- Sae hoxe no Diario Oficial de Galicia e autorízase tras ser solicitado pola Confraría de Pescadores de San Bartolomé, en Noia, e sometido a información pública no mes de xullo durante un período de 15 días
- A zona de pesca é a comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso e o período de captura irá dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 31 de outubro
- As cotas de captura diarias son 15 quilos e a dimensión mínima das anguías será de 20 cm, especies que se deberán comercializar na lonxa mediante poxa pública
[[posterous-content:CCiBGqeliIuIdbgxGija]]
O esteiro do Tambre é un lugar protexido polas súas características medioambientais
Noia, 3 de setembro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2012.
Este plan para a pesca profesional da anguía na conca deste río, concretamente na súa desembocadura, foi solicitado pola Confraría de Pescadores de San Bartolomé do Concello de Noia. No mes de xullo a Xunta someteu a información pública este plan durante un período de 15 días.
A arte de pesca que se empregará é de nasa tipo butrón con rede de malla non inferior a 14 milímetros, medidos en diagonal e molladas. A zona obxecto das capturas é a comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso.
Cómpre indicar que o período de pesca irá dende o día seguinte ao de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de outubro. Os labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, con carácter xeral. O número máximo previsto de días de actividade ao longo da temporada será de 45.
O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a dez por tripulante e ninguén poderá facerse cargo das artes asignadas a outro pescador. As cotas de captura diarias son 15 quilos e a dimensión mínima das anguías será de 20 cm. Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada anguía prateada.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza lembra que as capturas comercializaranse na lonxa mediante sistema de poxa pública.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia