Presentárono hoxe Marta González, de Igualdade, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, para fomentar o hábito da lectura a través dos centros de información ás mulleres de GaliciaRibeira, 9 de xuño de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e a secretaria xeral da Igualdade, Marta González asinaron esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela o acordo de colaboración para o desenvolvemento do programa
Cruzandolibros, co obxectivo de fomentar o hábito da lectura e intercambio de libros entre as persoas interesadas no marco das actividades contempladas no Ano do Libro e da Lectura. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López e representantes dos concellos nos que desenvolverá o programa na súa primeira fase, Arteixo, Padrón, Vilalba, Carballiño, Lalín,
Ribeira, Monforte, Verín, Vilagarcía e Ponteareas.
O programa é unha copia da idea do Bookcrossing, pero adaptado a un entorno máis restrinxido. Mentres
http://www.bookcrossing.com busca "facer do mundo unha libraría", o Cruzandolibros tan só fará libraría nos centros de información á muller de Galicia. En Ribeira, por certo, xa hai dende hai anos zona de intercambio de libros, en concreto no Ateneo Valle-Inclán (primeiro andar do Bar Plaza).
O bookcrossing vense practicando dende hai anos en Galicia. Na imaxe, porta do castelo de Vimianzo
Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, a iniciativa
Cruzandolibros procurará que “o intercambio de libros supoña tamén un intercambio de lecturas e opinións sobre os mesmos”. O programa “pretende que a xente continúe desenvolvendo as súas competencias lectoras e propoñer á lectura como actividade recreativa e alternativa para o tempo de lecer”. Para o titular de Cultura este “é o xeito de crear un anovador club de lectura e de promover o espírito crítico perante os textos escritos”. Roberto Varela asegurou que o proxecto “xorde co propósito de integrar a lectura, a reflexión e o lecer en distintos Centros de Información ás Mulleres de toda Galicia”, sobre os que cualificou como “espazos privilexiados para o libre exercicio da cidadanía, para a participación no cumprimento dos dereitos humanos e no sostemento das sociedades democráticas; espazos feminino-plurais nos que se traballa pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”.
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, indicou que a práctica de deixar libros en lugares públicos para que poidan ser recollidos por outras persoas, que despois farán o mesmo, “é un xeito de fomentar a lectura mediante un intercambio de libros de maneira gratuíta entre as mulleres galegas, aínda que tamén entre a poboación masculina”, especialmente en aqueles lugares onde “non é tan fácil o acceso aos libros”.
Asemade o feito de que as persoas poidan deixar, na páxina web que a Secretaría Xeral da Igualdade creou para ese fin, os seus comentarios sobre os libros que leron, tamén “é unha maneira de acercar as persoas as novas tecnoloxías e de partillar experiencias entre as lectoras e lectores”. “A educación e a cultura son boas ferramentas para lograr unha sociedade máis igualitaria entre homes e mulleres”, engadiu a secretaria xeral que animou a todos e todas as galegas a ler e a participar e lograr que o percorrido dos libros sexa o máis compartido posible.
Bookcrossing
O programa Cruzandolibros desenvolverase a través de centros de información ás mulleres dos concellos participantes, mediante a creación de puntos de encontro denominados CruzandolibrosCIM. Estes puntos habilitarán un espazo, dentro das dependencias dos centros de información ás mulleres, a dispor das persoas usuarias do programa que permita o normal desenvolvemento do proceso de intercambio dos fondos bibliográficos.
As persoas interesadas recollerán os libros nas dependencias dos Centros de Información ás Mulleres para seres mais tarde devoltos aos puntos de entrega, ou en calquera outro espazo. Cruzandolibros contará cunha páxina web, creada pola Secretaría Xeral da Igualdade (
www.cruzandolibros.es), na que os usuarios poderán introducir o número de identificación do seu libro, e así poder seguir o seu itinerario, deixar unha pequena nota ou comentario acerca das súas consideracións derivadas da lectura do libro e da súa participación no programa, así como as súas suxestións e comentarios.
A Consellería de Cultura e Turismo dotará aos centros de fondos bibliográficos e fomentará o a participación cidadá e a creación de grupos de lectura animando ao intercambio de libros entre as persoas participantes. Pola súa banda, a Secretaría Xeral da Igualdade coordinará a colaboración dos CIM dos concellos e dotará dos materiais necesarios aos CruzandolibrosCIM. Os CIMs facilitarán asemade información sobre o programa e os lectores e lectoras poderán tamén propoñer a incorporación e novas obras ao programa.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia