29.1.13

Noia: o Colexio de Arquitectos de Galicia declara finalista nos seus premios a obras en Espazos Públicos Abertos a remodelación da Chaínza

  • É unha obra que deseñou o estudo Salgado e Liñares, que vai facer tamén a maior praza comercial da vila e xa fora multipremiado tamén en Noia pola súa actuación na Pedrachán
  • Os premiados daranse a coñecer nunha gala en A Coruña o 14 de febreiro

Noia, 29 de xaneiro de 2013. O recoñecemento a obras realizadas en Noia por parte dos arquitectos do estudo Salgado e Liñares suma hoxe un novo éxito. A reintegración urbana do patrimonio cultural da Chaínza vén de ser escollida entre os catro finalistas da XV edición dos premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), no seu apartado de Espazos Públicos Abertos. O traballo destes arquitectos ten duros competidores na súa sección, xa que se enfrontan a obras de importante fuste en Santiago e Coruña, así como a remodelación dunha praza en Sofán, Carballo.

En outubro de 2010 o mesmo estudo Salgado e Liñares recibira o I Premio de Arquitectura "Manuel Gómez Román"  polo proxecto e dirección da obra "Reintegración urbana do patrimonio cultural da ribeira do Traba-Noia. Acondicionamento, recuperación de accesos, lavadoiro e entorno dos Muíños de Pedrachán". Unha actuación que quedaría, uns meses despois, galardonada en sexto lugar nos prestixiosos premios de arquitectura de Enor (hai que ter en conta que se presentaron 350 proxectos a nivel nacional).

Próxima actuación de Salgado e Liñares: a praza comercial da vila, no Curro

O Partido Popular opúxose no último pleno á actuación que van facer estes mesmos arquitectos na futura praza comercial de Noia, a do Curro: "estamos ante un proxecto pouco clarificador que non define absolutamente nada, nin sequera as cotas, e todo queda supeditado á supervisión da dirección de obra por parte do arquitecto. Segundo ditamine esta dirección así se fará o proxecto, sen que os responsables políticos do mesmo poidan facer as preceptivas labores de previsión e control, polo que se está a incorrer nunha neglixente deixadez de funcións. Na memoria do proxecto tampouco se clarifica como van a ser os accesos tanto ás tendas como á Praza de Abastos". (...)

Os populares desconfían deste multipremiado estudo de arquitectura só polo feito de ser de fóra (do veciño lugar de Bertamiráns): "Tampouco se explica por que se recorreu a un arquitecto de Bertamiráns para redactar este proxecto nin tampouco a remuneración económica que percibiu por facer o seu traballo e quixéramos saber por que este proxecto non se encargou aos técnicos do concello, completamente competentes na materia e que suporían un importante aforro ás arcas municipais. O señor Bieito González que presidiu a comisión informativa do pasado xoves non soubo responder a pregunta do concelleiro delegado do Partido Popular, José Luis Trillo, sobre a remuneración que este arquitecto percibiu pola redacción deste plan. Esperamos que o consultara para hoxe e o clarifique, toda vez que nos parece unha falta de respecto aos contribuíntes desta vila que se encargue un proxecto a un gabinete externo sen saber o que nos vai custar".

O tripartito no goberno (Psoe, Bng e NOIA) aprobaron esta actuación e valoraron como "destrutiva" a postura do PP: "É lamentable a postura destructiva do PP votando en contra dunha obra tan necesaria para a vila. Só pretenden crispar aos futuros afectados desta actuación  e tentando intoxicar coas súas mentiras e falsidades como que non se cambiarán as instalacións, e demostran unha vez máis que non apoian as iniciativas de mellora de Noia".


Se quere ver o antes e o despois do entorno da Chaínza:

Relacionada:



Acta_Finalistas_XV_Premio_COAG.pdf Download this file

Premios_coag_noia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o colexio "Cernadas de Castro" acolle o mércores 30 de xaneiro actividades de Educación Ambiental

  • Adega e a Mancomunidade do Barbanza seguen apostando na súa novena edición polo seu Programa de Educación Ambiental O Lixo Desde o Teu Concello”


Barbanza é un modelo exemplar de xestión de residuos para Adega


Lousame, 29 de xaneiro de 2013. A pesares da actual situación económica, algunhas entidades seguen apostando pola educación ambiental, ao igual que ADEGA, como unha das ferramentas das que dispoñen as sociedades para avanzar na superación dos graves problemas ambientais que hoxe existen, sendo un deles a xestión dos residuos.

Un bo exemplo a seguir é a Mancomunidade do Barbanza que dende o seu comezo, no ano 2004, deu a coñecer o seu Plano de Residuos á cidadanía, expoñendo as vantaxes dun modelo de xestión que propón a reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica e de boa parte do resto dos residuos producidos pola veciñanza. Este ano séguese co programa de concienciación e educación ambientalO Lixo Desde o Teu Concello”, no que se realizan charlas e obradoiros para incidir nas actitudes e prácticas dos veciños e veciñas –tanto maiores como nenos– para que na súa vida cotiá reduzan e separen ecoloxicamente os residuos en miras de achegarnos a un modelo máis sustentábel na xestión dos refugallos.

ADEGA xa recibiu solicitudes de varios centros escolares da Mancomunidade para participar no programa de educación ambiental. Neste mes de xaneiro vanse realizar actividades con alumnos/as do CPI de Cernadas de Castro. Será mañá, mércores 30 de xaneiro con dous cursos de 1º da E.S.O. En febreiro haberá máis actividades con diferentes centros de ensino dos concellos incluídos na Mancomunidade.

Queres estas actividades no teu centro educativo?

Poden solicitar a participación no Programa os centros de ensino e demais entidades pertencentes a Mancomunidade do Barbanza (Concellos de Muros, Noia, Rois, Porto do Son, Ames, Carnota, Brión, Lousame e Pontecesures). Soamente teñen que enviar a ADEGA a inscrición remitida pola Mancomunidade ou ben directamente poñerse en contacto coa persoa responsable do Programa:

 

Paco Bañobre

Responsable do Programa

“O Lixo desde o teu Concello”

Tfno.: 981 57 00 99 / 619 672 038

e-mail: pacobanhobre@adega.info

Páxina electrónica: www.adega.info

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: programa de Antroido do Liceo

Carteles-2013

 

Sábado 9 de febreiro.- ás 23:30h, “Noite de Río”, amenizada pola Orquestra “Los Españoles”. Ao longo da noite haberá un sorteo sorpresa entre os disfrazados.

 

Domingo 10 de febreiro.- a partir das 18:00h Festa Infantil de disfraces”, animada por “Brétema”.

 

Martes 12 de febreiro.- a partir das 23:30h, Baile de disfraces coa Orquestra “Charleston Big Band” e con sorteo de lacóns entre os disfrazados.

 

Sábado 16 de febreiro.- Sábado de Piñata, celebran a “Noite Mexicana” coa Orquestra Palladium a partires das 00:00h, e con sorteo de xamóns entre os disfrazados.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical