28.6.11

Boiro: a APA Loureda repetirá o obradoiro de estrelas ante a boa acollida deste ano

Media_httpfarm6static_jcwgc

Boiro, 28 de xuño de 2011. A A.P.A. Loureda do colexio Santa María do Castro deu por rematado este curso coa saída nocturna do obradoiro de estrelas. A parte práctica do obradoiro de estrelas estaba programada para o 17 de xuño e dado que as inclemencias do tempo non eran as máis axeitadas para ver astro algún, trasladouse para o 24 de xuño

   O punto de encontro foi a Ladeira do Chazo e alí, sobre as 22:30 horas e ata a unha da madrugada concentráronse  76 persoas entre pais, nais e nenos para divisar as estrelas e planetas. Á fronte dos telescopios e encargado de ollar as estrelas estivo Pablo Vidal, mentres que os audiovisuais estiveron a cargo de Miguel Lomba.

Media_httpfarm6static_djery

   O programa tiña tres vías complementarias: Pablo a través dos telescopios buscaba as estrelas, cúmulos, planetas, etc.; aao tempo esa estrela, cúmulo, etc., podíase ollar nunha pantalla de cine e logo os asistentes tíñanas que recoñecer no ceo.

   Todos os presentes puideron ollar diferentes estrelas, cúmulos e ata o satélite espacial pero tal vez o que máis chamou a atención foi ver Saturno, un planeta ao que se lle distinguían perfectamente os seus aneis e o brillo que tiña, que impresionaba.

         Á parte, os presentes foron distinguindo e esculcando diferentes estrelas e constelacións mirando o ceo: así, a estrela polar, a osa maior ou a menor, aínda que os nenos o que máis desexaban atopar era as constelacións que representaban o seu signo zodiacal (bendita superstición!).

   Ao final da experiencia, a Presidenta da APA, Pitusa Lomba, entregoulle aos cativos un carné que os identificaba coma astrónomos. Os asistentes quedaron encantados coa experiencia e pedíronlle á Presidenta da APA que a experiencia se repetira o curso que vén.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: a asociación Sementar organiza un roteiro polas brañas de Laíño este sábado 2 de xullo

Dodro_roteiro_braas

Dodro, 28 de xuño de 2011. Este sábado, día 2, a asociación Sementar -colectivo que quere revalorizar o convento de Herbón, en Padrón, e arredores- convida a que quen queira os compañe de novo "a gozar dun espazo natural privilexiado que, a pesar de ter tan preto, moitos e moitas de nós non tivemos aínda ocasión de coñecer como deberiamos. Logo do roteiro guiado polas brañas de Laíño que gozamos hai agora xusto un ano quedounos ganas de máis, sobre todo de coñecer a outra parte das brañas que non visitamos aquel día, de Dodro a Padrón. Acompañados/as de novo do profesor Manuel Lorenzo Baleirón -un gran coñecedor da historia, das tradicións e do hábitat natural deste espazo- percorreremos desta vez a outra parte das brañas, a que vai desde a área recreativa do Bosque, en Dodro, ata Padrón".

Agardan este sábado día 2 ás 9.30 da mañá na área do Bosque, en Dodro. Podedes levar algo para o xantar (comida ao rematar a xornada), auga, botas para a lama, sombreiro para o sol… e todo o queirades pero principalmente moitas ganas de andar (son aproximadamente uns 10 quilómetros) e de coñecer as brañas!! Rematarase a xornada a iso das 14.30 horas. Se aínda non estades convencidos/as deixámosvos esta ligazón para que poidades descargar unha fermosísima guía editada por Verdegaia na que atoparedes moita información sobre as brañas de Laíño, un dos espazos húmidos máis extensos, descoñecidos e de maior valor ambiental do noso país, e non só pola súa biodiversidade, tamén pola súa historia e etnografía. Se aínda vos quedan dúbidas, podedes chamar ao 617 260 670 para resolvelas todas, ou mandar un correo electrónico a sementar@gmail.com.

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: esta fin de semana, festival de fin de curso da Escola Municipal de Danza Contemporánea

Ribeira, 28 de xuño de 2011.- As 24 alumnas que, con idades comprendidas entre os 6 e os 20 anos, están a asistir á Escola de Danza Contemporánea despregarán a súa arte no Festival de Fin de Curso que, por partida dobre, vai ter lugar esta fin de semana no Auditorio Municipal. Para falar do espectáculo déronse cita nesta instalación a nova concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o director da Escola, Vicente Colomer Busoms. O festival vai ter lugar os días 2 e 3 de xullo, a partir das 20 horas, e a entrada será totalmente gratuíta como é costume. 

A edil Pisos Arnoso recordou que o grupo local de danza contemporánea xurdiu como resposta á forte demanda existente entra a cidadanía neste senso e aproveitou para agradecer o labor realizado polo seu antecesor, Luciano Fernández Martínez, así como por todos os integrantes da delegación de Cultura. 

Sobre a traxectoria de Colomer Busoms, “un ribeirense que conseguiu facer da súa paixón unha forma de vida” resaltou a súa formación na Escola de Danza e Música de Galicia, no Conservatorio Profesional de Danza de Madrid e na Universidade Menéndez Pelayo, con Carmen Roche, Peter Stamm e Juan Bosco. Formou parte como primeiro bailarín de Ballet Galego Rey de Viana e é fundador da compañía Nova Galega de Danza. 

Pola súa parte, Vicente Colomer explicou que este é o terceiro ano que se fai o evento e recalcou que os beneficios da danza van máis aló da disciplina artística, ao transmitir entre os rapaces valores tan importantes como o compromiso e o traballo en equipo. 

Base tradicional

En canto ao programación do festival, avanzou que as coreografías sustentaranse no estilo da Nova Galega de Danza, que se caracteriza por ser unha danza contemporánea que bebe da danza tradicional galega, do mesmo xeito que a danza contemporánea norteamericana bebeu da afroamericana. 

Como consecuencia disto, a maior parte das coreografías xirarán en torno a músicas tradicionais, pero por petición das alumnas tamén haberá tempo para algunha actuación máis libre, entre elas unha sobre a base dun tango de Astor Piazzola. Este venres, 1 de xullo, pola tarde, haberá un ensaio xeral.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello aforrará enerxía con tecnoloxía led en prazas e rúas

  • As primeiras rúas con este tipo de luminarias serán a 9 de agosto, Rosalía de Castro e Otero Pedrayo. Tamén haberá leds na Praza do Concello
  • Estímase o aforro nun 60% con respecto á tecnoloxía que hai agora colocada

Media_httpfarm3static_wjmen

Ribeira, 28 de xuño de 2011.- O Concello instalará alumeado de tecnoloxía  led en catro vías do casco urbano de Santa Uxía: concretamente, nas rúas 9 de agosto, Rosalía de Castro e Otero Pedrayo, así como na praza do Concello. Esta acción, que se executará en breve, insírese no plan de aforro enerxético municipal e constará da instalación dun total de 48 luminarias de 85 watios do modelo SpeedStar nos lugares indicados. 

Á hora de seleccionalos, o Executivo Local tivo en conta que a praza do Concello xa conta con lámpadas emisoras de luz branca, de tal xeito que, ao introducir agora iluminación LED tanto nesta praza como en gran parte das vías que desembocan na mesma, conséguese crear un conxunto harmónico e atractivo.  

Cabe salientar tamén que esta tecnoloxía LED de última xeración permitirá aforrar en torno a un 60% de consumo enerxético, ao tempo que mellora a calidade do servizo reducindo o impacto no medio ambiente ao non xerar emisións de carbono. 

Reubicación

As luminarias substituídas serán reubicadas para reforzar adecuadamente a iluminación doutras zonas do casco urbano da cidade. 

Esta acción é  posible grazas a que Ribeira foi un dos cinco municipios galegos e o único da provincia coruñesa designados para o desenvolvemento dun proxecto piloto de iluminación pública exterior promovido polo INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) coa colaboración da empresa Philips Ibérica.  

Con tal motivo, no pasado marzo tivo lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre as partes implicadas. O custo da actuación ascende a 96.388,92 euros, das cales o Concello de Ribeira aporta 28.916,68 euros, o INEGA 38.555,57 euros e Philips Ibérica 28.916,68 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Flor de Toxo e asociacións de pais e nais foron recibidas polo alcalde para abordar diversas cuestións

Media_httpfarm6static_ijjoq

O edificio da Casa da Xuventude foi unha enorme chapuza dende os cimentos. Rivas agarda tela en funcionamento -pero efectivo- en setembro ou outubro

Ribeira, 28 de xuño de 2011. No encontro mantido no día de onte entre colectivos xuvenís (representados pola asociación Flor de Toxo) e diversas ANPA (representadas pola do colexio de Aguiño) co alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, abordáronse os seguintes asuntos:

  1. A posta en funcionamento da Casa da Xuventude, coa que Ruíz se comprometeu a poñer en marcha en setembro ou outubro e sinalou que xa se está traballando nas filtracións de auga.
  2. A creación dunhas pistas deportivas no centro da cidade, ante o que sinalou a complicación desta infraestrutura "por non dispoñer o concello de parcelas axeitadas na capital do municipio".
  3. O control, por persoal do concello, nos pasos de peóns ás saídas e entradas do colexio para evitar atropelos. Indicando que se intentará, polo menos nos de máis importancia, xa que non se dispón dos suficientes traballadores.
  4. A apertura das pistas dos colexios públicos, durante as fins de semana. Explicou Ruiz Rivas que xestionará esta petición coas direccións dos distintos centros.
Pronunciamento sobre o conflito do Coroso

 Os colectivos xuvenís e de pais e nais de alumnos, "agardamos que se traballe e se dea solución a estas peticións o antes posible e aproveitamos para expresar o noso malestar co peche do I.E.S. Coroso, pois cremos necesario e apoiamos a construción un Centro Integrado de Formación Profesional neste concello, pero non a conta de prazas de Bacharelato e ESO, xa que non se garante que tódolos alumnos teñan praza, e sería unha situación caótica porque se atoparían alumnos sen transporte escolar, nin gratuíto nin subvencionado pola Xunta, ata o seu centro de estudos. É por iso polo que solicitamos que se replantee o proxecto, porque Ribeira ten que gañar infraestruturas e non perder unhas a conta de outras", manifestaron.

Relacionadas:





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a comunidade de montes de San Pedro de Muro organiza o sábado 9 de xullo outra Xornada de Mar e Monte

Porto do Son Xornada Mar e Monte.pdf Download this file

Porto do Son, 28 de xuño de 2011. O éxito da xornada organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro de Muro no 2010, denominado “Xornada Verde Muro 10”, que tivo como fin último render unha homenaxe á biodiversidade local, con actividades que fusionaron deporte, natureza e tradición, fixo que se animaran un ano máis a organizar unha  Xornada semellante, denominada esta vez como “Xornada Mar e Monte 2011”. Dita xornada terá lugar ao longo do día 9 de Xullo de 2011, e o seu centro de actuación serán as proximidades da capela de San Benito de Seráns.

Entre outras actividades destacan:

1.- Andaina (9:30 horas, entrega de dorsais)

Bases andaina

Formulario de inscrición

.

2.- Trail (10:30 horas, entrega de dorsais)

Bases carreira

Perfil

Introdutoria adestramento

Plans de adestramento

Tonificación

Estiramentos

Formulario de inscrición

.

3.- Xogos populares (a partir das 16:00 horas)

Os do ano pasado e máis… (bolos, petanca, zancos, sacos, aros, tartarugas, baralla, trompos, chave, …) e outras sorpresas que non desvelan.

.

Máis info:

Tríptico

Mapa (formato Google earth)

Mapa (formato JPG)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: liga de Fútbol-7, excursión a karting en Sanxenxo e campamento de verán

  • A viaxe a Sanxenxo é o venres 8 de xullo
  • O campamento transcorrerá entre o 4 e o 8 e o 11 e o 15 do mesmo mes

Liga F-7

A cota de inscrición é de 70€.
A liga xogarase no campo municipal de Chenlo, de luns a venres, entre as 21:00 h e as 23:00 h.

Cada equipo terá un máximo de 12 xogadores. Maiores de 16 anos

A inscrición realizarase no Departamento de Deportes. Pavillón municipal de Tallós. De luns a venres e de 9:00 h A 13.00 h entre o 1 e o 13 de xullo. Para máis información chamar ao teléfono 981.80.25.32

Excursión a Sanxenxo:
A Concellería de Deportes, en colaboración coa Asociación Cultural «7 de xullo de 1836» organiza unha excursión ás instalación de kárting de Sanxenxo para o vindeiro 8 de xullo. Hoxe, 28 de xuño, comeza o período de inscrición.

COTA:

-16 € MENORES DE 14 ANOS.

-19 € MAIORES DE 14 ANOS

(Inclúe senderismo, volta en kart e paseo en canoa)

PRAZAS:

21, POR RIGOROSA ORDE DE INSCRICIÓN

PRAZO DE INSCRICIÓN:

DO 28 DE XUÑO AO 4 DE XULLO

SAÍDA:

ÁS 09:30 HORAS DENDE A PRAZA DO CONCELLO

REGRESO:

ÁS 19:00 HORAS

Campamento de verán:

Esta actividade ten como finalidades desenvolver as habilidades, capacidades e competencias individuais e sociais dos nenos/as participantes e ofrecer unha alternativa ó tempo libre. Así como favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo un espazo aberto de servizo educativo, asistencial e de ocio e tempo libre en horarios non lectivos.

A actividade levarase a cabo no Pavillón do C.P.I. Eusebio Lorenzo Baleirón en horario de 11:00 a 14:00 horas. Os pais ou persoa/s autorizada/s deberán estar no punto de recollida entre as 13:50 e as 14:00 horas.

O campamento celebrarase no mes de xullo, de luns a venres, dende o 4 ó 8 e dende o 11 ó 15. Está destinado a nenos entre 3 e 8 anos. O custo da actividade é de 10€, que se ingresarán na conta do concello unha vez confirmada a praza polo Departamento de Deportes.


LIGA F-7 VERÁN.pdf Download this file

EXCURSION_KARTING_SANXENXO-1.pdf Download this file

campamento_veran_2011.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical