23.10.11

Ribeira: case 2.000 euros para Paula na Xuntanza dos Maiores

  • 1.300 xubilados déronse cita na praza de España da cidade 


Ribeira, 23 de outubro de 2011.- Máis de 1.300 persoas participaron na sexta edición da Xuntanza dos Maiores de Ribeira, que ten lugar no transcurso do día de hoxe na carpa habilitada para a ocasión na Praza de España da cidade. 

O evento contou coa presenza de distintas autoridades, como a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato; o senador José Luis Torres Colomer; Ramiro Carregal, fillo adoptivo de Riveira; ou os alcaldes de Riveira, A Pobra, Boiro e Porto do Son, entre outros. 

O rexedor riveirense, Manuel Ruiz, quixo ensalzar e agradecer durante a súa intervención o labor desenvolvido polos maiores do municipio ao longo da súa traxectoria vital; e salientou que esta festa é unha maneira de corresponderlles por tantos anos de dedicación e sacrificio. 

Un dos principais actos enmarcados dentro da xuntanza (na que os maiores puideron degustar un menú a base de marisco, pescado e carne, ademais de postre, café e bebidas varias) foi a rifa solidaria promovida dende a Concellería de Servizos Sociais para axudar á pequena boirense Paula. Recadáronse case 2.000 euros na iniciativa e a gañadora do sorteo (cun premio consistente nunha estancia en fin de semana para dúas persoas nun spá de Lalín) recaeu na xubilada Francisca Vidal, ao mercar o número 0095. 

Á hora de elaborar esta nota, moitos maiores aínda proseguían na carpa animados pola música posterior ao banquete.

Pode que tamén lle interese:


Transparencia: o alcalde publica a súa nómina na web


Deporte: entregadas becas e presentado decálogo de boas prácticas


Arrecó: programación deste trimestre

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 7 de novembro, obradoiro sobre dietas e menús para diabéticos no Liceo Marítimo

Media_httpfarm4static_ozkil

Ribeira, 23 de outubro de 2011. O vindeiro luns, día 7 de novembro, terá lugar nos locais do LICEO MARÍTIMO de Ribeira un taller sobre DIETAS E MENÚS PARA DIABÉTICOS.
A Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia impartirá un taller gratuito, previa inscripción, de 17:00 a 20:00 horas. Os contidos do programa, entre outros, consisten en coñecer que alimentos pode e debe comer un paciente diabético, ou como facer planificación e receitas específicas, así como saber da alimentación en situacións especiais: vómitos, febre, probas exploratorias, etc.. As prazas están limitadas a unhas 30 persoas.   

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcalde publica a súa nómina na web para evitar faladurías

Ribeira, 23 de outubro de 2011. "Moitas veces unha imaxe (ou dúas) vale máis que mil palabras. Así que en aras á transparencia e co obxecto de clarificar certas dúbidas sobre o que percibe este Alcalde e cal é a súa remuneración como Deputado Provincial, acompañan a este texto as nóminas correspondentes ao mes de setembro nun e noutro concepto.

Por propia vontade, Manuel Ruiz decidiu unha rebaixa do 6% no soldo anual do Alcalde e dos membros do Goberno con dedicación exclusiva. E cómpre dicir tamén que as cantidades percibidas nos dous cargos que Ruiz Rivas ocupa na actualidade suman unha cantidade sensiblemente inferior á que recibía como Voceiro Popular no Parlamento de Galicia: un posto ao que expresamente renunciou coa ilusión de traballar por Riveira". Así se explicou o pasado xoves, 20 de outubro, o alcalde de Ribeira na súa web ,http://www.manoloruiz.org.

Con estas explicacións, o alcalde sae ao paso das acusacións do Bng sobre que tiña maiores ingresos, que publicou o grupo nacionalista no seu blog.

Antes, en Certo:


Ribeira: onde estivo e que fixo e cos cartos de quen o alcalde? inquire o Bng



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: onde vai o Skate Park prometido?

Media_httpfarm7static_dcari

A Pobra do Caramiñal, 23 de outubro de 2011. Hai arredor dun ano,  Jesús Dieste Buceta, concelleiro de Deportes e Xuventude da pobra do Caramiñal, tivo unha reunión cos skater´s e rider´s da Pobra Do Caramiñal, na que se tratou a instalación dun skate park, semellante ao que hai en Boiro (ver imaxe superior), e que iría fronte á casa da cultura Raquel Soler.

Alí estaba prevista a montaxe de unha cancha de baloncesto, un campo de fútbol e un skate park: xa fais uns meses que están completamente instaladas a cancha de baloncesto e o campo de fútbol, pero do skate park non se sabe nada.

Un grupo de rapaces preguntoulle o día do pregón do Nazareno (en setembro deste ano) ao concelleiro de Deportes, o citado Jesús Dieste Buceta, cando se ían instalar os módulos, e a resposta deste señor foi: "Eso non é cousa miña, preguntádello ao alcalde". Por suposto, esta resposta non sentou nada ben e estes rapaces queren saber que foi do prometido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: Ana Romaní, Jorge Mira, Son de Seu, Proxecto Terra, Ángela de la Cruz e Chévere, premios da Crítica Galicia 2011

Vigo, 23 de outubro de 2011. No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. 

Baixo o lema “Eis o canto eterno dunha terra”, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros. 

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, “que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa  man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre”.    

“Estremas” de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga.  

“Jorge Mira” , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar  por maioría a Jorge Mira por  liderar un traballo titulado “A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten”, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo. Neste artigo hai un achegamento concreto ao caso galego e non se augura a desaparición da lingua seguindo os parámetros usados, aínda que si se comenta que perdería uso, de non ser suficientemente apoiada. Un traballo, dos poucos, que concilian a investigación en ciencias experimentais coas humanidades e as ciencias sociais  e que tivo e está a ter unha grande recepción e impacto en Galicia e nos circuítos científicos internacionais. 

Un investigador que contribue á comunicación da cultura científica con traballos como A Ciencia no punto de mira, publicado por Auga Editora, por poñer ao alcance da sociedade, cunha linguaxe sinxela, os beneficios da investigación, utilizando o galego como vehículo da universalización da ciencia. 

“Son de Seu”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos. Outros argumentos que fundamentan esta elección inclúen a dimensión pedagóxica do proxecto, a escola E-trad, xerme de Son de Seu. Todo isto quedou reflectido duante o ano 2010 na edición do seu magnífico disco Barlovento

“Proxecto Terra”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao PROXECTO TERRA iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos. 

“Ángela de la Cruz”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010. 

“Citizen” de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo “Citizen” da compañaía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: entregan becas a trece deportistas como apoio ás súas salientables traxectorias

  • Tamén foi presentado o decálogo de boas prácticas no deporte
  • O alcalde asinou convenios de colaboración con nove clubs do municipio


Ribeira, 23 de outubro de 2011.- O Auditorio Municipal de Riveira acolleu  un acto convocado pola Concellería de Deportes cun dobre propósito: por unha parte dar a coñecer o Decálogo de Boas Prácticas elaborado por esta Área Municipal co fin de promover e inculcar unha serie de valores entre todos os axentes que gardan relación co mundo do deporte e, por outra banda, entregar becas a trece deportistas destacados do municipio co fin de apoialos nas súas traxectorias. 

Foi o edil e tenente de alcalde Juan Luis Martínez Queiruga quen exerceu de mestre de cerimonias dun evento no que o alcalde non puido estar presente por xurdirlle unha obriga familiar irrenunciable. Non obstante, Manuel Ruiz Rivas si que puido estar no Auditorio uns minutos antes do inicio do acto para asinar convenios de colaboración con nove clubs deportivos de Riveira e colaborar así cos mesmos no desenvolvemento dos seus obxectivos estatutarios. 

Todas as persoas que acudiron ao acto recibiron un díptico co Decálogo de Boas Prácticas para o Deporte: un documento que pretende servir de ferramenta de traballo para que  adestradores, clubs, pais e nais, corpo arbitral, deportistas e o resto de axentes involucrados no deporte base do municipio asuman un código de conduta que mire polas boas prácticas e o xogo limpo dos nenos e nenas do municipio, ao tempo que avogue pola promoción dos mellores valores inherentes á práctica deportiva, tales como o respecto, a tolerancia, o esforzo ou a responsabilidade. 

En canto aos deportistas destacados, estes foron o regatista Helmuth Bande (recibiu unha beca de 568,72 euros), a saltadora de vallas Virgina Villar (540,72 euros), os loitadores de taekwondo Lara Ouviña (511,84 €), Francisco Javier Sieira (511,84 €), Ángel Parada (483,41 €), Adrián Jiménez (426,54 €), Alejandro Vidal (426,54 €), Miguel Martínez (398,10€) e Miguel Cobas (369,66 €), os nadadores Iván Brión (483,41 €), (426,54 €) María Vilas e Manuel Davila (426,54 €), e a triple saltadora Ana Peleteiro (426,54 €).

 


Decálogo de Deportes.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o vindeiro venres 28 de outubro, festa do Samaín na lonxa vella

Saman_rianxo

  • Organizada pola Comisión de Juadalupeñas (Coju) e a asociación cultural Fogo Fatuo
Rianxo, 23 de outubro de 2011. Para conmemorar a entrada ou apertura do outro mundo, a transición dun ano a outro segundo os antergos celtas van realizar o festexo do SAMAIN OU SAMHAIN, ao que convidan a todo o mundo na lonxa vella de Rianxo (no porto de Rianxo) o día venres 28 de outubro a partires das 20:00 h.

Para comezar a celebración haberá a partir das 20:00h xogos para os mais cativ@s: obradoiros de maquillaxe, construción de caretas, xogos populares..., ademáis de un concurso de cabazas para fabricar a túa lanterna cabazo, para participar só tendes que levar a vosa cabaza decorada, ou ben decorala e fabricala alí mesmo.
Este concurso realizarase para os mais cativ@s e para os que xa non o son tanto.
Ademáis realizarase un concurso de disfraces durante a tarde para os máis cativ@s e outro pola noite durante o baile de disfraces para os adult@s.

Levade instrumentos para montar unha boa foliada

Pola tardiña poderedes degustar castañas asadas e outros productos típicos e se queredes tocar un pouco traede o voso instrumento e montaremos unha boa foliada.

A partires das 00:00 da noite realizarase unha grande queimada con conxuro e todo e logo comezará o baile de disfraces e a actuación de dous pinchadiscos.

"Ademáis tende coidado porque pola noite saen as CRIATURAS. A que esperas busca un disfrace divertido, construe a túa cabaza e ven celebrar a festa do SAMAIN", rematan invitando os organizadores.


www.fogofatuo.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: presentado o libro do noiés Ramón Carredano "Anacaona. El fin de una raza", no auditorio do Museo Valle-Inclán

A Pobra, 23 de outubro de 2011. Como parte do calendario de actos da celebración da XIII edición de Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, o venres 21 de outubro ás 20:30 h., tivo lugar a presentación da novela de corte histórico “Anacaona. El fin de una raza”, do veciño noiés Ramón Carredano Cobas. Para este acto de presentación no auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra, déronse cita acompañando ó escritor, o historiador e veciño pobrense, Carlos Mosteiro, a concelleira de cultura, Encarna González Montemuíño, e a presidenta da Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán, Paola García Paz.

Foi a concelleira de cultura a encargada de abrir o acto dando a benvida a tódolos veciños que se achegaron ó auditorio e presentando á monologuista Isabel Beiras, que meténdose na pel de Anacaona explicou ós presentes o sufrido polo seu pobo cando se sucederon os acontecementos que sobreviñeron ó momento en que Cristóbal Colón arribou ás terras americanas no ano 1492.

O historiador Carlos Mosteiro, amigo de Carredano, encargouse de presentar ó propio escritor e maila súa obra e de ler ó público algúns dos párrafos ó seu xuízo máis destacados da novela, e con elo deu paso ó autor, que logo de falar do proceso seguido na elaboración da obra, entrou nun debate co público e con Mosteiro sobre a mesma.

Pechou o acto a presidenta da Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán agradecendo a presenza de todos e convidando ós veciños ós actos que aínda restan na conmemoración desta edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.

Relacionadas:


Xornadas Valle-Inclán: imaxes da presentación e da exposición. Programa


Valle-Inclán: a revista Cuadrante adícalle un monográfico


PRESENTACIÓN DO LIBRO.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello reunirase cos directores dos centros educativos para montar o Consello Escolar

Reunión Consello Escolar.doc Download this file

  • Na cita queren abordar  a reorganización do mapa escolar municipal 
  • Van convocar tamén ás Anpas a unha xuntanza

Media_httpfarm4static_gycea

Ribeira, 23 de outubro de 2011.- A Concellería de Educación do Concello de Ribeira sigue dando pasos cara a constitución dun Consello Escolar Municipal e, a tal efecto, convocou a unha reunión de traballo a todos os directores ou representantes dos centros de ensino de Ribeira. 

Esta xuntanza celebrarase o próximo mércores, 26 de outubro, ás 11 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial e foi convocada porque é a aspiración do Goberno Local que a formación deste órgano consultivo sexa o resultado do traballo en común de todos os axentes implicados. Precisamente por iso, proximamente haberá outra nova reunión cos representantes das ANPAs dos centros educativos. 

Compre destacar que outro dos asuntos que se tratará no orde do día da reunión do vindeiro mércores é a reorganización do mapa escolar municipal. 

A intención do Executivo Local é someter a Pleno a creación do Consello Escolar antes de finalizar o 2011. 

O Consello Escolar Municipal é un organismo de asesoramento, consulta, proposta, información e participación sobre o ensino non universitario no ámbito territorial do concello. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado 29 de outubro, acto de entrega do Altofalante do Ano 2011

Altofalante_2011

Ribeira, 23 de outubro de 2011. O vindeiro sábado día 29 de outubro ás 20:00 H terá lugar o acto de entrega do Altofalante do Ano 2011 á:

PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA BARBANZA.

No Salón do Conservatorio Municipal de Ribeira, na rúa Miguel Rodríguez Bautista, 21.

Levarán o "Altofalante" e tamén o Diploma de "Socio de Honra." aos portavoces da Plataforma, que son Marián Rodríguez Blanco e Javier Alonso Viturro. Será nun acto aberto a toda a cidadanía e amenizado cos gaiteiros de Algharabía.

ÁS 22:00 H. HABERÁ UNHA CEA. Pode anotarse o que o desexe no 677733467 - 657557169. Tamén: plataformabarbanza@gmail.com /asociacionaltofalante@gmail.com)

Motivos da concesión deste premio á Plataforma citada:

- Por Ser quen de facer unha fronte común na defensa da sanidade pública do noso país, máis alá de diferenzas ideolóxicas, fronte aos ataques privatizadores.

- Participar activamente dando argumentos -Sanitarios, económicos e sociais- fronte os que , aproveitando a actual crise económica, queren facer crer que o sistema sanitario público é decadente e inasumíbel economicamente.      

- A capacidade para integrar no seo da Plataforma á cidadanía ao   movemento asociativo e ser reflexo da sociedade no seu conxunto.

As 26 organizacións que forman parte desta plataforma son:

1. ANPA o Portal de Caamaño,

2. Asociación ACHUCHAR,

3. Asociación antidroga Renacer,

4. Asociación cultural Altofalante,

5. Asociación cultural e de veciños Fontenova de Santiago de Lampón,

6. Asociación cultural Pedra de Pidre,

7. Asociación de veciños de Abanqueiro,

8. Asociación de veciños de Neixón,

9. Asociación de veciños San Roque de Pobra,

10. Asociación Dourixeira de Aguiño,

11. Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño,

12. Asociación Sagres

13. Asociación veciñal, cultural e prestadora de servizos a mocidade de Abesadas e Cubeliños,

14. Asociación Verdegaia,

15. BNG,

16. CCOO

17. CIG,

18. Comité de Empresa do Hospital de Barbanza,

19. Comunidade de Montes de Caamaño,

20. CUT,

21. Esquerda Unida,

22. ICB,

23. IPR,

24. PSOE-PSdG,

25. SAE,

26. UGT.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: comezou un obradoiro de modelado en torno de oleiro no Banco do Tempo

Ribeira, 23 de outubro de 2011.- As aulas que ten o Departamento de Servizos Sociais na rúa Cristóbal Colón da cidade están a dar cabida a un obradoiro de modelado en torno de oleiro que está dirixido aos socios e socias do Banco do Tempo de Riveira. 

Esta actividade céntrase na capacitación por parte de todas as persoas participantes das nocións básicas para facer figuras de decoración coa técnica do torno de oleiro, decoralas e darlles un esmaltado. Está impartida por unha profesional do sector con amplo currículo e experiencia no ámbito educativo, María Eugenia Villaverde Sánchez. Unha decena de membros do Banco do Tempo están a asistir a esta acción. 

Paralelamente, dende o Banco do Tempo se está a traballar tamén na celebración doutras actividades relacionadas co Samaín. 

Lémbrase que a secretaría do Banco do Tempo está aberta todos os martes de 12 a 14 horas nas novas dependencias do Centro de Información á Muller, na praza 8 de marzo.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Arrecó fai un avance da súa programación para este trimestre final de ano

Carta socios arrecó.pdf Download this file

Unha das actividades que continúan é "Coñece o teu concello", que será o sábado 3 de decembro


Ribeira, 23 de outubro de 2011. A Asociación Cultural, de Ocio e Tempo Libre Arrecó fixo de facer pública a súa programación para o derradeiro trimestre do ano.

 

Desde a Xunta Directiva aprobouse facer actividades durante todos os meses do ano e para todas as idades.

 

As actividades son:

 

  • 01 de outubro.- Campamento para monitores.
  • 28, 29 e 30 de outubro.- V Encontro e Mostra Asociativa Xuvenil (EMAX).
  • 12 de novembro.- Disney Live. Unha Viaxe Inesquecible.
  • 25, 26 e 27 de novembro.- Roteiros para a Xuventude.
  • 03 de decembro.- Coñece o teu concello.
  • 17 de decembro.- Ecoparque de Marín e Lago Castiñeiras.
  • 05 de xaneiro.- Cabalgata de Reis.

 

Así mesmo, outra das comunicacións que fan é a de abrir o prazo para renovar ou facerse socio/a de Arrecó. A cota será de 15 € ao ano, segundo informou o responsable de Arrecó, Mario Vidal.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: abren expediente de infracción urbanística na rúa Anxo Senra por cubrir unha terraza nun ático

Noia, 23 de outubro de 2011. A Concellería de Urbanismo, Vivenda e Solo do Concello de Noia, vén de iniciar os trámites conducentes á reposición da legalidade urbanística vulnerada pola construción da cubrición da terraza dun ático do inmoble número 4 da rúa Anxo Senra.

Do informe técnico obrante no expediente, despréndese que a citada obra non conta coa preceptiva licenza municipal, non sendo tampouco posible a súa legalización posterior.

As obras executadas consisten na cubrición da terraza cunha estrutura metálica de perfiles de aluminio e policarbonato traslúcido, tanto no teito como nos laterais da mesma. A terraza ten unha superficie aproximada de 20 metros cadrados, acadando a estrutura mencionada unha altura de 2,30 m. A xuizo do técnico que emite o informe, trátase dun aumento de volume da vivenda en cuestión, nun inmoble que xa ten esgotada a súa edificabilidade máxima permitida. A maiores a obra realizada provoca unha alteración estética da fachada principal.

O promotor da intervención terá, a partir da data de recepción da comunicación de incoación do expediente urbanístico, un prazo de tres meses para regularizar a situación, que como se dixo anteriormente, ao non ser legalizables as obras executadas, será a da demolición da estrutura construída sen licenza municipal e que vulneran as determinacións da normativa urbanística municipal en vigor.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical