A causa deste corte débese aos traballos da canalización das augas procedentes da obra de drenaxe transversal (ODT) da autovía do Barbanza
Posteriormente, este corte no punto quilométrico 7+200 desta infraestrutura provocará un corte de media calzada durante o día 22
A Consellería indicará rutas alternativas a este percorrido para os usuarios desta estrada
Santiago, 17 de outubro de 2009.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informa aos usuarios da estrada que une Padrón e Ribeira (AC-305) que a partir do luns, 19 de outubro, este vial quedará pechado ao tráfico durante tres días, 19, 20 e 21 de outubro, no punto quilométrico 7+200, no concello de Dodro, pola necesidade de acometer unha canalización de augas da obra de drenaxe transversal da autovía do Barbanza.
Cómpre sinalar que este corte de tráfico manterase durante a xornada do 22 de outubro, pero neste caso afectará a media calzada, xa que durante este día será necesario realizar o estendido de aglomerado.
Así, na primeira fase –cando os peches sexan totais- os traballos que se levarán a cabo consisten na execución de 9,5 metros de tubaria de formigón que quedará instalada por debaixo da estrada AC-305, nunha gabia con profundidade máxima de 3 metros. Para iso será necesario escavar, verter formigón de limpeza, colocar tubos e vertedura de formigón ata a cota de rasante.
Por outro lado, a profundidade da gabia fai necesario cortar o tráfico en ambos sentidos durante a execución destas obras, coa finalidade de garantir a seguridade de traballadores e usuarios. Con estas medidas evitaranse posibles caídas a distinto nivel e derrubamento de terras debido ao paso de vehículos pola zona da cabeza do noiro.
Compre indicar que o departamento de Infraestruturas disporá sinais de advertencia e precaución para os usuarios desta vía, coa fin de evitar calquera percance.
Percorridos alternativos
Durante a primeira fase dos traballos a Consellería de Medio Ambiente habilitará uns percorridos alternativos para os usuarios da AC-305 en dirección a Ribeira e en dirección a Padrón.
No primeiro dos casos, á altura do punto quilométrico 5+900 da estrada Padrón-Ribeira (AC-305), na conexión coa estrada Bexo-AC-533 (AC-306), darase continuidade ao tráfico pola AC-306 ata o enlace de Catoira coa autovía do Barbanza (AG-11), no punto quilométrico 11. Desde este enlace, os vehículos poderán continuar pola autovía en dirección Ribeira ou ben para entrar de novo na estrada AC-305 e tomar dirección Padrón pola AG-11 ata o enlace que da acceso á area de servizo (punto quilométrico 7+700). Neste punto poderán cambiar de sentido e retomar a autovía cara Ribeira ata o enlace de Bexo para enlazar coa estrada AC-305.
Aquelas persoas que circulen pola AC-305 en dirección Padrón teñen as seguintes alternativas. No punto 7+150 da estrada Padrón-Ribeira, no enlace de Bexo, os vehículos deberán incorporarse á autovía AG-11 e poden continuar en dirección a Padrón ou incorporarse de novo ao vial Padrón-Ribeira deberán continuar ata o enlace da área de servizo no punto 7+700 da autovía do Barbanza (AG11) e alí cambiar de sentido e retomar a autovía en dirección Ribeira ata o enlace de Catoira no quilómetro 11 e enlazar coa estrada AC-306, continuando por ela ata a AC-305.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas manifesta de antemán as desculpas aos usuarios desta infraestrutura polas posibles molestias que poidan provocar os traballos que se realizarán nestes treitos da AC-305.
Traballos na autovía do Barbanza
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a realizar melloras na autovía do Barbanza, co fin de por fin aos múltiples inconvintes que esta infraestrutura presentaba e que estaba a xerar aos usuarios desta vía, Por iso, o departamento que dirixe Agustín Hernández, púxose en contacto coa sociedade concesionaria, para que se fixese cargo de forma inmediata do arranxo das deficiencias.
Para ver os mapas prema aquí.