22.8.12

Boiro: "Stop Desahucios" loita por impedir a poxa por unha vivenda da que queren desaloxar a catro membros dunha familia


O edificio non se corresponde coa información

Boiro, 22 de agosto de 2012. A plataforma Stop Desahucios do Barbanza vén de anunciar hoxe que nos vindeiros días vai presentar un escrito ante o Xulgado de 1ª Instancia de Ribeira para que se paralice a poxa dunha vivenda que, de non ocorrer doutro xeito, terá lugar o vindeiro 4 de outubro.

O procedemento de execución hipotecaria foi iniciado en 2009, por parte da agora desaparecida Caixa Galicia. Segundo explican dende a plataforma, este expediente é "un tanto anómalo toda vez que no seu momento o titular do préstamo hipotecario quixo, de xeito voluntario, ingresar unha cantidade de cartos na conta corrente para poder facer fronte ás cotas atrasadas do préstamo e o director daquela sucursal non llo permitiu, segundo consta nunha acta de requeremento notarial".

A familia boirense á que se pretende desafiuzar ten catro membros, dos cales só un obtén ingresos económicos para a unidade familiar. A plataforma "Stop Desahucios" está en contacto permanente e en negociacións cos máximos responsables da entidade financieira -hoxe o NovaGalicia Banco- para chegar a un acordo satisfactorio para ambas partes e evitar que siga o procedemento xudicial de execución hipotecaria e, porén, o desaloxo desta humilde familia barbanzana.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este xoves 23 preséntase "Latexos", poemario de Fdez Da Ponte que se agasalla na presentación

Fernndez_da_ponte



Noia, 22 de agosto de 2012. Mañá, xoves, 23 de agosto, terá lugar a presentación do poemario "Latexos", con composicións do autor estradense José Fernández da Ponte, en galego e castelán.

Será ás doce da mañá na casa da cultura "Avilés de Taramancos" e todos os asistentes obterán un exemplar do poemario.


Quen era Xosé Fernández da Ponte?

Nado en Tabeirós (A Estrada) en 1901. Estudou en Santiago de Compostela e exerceu o ensino privado en Lalín e A Baña. No ano 1923 obteu praza como mestre nas oposicións, quedando en Vinseiro (A Estrada). Na súa estancia como mestre nesa parroquia foi nomeado “Socio de Honor” pola “Sociedade de Hijos del Ayuntamiento de A Estrada” de Cuba. Tamén foi secretario do Sindicato  Agrícola e director durante nove meses do xornal “El emigrado”. No ano 1963 foille concedida “A cruz de Alfonso X, O Sabio”. Morreu na Baña no ano 1989, concello que nos é familiar estes días polo pasamento de Avelino Pousa Antelo, patriarca do galeguismo, que alí naceu en 1914.
(Foto do escritor e biografía tirada de "As nosas letras")

Que relación ten con Noia?

Un dos fillos de Xosé Fdez Da Ponte é Gustavo Fernández Da Ponte, o principal impulsor da reedición deste poemario como homenaxe a seu pai. Percorreu todos os lugares onde traballou seu pai e recompilou os poemas que agora están editados coa axuda do Concello de Noia. Gustavo Fernández vive en Bergondo, onde foi mestre durante moitos anos no colexio Felipe de Castro. Estará na presentación do libro, acompañado polo concelleiro de Cultura, Javier Rodríguez Vieites; polo profesor e escritor X. Amancio Liñares Giraut e por outro irmán seu, Baltasar Fernández da Ponte.

O acto terá unha clausura musical a cargo do grupo Saxtunes, logo do cal se agasallará aos asistentes cun exemplar de "Latexos".

 

                                                       

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: avance de programación do San Ramón de Bealo, do xoves 30 de agosto ao luns 3 de setembro

Xoves 30 de Agosto

Misa ás 11:30 horas con procesión dende igrexa de San Pedro ata capela do San Ramón.
Misa ás 12:00 horas, solemne, na honra do San Gregorio.

Verbena: de noite, coas orquestras Atenas e Combo Dominicano. Actuará tamén o grupo barbanzano The Lacazáns.

Venres 31
Día grande do San Ramón

Misas rezadas toda a mañá dende as oito. Solemne á unha da tarde no campo da Carballeira, coa procesión.

Verbena: orquestras Armonía Show e Cinema.

Sábado 1 de setembro

Misa: ás 12:30 horas na honra do San Roque, con procesión.

Verbena: orquestras Midas e Nebraska.

Domingo 2 de setembro

Misa: ás 11:30 horas a misa cantada e procesión da Virxe das Dores.
Verbena: Gran Parada e Samba.

Luns 3 de setembro

Misa: ás 11:30 horas, solemne na honra da Milagrosa. Logo, volta dos santos á igrexa parroquial en procesión.
Verbena fin de festa: Charleston Big Band e Paladium.

Domingo 9 de setembro:

O San Ramonciño pequeno: hai degustación de polbo e viño a prezos arranxados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical