- Estaba previsto fumigar máis de 3.000 hectáreas en Rianxo cunha sustancia que deixará de ser legal este ano, ao prohibila expresamente a Unión Europea
A Plataforma contra as Fumigacións presentou o 21 de maio de 2012 86.426 sinaturas contra os tratamentos aéreos con Flufenoxuron en Galicia. A campaña fíxose a través de change.org (http://www.change.org/petitions/salvemos-las-abejas-de-galicia-queremosabellas)
Rianxo, 22 de maio de 2012. O Concello de Rianxo solicitou mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral de Montes da Xunta de Galicia que se prohíban as fumigacións que teñan previstas no municipio nas extensións de eucaliptais. Quérese evitar así calquer produto químico que conteña a sustancia activa flufenoxurón, non aprobada e prohibida a día de hoxe pola Unión Europea e a piques de erradicarse definitivamente, tal como se instou no Reglamento de execución da UE 942/2011.
Tal e como consta na Comisión da Unión Europea esta sustancia “demostra efectos inadmisíbeis para o comportamento acuático… persistente, bioacumulábel e tóxico…” e insta a que deixen de comercializarse os biocidas que a conteñan. A piques de desaparecer do mercado os produtos que leven este compoñente e rematar a finais de ano a moratoria última que deu a comisión europea para eliminalo "sorprende o empeño da Xunta en seguilo a aplicar en Galicia e particularmente en 3.362 hectáreas de Rianxo cando todos os estados da Unión son avisados de que esta sustancia non se aproba e se fai un chamamento tallante a erradicalo antes de finais de ano", sinalan dende o Concello.
Información áos comuneiros de montes
O Concello de Rianxo dirixirase ás comunidades de montes do concello para informarlles desta situación e que sexan coñecedores dos efectos sinalados no produto, tendo en conta ademais que moitos dos acuíferos que dan servizo ás traídas veciñais poden ser afectados e con efectos non comprobados sobre a saúde das persoas. O que si está comprobado é que acaba coas abellas, tan importantes para a agricultura e para o proceso da vida na terra tal e como a coñecemos agora.
Tamén, en Rianxo:
- Andaina por Forcarei: o sábado 26 de maio
- Memoria histórica: un guerrilleiro antifranquista, nun seminario sobre campos de concentración de Barbanza do 1 ao 3 de xuño
- Escola de Música: do 1 ao 3 de xuño, curso de frauta
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia