pechará o círculo desta comedia surrealista que narra a singular vida destas dúas mulleres, nai e filla, cos seus encontros e desencontros na peculiar escalada da filla á fama en todo o mundo mundial. 

O acceso é libre e de balde e as entradas poderanse recoller media hora antes do inicio da función.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical