7.3.11

Arqueoloxía: o equipo que escavou en Neixón adicarase a estudar a paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas


Arqueóloga destapando petróglifos en Ons

Ribeira, 7 de marzo de 2011. O grupo de traballo do Centro Superior de Investigacións Científicas que se ocupou das escavacións dos castros de Neixón en Boiro ata 2008 volve pola Ría de Arousa: acaba de obter un proxecto do Plan Nacional de I+D para estudar os procesos de formación e cambio da paisaxe cultural do parque nacional das Illas Atlánticas (2011-2013). Como xa é sabido, entre as Illas Atlánticas está a de Sálvora, que se inclúe dentro do Concello de Ribeira.


Illa de Sálvora, que forma parte do Parque das Illas Atlánticas dende que a Xunta a mercou

Este proxecto interdisciplinar está dirixido por dúas arqueólogas, Paula Ballesteros Arias e Cristina Sánchez-Carretero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio, INCIPIT. O equipo que estivo en Neixón participará na vertente arqueolóxica do proxecto, que contempla a prospección intensiva das illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e a elaboración dun estudo de arqueoloxía do pasado contemporáneo con especiel fincapé na análise arqueolóxica das aldeas abandonadas. "Unha nova ocasión para aplicar a nosa experiencia neixonense e lanzadeira", explica o arqueólogo Xurxo Ayán, que fora director das escavacións de Neixón, no blog Arqueoneixón.

Que é o Incipit?


Claustro do Instituto Padre Sarmiento en Santiago

O Instituto de Ciencias do Patrimonio, que participa nesta nova expedición arqueolóxico-paisaxística no Parque das Illas Atlánticas, é un centro en formación do CSIC en Galicia, creado mediante resolución do Consello Rector da Axencia Estatal CSIC o 26 de xaneiro de 2010. Está asociado na súa etapa inicial ao Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC, XuGa). Ao Incipit incorpóranse 45 persoas que desenvolven o seu traballo nas liñas de investigación do Laboratorio do Patrimonio.

As súas misións son estudar, fomentar, desenvolver, validar e difundir investigación científica e tecnológica de calidade e carácter pluridisciplinar sobre patrimonio cultural, así como formar persoal investigador especializado e asesorar con coñecemento experto a entidades públicas e privadas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical