21.5.10

Cultura: indefinido peche do Panteón de Galegos Ilustres en Santiago

Será a primeira vez que o Panteón dos Galegos Ilustres peche de xeito indefinido e non poida ser visitable. O fallo xurídico que devolveu á Igrexa o templo de San Domingos de Bonaval en Compostela conlevou o peche do espazo, ata o momento accesible desde o interior do claustro, desde o Museo do Pobo Galego. O peche é indefinido, en agarda dunha solución que defina o acordo de apertura ao público xeral. O Panteón de Galegos Ilustres garda os restos de Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas.

Así que xa saben, se tiñan pensado ir ver o Panteón de Rosalía:

ou o de Castelao:

terase que conformar con mirar as imaxes mentres non negocien coa Igrexa. Agora sairán moitos -ai pero que previsibles somos os xornalistas!- coa famosa frase que nunca saíu en "El Quijote": "Con la Iglesia hemos topado". A que sae, e non ten nada que ver coa igrexa como institución é "Con la iglesia hemos dado"...

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: a segunda asemblea de Peñas é o vindeiro sábado 29 de maio

O vindeiro Sabado 29 de Maio de 2010 terá lugar a 2ª Asamblea de Peñas de cara á LXII Singladura da Festa da Dorna. Esta asamblea celebrarase no conservatorio municipal (antes Casa da Cultura) ás 20:07:43 en punto. Si sodes máis analóxicos tedes carteis por Ribeira.

Coa convocatoria desta asamblea queda tamén fixada no mesmo día a data final de presentación dos deseños de cartel, sudadeira e chapas. Como indicación procurade non poñer demasiadas cores no deseño da sudadeira, se xa o tedes xa o amañaremos, o ideal serían 4 ou 5 e aproveitar a cor da sudadeira (Azul Marino). Ademais un mesmo deseño poderase presentar a todas as categorías.

A votación para escoller os deseños será un dos principais temas desta asamblea, presentaranse tamén as actividades principais dos distintos días da festa entre outros temas. Podedes coller follas para facervos socios ou actualizar os vosos datos se xa o sodes: tamén se recollerán se xa as imprimístedes.

Para actualizarse como socios ou para darse de alta:
http://noticiasdorneiras.blogspot.com/2010/05/actualizacion-de-socios-cofradi...

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rianxo: Medio Ambiente licita dúas sendas peonís, unha de 445 metros e outra de 405, por 108.000 euros

O prazo de execución da actuación será de tres meses e beneficiará a máis de once mil rianxeiros, di a Consellería

Plano de detalle das dúas sendas

Rianxo, 21 de maio de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do proxecto de construción de sendas peonís en dous tramos da estrada Padrón- Ribeira (AC- 305), ao seu paso polo Concello de Rianxo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fará un investimento de 108.687 euros para a materialización desta obra. Os treitos que serán obxecto destas actuacións, e que o seu remate permitirá o tránsito dos peóns, teñen unha lonxitude de 445 metros na marxe esquerda da calzada e de 405 metros no segundo tramo, tanto na marxe esquerda como na dereita.

Os dous treitos da estrada onde se van levar a cabo as obras corresponden a tres puntos quilométricos. O primeiro treito corresponde ao tramo comprendido entre os p.q 11+920 e o p.q 12+365 no sentido contrario á circulación, e dicir, dirección Ribeira- Padrón. O segundo treito corresponde ao tramo situado entre os puntos p.q 14+980 e o p.q 15+146 e o p.q 15+226 e o 15+228 no sentido Padrón- Ribeira.

No sentido contrario, dirección Padrón, a senda peonil comprenderá os puntos p.q 15+080 ao p.q 15+253. É dicir, os peóns que circulen polo primeiro treito só poderán camiñar nunha dirección, ata Padrón, mentres que no segundo treito poderán facelo en ámbalas dúas direccións; tanto se queren camiñar cara a Ribeira como se queren dirixirse a Padrón.

Para a posta a punto destes tramos transitables será preciso demoler 1.925 metros cadrados de terreo e posteriormente pavimentalo. As sendas peonís terán un ancho de 2 metros, ademais das beirarrúas que terán unha extensión variable de 2, 5 metros dependendo do tramo. As obras teñen un prazo de 3 meses para o seu remate. Os habitantes de Rianxo, 11.578, serán os beneficiarios destas obras que mellorarán a seguridade dos peóns que circulen pola estrada AC- 305.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng insta a que a declaración como Ben de Interese Cultural dunha das casas na que viviu Castelao se faga efectiva

A deputada Ana Pontón di que a declaración como BIC "non pode ficar só no Diario Oficial de Galicia, ten que ter efecto"


Rianxo, 21 de Maio de 2010.- A deputada do grupo parlamentariodo BNG Ana Pontón instou onte á Consellería de Cultura a que asuma a súa responsabilidade e faga efectiva a declaración, hai algo máis dun ano, da casa de Castelao como  Ben de Interese Cultural, "para que non fique simplemente no DOG". 

Ana Pontón, durante o debate en comisión dunha iniciativa do BNG sobre este asunto, lembrou que este espazo ten que deixar de estar pechado ao público e ten que abrirse para que “sexa un pouco máis de todos os galegos e galegas” e dignificar así, explicou, o traballo e o legado dun personaxe como o de Castelao, “a quen tanto lle debemos”. 

A deputada nacionalista lembrou que trala declaración da casa como BIC había unha decisión de posta en valor da súa obra e do seu compromiso con Galiza que debe efectivizarse, máis alá do cruce de acusacións e diferentes titulares que se produciron ao longo deste ano e que van na dirección totalmente contraria. 

Neste sentido, a parlamentar considera que a Xunta ten a obriga de intervir e realizar as xestións pertinentes para poder abrir a casa, nun horizonte temporal, ademais, non moi lonxano, e reivindicou tamén que se axilice a tramitación do expediente para declarar BIC ao conxunto da obra de Castelao, toda vez que boa parte do traballo, como o de catalogación, xa está realizado. 

Pontón Mondelo recordou que existe unha proposición non de lei aprobada recentemente na Cámara, por unanimidade, a iniciativa do BNG, demandando este recoñecemento para o legado de Castelao, que suporá un “salto de xigante no recoñecemento dunha figura que, efectivamente, é de todos –dixo- mais de todos aqueles que respeten a súa obra e pensamento e o asuman sen manipulacións”. 

Para a deputada, cómpren feitos concretos por parte da Consellería, que se limitou a respostar de forma “etérea” no transcurso da comisión, falando de “prudencia”, “colaboración, “excelencia”, “negociacións” pero sen concretar nada, lamentou a parlamentaria.

 

Nota de Certo: Sobre toda esta polémica xa informamos en Certo. Que a situación estea estancada non é "casualidade". Os que coñecen polo miúdo o que levan feito e queren facer falan dun abuso máis da administración cos administrados en nome da "cultura".


Casa de Castelao na rúa de Abaixo: un familiar do dono opina sobre os intentos de expropiación. Aquí

 

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: nenos de quinto e sexto de Primaria reforestarán con piñeiros mansos e acivros unha parcela queimada no 2006 en San Roque

Será a vindeira semana dentro da terceira fase do programa "A túa pegada en San Roque"


Vicente García, Sandra Fernández e Mario Vidal na presentación do proxecto

Ribeira, 21 de maio de 2010.- O Concello de Ribeira anunciou a posta en marcha a partir da próxima semana da terceira fase do proxecto “A túa pegada en San Roque”, cuxa principal actividade consistirá na repoboación dunha parcela forestal do propio parque que fóra queimada durante os incendios do verán do 2006. 

O concelleiro de Turismo, Vicente García, foi quen presentou o proxecto na compaña dos técnicos municipais de Turismo e Xuventude, Sandra Fernández e Mario Vidal, respectivamente. Ademais do Departamento que dirixe García Rivas, tamén está implicada nesta iniciativa a Concellería de Educación, cuxa edil Juana Ermitas Crugeiras non puido asistir á presentación. 

Vicente García lembrou que “A túa pegada en San Roque” é un proxecto educativo e medioambiental que xurde co afán de recuperar e promocionar o patrimonio artístico, histórico, cultural e natural do concello e de poñer en valor o parque situado a carón da cidade de Santa Uxía. Nas súas dúas anteriores fases este proxecto estivo dedicado á promoción dos recursos arqueolóxicos do parque (hai dous anos) e, ao seu patrimonio medioambiental (o curso pasado). Nesta ocasión, proséguese co afán de potenciar estes usos do recinto a través dun conxunto de actividades interactivas de carácter formativo, educativo, cultural e lúdico.  

O proxecto, que é gratuíto, está dirixido aos alumnos de quinto e sexto de primaria dos diferentes centros públicos e concertados do concello riveirense, estimándose en máis de 350 o número de nenos que visitarán o parque con este motivo. Ata o momento a data máis próxima entre as confirmadas para asistir é o próximo mércores, no que concorrerán ao enclave periurbano alumnos do CEIP de Palmeira. 

Cada grupo de alumnos que acuda ao parque comezará o día cunha breve introdución  na que se explicará en que vai consistir a xornada para efectuar a continuación unha visita guiada á exposición arqueolóxica Megalitismo, Idade de Bronce e Idade de Ferro. Acto seguido, os rapaces poderán coñecer os distintos itinerarios do Parque de San Roque, de 175 metros cadrados de extensión, a través dun gran xogo.  

Follas e froitos do acivro

Piñeiros e acivros

Despois farase a plantación  á que se aludiu anteriormente, de tal xeito que cada grupo visitante plantará unha árbore autóctona ata sumar un total de catorce, doce das cales serán piñeiros mansos e dúas serán acivros. A xornada rematará cunha breve avaliación do programa desenvolvido. 

En principio, as actividades darán comezo ás 9.30 horas e rematarán ás 13.30 horas, aínda que este horario vaise adaptar ás necesidades específicas de cada centro educativo.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: XIII Mostra de Teatro Infantil, do 24 ao 28 de maio no auditorio municipal


Participarán 135 pequenos actores, e serán agasallados con estas figuriñas

Ribeira, 21 de maio de 2010.- Arredor de 135 pequenos actores van participar na 13ª edición da Mostra Infantil de Teatro, que se desenvolverá entre os días 24 e 28 de maio. O concelleiro de Cultura do Concello, Luciano Fernández, e o director da escola de teatro local, Segundo Chiki Durán, foron os encargados de desvelar onte o calendario de actuacións que se enmarcan neste evento, e que inclúen un total de oito representacións a cargo de diferentes colexios e ANPAS do municipio. O número de rapaces colaboradores, xa non só interpretando senón desenvolvendo todo tipo de tarefas necesarias para a posta en escea, suman arredor de 300. 

Luciano Fernández anunciou que o Grupo de Teatro da ANPA do CEIP de Palmeira será o primeiro en subirse ao escenario do Auditorio Municipal, facéndoo o luns 24 coa obra “O Rei Maragato estaba triste”, con guión orixinal de Cipriano Ferández Fernández e adaptación e dirección de Segundo Chiki Durán. A continuación actuará o Colexio Bayón con “A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos”, peza adaptada e dirixida por Mingos Armental. 

No martes 25 tocaralle o turno á ANPA do Colexio Galaxia con “As cagadas dos cans”, escrita e dirixida por Cipriano Fernández Fernández. De seguido as tablas estarán ocupadas polo Colexio A Milagrosa de Oleiros, que representará “A consulta do Doutor Jeep”, adaptada e dirixida por Mingos Armental. 

O Colexio Galaxia será  o primeiro dos grupos dramáticos que actuarán o mércores 26, coa obra “Cousas do ceo”, escrita e dirixida por Cipriano Fernández Fernández. A continuación intervirá a ANPA do Colexio Bayón con “Grease”, a partir dunha adaptación do coñecido musical realizada por Mingos Armental, que tamén dirixe a obra. 

Luciano Fernández e Segundo "Chiki" Durán na presentación, unha edición máis

Peche a cargo do grupo de teatro infantil

O xoves 27 actuará  o obradoiro de teatro do CEIP O Grupo coa obra “Fabuloso”, con guion e dirección de Daniel Gómez Ramil. Por último, o venres 28 de maio o Grupo Municipal Infantil de Teatro porá o peche a Mostra coa obra “R. I.P. (Risas, Ibuprofeno e Paracetamol), escrita polos propios compoñentes do Grupo Municipal Infantil de Teatro e adaptada e dirixida por Segundo Durán. 

Todos os días as funcións dará comezo ás 20.00 horas, aínda que se recomenda retirar as entradas media hora antes do inicio das mesmas. A entrada é libre e gratuíta. 

Luciano Fernández destacou durante a súa alolución a colaboración recibida entre outros da Asociación Cultural Alfaia e de Carmen Peña e Celia Pillado. Tamén fixo fincapé no espíritu participativo dos 135 intérpretes, xa non só durante esta mostra senón ao longo de todo o ano. Cada un dos grupos de teatro participantes recibirán unhas figuriñas.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical