11 de marzo de 2011. O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, realizou esta mañá unha visita ao Concello de Boiro, onde visitou as obras, xa rematadas, da nova senda peonil da DP 1106 que une Boiro e Cespón e participou no acto inaugural do Centro de Formación, Escola de Hostelería e Viveiro de Empresas do concello boirense.
Fernández Moreda, acompañado polo alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, e polo tenente de alcalde do municipio, Juan Jesús Ares, percorreu un tramo da nova senda peonil Boiro-Cespón, cun percorrido dun kilómetro, entre os pk. 2,260 e 3,220, que supuxo un investimento provincial de 126.706, 60 euros.
Segundo afirmou Salvador Fernández Moreda, a Deputación da Coruña destinou nos últimos catro anos máis de 5,5 millóns de euros para a construción deste tipo de vías peonís nos tramos máis urbanos e frecuentados por peóns dos 2.200 kilómetros de estradas provinciais, “co obxectivo de mellorar a seguridade” dos veciños.
Neste sentido, Fernández Moreda anunciou que a Deputación xa ten redactados os proxectos para a construción de dúas novas sendas peonís de dous metros de anchura en Moimenta e Comoxo, que terán respectivamente 700 e 810 metros de lonxitude, e que contan cun orzamento de 273.983, 84 euros.
O presidente da Deputación da Coruña anunciou ademáis a próxima licitación das obras de ensanche e e mellora da estrada de Triñanes (DP 1101 de Triñanes á Ponte de San Francisco), cun orzamento de 186.641,12 euros, e que contemplan o ensanchamento da estrada ata os seis metros, con dous carrís de 3 metros en cada sentido de circulación.
O alcalde de Boiro, Xosé Deira, agradeceu á Deputación a resposta aos nosos requeriementos e considerou que, coa finalización das obras desta senda peonil, complétase o investimento realizado pola institución na estrada Boiro-Cespón, tamén de titularidade provincial.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia