1.3.12

Teatro: "A ópera dos tres reás", dirixida polo ribeirense Quico Cadaval, opta a oito premios no certame "María Casares 2012"

Pera_dos_tres_resy

  • A produción do Centro Dramático Galego foi nominada para estes galardóns en sete categorías: mellores actor e actriz secundarios, escenografía, adaptación/tradución, iluminación, vestiario e maquillaxe.

Ames, 1 de marzo de 2012. O espectáculo A ópera dos tres reás do Centro Dramático Galego (CDG) acadou un total de oito candidaturas aos Premios de Teatro María Casares 2012 que convoca e outorga cada ano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A produción da compañía pública, que foi vista entre xuño e outubro de 2011 por 20.000 de espectadores, resultou finalista en sete das categorías a concurso destes galardóns: mellores actor e actriz secundarios, escenografía, adaptación ou tradución, iluminación, vestiario e maquillaxe.

Os apartados nos que resultou nomeada A ópera dos tres reás confirmáronse hoxe no decurso dun acto festivo celebrado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), canda a comunicación do resto de profesionais, compañías e espectáculos galegos preseleccionados para optar a algunha das 13 categorías previstas –ademais do Premio de Honor Marisa Soto­– na que será a edición décimo sexta duns premios aos que concorren este ano 30 montaxes.

No caso do CDG, os traballos de Víctor Mosqueira, César Goldi e Marta Pazos, tres dos intérpretes do elenco da obra musical de Bertolt Brecht e Kurt Weill que dirixira Quico Cadaval e protagonizara Luis Tosar, conseguiron ser nomeados nas categorías de Mellor Actor Secundario e Mellor Actriz Secundaria, ao igual que o de Pepe Sendón como Mellor Adaptación-Tradución, o de Carlos Alonso como Mellor Vestiario e o de Trini Fernández Silva como Mellor Maquillaxe. Baltasar Patiño, autor da escenografía e a iluminación do espectáculo, tamén é finalista en cada unha desas categorías.

Os XVI Premios María Casares, que recoñecen o labor dos profesionais do teatro nos distintos ámbitos de creación e produción en espectáculos en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011, decidiranse por votación directa dos membros da AAAG e desvelaranse na gala de entrega que terá lugar o próximo 3 abril no teatro Rosalía Castro da Coruña.   

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: entregados os premios da terceira edición do "Atlante" de gravado en Artes

  • Foi presidida a entrega por Núñez Feijóo, que chega a contradicirse, logo de deixar sen consellería propia a área de Cultura, con esta perla: "coa arte, Galicia rebélase tamén contra un destino que parecía condenala a ser un país pequeno e periférico. Da man da cultura Galicia faise grande e ofrécese como encrucillada fundamental das correntes de creación”

  • O presidente da Xunta dixo, nunha das súas numerosas hipérboles, que “Galicia, Ribeira, Artes, transfórmanse en lugares de encontro para a arte de todos os tempos. Algo semellante ás Nacións Unidas da creación”

Media_httpfarm8static_lcuax

Imaxe de arquivo do día en que fallou o xurado. Poden ver aquela información aquí

Ribeira, 1 de marzo de 2012.- O presidente da Xunta afirmou esta tarde, no acto de entrega dos premios Atlante do Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, que as 200 obras concursantes e os 16 países presentes proban a afirmación de Vicente Risco de que ‘Galicia é un mundo’. “Risco –dixo- ensinounos a apreciar a grandeza da nosa terra e a afirmación do intelectual ourensán faise de novo realidade en Ribeira, en San Xián de Artes”.

Feijóo destacou que coa arte, Galicia rebélase tamén contra un destino que parecía condenala a ser un país pequeno e periférico. “Da man da cultura, Galicia faise grande e ofrécese como encrucillada fundamental das correntes de creación” afirmou ao que engadiu que Ribeira e Artes son unha desas encrucilladas.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno autonómico felicitou a Manuel Moreno Morales, Yuko Yamada, Ramiro de Undabeytia e Justo Antonio Heras Fernández, premiados na categoría de <Gravado>. Expresou os seus parabéns a Sandra González Caamaño, gañadora do premio destinado a <Gravado do Barbanza>. E aplaudiu tamén aos finalistas Hugo Besard, Micaela Trocello, Rutmi Sassaki, Ana Cambeiro, Encarna Méndez e Manuel Castro. “Vexo en cada un deles –aseverou- a un Atlante”.

Media_httpfarm4static_gjaxr

Museo do Gravado de Artes en Ribeira

Lembranza para Leopoldo Nóvoa

Así mesmo, subliñou que Ribeira resume no seu Museo boa parte da historia mundial do gravado. “E faino –dixo- cun estilo que tamén nos fai lembrar a concepción cosmopolita que Vicente Risco tiña da nosa cultura. No fogar artístico de Artes, Laxeiro dialoga con Van Dick, Rembrandt faino con Sucasas, e Lamazares intercambia cores e figuras con Chagall. Nese recinto máxico, o noso chorado Leopoldo Nóvoa é recibido no ceo dos artistas por Durero, Goya e Picasso”.

Feijóo concluíu lembrando que Artes é, con eses fondos que acadan os 26.000 gravados e abranguen un extenso ámbito xeográfico e un longo período histórico, un dos grandes centros internacionais da actividade artística. “Galicia, Ribeira, Artes, transfórmanse en lugares de encontro para a arte de todos os tempos. Algo semellante –aseverou- ás Nacións Unidas da creación”.


Parodia de Vicente Risco no twitter:

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Mariano Barbacid, gañador do I Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda

  • O Xurado amerita a súa longa traxectoria e o seu importante labor no campo da oncoloxía molecular
  • O premio está dotado con 12.000 euros e é un dos mellor dotadas na súa categoría
 
Compostela, 1 de marzo de 2012.- O Xurado do I Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda, acordou outorgar o galardón desta primera edición ao Dr. Mariano Barbacid, un dos investigadores “máis relevantes do mundo” nesta especialidade médica. Así o destacou o presidente executivo deste xurado, o tamén médico Rafael López, tras coñecerse o nome do premiado, de quen destacou “o seu gran labor no campo da oncoloxía molecular e a investigación traslacional do cancro”.

Falaba de xenes do cancro cando ninguén o plantexara

“O doutor Barbacid comezou a falar de xenes cando ninguén se plantexara esa vía”, explicaron os membros do xurado, composto por Juan Gestal Otero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago; Manuel Freire-Garabal, catedrático en Farmacoloxía; Francisco González García, catedrático de Medicina e vicerrector de Investigación e Innovación da USC, ademais dos presidentes de Frinsa e La Rosaleda, Ramiro Carregal e Gerardo Fernández Albor, e o propio Rafael López, xefe de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, en quen delegou o seu voto Juan Jesús Cruz, presidente da Sociedad Española de Oncología Médica (SEOM), que non puido asistir á deliberación.

Obxectivos do premio
Preténdese recoñecer o traballo destinado a afrontar o enorme desafío que supón atopar solucións a un dos máis grandes males de Humanidade e premiar o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica, obxectivos que o premiado cumpre abondo.  Mariano Barbacid leva máis de 30 anos adicado á investigación oncolóxica, primeiro en Estados Unidos –onde traballou no Instituto Nacional do Cacncro (Maryland) e no Instituto de Investigacións Farmacéuticas de Bristol-Myers Squibb en Princeton–, e logo en España, a onde volvtou en 1998 para crear o Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) que dirixiu ata o pasado ano e onde actualmente dirixe o grupo de Oncología Experimental.

O premio será entregado nos vindeiros días

O I Premio de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda, está dotado con doce mil euros (coas súas correspondentes retencións fiscais) e vaise entregar en Santiago nos próximos días nun acto solemne ao que asistirá o propio gañador así como personalidades do ámbito político, social, académico e científico de todo o país.

Xunto co premio en metálico, Barbacid recibirá un galardón acreditativo consistente nunha peza de Artesanía de Galicia creada en exclusiva para a edición deste premio en peedra emperador con incrustacións en metal e prata e con emblemas esculpidos na propia pedra.

breve biografia Barbacid.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical