2.8.10

Porto do Son: seguen a marcar con ferro ao roxo vivo cabezas de gando equino

Paco do Martelo titula a foto "Marcado a ferro" e pregúntase: "Rematará algún día esta ancestral tradición de marcar aos animais cun ferro ao roxo vivo?
Agardemos que agora coa campaña de Medio Rural para colocarlles o microchip, remate todo isto".
Visto e fotografado en Baroña

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natación: catro integrantes do C.N. Riveira, na considerada "mellor xeración de nadadores da historia de Galicia"

Os nadadores galegos participantes nos pasados campionatos de España de Natación en categoría xúnior e absoluto acadaron 20 medallas en Barcelona

Ribeira, 2 de agosto de 2010.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe aos 40 nadadores e nadadoras que participaron nos Campionatos de España de Natación que, para as categorías xúnior e absoluto, se disputaron recentemente en Barcelona. Deles, Lete salientou que representan “a mellor xeración de nadadores da historia de Galicia”.

Os nadadores galegos que participaron nos campionatos de Barcelona, acadaron 20 medallas, “o mellor resultado da historia da natación galega nun campionato de España”, tal e como resaltou o secretario xeral para o Deporte. Ademais, son unha ducia deles os que participan habitualmente en competicións internacionais coa Selección española.

Estes son os 9 nadadores que obtiveron medallas nos campionatos:

- Rufino Regueira, CN Riveira
- Yaiza Blanco, CN Riveira
- Iván Brión, CN RIveira
- Judith Lago, CN Riveira

- Beatriz Gómez, CN Galaico
- Beatriz Iglesias, CN Coruña
- Xenia Vilariño, CN Galaico
- Marcos García, CN Ferrol
- Laura Pimentel, Pabellón Orense

José Ramón Lete Lasa, que hoxe celebrou xunto aos medallistas o seu triunfo no campionato de España de Natación, amosouse convencido de que “seguramente” algún deles participará nos vindeiros Xogos Olímpicos de Londres.

Parabéns, rapaces.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: un artesán de Cesar donou ao Concello a maqueta dun galeón que tardou seis meses en construír

O día da entrega do galeón estiveron presentes o Alcalde, Xosé Deira Triñanes, o Tenente de Alcalde, Juan Jesús Ares, o Concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro, e o autor do barco, Santos Sieira Rodríguez, con algúns familiares

Boiro, 2 de agosto de 2010.
O vestíbulo do Concello de Boiro acubilla dende hai uns días unha réplica dun galeón tallado en madeira, obra do veciño de Cesar (lugar de Boiro) Santos Sieira Rodríguez, quen obsequiou ao Concello con esta talla na que invertiu seis meses de traballo.

O galeón, bautizado co nome de María Rosa, é réplica dun galeón construído nun asteleiro de Ferrol, cidade á que viaxou este veciño para facerse cos planos do mesmo e poder así reproducilo a escala. Santos Sieira Rodríguez, carpinteiro de profesión aínda que na actualidade xubilado, é afeccionado desde rapaz á talla de barcos de distintas tipoloxías e tamaños, e leva feitos máis de medio cento deles, “aínda que este é o máis grande dos que fixen ata o de agora”, sinalou. Algúns destes buques forman parte dunha colección que posúe na súa casa, a modo de museo, e outros “funos regalando aos amigos”. Agora, acaba de doar ao Concello esta obra, o galeón María Rosa, feito con moito agarimo e bautizado con este nome na honra da súa muller, falecida hai uns meses. 

O Concello de Boiro agradece a Santos Sieira Rodríguez este obsequio, que permanecerá  no vestíbulo da Casa Consistorial para que tódolos veciños poidan ver e disfrutar a obra deste artesán.

Charla no CAB

MAÑÁ MARTES, DÍA 3 DE AGOSTO, ÁS 20.00 HORAS NO CENTRO ARQUEOLÓXICO DE NEIXÓN, terá lugar unha conferencia de Rafael Penedo Romero, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, sobre a xestión do patrimonio arqueolóxico desde o punto de vista da Administración. Hoxe luns comezaron as escavacións nos castros, da man dun grupo de 25 persoas integrado por estudiantes e voluntarios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o alcalde di que a oposición debe pedir disculpas por intoxicar á opinión pública co POL

Isaac Maceiras afirmou hoxe que "dixen a verdade en relación ao Plan de Ordenación do Litoral, polo que Bng e Psoe deben pedir disculpas aos veciños"

A Pobra do Caramiñal, 2 de agosto de 2010. O equipo de Goberno local da Pobra, co seu alcalde Isaac Maceiras á fronte, deu hoxe unha rolda de prensa para aclarar a súa postura sobre o controvertido Plan de Ordenación do Litoral. Como é costume nesta publicación, deixámolos coa nota de prensa íntegra da alcaldía:

     "O tempo sempre pon a cada un no seu sitio e o demostra o feito de que xa o pasado 15 de abril nun comunicado de prensa coa finalidade de tranquilizar aos veciños, o alcalde dicía que o PXOM se adaptaba ao POL e dicía a verdade, mentres que o PSOE e o BNG se dedicaban a mentir, falsear e enganar aos veciños.

     Despois de analizar durante máis dun mes o equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), en relación co Plan de Ordenación do Litoral (POL), desprazáronse o 13 abril ata Santiago o Sr. Alcalde, o concelleiro de Ubanismo, o secretario e o aparellador municipal xunto co xefe do equipo redactor,  José Cebrián, para manter unha xuntanza co Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio Sanchís, que estivo tamén acompañado por técnicos da Xunta de Galicia.

     Nela abordouse a interpretación dos contidos do PXOM e a súa adaptación con POL. Analizáronse os diferentes ámbitos nos que o concello presentaba certos problemas e dúbidas. O noso concello achegoulles aos representantes da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe un dossier de valoracións acerca do planeamento así como documentación dos cambios que este sufriu desde o ano 1984 ata a actualidade. A avaliación dos documentos demostrou a compatibilidade entre o PXOM e o POL.

     Este alcalde e o seu equipo de goberno sempre dixeron a verdade sobre o PXOM, mentres que polo contrario, o BNG e o PSOE crearon alarma social, intranquilizaron aos veciños sen saber como quedaría o PXOM en relación ao POL. Lembrar que o noso municipio foi o primeiro municipio costeiro de Galicia en adaptarse á lei do solo 9/2002, e que mesmo a Xunta de Galicia de aquel entón, gobernada polo bipartito PSOE-BNG, o poñía como exemplo.

     Por iso, desde esta alcaldía, queremos dicirlle aos veciños de todas as parroquias que estean tranquilos, que este alcalde xamais deixará  de traballar por eles. Que as ampliacións de núcleo que tanto o BNG coma o PSOE dicían que se ían retirar non é certo, que os veciños do Campiño, Cercias, Devesa, Areos, Castro, Crocha, Angustia, Inferniño, etc.....poden estar e durmir tranquilos, que as 300 casas que presuntamente se ían ver afectadas xamais o estiveron, que as malas informacións dadas polo BNG e o PSOE son historia xa que a Xunta de Galicia confirmou o pasado venres 30 de xullo, coa publicación da aprobación inicial do POL, que o PXOM da Pobra do Caramiñal adáptase a este.

     E agora seguimos preguntándonos:

     - ¿Para qué tanta contaminación informativa por parte do BNG e do PSOE?

     - ¿Para qué tanto mentir, enganar e falsear aos veciños?

     - ¿Para que se pediu un Pleno Extraordinario sen sequera falar co Sr. Alcalde?

     - ¿Ou é que, como sempre, ao BNG e ao PSOE lles vale todo?

     Nós, mentres tanto, seguiremos a traballar polos nosos veciños coa verdade por diante".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Castiñeiras e Carreira contarán con parque biosaludable a comezos deste outono


O de Pedra Pateira foi inaugurado en xaneiro deste ano

Ribeira, 2 de agosto de 2010.- Proseguindo co obxectivo do equipo de Goberno municipal de que todas as parroquias do municipio conten con parques biosaudables para maiores, no transcurso deste ano vaise acometer a creación de dous novos parques, que serán instalados en Castiñeiras e Carreira, informou o Concello.

Estas dúas actuacións poden ser realizadas a consecuencia da aprobación no pleno do mes de xullo dun crédito extraordinario de 20.000 euros con cargo ao remanente de tesourería derivado da liquidación dos orzamentos do 2009. A intención da Concellería de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia de Ribeira que dirixe María Esther Patiño Rey é que estes dous novos parques estean operativos a comezos do outono.

O ano pasado foron implantados os primeiros cinco parques biosaudables de que dispón o concello: dous están ubicados en Santa Uxía (un en Pedra Pateira e outro no Paseo de Coroso), un en Palmeira, outro en Aguiño e outro en Corrubedo.

Con esta nova actuación, o Executivo pretende seguir avogando polo benestar e da calidade de vida dos máis maiores, a través da instalación dunha serie aparatos específicos que incidan en aspectos como a mellora da flexibilidade, a mobilidade, a psicomotricidade ou a capacidade cardiovascular. Paneis informativos explicarán as formas de emprego e funcións de cada un dos aparatos que se instalen.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: case 150 veciños visitaron o castro de Santa Tegra, Baiona e a veciña localidade portuguesa de Valença

Santa Tegra é un dos castros mellor reconstruídos de Galicia (flickr de eileenmcmahon)

Dodro, 2 de agosto de 2010. O pasado sábado 31 de xullo case 150 veciños e veciñas do concello de Dodro viaxaron a Baiona, Santa Tegra e Valença do Minho, xa en Portugal. A excursión, programada pola Concellaría de Cultura e Patrimonio que dirixe o nacionalista Anxo Franco, foi un éxito de participación, xa que houbo que fletar finalmente tres autobuses.

Os asistentes disfrutaron da viaxe, onde puideron apreciar tres tipos claros e diferenciados de turismo: o de sol e praia tamén co parador de turismo da localidade de Baiona; o turismo cultural e sostible de Santa Tegra, que fixo pensar a máis dun veciño que Dodro tamén pode recuperar os seus castros no futuro como atractivo turístico; e o turismo comercial da Fortaleza en Valença do Minho, sobre todo de produtos textís e viño.

O edil Anxo Franco valorou a viaxe "moi positivamente, ao ser un día completo de convivencia e lecer de máis dun cento de veciños e veciñas que aproveitaron para coñecer o país pero tamén para coñecerse e contactar entre sí". 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical