- Adega e a Mancomunidade do Barbanza seguen apostando na súa novena edición polo seu Programa de Educación Ambiental “O Lixo Desde o Teu Concello”
Barbanza é un modelo exemplar de xestión de residuos para Adega
Lousame, 29 de xaneiro de 2013. A pesares da actual situación económica, algunhas entidades seguen apostando pola educación ambiental, ao igual que ADEGA, como unha das ferramentas das que dispoñen as sociedades para avanzar na superación dos graves problemas ambientais que hoxe existen, sendo un deles a xestión dos residuos.
Un bo exemplo a seguir é a Mancomunidade do Barbanza que dende o seu comezo, no ano 2004, deu a coñecer o seu Plano de Residuos á cidadanía, expoñendo as vantaxes dun modelo de xestión que propón a reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica e de boa parte do resto dos residuos producidos pola veciñanza. Este ano séguese co programa de concienciación e educación ambiental “O Lixo Desde o Teu Concello”, no que se realizan charlas e obradoiros para incidir nas actitudes e prácticas dos veciños e veciñas –tanto maiores como nenos– para que na súa vida cotiá reduzan e separen ecoloxicamente os residuos en miras de achegarnos a un modelo máis sustentábel na xestión dos refugallos.
ADEGA xa recibiu solicitudes de varios centros escolares da Mancomunidade para participar no programa de educación ambiental. Neste mes de xaneiro vanse realizar actividades con alumnos/as do CPI de Cernadas de Castro. Será mañá, mércores 30 de xaneiro con dous cursos de 1º da E.S.O. En febreiro haberá máis actividades con diferentes centros de ensino dos concellos incluídos na Mancomunidade.
Queres estas actividades no teu centro educativo?
Poden solicitar a participación no Programa os centros de ensino e demais entidades pertencentes a Mancomunidade do Barbanza (Concellos de Muros, Noia, Rois, Porto do Son, Ames, Carnota, Brión, Lousame e Pontecesures). Soamente teñen que enviar a ADEGA a inscrición remitida pola Mancomunidade ou ben directamente poñerse en contacto coa persoa responsable do Programa:
Paco Bañobre
Responsable do Programa
“O Lixo desde o teu Concello”
Tfno.: 981 57 00 99 / 619 672 038
e-mail: pacobanhobre@adega.info
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario