29.11.10

Lousame: o comité da planta de Servia anuncia a presentación dunha denuncia polo penal contra o alcalde de Ames por vulnerar o dereito á folga

O Comité de Empresa da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame, vén de anunciar a presentación, pola vía penal, dunha denuncia contra o alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, por vulnerar o dereito á folga. Fernández contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da vila, argüíndo que a folga convocada polos traballadores/as da planta era ilegal. Afirmación que desmentiu a propia Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen aseguraba nun escrito remitido á Mancomunidade, con data de 16 de novembro, que cumpría “con todos os requisitos estabelecidos polo Real decreto-lei 17/1977”.

O Comité de Empresa convocaba folga indefinida de recollida de lixo nos concellos de Ames e Carnota, desde o pasado día 8 de novembro, logo de que no primeiro o propio alcalde provocara o aprazamento do pleno no que se votaría unha moción que supuña a asunción do pagamento das débedas acumuladas coa planta e, no segundo, se votase en contra da moción proposta polo Comité.

Esta moción supoñía comprometerse co modelo de xestión de residuos sólidos urbanos de Servia; o apoio ás iniciativas e plans aprobados no seo da Mancomunidade encamiñadas a garantir o pago da débeda contraída con FCC; que os orzamentos de cada Concello para o ano 2011 preveran o pagamento mensual do canon do lixo (co obxecto de non xerar unha nova débeda) e que se demandara da Xunta de Galiza a súa implicación para resolver favorablemente o conflito existente coa recicladora ECOEMBES.

Para os traballadores era imprescindíbel que se asumiran estes puntos para garantir a viabilidade da planta -nomeadamente o pagamento dunha débeda que se achegaba a 2.700.000 € e da que eran responsábeis, na súa maioría, os concellos de Ames, Carnota e Noia- e con iso, o mantemento dos postos de traballo.

Folga ilegal

Tras do inicio efectivo da folga, a partir do día 12 de novembro, o alcalde de Ames afirmou, en diversos medios de comunicación, que a folga convocada era “ilegal” e “política”. O propio Valedor do Pobo abriu unha investigación, de oficio, por non garantirse un servizo público e polos supostos problemas de salubridade derivados.

Respecto das afirmacións do alcalde de Ames, a propia Dirección Xeral de Relacións Laborais desmentía nun escrito remitido á Mancomunidade o día 16 de novembro as acusacións de “ilegalidade”, e afirmaba que a comunicación de folga “cumpre cos requisitos estabelecidos” no referente ao prazo de preaviso, que para os casos que afecten aos servizos públicos débese facer “con alomenos 10 días naturais” de antelación, xa que fora comunicada o 27 de outubro; aos motivos nos que se fundamentaba; data de inicio e composición do comité de folga.

Para o alcalde de Ames esa infundada acusación de ilegalidade viña de que na convocatoria de folga prevíase o inicio o día 8 e, porén, non se fixo efectiva até cinco días despois. A isto Relacións Laborais respostaba que “a convocatoria remitida nos termos nos que se substancia, reúne os requisitos legais polo que non debe considerarse como unha nova folga a falta de servizo levada a cabo o día 13, xa que se trata dunha folga indefinida”.

Respecto da actuación do Valedor do Pobo, lembran que casualmente o alcalde de Ames, Carlos Fernández, gabouse no pleno celebrado o xoves día 18, da súa amizade persoal con el, e que amparándose nas súas actuacións, contratou a Tragsa para recoller o lixo vulnerando o dereito fundamental á folga.

Neste sentido, Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos, asegura que curiosamente non se ten constancia da intervención do Valedor do Pobo en ningún outro conflito laboral e que nin sequera actuou na folga de recollida de lixo de Compostela, que durou moito máis tempo.

Rubido asegura, ademais, que caso de existir algún problema de salubridade sería a consellaría de Sanidade quen tería que adoptar medidas e non o Valedor e que, en todo caso, ese problema non existía porque estaban pactados uns servizos mínimos que prevían a recollida do lixo cada tres días. De feito, o luns 15 fíxose unha primeira recollida e estaba prevista outra para o propio xoves día 18.

Recollida “ilegal”

Porén, e malia estar convocado o pleno no que finalmente o concello de Ames, co seu alcalde incluído, aprobaron a moción proposta polo Comité e un pago extraordinario de medio millón de euros para afrontar a débeda acumulada polo municipio, e de estar previsto que esa noite os servizos mínimos recollerían novamente o lixo, o alcalde, facendo alarde dunha actitude que o secretario nacional de CIG-Servizos cualifica de “prepotente” e “chulesca”, ordenou a recollida “ilegal” contratando a outra empresa.

O propio alcalde, estivo á fronte do operativo de recollida de Tragsa, que provocou importantes problemas de tráfico nas rúas máis céntricas dos núcleos de Ames e controlou o proceso para asegurarse, antes do pleno, de que todo o lixo estaba recollido. Unha actuación que Rubido cualifica de “populismo barato” e que provocou que os camións cheos de lixo pasaran a noite na rotonda de Rois, sen poder acceder á planta de Lousame, porque non fixeran recollida selectiva, malia Fernández afirmar o contrario. “Finalmente tiveron que derivar o lixo a Sogama”.

Obviamente, tras da asunción por parte do concello de Ames dos compromisos económicos coa planta, o Comité de Empresa puxo fin á folga. O mesmo que ocorreu en Carnota, onde ese mesmo día e por requirimento da Xunta de Galiza, o concello foi obrigado a asumir os pagamentos nos prazos previstos pola Mancomunidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o saneamento de Runs abordarase no pleno extraordinario do martes 30 de novembro

A actuación está incluída na anualidade 2011 do Plan de Cooperación cos Concellos 2008-2011 da Deputación da Coruña

Boiro, 25 de novembro de 2010. O Concello de Boiro dotará ao núcleo de Runs, na parroquia de Boiro, de rede de saneamento, unha actuación que se executará a través do Plan de Cooperación cos Concellos (PCC) da Deputación da Coruña, anualidade 2011.

As obras consisten na execución dunha rede de saneamento composta de canalización principal en tubaxe de PVC cos correspondentes pozos de rexistro. Sobre esta rede xeral acometeranse as traídas particulares das vivendas, coa correspondente arqueta en punta para que cada  propietario realice a súa conexións sen ter necesidade de executar obras sobre o vial. Esta actuación en Runs, que beneficiará aproximadamente a medio cento de vivendas, completa a rede existente ata o núcleo, de tal xeito que coa actuación prevista, o saneamento queda completamente conectado ata a rede da depuradora municipal.  

En total, se prantexa unha actuación de 572 metros lineais de alcantarillado e 293 metros lineais de acometidas domiciliarias. As obras está previsto que duren tres meses e o orzamento é de 88.092,79 euros, dos cales a Deputación aporta o 80% e o Concello, o 20% restante.  

Con esta actuación, o executivo boirense continúa, asegura, "no seu empeño de dotar a tódolos núcleos de poboación dos servizos básicos, ademais de contribuír ao coidado do medio ambiente coa correcta canalización dos residuos".

No pleno extraordinario trataranse ademais, outros asuntos:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Meteoroloxía: as baixas temperaturas están a provocar fortes xeadas en Barbanza

Ribeira, 29 de novembro de 2010. O frío intenso chegou cedo este ano. Aínda que xa houbera xeadas estas semanas pasadas, as desta noite foron espectaculares. Mentres nos sitios altos de moitos lugares de Galicia xa está a nevar, aquí nas bisbarras de Barbanza e Noia estamos a aturar as denominadas xeadas blancas.


En Nebra, esta mañá. Foto de Paco do Martelo no seu Facebook

A xeada é un fenómeno climático que se caracteriza por un descenso brusco da temperatura ata niveis inferiores ao punto de conxelación da auga. Iso ocasiona que a auga evaporada no aire se chegue a xear e se deposite a xeito de xeo nas superficies sólidas. Para que haxa xeadas tamén se ten que dar a condición de que a humidade relativa do aire supero o 60 por cento, ou doutra maneira non habería auga abondo na atmósfera para que se producira a xeada. E tamén ten que estar o ambiente calmo: se hai vento non hai xeadas.

¡

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a alcaldesa do concello de Paúl, en Cabo Verde, visitará o mércores a vila para informarse sobre iniciativas a prol da muller e a igualdade


Paúl pertence á illa de Santo Antao, na imaxe, tomada da Wikipedia

      Boiro, 29 de novembro de 2010. O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, acompañado da corporación municipal, recibirá este mércores, día 1 de decembro, ás 17.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial, á alcaldesa do municipio de Paúl, na República de Cabo Verde. Trátase de Vera Almeida, unha alcaldesa, segundo explican dende o goberno de Boiro, "altamente interesada en iniciativas desenvolvidas por mulleres, e na erradicación da loita contra a desigualdade". Chegará a Boiro da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha entidade sen ánimo de lucro, cuxa labor consiste na contribución dende o ámbito galego ó desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo, estando o  Concello de Boiro adherido como socio colaborador, dende o ano 2000.

      No acto, organizado polo Departamento de Servizos Sociais, participarán tamén cinco asociacións municipais integradas maioritariamente por mulleres, e que desenvolven iniciativas no eido da vida social, laboral, económica ou deportiva. Trátase dun intercambio de experiencias con representantes de asociacións de mulleres desta vila, onde unha representante feminina de cada asociación realizará unha breve exposición sobre a labor e traxectoria da súa entidade.

Web de referencia:
http://www.fondogalego.org/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: convocan aos afectados polas expropiacións para facer a conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-543 o 10 e 11 de xaneiro

As reunións nas que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados terán lugar na Casa da Cultura de Noia. Será necesario afectar a 177 fincas para rematar esta conexión, segundo a Xunta


Noia, 29 de novembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as datas para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do novo vial de conexión do Corredor Brión- Noia coa estrada que une a cidade de Santiago de Compostela con Noia (AC-543), na altura do núcleo de Sampaio.

Este vial suporá o punto e final das obras a Vía de Alta Capacidade (VAC) Brión-Noia, xa que o proxecto propón a construción dunha vía que arranca na glorieta Este, pertencente ao enlace de Sampaio e, dende dito punto e ao longo de 500 metros, descende ata a AC-543, onde se deseña unha glorieta circular.

A casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos" está na rúa Corredoira

As reunións nas que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados iniciaranse o 10 de xaneiro na Casa da Cultura de Noia, dende as 9.30 ata as 13.30 horas, dende o A ata Martínez Gómez Isolina. O día seguinte, 11 de xaneiro, no mesmo lugar e horario, acudirán os afectados dende Nimo Mato María Luísa ata a letra Z.

Os titulares afectados deben acudir persoalmente ao acto ou delegar nunha persoa autorizada para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución.

Características técnicas
O tronco desta conexión terá tres carrís de 3,5 metros cada un, dúas beiravías de 1,5 m e dúas bermas de 0,75 metros cada unha. Pola súa banda a sección da glorieta componse de dous carrís de 4 metros cada un; dúas beiravías, unha interior e outra exterior, ambas dun metro; e dúas bermas de 0,75 m. A velocidade de proxecto é de 60 km/h e a rampla máxima do 7 %.

Para levar a cabo estas obras, que teñen un presuposto de máis de 1,8 millóns de euros e que comezarán no primeiro semestre de 2011 e remataranse no 2012, necesitarase facer unha escavación e desmonte de 87.504 metros cúbicos e un terraplén ou pedraplén de máis de 33.600 m3; empregaranse case 5.000 m3 de formigón e máis de 101.600 quilos de aceiro. Por outra parte, realizarase a ordenación ecolóxica estética e paisaxística da zona, o drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización e balizamento.

A urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados na execución desta infraestrutura, xustifícase pola súa incidencia na seguridade vial, co fin de evitar riscos innecesarios para os veciños de Sampaio ao articular e conectar o Corredor brión Noia coa estrada AC-543.

O Goberno galego, coa posta en marcha desta obra, pretende desconxestionar este núcleo de poboación dun tráfico pesado e abundante de vehículos, así mesmo conseguirase finalmente reducir os tempos de percorrido.

Outra das necesidades para proceder de forma inmediata débese a entrada en funcionamento do mencionado Corredor.

O vial beneficiará a unha poboación de máis de 25.000 habitantes dos concellos de Noia e Porto do Son, e para levalo a cabo será necesario afectar a 177 fincas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical