Ribeira, 28 de xuño de 2011.- As 24 alumnas que, con idades comprendidas entre os 6 e os 20 anos, están a asistir á Escola de Danza Contemporánea despregarán a súa arte no Festival de Fin de Curso que, por partida dobre, vai ter lugar esta fin de semana no Auditorio Municipal. Para falar do espectáculo déronse cita nesta instalación a nova concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o director da Escola, Vicente Colomer Busoms. O festival vai ter lugar os días 2 e 3 de xullo, a partir das 20 horas, e a entrada será totalmente gratuíta como é costume.
A edil Pisos Arnoso recordou que o grupo local de danza contemporánea xurdiu como resposta á forte demanda existente entra a cidadanía neste senso e aproveitou para agradecer o labor realizado polo seu antecesor, Luciano Fernández Martínez, así como por todos os integrantes da delegación de Cultura.
Sobre a traxectoria de Colomer Busoms, “un ribeirense que conseguiu facer da súa paixón unha forma de vida” resaltou a súa formación na Escola de Danza e Música de Galicia, no Conservatorio Profesional de Danza de Madrid e na Universidade Menéndez Pelayo, con Carmen Roche, Peter Stamm e Juan Bosco. Formou parte como primeiro bailarín de Ballet Galego Rey de Viana e é fundador da compañía Nova Galega de Danza.
Pola súa parte, Vicente Colomer explicou que este é o terceiro ano que se fai o evento e recalcou que os beneficios da danza van máis aló da disciplina artística, ao transmitir entre os rapaces valores tan importantes como o compromiso e o traballo en equipo.
Base tradicional
En canto ao programación do festival, avanzou que as coreografías sustentaranse no estilo da Nova Galega de Danza, que se caracteriza por ser unha danza contemporánea que bebe da danza tradicional galega, do mesmo xeito que a danza contemporánea norteamericana bebeu da afroamericana.
Como consecuencia disto, a maior parte das coreografías xirarán en torno a músicas tradicionais, pero por petición das alumnas tamén haberá tempo para algunha actuación máis libre, entre elas unha sobre a base dun tango de Astor Piazzola. Este venres, 1 de xullo, pola tarde, haberá un ensaio xeral.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario