24.3.11

Noia: inauguran as obras da Casa da Xuventude, que se integra na rede territorial "Espazo Xove"

A noiesa é unha das primeiras casas da xuventude galega reformadas, cun investimento de 115.000 euros. Na inauguración estiveron representantes de todos os grupos políticos que agora conforman a Corporación. No centro haberá espazos específicos de vivenda, fomento do espírito emprendedor e difusión de recursos en materia laboral, ao tempo que prestará asesoramento nas temáticas relacionadas co servizo Quérote +

Noia, 24 de marzo de 2010.- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a reforma da Casa da Xuventude de Noia, que prestará a partir de agora máis servizos á mocidade da comarca. Esta obra, na que se investiron preto de 115.000 euros, responde á integración destas instalacións na rede territorial de centros “Espazo Xove”. A remodelación que se levou acabo foi integral, xa que contaba cunha infraestrutura de máis de 20 anos.

Para coñecer o resultado destas obras, Rodeiro Tato desprazouse hoxe ata as súas instalacións. Durante a súa visita, destacou que a de Noia foi unha “das primeiras obras de casas da Xuventude que a Consellería abordou en Galicia, xunto coa de Betanzos, Pontedeume, Lalín e Curtis”. Para a modernización de todos estes centros no seu conxunto, o Goberno galego destinou uns 514.000.

Grazas a este remodelación do centro, os mozos e mozas de Noia e a súa comarca contarán a partir de agora con mellores e máis modernos recursos. De feito, un dos principais obxectivos da creación desta rede de “Espazo xove” é ofrecer nos centros temáticas transversais dentro dunha mesma área xeográfica, de xeito que se amplía o carácter máis local que tiñan ata agora as casas da xuventude.

De feito, para afondar neste liña, os centros desta rede, no que se inclúe Noia, coordinaranse cos distintos concellos do seu territorio, incrementando así a súa colaboración coas entidades locais, e coas entidades xuvenís de cada zona. Ademais, a rede territorial contará co apoio dun equipo de dinamizadores encargado de contactar co colectivo xuvenil.

No que se refire propiamente á organización deste centros, o director xeral de Xuventude salientou que todos eles contarán con espazos específicos destinados á vivenda, ao fomento do espírito emprendedor e á difusión de recursos en materia laboral. Tamén prestarán asesoramento nas temáticas relacionadas co servizo Quérote +, un abano de asuntos que o Goberno galego ten aumentado e que agora abrangue tamén, entre outros temas, trastornos alimenticios, sexualidade, saúde e drogas e condución responsable.

Ademais, estes centros servirán tamén de espazos de encontro, creatividade e formación a través de vías non formais. Así, a xuventude galega disporá nesta rede de salas de exposicións e zonas para actividades formativas.

O responsable da área autonómica apuntou que a reformulación destes centros de xuventude busca “respostar ás novas inquedanzas da xuventude galega, actualizar a nosa oferta de cara eles e, moi importante, escoitar cales son as demandas dos propios mozos e mozas para poder satisfacer as súas necesidades”.

Encontro territorial

Ademais de visitar as novas instalacións, o director xeral de Xuventude presidiu o encontro territorial de informadores xuvenís.

Rodeiro explicou que este novo modelo de encontros cos técnicos das Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) permite traballar en “grupos pequenos” que favorecen unha “maior participación”, así como promove a posibilidade de debater os problemas máis próximos á realidade dos participantes. Ata o de agora, os encontros que se viñan mantendo eran de carácter provincial.

Durante a xuntanza, os responsables da área autonómica de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, deron a coñecer a “Estratexia de Xuventude 2013”. Trátase dun documento de utilidade, que debe servir como referencia para o traballo diario dos informadores e que define o programa a seguir en materia de mocidade durante os próximos catro anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical