10.9.10

Pesca: o Psoe acusa á Xunta de deixar sen regularizar 1.100 embarcacións por "mera incapacidade política"

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira advirte, trala comparecencia do Director Xeral, que non presentou nin un só papel que informe de cal é a verdadeira situación da realidade da flota galega

Santiago, 10 de setembro de 2010.  A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, acusou hoxe á Xunta de deixar sen regularizar 1.100 embarcacións galegas por “mera incapacidade política”. Soniera fixo esta afirmación na Comisión 8ª do Parlamento, trala comparecencia do Director Xeral de Competividade e Innovación Tecnolóxica para dar conta das regulacións pesqueiras na nosa Comunidade. Cualificou a comparecencia deste responsable autonómico como de “manzanillo” (becario ou aprendiz en argot), e denunciou que fixo un relatorio “como a dun xestor administrativo e non dun responsable político como lles corresponde”.

Soneira lembra que das 2.440 regularizacións solicitadas, 2.112 precisaron de informes das capitanías marítimas, e só 891 foron informadas favorablemente. Do resto, sinala, 1.100 non poden completar o proceso regularizador pola falla de iniciativa do  goberno galego. A deputada socialista asevera que o Goberno de Feijoo adicou moi poucos recursos para axilizar este proceso. E advirte que o Director Xeral non presentou nin un so papel que informe de cal é a verdadeira situación da realidade da flota galega.

Explicou que 562 “non poden ser regularizadas porque a propia administración sinala que xa foron obxecto de regularización anterior” ao ter participado dunha instrucción da Mariña Mercante de 1.999. Soneira amosou a súa sorpresa por canto a Xunta afirma que o devandito proceso non fora unha regularización e ao mesmo tempo rexeita as solicitudes dos  propietarios dos buques.

Ao mesmo tempo, outras 524 embarcacións quedan fora do proceso a pesares de que poderían ser regularizadas si aportaran baixas de outras embarcacións que non poden polos requisitos da normativa. Novamente  considera que é a Xunta a que impide unha solución ao eludir xestionar diante do Ministerio  e a UE o cambio na norma.

Criticou que esta “deixación de funcións” amosada pola Consellería do Mar, cando o mesmo Ministerio ten afirmado a súa disposición a facilitar solucións ás embarcacións “no límite da regularización”. Polo tanto, sinala, é a inacción do Executivo o  que impide a resolución favorable ao limitarse a “traballar como unha mera oficina administrativa”.

Axudas para a incorporación  á actividade pesqueira

Na citada Comisión a portavoz socialista tamén interpelou ao Goberno Autonómico para coñecer as medidas que ten previsto poñer en marcha a Consellería do Mar para facilitar a incorporación de mais persoas á actividade marisqueira de bivalvos.

Lembrou, na súa intervención, que o marisqueo a pé é unha actividade case exclusivamente feminina, xa que mais do 85% desenvólvena mulleres. É unha actividade moi envellecida por canto mais do 73% das titulares dun permex teñen mais de 40 anos e case o 50% teñen mais de 50. Sinala que esta realidade amosa un futuro difícil para esta actividade de non modificarse as tendencias da profesión de mariscadora ten data de caducidade. Explica tamén que nun ano de Goberno da nova administración 1.155 persoas déronse de baixa no Réxime Especial do Mar (REM), moitas delas mariscadoras, coa chegada da idade de xubilación non atoparon relevo para a actividade.

Di que a investigación  é un dos aspectos claves para coñecer tódolos aspectos da bioloxía das especies mariñas con interese comercial do seu manexo a da mellora da productividade. Neste punto denuncia que a Consellería do Mar non resolveu a convocatoria do 2009 de ningún dos proxectos de investigación das convocatorias publicadas polo Goberno anterior.

Replica tamén que o Goberno de Feijoo non ten ningún Plan para facer fronte a este problema de rexeneración laboral. E pregúntase que Plan ten previsto a Xunta para xerar 15000 novos empregos no marisqueo a pé.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: cambian as 77 luminarias do paseo de Coroso, que estaban un chisco deterioradas

Ribeira, 10 de setembro de 2010. O Paseo Marítimo de Coroso, en Ribeira, está sendo obxecto estes días dunha actuación orientada a renovar e mellorar o seu alumeado público. Trátase do cambio de todas as luminarias do itinerario, algunhas das cales estaban rotas ou en mal estado. As novas lámpadas que serán instaladas, un total de 77, están feitas de poliemida reforzada con fibra de vidro, un material totalmente resistente á corrosión. A tornillería é de aceiro inoxidable. 

A estes efectos aproveitaranse os pedestais de fundición existentes, que serán reparados e pintados, conseguindo así unha mellora de rendemento, acorde coas directrices da Unión Europea sobre contaminación lumínica e aforro enerxético. 

Tamén esta prevista a retirada das luminarias tipo globo da zona abundando no obxectivo de erradicar a contaminación lumínica. O orzamento da actuación ascende a 64.000 euros.

O Concello de Ribeira aproveita esta renovación de lámpadas para facer un chamamento á veciñanza e apela á súa conciencia cívica e ao respecto do equipamento municipal, que é de todos.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng pedirá ao alcalde que faga valer ante Xunta e Fegamp a necesidade dun GRUMIR no municipio

Rianxo, 10 de setembro de 2010. O Bng rianxeiro afirma que "O chamado Pacto Local asinado entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP no ano 2006, despois de anos de conversas, estabelecía a creación e financiamento do servizo de Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR) onde non existise parque de bombeiros, neste caso Rianxo. Transcorrido o prazo que entón se estabeleceu de entrada en vigor do acordo (abril 2008) e, despois dun segundo prazo asumido polas administracións (finalizado este en abril do 2009) e até un terceiro que remata en decembro deste ano derivado das protestas de concellos reacios a se desprender do servizo, Rianxo non ten hoxe ningún dos dous servizos: nin parque de bombeiros (que non se reclama ao cumprir os parques de Boiro e Ribeira este servizo) nin grumir".

Os nacionalistas din asistir "con preocupación á demora en executar o acordado e non só iso senón que os plans da Xunta pasarían por desmantelar os GRUMIR da comarca en Boiro e Ribeira e non cumprir deixando a Rianxo sen servizo cando sí se anuncia para Carnota, Ponteceso e Muxía, mantendo só o GRUMIR de Noia como o máis próximo". Aseguran que levan varios plenos desde que se aprobou en xullo de 2009 unha moción do BNG preguntando polo papel do alcalde para facer valer na FEGAMP o acordo pois non constatan avances neste senso: "ao contrario, as novas están a ser negativas e un claro incumprimento e marcha atrás que deixará a bisbarra moito peor atendida en materias de emerxencia", argumentan.

TEXTO ANTERIOR DA NOTA DO BNG

Os nacionalistas din que segue plenamente vixente o que afirmaban antes. Textualmente dicían: "A Rianxo correspóndelles alomenos seis efectivos profesionais ampliábeis até doce cando isto sexa posible para manter un servizo de vinte e catro horas de garda para os veciños. A próxima execución dun polígono industrial, o paso polo municipio de quilómetros da autovía do Barbanza, aos que se engadirá o ferrocarril, a zona portuaria –con importante flota de baixura e barcos bateeiros, a ampla zona forestal próxima ás vivendas, o aumento da poboación en época estival, son argumentos en prol de termos en Rianxo ao completo esta prestación que nos corresponde, sen localismos, nin entrar a valorar a presenza ou ausencia noutros concellos da bisbarra destes profesionais.

A rapidez que se esixe de resposta diante dunha emerxencia motiva que se precise ter unha ubicación axeitada da sede, dos efectivos e dos vehículos para atendela. Zona portuaria, ou a futura zona de servizos do parque empresarial serían dúas ubicacións a estudar.

A incorporación de profesionais, unido ao mantemento da agrupación voluntaria de Protección Civil, daría orixe a un eficaz servizo de emerxencias, seguridade e protección civil axeitado para os veciños dun concello como o noso e permitiría atender tamén emerxencias de concellos próximos, de igual xeito Rianxo é atendido polos bombeiros da bisbarra. Son servizos complementarios que non se superpoñen estando as competencias ben delimitadas".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: prazas libres no obradoiro de risoterapia organizado polo Centro de Información á Muller


Ribeira,
10 de setembro de 2010.– O próximo martes día 14 de setembro dará comezo unha nova edición do Obradoiro de Risoterapia dirixido a mulleres, que en edicións pasadas púxose en marcha dende a Concellería de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia de Ribeira a través do Centro de Información á Muller. 

Desenvolverase os martes e venres de 10 a 12 horas da mañá no Conservatorio Municipal. Rematará o 22 de outubro. Aínda queda algunha praza libre, así que as mulleres interesadas en asistir deberán chamar ao CIM para inscribirse (Rúa Correos nº 5, tfs. 981 874 131 e 873 409, fax. 981 873 955) 

Os obxectivos específicos desta iniciativa son: 

  • Ofrecer coñecementos teóricos e prácticos sobre os beneficios do humor e o riso, a nivel fisiolóxico, psicolóxico e social.
  • Experimentar diferentes técnicas que desencadeen o desbloqueo corpo-mente.
  • Axudar a descubrir os puntos débiles e fortes do propio sentido do humor.
  • Contactar coa alegría, a capacidade de diversión e o bo humor.
  • Ofrecer un espazo de autocoñecemento, abrirse aos demais e a un mesmo
  • Aprender técnicas que poidan ser usadas individualmente unha vez finalizado o taller.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: os cursos de Fogo Fatuo e Aleivosía xa teñen aberto o prazo de inscrición

Rianxo, 10 de setembro de 2010. En outubro comezan os cursos de pandeireta, baile tradicional, gaita, percusión, iniciación ao baile para adultos, break dance e ballet. Para facer calquera deles, vaite anotando. Tes toda a información en http://www.fogofatuo.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Rock in Rian, este sábado 11 dende as 23:00 no parque de Galicia con Reina Mala, Medomeda e Ruxe Ruxe

Rianxo, 10 de setembro de 2010. Un ano máis chega ás festas da Guadalupe o Rock in Rian. O próximo sábado 11 de setembro a partir das 23.00 no parque de Galicia ( auditorio) haberá actuacións de :

REINA MALA : www.myspace.com/reinamalapop

http://www.youtube.com/watch?v=DRijT_h7WlE

http://www.youtube.com/watch?v=aoFnRLtjADc


MEDOMEDA: www.myspace.com/MEDOMEDA

http://www.youtube.com/watch?v=7g9PFZc8WOU

RUXE RUXE: www.myspace.com/ruxeruxe

http://www.youtube.com/watch?v=U6xxmmvXCR8
http://www.youtube.com/watch?v=jDA9de9VSOU

Máis información:

www.rockinrian.tk
www.guadaluperianxo.org

A organización avisa: "haberá barra con prezos baratos. Non fagades botellón! Precisamos da vosa colaboración!"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Galiza Nova organiza hoxe, venres 10 de setembro, as "Galimpiadas" no campo de San Lázaro


Noia, 10 de setembro de 2010. Este venres 10 de setembro ás 17:00 levarase a cabo o proxecto “ Galimpiadas” , baixo o lema “A nosa nación, a nosa selección”. Galiza Nova Noia, colectivo organizador, di que así "reafirmamos o noso compromiso co deporte galego".

Nestas pequenas olimpiadas poden participar todas as mozas e mozos que o desexen de forma gratuita. Poden inscribirse nas seguintes modalidades de deportes: 1.500 metros, 800 metros, lanzamento de peso e salto de lonxitude. O lugar escollido para a actividade son as pistas de atletismo do campo de fútbol de San Lázaro.

Neste proxecto colaboran Concello de Noia, Concello de Muros e Club Atletismo Noia. "Queremos facer un chamamento a todas aquelas rapazas e rapaces comprometidos co deporte en galego a que se sumen a esta iniciativa e revindicar un proxecto de Seleccións Galegas e sobre todo a disfrutar do deporte en galego", conclúen.

Para inscribirse pódese empregar o correo electrónico (gznoia@gmail.com), o teléfono 692969303 ou as redes sociais (facebook).


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical