7.3.11

Rianxo: o Museo do Mar, interesado na creación dunha rede de Centros e Museos Marítimos de Galicia que propón o homónimo de Vigo

Media_httpfarm3static_axsoc

Rianxo, 7 de marzo de 2011. Representantes do Museo do Mar de Rianxo non acudiron onte á reunión que mantivo onte o director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera, con representantes doutros museos galegos dedicados á temática marítima, pero aínda así amosaron a súa dispoñibilidade para colaborar na creación dunha rede de Centros e Museos Marítimos galegos.

Media_httpfarm5static_zlnld

Museo do Mar de Vigo. Pode ver unha fotogalería del aquí
 
Nesta primeira reunión, celebrada no propio Museo do Mar de Galicia, en Vigo, constatouse a necesidade de coordinar as accións dos distintos museos e acordouse iniciar no sucesivo unha serie de mesas de traballo para continuar abordando estas cuestións. De feito, determinouse xa a temática da primeira destas mesas: a posta en marcha dun sistema de inventario común, ferramenta que xa se está a desenvolver no Museo do Mar de Galicia e que se estenderá ao resto.
 
A reunión contou con representación dos museos de A Guarda, Redondela, O Grove, o Museo Massó, o Museo Anfaco e da Rede de Museos de Lugo. O Museo que dirixe Pablo Carrera tamén aproveitou para lembrar que pon a disposición dos concellos e entidades as súas exposicións.

Media_httpfarm6static_zndes

O museo do Mar de Muros non aparece mencionado na nota do Museo vigués

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación "Flor de Toxo" denuncia o "pasotismo e acomodamento" do equipo de goberno

Media_httpfarm4static_kodtx

Entre as propostas das asociacións hainas referidas a seguridade viaria

Ribeira, 7 de marzo de 2011. A asociación "Flor de Toxo" de Ribeira explica hoxe en nota de prensa que durante as pasadas semanas, unha serie de asociacións do municipio viñeron mantendo encontros nos que trataron diversas propostas en materia educativa e xuvenil a reclamarlle ao concello. Para o día de hoxe aseguran que tiñan solicitado, mediante escrito e debidamente rexistrado no rexistro de entrada do concello, un encontro co Alcalde, co concelleiro de Xuventude e coa concelleira de Educación.

"Ás 10:30 horas do día, unha delegación composta por representantes das A.N.P.A.S dos colexios C.E.I.P. de Aguiño, C.E.I.P. Pedra do Corniño de Carreira, I.E.S. Leliadoura, I.E.S. Nº1 e C.E.I.P. O grupo, asemade como membros da Asociación Xuvenil Flor de Toxo, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas e Asoc. De Veciños de Abesadas e Cubeliños entraron polas portas da Casa Consistorial e dirixíronse á Alcaldía, onde a secretaria particular do alcalde, Purificación Cores, persoa vinculada ao Partido Popular, nos atendeu cuns aires chulescos e de prepotencia informándonos de que non se realizaría ningunha reunión cos membros de equipo de goberno que se solicitara. Foi logo Juana Ermitas Crujeiras, Concelleira de Educación a que nos reiterou que ese encontro non ía ter lugar. Unha vez máis demóstrase o pasotismo e o acomodamento do equipo de goberno ribeirense. Cabe resaltar que as reunións previas convocouse ás Novas Xeracións do PP Riveirense e non apareceron nin mostraron interese", explicaron.

Propostas recollidas polas asociacións

-Control nos pasos de peatóns da cidade por parte dos membros de Protección Civil nas horas de entrada e saída dos colexios. Hai que ter en conta o número de atropelos que hai na actualidade.  

-Apertura inmediata e posta en funcionamento da Casa da Xuventude, e que se conte coas asociacións xuvenís, culturais e anpa´s do municipio para a súa xestión.  

-Creación dun Consello Local da Xuventude e un Consello Escolar Municipal.  

-Creación dun novo centro de Formación Profesional, levamos 20 anos coa mesma oferta educativa.   

-Apertura en fins de semana das pistas deportivas dos colexios: os mozos non teñen por que saltar murallas, non son delincuentes.  

-Construción dunha gran área deportiva e céntrica con pistas de baloncesto, fútbol, tenis, etcétera.

-Oferta de actividades para os xóvenes e nenos do concello, que sexa continua e ao longo de todo o ano.  

-Achegar actividades de ocio infantil ás parroquias.  

-Creación dun plan de emprego, que sexa real e non un monte de papel, para xóvenes do municipio cualificados. Estamos perdendo poboación moza porque saen da universidade ou de F.P e aquí non atopan traballo.  

-Creación de locais públicos para o uso das asociacións.  

-Achegar a cultura galega aos colexios, clases de gaita, charlas sobre o mar. Modernidade e tradición non teñen por que ser palabras opostas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o presidente de Portos de Galicia cursou visita ás instalacións portuarias

Noia, 7 de marzo de 2011. O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, estivo hoxe en Noia, onde asegurou que a obra de retirada da rampa e a ampliación de pantaláns remata este mes de marzo; comprometeuse a poñer un novo pantalán para usos deportivos en Testal e tamén a estudar a ampliación do clube de remo, así como a reordenar o tráfico na zona portuaria.

Portos de Galicia foi o ente que en 2010, co gallo do Xacobeo, creou a marca "Portos Xacobeos" e deixou fóra a Noia. Ante as protestas de empresarios noieses, que mesmo fixeron peregrinacións a Santiago, adxudicóuselle esa marca tamén pero non se fixo nin un só acto nin se colocou o monolito no porto que o acredita como tal. En Certo publicamos a eito sobre ese asunto.

Curiosidades

Sabía vostede que José Manuel Álvarez-Campana ten un blog persoal que non actualiza dende abril de 2009? En http://josemanuelalvarezcampana.wordpress.com


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: a Copa Sálvora 2011 xa ten vídeo de promoción

Nos vindeiros días vaise abrir xa o prazo de inscrición para a Copa Sálvora 2011. A fase final xa ten datas: será o 4 e 5 de xuño no campo municipal da Fieiteira en Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o BNG apoia a posición das xentes do mar que rexeitan a colocación de gaiolas con salmón na ría

Media_httpuploadwikim_qjhak

Salmón atlántico en liberdade. Wikipedia

Noia, 7 de marzo de 2011. A Consellería do Mar pretende autorizar a instalación de dúas gaiolas de cultivo industrial de salmón, pertenecentes á empresa North Food, S.L., no polígono mexilloeiro Muros C, na ría de Muros e Noia. Para o Bng de Noia, "chámanos poderosamente a atención a inexistencia de informes da propia Consellería sobre o impacto que a instalación das gaiolas e o proceso de medre do salmón (e a súa alimentación, medicación, etc.) podería provocar sobre os recursos mariños e o medio. Así se fixo no seu día no caso da ría de Arousa, concluíndo no risco de infección severa e recomendando que esas gaiolas non se deberían instalar na ría. Hai que lembrar que a ría de Muros e Noia é un espazo singular, cunha alta produtividade pesqueira, marisqueira e mexilloeira, e milleiros de homes e mulleres vivindo directamente destas actividades produtivas. Cómpre, daquela, extremar as cautelas e precaucións cando de preservar a ría se trata".

Principio de cautela e rexeitamento consecuente

Os nacionalistas noieses explican en nota de prensa que "seiscentas once embarcacións pesqueiras e de marisqueo a flote teñen porto base na ría de Muros e Noia, ás que compre acrecentar outras 26 embarcacións auxiliares vinculadas aos polígonos mexilloeiros existentes. Sumémoslle os centos de persoas inseridas nos planos de explotación de marisqueo a pé, e teremos unha primeira mostra da necesidade de extraer o principio de cautela. En consecuencia o BNG de Noia, apoiará no Pleno extraordinario do Concello que se celebrará presumiblemente nos próximos días, o rexeitamento á instalación de gaiolas experimentais para o cultivo industrial do salmón na ría de Muros e Noia".

Antes publicamos sobre o mesmo asunto estas novas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: a ribeirense Rosa Crujeiras, directora artística da campaña publicitaria dunha coñecida marca de condóns estadounidense

Rosa_crujeiras


Ribeira, 7 de marzo de 2011. A artista ribeirense Rosa Crujeiras (agora Rosa Crujeiras-Teira OdenWalder, tralo seu casamento cun norteamericano) é a directora artística da campaña publicitaria "Magnum Live Large", que protagoniza o rapeiro Ludacris para a marca de preservativos Trojan. 

A campaña está deseñada para YouTube, o maior repositorio de vídeos na Rede, onde hai unha canle propia para este proxecto que dirixiu artisticamente Rosa Crujeiras: http://www.youtube.com/MagnumLiveLarge. Trátase de atopar a cinco "mcees" (rapeiros que improvisan) que representen a esta marca a través das súas composicións e buscan valores como a non discriminación, ou a ausencia de violencia nos seus textos. Os gañadores poderán cantar con Ludacris en Miami, en sucesivas actividades desta campaña publicitaria.

Media_httpuploadwikim_urapc

Ludacris na Wikipedia


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arqueoloxía: o equipo que escavou en Neixón adicarase a estudar a paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas


Arqueóloga destapando petróglifos en Ons

Ribeira, 7 de marzo de 2011. O grupo de traballo do Centro Superior de Investigacións Científicas que se ocupou das escavacións dos castros de Neixón en Boiro ata 2008 volve pola Ría de Arousa: acaba de obter un proxecto do Plan Nacional de I+D para estudar os procesos de formación e cambio da paisaxe cultural do parque nacional das Illas Atlánticas (2011-2013). Como xa é sabido, entre as Illas Atlánticas está a de Sálvora, que se inclúe dentro do Concello de Ribeira.


Illa de Sálvora, que forma parte do Parque das Illas Atlánticas dende que a Xunta a mercou

Este proxecto interdisciplinar está dirixido por dúas arqueólogas, Paula Ballesteros Arias e Cristina Sánchez-Carretero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio, INCIPIT. O equipo que estivo en Neixón participará na vertente arqueolóxica do proxecto, que contempla a prospección intensiva das illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e a elaboración dun estudo de arqueoloxía do pasado contemporáneo con especiel fincapé na análise arqueolóxica das aldeas abandonadas. "Unha nova ocasión para aplicar a nosa experiencia neixonense e lanzadeira", explica o arqueólogo Xurxo Ayán, que fora director das escavacións de Neixón, no blog Arqueoneixón.

Que é o Incipit?


Claustro do Instituto Padre Sarmiento en Santiago

O Instituto de Ciencias do Patrimonio, que participa nesta nova expedición arqueolóxico-paisaxística no Parque das Illas Atlánticas, é un centro en formación do CSIC en Galicia, creado mediante resolución do Consello Rector da Axencia Estatal CSIC o 26 de xaneiro de 2010. Está asociado na súa etapa inicial ao Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC, XuGa). Ao Incipit incorpóranse 45 persoas que desenvolven o seu traballo nas liñas de investigación do Laboratorio do Patrimonio.

As súas misións son estudar, fomentar, desenvolver, validar e difundir investigación científica e tecnológica de calidade e carácter pluridisciplinar sobre patrimonio cultural, así como formar persoal investigador especializado e asesorar con coñecemento experto a entidades públicas e privadas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro. o Concello adica este mes á promoción do deporte do remo

Arte: o noiés Ismael Teira expón "Habita-la tinta" dende o 10 de marzo en Santiago

Comisariado por Cristina Campaña e Lucía Couto, no pub Modus Vivendi. É a primeira mostra do noiés en Compostela

Noia, 7 de marzo de 2011. O vindeiro xoves 10 de marzo, as 20.00h, terá lugar a inaguración da exposición "Habita-la tinta", do noiés Ismael Teira no pub Modus Vivendi.

Teira é un artista inédito en Compostela pero cun extenso curriculum, xa que espuxo ao longo de múltiples puntos da xeografía galega e tamén española.

Habita-la Tinta xira en torno á idea da arquitectura utópica en papel, é dicir, daquelas construccións que nunca pasarán a barreira da segunda dimensión xa que non está proxectadas cun futuro inmediato. Teira nútrese da liberdade que isto lle inxire, permitíndolle realizar proxectos que nacen da súa man e finalizan co seu último trazo. Levado por ese afán compulsivo o artista realiza pezas sen rigor matemático, invadido polo recordo do boom inmobiliario dos anos 60, na cal España e boa parte de Europa, invadiu as súas paisaxes con bloques de formigón formando unha nova biosfera, o paraíso urbano. Como se dunha ficha de dominó se tratase realiza obras de xeito rápido e contundente, influido polas tendencias artísticas dos anos 70, como a Fluxus de Maciunas. Ó mesmo tempo a súa producción non é pechada pois parte do recurso artístico da imbricación entre o individuo e a máquina, pegada presente nas sucesivas marcas da fotocopiadora no papel. Parte da referencia a máquina como formulación estética, chegando a asimilación do proceso mecánico da arquitectura en como parte da súa producción artística. Como reforzo recorre á numeración habitual do gravado, na cal cada unha das pezas perde o seu carácter para formar parte dunha serie limitada sen contido, nen sentido.
Habita-la Tinta en todo o seu significado semántico, reflicte o obxetivo primordial da xénese expositiva. O creador enfrontase a unha superficie en blanco, deixando a devagar a súa
imaxinación. A exposición estará formada por quince pezas, das cales nove proxectadas en formato A4, cinco delas en formato A5 e xa como protagonista da mostra estaría unha última peza, a número quince creada a base de fío. Todas as pezas estarían á venda, cun custo reducido que se pode consultar unha vez visitada a mostra.

CURRICULUM.pdf View this on Posterous

FOLLA DE SALA.pdf View this on Posterous

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: unha creación da mestra do Conservatorio Teresa Bretal foi estreada onte pola Banda de Música de Santiago

Teresa_bretal

Foto do Facebook de Teresa Bretal

No Concerto do Día Internacional da Muller Traballadora 

Ribeira, 7 de marzo de 2011.- Onte, domingo, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o "Concerto especial do Día da Muller Traballadora" levado a cabo pola  Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, que dirixe Xosé Carlos Seráns.  

Para o programa deste acto seleccionouse un repertorio no que todas as obras estaban compostas por mulleres, a excepción de  “A Concertpiece nº 2” de F. Mendellssohn.  

Como novidade cabe salientar que o concerto serviu para a estrea mundial de “Andrómeda": unha obra que Xosé Carlos Seráns encargou explicitamente para este concerto á pianista e compositora galega Teresa Bretal Martínez, profesora do Conservatorio Profesional de Música de Ribeira,  que compartiu programa xunto a "Marsovia" da compositora H. Blanke-Belcher e "Symphonie" da xa consagrada Ida Gotkovsky.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Banco de Tempo cambia o día de atención ao público, que será agora os mércores

Banco_de_tempo_entroido_ribeir

Ribeira, 7 de marzo de 2011. A Secretaría do Banco do Tempo de Ribeira informa de que cambia o seu horario de atención e, dende agora, este servizo estará aberto os mércores en lugar dos luns como viña sendo habitual. Con esta modificación preténdese facilitar a asistencia aos socios do banco e ás persoas, entidades e institucións que estean interesadas en colaborar ou obter información para facerse socias.  

O horario será de 11 a 13 horas da mañá. A secretaría seguirá situada na sede do Centro de Información á Muller (CIM). 

No caso de que a algunhas persoas non lles veña ben este novo horario, deberán chamar ao departamento dos Servizos Sociais, e deixar os seus datos persoais xunto co teléfono para que a secretaría se poña en contacto.  

Obradoiro postres Entroido

A imaxe que acompaña esta información é unha fotografía do grupo que tomou parte no obradoiro de postres típicos de Entroido que se realizou hai unha semana a iniciativa do Banco.
Os nomes dos socios son Mª Dolores Crujeiras (asesora xurídica CIM), Xose Alberte Lorenzo, Mª Teresa, Pilar Pereiro, Juanita (mestra do obradoiro, colaboración das amas de casa de Riveira), Mónica Chaves, Marisa Arnoso, Juanita Vilar, Esther Patiño (concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia), Estela Saa ( Secretaria do banco do tempo) e Dolores García.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical