31.8.10

Ribeira: simulacro de rescate acuático na praia de Coroso

Ribeira, 31 de agosto de 2010. A praia de Coroso foi escenario esta mañá dun simulacro de rescate acuático no que participaron efectivos pertencentes a distintos colectivos vencellados á labores de axuda e seguridade: Protección Civil de Ribeira, Grumir, Socorristas do Servizo de Socorrismo en Praias de Ribeira, Policía Nacional e Policía Local, ademais da empresa SFGS (Servizo de Formación Galega e Salvamento) e de Caminando Por el Mar. 

O punto de partida deste simulacro foi o virado dunha embarcación con seis tripulantes a bordo, dous dos cales foron feridos de gravidade, outros dous ilesos e dous desaparecidos. A partir deste suposto, foron entrando en acción os distintos efectivos que realizaron os oportunos labores de salvamento, cuxo remate foi o traslado dos prexudicados a un hospital de campaña.  

O operativo, que funcionou con perfecta normalidade e sincronización, contou coa presenza do alcalde, José Luis Torres Colomer.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: obradoiro en setembro para resolución de conflitos familiares e outro de saúde en outubro

Rianxo, 31 de agosto de 2010. O Equipo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Rianxo pon en marcha dous obradoiros dirixidos a pais e nais: un de resolución de Conflictos na Familia do 27 ó 30 de setembro e outro de Saúde en Rede do 4 ó 7 de outubro. Os obradoiros impartiranse en horario de 17:30 a 19:30 horas. 

Dende o equipo de Prevención de Drogas do Concello de Rianxo en colaboración coa Consellería de Sanidade,o Servizo Galego de Saúde e a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación vanse pór en marcha estes dous obradoiros dirixidos a pais e nais do Concello de Rianxo, co obxectivo de mellorar a relación cos fillos e fillas e previr así futuras posibles adiccións. "Educar non é fácil. Educar require pensar, analizar, respirar a fondo e volver a pensar. E o máis importante: transformar o que sabemos en acción. Estes obradoiros buscan axudar aos pais e nais a comprender, por un lado, a indiosincrasia dos adolescentes e, por outro, a identificar ferramentas útiles para comunicarse con eles", explican.

A inscrición é gratuita e remata o 22 de setembro. Todos aqueles que queiran participar poden facelo nos teléfonos 981860061 e 667185590 ou no Centro de Servizos Sociais, na estrada de Tanxil, 12.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe volta reclamar que se eviten irregularidades e anomalías nas oposicións da Xunta

Download now or preview on posterous
47000-asinado.pdf (231 KB)


Noia, 31 de agosto de 2010
. O Viceportavoz do Grupo Socialista e portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage Tuñas, vén de rexistrar unha interpelación no Parlamento de Galicia co obxecto de coñecer “cales decisións ten pensado tomar o goberno galego para deter a sangría de irregularidades e anomalías que se están producindo nas probas de acceso ao emprego público na administración autonómica”.

“As irregularidades no proceso selectivo para optar a catro prazas de profesor de FP son un botón máis de mostra das malas prácticas que se están producindo na Xunta dende a chegada do PP ao goberno galego” explicaba hoxe o parlamentario do PSdeG. Lage Tuñas pídelle ao presidente da Xunta “que tome decisións contundentes e poña fin ao cúmulo de irregularidades e anomalías que vive a función pública galega dende a súa chegada ao goberno galego”.

Dixo que “en tan poucos meses non se pode coleccionar unha cantidade tan abultada de conflictos, anomalías, filtracións, sospeitas de irregularidades ou sentencias que poñen en dúbida o sistema de selección dos tribunais das oposicións para acceder ao emprego público na Xunta de Galicia”. Engadiu que “Feijóo debería ter cesado ao director da función pública xa fai moitos meses, non o fixo daquela e agora e iso fai que se convirta en cómplice absoluto da situación”.

“A discrecionalidade e a falta de transparencia en determinados procesos ten conducido ao notable incremento da desconfianza nestes procesos por parte de milleiros de opositores que participan ao longo de todo ano na preparación das probas selectivas e na súa realización posterior,” explicaba Lage Tuñas, responsable da área institucional no Grupo Parlamentario Socialista.

Lage entende que é “fundamental garantir aos opositores que as probas ás que concurren se celebran con imparcialidade, sin arbitrariedade nin favoritismos e con nulos riscos da existencia de filtraccións ou irregularidades, o que non ten sucedido en moitos casos durante o primeiro ano e medio de goberno de Alberto Núñez Feijóo ao fronte da Xunta de Galicia.”

Tribunais, proposta socialista

Lage Tuñas invitou hoxe a Núñez Feijóo “a acadar un acordo ao redor da nosa proposta, que ten por obxecto levar adiante unha reforma dos sistemas de acceso á función pública para garantizar a imparcialidade e a limpeza nos procesos selectivos, e rematar con dez meses cheos de conflictos, anomalías, sospeitas de irregularidades e malas prácticas por parte do goberno galego”.

“Os socialistas galegos imos novamente a propoñer no Parlamento, modificar o sistema actual de exames das oposicións para intentar garantizar a seguridade e a imparcialidade nas oposicións da Xunta de Galicia”. “Débese garantizar que non se produzcan arbitrariedades ou discrecionalidade nos procesos de acceso ao emprego público e convidamos a Alberto Núñez Feijóo a chegar a un acordo para rectificar a mala xestión da función pública feita ata o momento polo seu goberno” defende Lage Tuñas.

Considera “urxente” a creación dun “órgano estable de xestión de tódalas oposicións da Xunta de Galicia e dos entes dependentes da mesma, introducindo mecanismo de control e selección que eviten a presencia reiterada das mesmas persoas nas presidencias e nas vocalías dos tribunais de oposicións, e onde se seleccione persoas competentes e responsables”, explicou o Coordinador da Área Institucional do Grupo Socialista.

"Agardo que as nosas propostas poidan ser un punto de encontro para acadar un acordo cos outros grupos parlamentarios e poidan ser útiles ao goberno e suplan dalgún xeito a ausencia de ideas por parte dos actuais responsables do goberno galego" afirmaba o parlamentario socialista.

SERGAS, investigación aberta

Lage Tuñas afirma que “no mes de abril abriron unha investigación dende a consellería de Presidencia polas denuncias feitas polo grupo socialista sobre as probas do SERGAS, e aínda hoxe non concluiu dita investigación. Que está sucedendo en Función Pública e no SERGAS ?” preguntábase hoxe José Manuel Lage.

O deputado do PSdeG explica que “nas oposicións do Sergas houbo tribunais presididos por persoas que teñen relación laboral cos opositores que obtiveron as mellores puntuacións nas probas ás que se presentaron, e polo de agora o único que fixo o PP foi negar a realidade aludindo a posibles casualidades”

O Viceportavoz do Grupo Socialista recorda que “os opositores que sacaron as mellores notas nas oposicións do SERGAS foron examinados por dúas presidentas de tribunal, que son tamén as súas xefas na dirección xeral de recursos humanos”. Explicou que “non hai un só mes no que non se coñezan novas irregularidades nos procesos selectivos de acceso ao emprego público na Xunta de Galicia”

O parlamentario socialista entende que “a situación descrita crea incertidume na poboación, rebaixa a calidade da nosa democracia e do noso sistema institucional, e deixa en moi mal lugar ao goberno galego, como máximo responsable dos procesos selectivos de acceso á función pública, alimentando, si cabe máis aínda, a desconfianza de milleiros de opositores sobre a limpeza dos procesos selectivos na Xunta de Galicia.”

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Medio Ambiente: Adega critica con dureza ao conselleiro Juárez pola súa intención de adaptar o Plan de Ordenación de Recursos Naturais para "máis cemento e ladrillo" en Corrubedo


Construcións abandonadas no parque natural

Ribeira, 31 de agosto de 2010. A asociación ecoloxista Adega emitiu onte un comunicado no que critica duramente ao actual conselleiro de Medio Ambiente, Samuel Juárez, polas súas declaracións e intencións sobre o parque natural de Corrubedo. Como é habitual en Certo, transcribimos de xeito íntegro o dito por Adega:

"As recentes declaracións do conseleiro de Medio Rural na súa visita ao Parque Natural de Corrubedo son algo máis que preocupantes: primeiro pola súa intención (aínda intención?!) de redactar un novo PORN (Plan de Ordenación de Recursos Naturais) consonte á Lei 42/2007 de Protección do Patrimonio Natural e a Biodiversidade; pero sobre todo pola súa pretensión de “adaptar” a normativa do parque á recente Lei do Solo 2/2010 coa intención de “satisfacer a importante demanda veciñal relacionada con cuestións construtivas na contorna do Parque”, para o que propón a redacción dun “plan especial urbanístico que defina en detalle o réxime de usos e que evite así o actual, lento e complicado trámite administrativo individualizado que debe seguir cada proposta urbanística”. Pois nada: no Ano Internacional da Biodiversidade, Juárez e García-Borregón receitan máis cemento e ladrillo para Corrubedo.

Non cabe dúbida de que o PORN de Corrubedo necesita dunha posta ao día para adaptalo á evolución que a normativa ambiental e de conservación ten experimentado dende 1992 (Directiva 92/43/CEE, Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galiza, ou Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade), pero sobre todo para incorporar os novos coñecementos, máis detallados e rigorosos, sobre a súa biodiversidade, establecendo por exemplo, un corredor coa parte norte do LIC o que sen dúbida levaría ampliación do parque.

O que resulta sorprendente, eticamente escandaloso e legalmente inaceptábel é que todo un conselleiro de Conservación (as competencias están agora en Medio Rural) poida chegar a propoñer que o PORN dun espazo protexido teña que adaptarse ás disposicións do planexamento urbanístico. Para que entón unha declaración de parque natural se as súas directrices e obxectivos de conservación van quedar supeditadas aos intereses do cemento e do ladrillo? E isto é tanto máis sorprendente porque falamos dun parque natural cun medio físico extremadamente sensíbel e unha biodiversidade de hábitats e especies realmente únicos, en tan só 996 ha, das que boa parte son domino Público Marítimo Terrestre e 982 ha Humidal Protexido.

Unha proposta tan delirante é evidente que só pode vir de quen considera que a conservación da biodiversidade só obedece a razóns de estética política, para lucir no DOG e sen nada a ver coa supervivencia da vida e de nós mesmos sobre o planeta; ou de quen ademais, dende a súa prepotencia, non ten escrúpulos en descoñecer e “amañar” a legalidade vixente até onde faga falla para beneficio de amigos e especuladores do cemento e o ladrillo.

A respeito da necesidade de conservar a biodiversidade, cómpre recordarlle aos Sres. Juárez e García-Borregón, precisamente neste Ano Internacional da Biodiversidade, o que di o mesmo preámbulo do Convenio Internacional sobre biodiversidade (Rio de Janeiro, Xuño 1992): “a conservación e a utilización sustentábel da diversidade biolóxica tén unha importancia crítica para satisfacer as necesidades alimentarias, de saúde e doutra natureza da poboación mundial en crecemento”. De ningunha maneira, pois, pode ser tratada a biodiversidade coma un capricho estético para consumo de ecoloxistas.

E a respeito da prevalencia da conservación sobre o planexamento urbanístico, un Conselleiro con competencias en Conservación da Natureza debera saber que non son os Planos de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) dos espazos protexidos os que teñen que someterse ao planeamento urbanístico, senón todo o contrario. Así o dispón a Directiva Hábitats da Unión Europea e así o teñen incorporado á legalidade estatal e autonómica, tanto a Lei 9/2001, de Conservación da Natureza de Galiza, como a Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade:
“Os Planos de Ordenación dos Recursos Naturais a que se refire esta Lei prevalecerán sobre calquer outro instrumento de ordenación territorial ou física, constituíndo as súas disposicións un límite para este e as súas determinacións non poderán alterar ou modificar aquelas e aplicaranse, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes”. (Lei 9/2001. Artigo 6.3)

2. Cando os instrumentos de ordenación territorial, urbanística, de recursos naturais e, en xeral, física existentes resulten contraditorios cos plans de ordenación dos recursos naturais deberán adaptarse a estes. Mentres esa adaptación non teña lugar, as determinacións dos plans de ordenación dos recursos naturais aplicaranse, en todo caso, prevalecendo sobre eses instrumentos.

3. Así mesmo, os plans de ordenación dos recursos naturais serán determinantes respecto de calquera outra actuación, plan ou programa sectorial, sen prexuízo do que dispoña ao respecto a lexislación autonómica. As actuacións, plans ou programas sectoriais só poderán contradicir ou non acoller o contido dos plans de ordenación dos recursos naturais por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, caso en que a decisión deberá motivarse e facerse pública.” (Lei 42/2007. Artigo 18)

Así pois, Sr. Conselleiro, non é o PORN do Parque Natural de Corrubedo o que ten que adaptarse ao planexamento de Ribeira, senón ao contrario, é este o que terá que adaptarse ás orientacións e disposicións daquel. Se estas non son as premisas e directrices da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, mellor é que renuncie ás competencias en materia de conservación: nada bo poden agardar os nosos espazos protexidos, a nosa Rede Natura, os nosos parques naturais, a nosa biodiversidade dun conselleiro que, con tais declaracións, non só amosa a súa pouca sensibilidade ambiental, senón descoñecer e carecer de vontade para aplicar a legalidade vixente.

De ningunha maneira, Sr. Conselleiro, podemos aceptar máis retrocesos na protección dos nosos espazos naturais; de ningunha maneira podemos aceptar que estes volvan a ser espazos para a especulación. Cando quedan apenas uns meses para presentar os Plans Especiais de Conservación da Rede Natura que esixe a Directiva Hábitats, é tempo xa de termos os Planos de Ordenación que os espazos protexidos necesitan para garantir a conservación da súa biodiversidade.

Os espazos naturais protexidos poden ser oportunidades de mellora na calidade de vida da poboación residente, se se acompañan dos seus específicos planos de compensacións, de indemnizacións e de desenvolvemento sustentábel, mais nunca poden supeditarse a outros intereses que non sexan os da preservación da súa biodiversidade e do noso patrimonio natural".

Información da Xunta da visita de Samuel Juárez o 26 de agosto:

Medio Rural traballa nun novo Plan de Ordenación dos Recursos de Corrubedo para actualizar este documento ás novas esixencias normativas derivadas das leis do Solo e de Patrimonio Natural


Ribeira, 26 de agosto de 2010.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou en Ribeira o Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; o xefe provincial da Consellería nesta provincia, Enrique Luis de Salvador; e o alcalde da localidade, José Luis Torres.

No decurso da súa visita, Juárez anunciou a intención do seu departamento de redactar un novo Plan de Ordenación de Recursos Naturais, posto que o vixente, que data do ano 1992, ten unha difícil adaptación ao novo marco normativo derivado da Lei do Patrominio Natural (42/2007) e, sobre todo, da recente Lei do Solo (2/2010). Igualmente, o novo documento en redacción achegaría unha adaptación ás esixencias derivadas do novo marco normativo que regula a Rede Natura.

Asemade, e coa intención de satisfacer a importante demanda veciñal relacionada con cuestións construtivas na contorna do Parque, Juárez propuxo ao alcalde a redacción dun plan especial urbanístico que defina en detalle o réxime de usos, e que evite así o actual, lento e complicado trámite administrativo individualizado que debe seguir cada proposta urbanística da veciñanza. Arestora, cada proxecto orixina cadanseu informe vinculante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o que retarda moito o trámite administrativo.

Convenio para o Vilar, única praia galega dentro dun parque natural

Aproveitando a visita ao Parque Natural, o conselleiro do Medio Rural e o alcalde de Ribeira asinaron un convenio de colaboración en materia de tarefas de vixilancia para a praia do Vilar. O importe aportado por Medio Rural é de 30.470 euros.

A praia do Vilar, única praia de toda Galicia situada dentro dun Parque Natural, caracterízase pola presenza de fortes correntes e por un elevado número de usuarios, estas dúas características demandan a necesidade de por en marcha un plan de protección especial, polo que se establece este marco de colaboración entre a Consellería e o Concello.

O Concello de Ribeira, a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira, realizará tarefas de vixilancia, controlando a afluencia de visitantes, percorrendo as zonas da praia e dunas nos horarios de máxima afluencia, informando de actividades alternativas e recollendo as suxerencias dos visitantes; entre outros labores. Medio Rural colaborará no mantemento dos valores ambientais en todo o Parque e manterá informado ao Concello das mellores prácticas de limpeza, así como de calquer outra actividade acontecida dentro do espazo protexido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical