6.3.12

Medio Ambiente: asociacións ecoloxistas, rurais e forestais rexeitan a nova Lei de Caza "por cederlles a xestión do monte aos cazadores"

6 de marzo de 2012. Logo de ter revisado polo miúdo o borrador da nova Lei de Caza sometido a información pública, ADEGA, FRUGA e a ORGACCMM vense na obriga de solicitar á Xunta a retirada do actual documento. Trátase, segundo din a tres asociacións, "dunha norma feita por e para os cazadores, que minimiza o papel da administración, xeralizando a discrecionalidade e entregando a xestión da fauna cinexética aos cazadores máis cavernícolas en detrimento doutros sectores e da sociedade en xeral". O borrador do PP, "cociñado por dous avogados de Silvanus cun custo de 49.000€ é en esencia similar á lei de 1997, convintemente retocada para "liberalizar" a caza e reducir o papel da administración a mera tramitadora de permisos". Fronte a este despilfarro, ADEGA encarregou a Martiño Nercellas, biólogo especialista en xestión cinexética, unha proposta de nova Lei_de_Caza_(495 Kb) dende a sustentabilidade, que queren achegar aos grupos políticos "con custo 0 para a facenda pública".

Media_httpfarm6static_ufdzd

Consideracións xerais ao actual borrador da Lei de Caza

Lamentábel folleto sobre a caza da Federación Galega de CazaSegundo estas asociacións, "a exposición de motivos da lei non logra xustificar a necesidade de promulgar unha nova norma e derrogar a actual lei de 1997, existindo unha clara contradición entre os motivos presentados como necesarios para crear unha nova lei e o seu articulado. De feito, a maioría dos artigos do novo anteproxecto son similares á actual lei de caza e as modificacións introducidas perseguen a consecución dun novo modelo cinexético, a limitación da responsabilidade da Xunta polos danos do porco bravo e a maior facilidade para efectuar o control desta especie recorrindo á excepcionalidade como norma, ademais de introducir rebaixas normativas que permiten entregarlle de feito a xestión da caza a unha parte dos grupos de interese da actividade cinexética (neste caso os cazadores e máis en concreto a Federación Galega de Caza").

A nível de detalle salientan como aspectos a ter en conta:

  • É unha lei feita por e para os cazadores en exclusiva, esquecendo a administración que a caza é un recurso máis do medio rural que comparte o mesmo territorio con outras actividades, polo que é preciso compatibilizar o seu desenvolvemento con outros usos que se poidan dar no mesmo tempo e lugar.
  • Existe unha usurpación dos dereitos de propiedade. A cesión do aproveitamento establécese nun mínimo de dez anos, chegando a falar de prórrogas indefinidas da cesión do aproveitamento cinexético. A persoa propietaria ou titular que non queira ceder o aproveitamento cinexético, ten que soportar o custo de sinalización da súa propiedade. Portanto, existe un claro prexuízo das persoas propietarias en beneficio das persoas cazadoras.
  • As rebaixas e recurtes introducidos fan referenza ás obrigas dos cazadores, ás obrigas da administración, á redución na seguridade, á participación da sociedade na regulación da actividade cinexética e á rebaixa na idade mínima para poder cazar que se establece en 14 anos.
  • Hai unha redución nas medidas de seguridade das persoas, tanto as participantes na actividade cinexética como as terceiras (persoas que non participan na actividade cinexética, pero desenvolven outras actividades no medio onde se realiza o aproveitamento cinexético); chegando incluso a permitirse que o xefe territorial poida, con carácter discrecional, deixar sen efecto as limitacións en materia de seguridade vinculada a camiños e vivendas.
  • Elimina a participación e o control da sociedade na regulación da actividade cinexética. Neste sentido a nova norma elimina do Comité Galego de Caza e dos Comités Provinciais de Caza aos grupos ecoloxistas, representantes das persoas propietarias, universidades e investigadores (presentes na actual lei de caza), non incorpora unha representación de axentes, gardas e vixiantes de caza e deixan tan só á administración e a cazadores como integrantes destes.
  • Autoriza de forma discrecional competicións de caza fóra do período hábil, o que na práctica permite que se poida estar cazando todo o ano.
  • Permite dentro de espazos naturais protexidos a declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior en superficies maiores de 500 has.
  • Elimina a obriga de que os TECORES tiñan de ter contratado un servizo de vixianza.
  • Introduce a caza en tobo, unha modalidade de caza moi cuestinada polas súas repercusións tanto ás especies cinexéticas como aos cans de caza.
  • Introdúcense infraccións ficticias (penalizar á persoa propietaria que espante a caza presente nas súas terras dentro do desenvolvemento dunha cacería) que teñen por obxecto disuadir aos movementos cívicos que se opoñen á actividade cinexética na súa propiedade.

Carencias:

Cartaz da Feira Venatoria de 2912, exemplo do sexismo máis rancioEntre as principais carencias consideran:
  • Non se fala nada sobre o fomento de prácticas de mellora de hábitats ou de pureza das especies cinexéticas, nin da certificación de calidade nin de axudas a estes aspectos, perpetuando a diminución e abandono das especies de caza menor.
  • Non concreta a capacidade dos axentes facultativos de medio ambiente para inspeccionar vehículos relacionados coa actividade cinexética.
  • Non menciona a necesidade de formación dos axentes en materias relacionadas coa actividade cinexética.
  • Non especifica a prohibición de repetir mancha nunha mesma tempada en coutos de caza maior abertos (art. 38, apartado k da Lei de Caza de Extremadura).
  • Non recoñece a necesidade de expoñer as xustificacións e os datos científicos que respalden as solucións adoptadas cando se pretenda deixar sen efecto as prohibicións previstas na propia lei, especialmente no relativo ao control dos danos do porco bravo.
  • Non se fala nada da necesidade de autorizar e controlar as soltas e repoboacións de especies cinexéticas polo órgano competente, para velar pola pureza xenética das especies e para evitar a propagación de epizootia, especialmente relevante na caza menor (art. 3.3. da Lei de Caza do País basco).
  • Necesidade de articular un sistema eficaz de rexistro do rendemento de capturas en TECORES de caza maior, anualmente (“censo de caza”, no art. 8 da Lei de Caza do País Basco). Debe existir un artigo específico que concrete a obriga dos TECORES a proporcionar información veraz e detallada da relación de especies e capturas, alén da obrigatoriedade das memorias anuais. A consellería competente debería elaborar anualmente un Rexistro de Rendemento Cinexético en base ás memorias que cada ano lle presenten os TECORES. Este rexistro debe ser de consulta e uso público.
  • Non se inclúe un artigo específico sobre a capacidade da administración competente de vedar un TECOR atendendo á necesidade de conservación das especies debido a circunstancias de especial incidencia sobre a fauna (incendios, por exemplo) (ver art. 16.7. da Lei de Caza do País basco).
  • Non se condiciona a declaración e aprobación dun TECOR societario a que a sociedade que o impulsa presente un contrato de responsabilidade civil e un contrato de gardería cinexética, para visar ao comezo da explotación do couto.
  • Non hai unha forte vinculación entre o aproveitamento cinexético coa sustentabilidade ambiental e coas normas vixentes en conservación da natureza.
  • Non hai unha soa referenza á Reserva Nacional de Caza de Ancares, unha figura que se rexe por unha norma estatal dos anos sesenta e que precisa incorporarse á normativa autonómica.
  • Non hai referenza a unha prevención activa que os danos das especies cinexéticas provocan nos cultivos e na rede viaria (accidentes). Hoxe en día esta é unha das principais facetas que ten que resolver unha nova lei de caza, e na redacción actual está completamente ausente (tanto na planificación como na xestión).

En resumo, para estas tres asociacións o texto do anteproxecto presentado "parece máis unha encomenda “ad hoc” das persoas cazadoras que un proxecto de lei que mira polo interese xeral. Neste sentido é preciso denunciar á rebaixa nas obrigas de cazadores e administración en detrimento do resto da sociedade, que é a gran prexudicada".

Por todo o expresado con anterioridade, as organizacións asinantes deste documento expresan "o total rexeitamento das nosas organizacións ao anteproxecto da Lei de Caza, e pedímoslle á Xunta a paralisación do proceso e a retirada do actual borrador para iniciar un novo procedemento transparente, participativo, coherente e rigoroso".

Compostela, marzo de 2012

ADEGA, FRUGA e ORGACCMM

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: programación oficial dos actos cívico-relixiosos da Semana Santa

Rianxo: este sábado 10 de marzo inauguran unha mostra de fotos sobre a Semana Santa

Cartel_exp_fot_semana_santa_20

Rianxo, 6 de marzo de 2012. O vindeiro sábado, 10 de marzo, terá lugar a presentación dos actos oficiais da Semana Santa en Rianxo. Nesta presentación, ás 12:30 no auditorio, darase conta do cartel desta semana relixiosa católica, presentarase o boletín da Irmandade da Paixón de Cristo e tamén se aproveitará para inaugurar a mostra fotográfica da Semana Santa que organiza esta mesma confraría relixiosa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: dispoñible na web municipal o Plan Xeral de Ordenación Municipal recentemente aprobado

Media_httpwwwportodos_tednc

Teñen que ir á web do Concello e manterse dentro dela (coas súas fiestras emerxentes). Doutro xeito, non funciona.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: barallan instalar un pipí-can, parque de skate e btt fronte á sede da policía local

  • As novas instalacións faríanse con cargo a un convenio coa construtora Mirón y Gutiérrez, no que tamén se inclúe axeitar a rúa Canarias e abrir novo vial detrás do ceip O Grupo
Media_httpfarm4static_mifaa


Ribeira, 6 de marzo de 2012.- A voceira municipal Herminia Pouso deu conta este mediodía dos principais asuntos tratados na reunión de hoxe no Grupo de Goberno. Entre os mesmos, a edil informou de que se está a ultimar a sinatura dun convenio de colaboración coa empresa promotora Mirón y Gutiérrez, S.L., que lle permitirá ao concello desenvolver diversas actuacións de interese para a veciñanza. 

Así, un dos puntos que está previsto incluír neste acordo é a recepción temporal por parte da Administración Local do terreo localizado fronte ás novas dependencias da Policía Local para ofrecer alí novos servizos. Barállanse tres alternativas que non son excluíbles unhas das outras: a instalación dun parque municipal de BMX (unha modalidade acrobática de ciclismo parecida ao trial), unha zona de skate e, recollendo numerosas demandas entre os cidadáns, un parque canino “que lles permita aos donos destes animais dispoñer dun espazo urbano para que os seus cans poidan disfrutar en total liberdade, ao tempo que preservamos a seguridade dos cidadáns”. 

Elementos desmontables

En todos supostos se faría uso de elementos móbiles que, chegado o caso, non habería problema en desmontar e trasladar a outras ubicacións. No caso de darse o visto bo ás tres alternativas, a superficie que se requirirá para a súa posta en marcha aproxímase aos 1.500 metros cadrados. 

Ademais, en virtude deste convenio o Concello recibirá a cesión en propiedade da rúa Canarias de tal xeito que dende a Administración se poidan efectuar alí traballos de mellora en acondicionamento que subsanen as eivas que rexistra este vial (falta de beirarrúas, firme deteriorado, etc...). De igual xeito, recibirase tamén a franxa de terreo situada por detrás do colexio O Grupo para abrir alí unha nova vía que conecte a rúa Canarias coa travesía perpendicular a Mariño de Riveira. Entre outras vantaxes, esta apertura permitirá desconxestionar o tráfico da avenida Miguel Rodríguez Bautista nas horas de entrada e saída dos alumnos ao recinto escolar ao ofrecer aos pais e nais unha posibilidade alternativa para deixar aos seus fillos. 

Por último, o convenio recolle a cesión por dous anos da parcela situada entre a rúa Canarias e a praza de España na que está instalada a carpa que acollerá provisionalmente o mercado municipal. 

Acondicionamento da carpa

Precisamente respecto a este último punto, Herminia Puso comunicou que no día de hoxe inícianse os traballos de tabicación e división do interior da carpa, así como o acondicionamento do entorno. A portavoz municipal explicou que esta instalación contará con dous accesos: un que conectará o mercado provisional coa rúa de Galicia (practicamente en fronte de onde está a praza de abastos actual) e outro coa rúa Canarias, cuxa función principal é o de dar entrada a mercadorías aínda que tamén poderá ser empregado polos usuarios . 

A intención do Executivo é poder comezar os labores de traslado dos praceiros en canto finalicen estes traballos, de tal xeito que o mercado provisional poida entrar en funcionamento antes da Semana Santa, “para non prexudicarlles nuns días que, pola afluencia masiva de visitantes á cidade, solen gozar de gran actividade comercial”. 

Traslado da Oficina de Deportes

Por último, Pouso Maneiro deu conta do traslado da Oficina de Deportes dende o seu emprazamento actual no Auditorio Municipal ata o Complexo Deportivo da Fieiteira. O número de teléfono para poñerse en contacto con este servizo é o 981 873 646, en tanto que o enderezo electrónico segue a ser o habitual deportes@riveira.com.






Certo
O Xornal Dixital de Barbanza e Noia
OLLO!! PÁXINA DE SEAREIROS EN FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!!
http://www.certo.gl
http://certo.posterous.com
http://www.flickr.com/photos/certo/
http://xornalcerto.blogspot.com
http://twitter.com/Certo
http://friendfeed.com/certo


---------- Forwarded message ----------
From: abdón dorca <prensa@riveira.com>
Date: 2012/3/6
Subject: O CONCELLO ESTUDA INSTALAR FRONTE Á POLICÍA LOCAL UN PARQUE CANINO, UNHA ZONA DE SKATE E OUTRA DESTINADA A BICICLETA ACROBÁTICA
To: abdón dorca <prensa@riveira.com>


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este domingo 11 de marzo, nova iniciativa en solidaridade con Paula

Pedalea_por_paula



Certo
O Xornal Dixital de Barbanza e Noia
OLLO!! PÁXINA DE SEAREIROS EN FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!!
http://www.certo.gl
http://certo.posterous.com
http://www.flickr.com/photos/certo/
http://xornalcerto.blogspot.com
http://twitter.com/Certo
http://friendfeed.com/certo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical