1.7.10

Cinema: o noiés Luís Avilés Baquero presentará "Retornos" en Montreal

Estabamos agardando a confirmación pero é tontería: escoiten a Serafín Marcos -o que orina do lado esquerdo- no segundo 28 (falei con Luís...).
Luís Avilés Baquero leva a súa última película, Retornos, ao prestixioso Festival Internacional de Cinema de Montreal (http://www.ffm-montreal.org).

Bobina de Luis Avilés Baquero from luis on Vimeo.

Quen é Luís Avilés? Ficha no AVG en http://www.culturagalega.org/avg/persoas_detalle.php?Cod_prsa=748&busca=luis%...

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 5 de xullo, charla informativa para previr o cancro de pel


As longas exposicións ao sol poden derivar en cancro de pel

Ribeira, 1 de xullo de 2010. A asociación española contra o Cancro (Aecc) e uns laboratorios dermatolóxicos organizan o vindeiro luns, 5 de xullo, unha charla informativa baixo o título "Tu piel no tiene recambio". Trátase de informar sobre as consecuencias de longas exposicións ao sol e a súa incidencia no cancro de pel (melanoma), así como os xeitos de previr esta doenza que, segundo os expertos, cada ano vai a máis.

A charla terá lugar no salón de actos da aula multimedia, situado no edificio da confraría de pescadores de Ribeira (avenida do Malecón), ás sete e media da tarde. O conferenciante é un farmacéutico. A presidenta da xunta local da Aecc de Ribeira, Ana Sampedro, anima aos ribeirenses e aos visitantes en xeral a que se acheguen e se informen. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: recados, chapuzas domésticas, maquillaxe ou clases de informática, entre as tarefas ofrecidas no banco de tempo

Ribeira, 1 de xullo de 2010. Tras a aprobación en Pleno Municipal o pasado luns do regulamento Banco de Tempo de Ribeira, este servizo xa está oficialmente en funcionamento no obxectivo de favorecer os intercambios gratuítos de tarefas e traballo entre a cidadanía, axudando a resolver necesidades da vida diaria das persoas participantes e facilitando a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. 

Con tal motivo, o Centro de Interpretación do Parque Periurbano de San Roque foi escenario na tarde de onte dunha presentación, na que a concelleira municipal de Igualdade e Acción Social, Esther Patiño, a directora do Centro de Información á Muller, María Angeles Crujeiras, e dúas representantes da entidade que elaborou o estudo de diagnose previo á posta en marcha da actividade, Consultora Sánchez-Albornoz, expuxeron as principais características do Banco de Tempo. Ante elas atopábanse parte dos 17 veciños (15 mulleres e 2 homes) que xa están anotados na iniciativa, e que recolleron diversa documentación, como o regulamento e os talonarios necesarios para efectuar as prestacións. 

Entre as tarefas ofrecidas polos usuarios anotados figuran a realización de clases de informática, de internet ou de idiomas (castelán, inglés, francés ou árabe), a axuda con aparellos electrónicos, tarefas de albanelería ou fontanería; facer recados ou xestións, facer pasteis, a restauración de mobles, recoller receitas na farmacia, maquillaxe, masaxes terapéuticos, punto de cruz ou manualidades. 

Por outra parte, hai unha serie de tarefas e servizos que aínda que son demandadas polos usuarios do servizo, a día de hoxe non hai oferta: clases de alemán e galego, de perruquería, traballos de costura, poda e enxertos de árbores, desprazamentos en coche, consellos para tratar as persoas maiores... 

Páxina web

O acto deu cabida tamén  á prestación dunha páxina web específica da actividade e que se ben aínda está en construción xa recolle diversa información valiosa para os que estean interesados en participar no banco. A súa dirección é www.bancodotempo.com.  

O funcionamento do servizo vai estar coordinado a través dunha Secretaría do Banco de Tempo que estará ubicada na sede do CIM (rúa Correos nº 5 de Santa Uxía; teléfonos: 981 874 131, 981 873 409; fax: 981 873 955, cim@riveira.com). Tanto os usuarios do Banco como os que estean interesados en anotarse no mesmo poden poñerse en contacto con esta Secretaría, cuxo horario de atención ao público vai ser polo momento os luns de 17.00 a 18.00 horas. A partir de mediados de xullo e con ocasión do período de verán este horario será trasladado ás mañás. 

Despois da exposición, os usuarios que se achegaron ao parque de San Roque puideron disfrutar dunha visita guiada pola zona exterior do mesmo baixo a guía da técnica de Turismo do Concello, Sandra Fernández.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng achaca a neglixencia ou ilegalidade que se quede por segundo ano sen axudas para contratar policías no verán

Rianxo, 1 de xullo de 2010. O BNG de Rianxo pedirá explicacións ao Alcalde pola falta de subvencións da Xunta á contratación de auxiliares de policía no verán. É o segundo ano consecutivo que Rianxo non recibe nin un euro sequera da comunidade autónoma para sufragar a contratación temporal de auxiliares de policía na época de maior afluencia ás praias e de turismo.
O Bng preguntará se é que os dous anos saiu tarde a petición do Concello e as responsabilidades políticas que asumen no executivo por estes feitos. "Non está Rianxo boiante economicamente como para rexeitar axudas por cativas que sexan", aseguran os nacionalistas.

Ademais, o Bng preguntará se detrás non está tamén a situación irregular da Policía Local de Rianxo, "que a Consellería de Presidencia seguramente coñecerá, polo incumprimento da Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia. O Alcalde do PSOE négase a convocar prazas de oposición a policías funcionarios e incumpre a mencionada Lei no que dispón de que os auxiliares non estean máis de catro meses contratados. En Rianxo botan anos nesta situación irregular coa aquiescencia do executivo".

Pese ao chamamento do BNG ao Alcalde mediante unha moción plenaria a resolver esta situación, "Pedro Piñeiro non fixo nada para cumprir o que a Lei de Coordinación obriga. Cos catro auxiliares a maiores no verán a plantilla policial rianxeira componse de 9 policías e 6 auxiliares, cando a lei só deixa (artigo 95 da Lei 4/200/) contratar un 50% dos funcionarios, isto é catro ou cinco auxiliares máximo durante catro meses de verán. En Rianxo son máis número do permitido e algúns superan cos contratos o tempo limite establecido. Por iso non sería de estranar, xa que Presidencia tería posto en coñecemento do Concello esta irregularidade, que detrás non haxa só un problema de mandar subvencións fóra de prazo, en todo caso grave abondo de por sí", conclúe o Bng local.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: visita a obras de colexios do delegado territorial

Diego Calvo estivo mirando obras en colexios en Ribeira hai escasos días

A Pobra do Caramiñal, 1 de xullo de 2010. O Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Diego Calvo e a Xefa Territorial da Consellería de Educación, Teresa Villaverde acompañados do alcalde de A Pobra , Isaac Maceiras Rivas, visitan as obras que se realizan no IES “Francisco Barreras “ de A Pobra, así como no CEIP “Salustiano Rey Eiras”.

No "Salustiano Rey" reparan a cuberta de poliéster reforzado con fibra de vidro translúcida, perfil nervado tipo uralux realizada con pezas normalizadas sobre correas metálicas, e engaden accesorios de fixación, xuntas de estanqueidade, remates e encontros, cun orzamento total 4.734,54 euros. Ademais, está programado o arranxo de fachadas consistente na limpeza e reparación de formigóns de paneis prefabricados dos que está composta. Tamén aplican morteiro de silicona e logo pintan con pintura acrílica con base de resinas, cun orzamento total 57.550 euros.

No instituto “Francisco Barreras" hai unha obra no Centro de Transformación eléctrico, cun  arranxo de celas e un orzamento total de 23.200 euros. Ademais, píntase a estrutura do patio cuberto. Poñerase un tabique no paramento vertical da biblioteca co fin de eliminar humidades e cheiros, cun orzamento de 34.056 euros. Tamén se reporán planchas de metacrilato temporal, cun orzamento de 14.963 euros. A inversión total nestes dous colexios foi de 134.503,54 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: portas abertas na clausura de "Sabor a ti" este venres 2 de xullo


Ribeira, 1 de xullo de 2010. Mañá venres, día 2 de xullo, a partir das 12 horas, terá lugar unha xornada de portas abertas do Obradoiro de Cociña Sabor a Ti, na que os alumnos que participaron neste taller van preparar unha serie de receitas saudables para goce das persoas que queiran asistir. Esta actividade terá lugar na aula de cociña situada nos locais que o Departamento de Servizos Sociais ten na rúa Cristobal Colón de Santa Uxía.

Con esta acción ponse punto final ao obradoiro Sabor a Ti, promovido polo devandito Departamento co propósito de ensinar os conceptos básicos necesarios para acadar unha alimentación saudable. O taller comezou o pasado 7 de maio cunha participación dunha ducia de persoas. Estivo impartido por Áurea Cecilia Casáis Martínez, diplomada en Nutrición. 

Os alumnos xa estarán na aula de Cristobal Colón dende as 9 horas co fin de ir preparando os pratos que van ofrecer.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical