10.5.12

Ribeira: este venres 11, "Coñeces a Valentín?", no auditorio para escolares, con Serafín Marcos

Media_httpfarm8static_oxdqi

Serafín Marcos estivo tamén no concerto de "Música e circunstancias"

Ribeira, 10 de maio de 2012.- No marco da programación do Maio Cultural 2012, mañá venres ás 11 horas terá lugar un espectáculo sobre a figura de Valentín Paz-Andrade -o homenaxeado deste ano no día das Letras Galegas- a cargo do artista polifacético Serafín Marcos. 

Con tal motivo, alumnos de primeiro e segundo ciclo de Secundaria dos colexios A Milagrosa de Oleiros, Sagrado Corazón de Castiñeiras e Galaxia, ademais de usuarios da Asociación Ambar, encherán por completo o salón de actos de 279 prazas do Auditorio Municipal para asistir ao evento.

Baixo o lema “Coñeces a Valentín”, Serafín Marcos propón un espectáculo que flúe a partir das testemuñas dos máis achegados e expón dun xeito ameno e participativo os aspectos máis formais, os máis tráxidos e as curiosidades da vida de Paz-Andrade.

Relacionada:
Coñeces a Valentín? Novo espectáculo de Serafín Marcos




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: Padrón, Rois e Dodro acollen a chegada da Xira Galega de Karting

20120509_124242_large


Dodro, 10 de maio de 2012. Os concellos de Padrón, Rois e Dodro acollen a chegada da Xira Galega de Karting. Haberá 16 karts de potencia distinta en función de que o pilote un neno ou un adulto.  Os karts biprazas serán para que os pequechos poidan ir acompañados de seus pais. A organización reservou a xornada da mañá do xoves e do venres da vindeira semana para que os escolares do municipio de Dodro poidan conducir de balde estes vehículos.

Os alcaldes dos tres municipios colaboradores, Antonio Fernández Angueira, do Concello de Padrón, Valentín Alfonsín Somoza, do Concello de Dodro e Ramón Tojo Lens do Concelo de Rois presidiron a presentación da chegada da sexta edición Xira Galega de Karting, que terá lugar no aparcadoiro gardería municipal de Padrón do 17 ao 20 de maio.

Ao acto, que se celebrou no Concello de Dodro, asistiron a directora da Xira Karting, Raquel González, así como Antonio Cortés e Javier Torres, representantes de Gadis e Begano respectivamente, empresas que xunto con Estrella Galicia 0,0 patrocinan este evento. Unha proba que é posible grazas á colaboración de institucións públicas como, ademáis dos propios concellos, a Deputación Provincial da Coruña e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Antonio Fernández Angueira desexou "unha feliz e exitosa estancia para a Xira Karting" e afirmou que a colaboración entre concellos "foi fácil" . Ademais, o alcalde Valentín Alfonsín Somoza apuntou que grazas a achega das administracións locais os escolares dos concellos poderán gozar, de maneira gratuíta, da sensación que produce pilotar un kart. Para eles a organización reservou as xornadas do xoves e venres da vindeira semana, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Pola súa parte Ramón Tojo Lens congratulouse da "colaboración entre concellos, xa que esta actividade é posible gracias a nosa unidade". Mentres que Valentín Alfonsín Somoza asegurou que "o circuito será un éxito en tódolos espectros da xuventude e da infancia".  Raquel González, directora de Xira Karting, referiuse a iniciativa que  “pretende achegar o deporte do automobilismo a todo o público e, ao mesmo tempo, servir de instrumento de educación viaria tanto para a mocidade como para aquelas persoas que xa non o son tanto”. Nesta liña sinalou que con este evento se “pretende que a familia poida pasar unha tarde diferente chea de emocións”.

Neste sentido, a responsable da proba salientou unha nova promoción que se aplicará este ano e que consiste en que pola compra dunha entrada se ten desconto para a seguinte. Una redución no prezo do que tamén se beneficiarán os que teñan o Carné Xove e as familias numerosas. Ademais, os supermercados Gadis repartirán vales desconto e invitacións entre os seus clientes; e Begano e Estrella Galicia 0,0 tamén farán promocións desta sexta edición da Xira Galega de Karting a través das redes sociais en internet. Karts para nenos e para adultos Os nenos a partir de 8 anos ou 135 centímetros de altura disporán de seis karts infantís cun motor modelo Honda de 125 centímetros cúbicos e con sistema de seguridade a distancia, de tal xeito que o director da carreira poderá frear manualmente a calquera coche en pista. Os adultos dispoñen de 10 karts con motor Honda de 200 centímetros cúbicos.

Ademais, como novidade, a Xira Karting pon a disposición do público un kart bipraza para que os máis pequenos que aínda non poden conducir vaian acompañados. O horario oficial do evento é o seguinte: as mañás do xoves 17 e venres 18 de 10.00 a 14.00 horas é reservado a escolares; o sábado 19 e o domingo 20 a apertura será de 12.00 a 14.00 horas. Tódalas tardes a apertura será de 17 a 22.00 horas. A tarifa estándar é de 7 euros nenos e de 10 adultos. Hai tarifas con desconto desde 3,5 euros neno e 5 euros adulto, cunha duración de manga de aproximadamente cinco minutos. O evento contará tamén con xogos, inchables e regalos.

Campamentos deportivos 2012

Por outra banda, vén de coñecerse que a Deputación da Coruña concede catro prazas ó concello de Dodro para os “Campamentos Deportivos 2012”. Os Campamentos Deportivos, convocados pola Deputación da Coruña ofrécenlle catro prazas ós rapaces e rapazas de Dodro: o aloxamento terá lugar no Colexio Calvo Sotelo, da Coruña, do 8 ó 14 de xullo. Realizáranse diversos deportes tales como golf, vela de cruceiro, tenis e volei praia.

As persoas interesadas deberán acudir ó Departamento de Deportes do Concello de Dodro. Poderán participar os rapaces e rapazas do concello que comprendan as idades de 8 a 13 anos. A fecha de inscrición finalizará o día 1 de xuño.
A cota de inscrición será de 85€. Ésta inclúe o transporte interno, estadía e a manutención en residencia, así como os gastos das actividades a realizar. Dita cantidade debe ser pagada tras a confirmación da praza.
Para poder optar a unha praza, as persoas interesadas deben cubrir a ficha de inscrición. Ésta debe estar asinada polos pais ou titores dos solicitantes. Ademais deben presentar unha foto tipo carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e do libro de familia ou no seu defecto, a do carné de identidade. Tamén deben entregar a copia do pagamento da cota de inscrición correspondente.
En caso de que sexa preciso un tratamento específico ou algún tipo de doenza por parte do solicitante, débese presentar un xustificante médico que así o acredite.
No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, optarase a realizar un sorteo público diante do secretario.


Antes, en Certo:


Letras Galegas: actos o 16 (libro) e o 24 (cine)


Política: o PP minte e xestiona mal, di o Bng


Política: o Psoe di que o alcalde minte sobre a secretaria



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o XV Aniversario Club Natural Sport convoca a parte da "beautiful people" galega este sábado

Media_httpkultipsbilb_tcceg

Rosalía Mera, unha das mulleres máis ricas deste país, será unha das homenaxeadas con insignia de ouro e brillantes

Ribeira, 10 de maio de 2012. Este sábado, 12 de maio, vaise realizar un, disque, sinxelo acto que conmemorará o XVº Aniversario do Club Natural Sport – Videlgi Riveira. Vai ter lugar no restaurante La Cascada a partires das 14:00 horas e nel vanse entregar as insignias de prata, ouro e ouro e brillantes desta entidade, así como rendir unha merecida homenaxe ao equipo pentacampeón de España de combate e ao seu deportista máis veterano, José Domínguez Noceda, “Pepe Rego”, receentemente finado.

Cheo absoluto

As 200 localidades quedaron pequenas ante a fervenza de peticións para asistir a este acto.


Aas insignias, catalogadas en tres categorías irán parar a mans de:

 

       INSIGNIAS DE OURO e BRILLANTES: para todas aquelas persoas ou entidades que promulgan valores do deporte a través do seu día a día.

o        Dña. Rosalía Mera Goyenechea (Fundación Paideia)

o        D. Gabriel Masfurroll Lacambra (Fundación Álex)

o        D. Vicente del Bosque (Seleccionador Nacional de Fútbol)

o        D. Yulis Gabriel Mercedes (Tae Kwon Do - Medallista Olímpico e impulsor del programa Tae Kwon Do para la Igualda den R. Dominicana)

o        D. Pedro Miguel Moreira Povoa (Tae Kwon Do - Diploma Olímpico)

o        D. Jesús Álvarez Cervantes (Periodista)

 

       INSIGNIAS DE OURO: para aquelas persoas e entidades que colaboraron estreitamente co taekwondo a nivel local, nacional e internacional.

o        Dña. Mercé Barrientos Varela (Presidenta de la FGT)

o D. Antonio Vidal Pego (Director General Proyectos Renovables de Galicia)

o        D. Luis López Boado (Director General Pereira Productos del Mar)

 

       INSIGNIAS DE PRATA aos colaboradores no tae kwon do local.

o        D. Jorge Gómez Cadórniga

o        Dña. Carolina Fernández Vázquez

 

       EQUIPO PENTACAMPIÓN DE ESPAÑA: primeira vez na historia deste deporte a nivel nacional na que un equipo consegue ganar cinco campionatos de forma consecutiva:

o        Alejandro Vidal Álvarez

o        Alicia Agrelo Lema

o        Miguel Martínez Muras

o        Rebeca Mariño Torrado

o        Pablo Carou Varela

o        Susana Oliveira Martínez

o        Juan Fernández Rey

o        Estefanía Hernández García

o        José Fernández Rey

o        Lua María Piñeiro Devesa

o        Ángel Parada Martínez

o        Sabela Lonja Dios

o        Juan Ramón Millares Vilar

o        Lara Ouviña Martínez

o        Raúl Bouzas Somoza

o        Fernando Rascado Ríos

o        Javier Sieira Rodríguez

o        Gerardo Ortiz González

o        Osiris Luis Romay Queiruga

o        Ismael Castro Santos

 



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: cincocentos nenos disputan na Fieiteira este sábado 12 o Campionato Escolar de Atletismo

  • Trátase do clasificatorio para o certame autonómico do día 26 en Vigo
  • Barbanza aporta nada menos que 8.000 rapaces ao deporte galego en idade escolar

Ribeira, 10 de maio de 2012.- O municipio de Ribeira converterase esta fin de semana no epicentro do atletismo en idade escolar a través da celebración este sábado no complexo da Fieiteira do Campionato Provincial Escolar de Atletismo, no que participarán medio milleiro de rapaces de toda a demarcación coruñesa.

O xefe provincial de Deportes da Coruña, Roberto García; a directora técnica da Federación Galega de Atletismo, Madó González; e o concelleiro de Deportes do Concello de Ribeira, Juan Luis Martínez, explicaron hoxe nun acto celebrado no Consistorio local os detalles deste certame.

O de Ribeira deste sábado será unha competición que inclúe tanto probas individuais como combinadas e na que participarán nenos e nenas das categorías benxamín, alevín e infantil (nacidos entre 2003 e 2000). O certame dará comezo xa en torno ás 10 da mañá e se prolongará ao longo de todo o día. Haberá probas de todo tipo: tanto saltos, como carreiras e lanzamentos.

Os rapaces que acoden ao torneo son os que rexistraron as mellores marcas das fases zonais, e do mesmo se desprenderán os deportistas que participen o próximo 26 de maio no Campionato Galego, certame que se disputará na cidade de Vigo.

Segundo informou Roberto García, esta competición enmárcase no Plan Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que convocou neste curso a uns 68.000 rapaces de todo tipo de especialidades deportivas, das cales 4.800 foron de atletismo.

O xefe provincial da Xunta tamén destacou a aportación da comarca de Barbanza ao deporte galego en idade escolar, cuns 8.000 rapaces involucrados.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: crean o trofeo "Verónica Boquete" para premiar á mellor xogadora da Copa Sálvora 2011

Ribeira, 10 de maio de 2012. Outra das novidades deste ano da Copa Sálvora 2012 é que se instaura o premio Verónica Boquete á mellor xogadora do Torneo. Será escollida entre todas as que participen na Fase Final. Ademais de ser a madriña desta edición instauran o trofeo que levará o seu nome para nomear á mellor xogadora que participe na Fase final da Copa.

Outro ano máis, a organización porá en marcha unha campaña para a sensibilizar a todos aqueles que se acheguen ao recinto das boas prácticas deportivas, traballo en equipo, hábitos saudables e avogar entre todos por un ¡¡¡¡Deporte Limpo!!!!.

A inscrición de equipos está finalizada tanto para a Fase Previa (26 de Maio) como para a Fase Final do 2 e 3 de Xuño no Campo Municipal de A Fieiteira en Ribeira.





Antes, en Certo:


Copa Sálvora en Ribeira: a internacional Verónica Boquete amadriña a Copa deste ano


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: piden que non quede nin unha casa aillada en Taramancos pola variante de poboación

80590-PNC Eliminación acceso rodado Taramancos (Noia).pdf Download this file

  • O PSdeG-Psoe consegue un acordo parlamentario no que se insta á Xunta a darlle unha solución aos veciños de Taramancos
  • Lage Tuñas demandou "solucións para que non quede ningunha vivenda aillada na aldea de Taramancos"


Taramancos é una aldea enxebre que debería estar protexida

Noia, 10 de maio de 2012. O deputado socialista José Manuel Lage Tuñas presentou hoxe na comisión 2ª do Parlamento (Pbras públicas, medio ambiente, infraestructuras) unha proposición non de lei co obxecto de abordar a problemática dos veciños de Taramancos-Noia e conseguir “garantizar o acceso rodado dende a aldea de Taramancos á praia de Testal”.

”Dende a Xunta modificaron o proxecto da variante deixando aos veciños do núcleo de Taramancos sen accesos e servizos básicos e era preciso que rectificaran. Non podíamos permitir que o goberno galego anulara as comunicacións terrestres de Taramancos coa praia de Testal sen darlles alternativas aos veciños", explica o parlamentario socialista.

Atender as peticións dos veciños

Lage Tuñas demandou na comisión do Parlamento que se consensúe cos veciños a solución “para acadar un acceso axeitado para Taramancos, e por axeitado entendemos que, tanto se se trata dun paso superior ou inferior, a pendente sexa razoable para que poidan pasar tanto coches como camións sen perigo algún; e se é dando un rodeo, que este non sexa excesivo.”.

O deputado do PSdeG dixo que “a solución ten que incluir o acceso para a parte baixa da aldea de Taramancos, que non quede dúbida. Non pode quedar ningunha vivenda aillada ou sen servizo”.


Por onde pasa o viaduto de Taramancos hai un castro silenciado pola Xunta

Acordo

Lage Tuñas convidou ao Partido Popular a buscar un acordo “e atopar unha solución evitando que ningunha vivenda quede aillada no núcleo de Taramancos”. O deputado do PSdeG, ademais de contar co apoio do seu grupo, PSdeG-PSOE, tamén acadou o apoio do BNG para establecer unha negociación co PP na citada comisión parlamentaria. O deputado do PSdeG negociou un acordo co Partido Popular sobre a base da súa proposición non de lei e acadou un acordo que obtivo o respaldo dos tres grupos parlamentarios.

"O acordo impulsa a búsqueda dunha solución conxuntamente entre a Xunta e os veciños de Taramancos e estarei vixiante para que agora a Xunta cumpla o acordo do parlamento nun prazo razonable”, advertiu Lage Tuñas.

O TEXTO DO ACORDO parte da proposta do PSdeG-PSOE e foi votado polos tres grupos parlamentarios (PP, PSdeG-PSOE e BNG):

O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a que (no desenvolvemento das obras da variante de Noia) busque unha solución consensuada cos veciños que posibilite que as vivendas dos veciños do núcleo de Taramancos (Noia) non queden ailladas e poidan seguir dispoñendo dunha vía de comunicación coa praia do Testal, e que compatibilice a mellora da mobilidade coa minimización do impacto sobre o patrimonio cultural.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Leliadoura realizou unha viaxe cultural a París

Ribeira, 10 de maio de 2012. Un ano máis os departamentos de Lingua Francesa do IES Leliadoura e IES Fontexería organizaron unha viaxe de tipo cultural entre o 20 e 25 de abril. En total viaxaron 45 alumnos de 3º e 4ºESO e 1º de Bacharelato, acompañados por 4 profesoras.

Cadrou na loita Sarkozy-Hollande

Esta viaxe permitíu ao alumnado impregnarse da cultura francesa e dos seus costumes, coincidindo ademais coas eleccións presidenciais do país. O alumnado puido poñer en práctica as nocións de lingua francesa que veñen adquirindo en clase dende fai varios anos e tomar conciencia da importancia da adquisición das linguas estranxeiras para a súa formación. 

Nesta viaxe visitaron dous dos museos máis importantes da cidade, o museo do Louvre e museo de Orsay e varios dos monumentos máis emblemáticos da cidade das luces: o arco de Triunfo, opalacio de Versalles, a catedral de Notre Dame... 

Tamén tiveron tempo para o ocio pasando un día enteiro en Disneyland Paris coincidindo co vinte aniversario do parque.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación Sagres rexeita o proxecto de depuradora

  •  Sagres presenta as súas alegacións ao documento de Estudo de Impacto Ambiental da depuradora prevista "pola súa falta de rigor, polas súas carencias, e por estar baseado en información non actualizada"
  • Sagres quere recordar que "non existe en todo o territorio nacional un lugar onde coincidan tantas figuras de protección como Punta Couso: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural, Zona LIC-Rede Natura, Reserva Mariña Internacional do Convenio OSPAR e Convenio RAMSAR, é que as augas onde se pretende instalar o emisario son precisamente onde a Cofradía de Carreira-Aguiño quere promover unha reserva pesqueira".

Ribeira, 10 de maio de 2012. A Asociación Sagres quere manifestar o seu desacordo coa solución proposta pola Administración Hidraúlica de Galicia para a depuración das augas residuais do Concello de Ribeira, consistente no bombeo das augas residuais de todo o concello  a través da marxe litoral cara a Punta de Couso, Aguiño, para alí instalar unha gran depuradora.

"Sorprendentemente, a Administración opta pola opción máis custosa e menos eficiente e rexeita a opción O, consistente na depuración das augas residuais mediante dúas depuradoras de menor tamaño, unha para Palmeira-Ribeira e outra para Castiñeiras, Carreira e Aguiño", explican en nota de prensa dende ese colectivo.

EN CIFRAS: un millón de euros de aforro

Segundo os datos do Estudo de Impacto Ambiental, facer dúas depuradoras –alternativa 0- (unha para Palmeira-Ribeira, e outra para A Meixida, Castiñeiras, Carreira e Aguiño) coas súas conducións correspondentes é un 10% mais barato que construír unha soa gran depuradora en Punta en Couso, ou sexa, un aforro de máis de un millón de euros (1.114.000 €) de investimento inicial, así ademais de conlevar un menor investimento inicial, suporá tamén un aforro enerxético de mais de 60.000 euros anuais en enerxía (a prezos de 2012, segundo recolle o propio documento), o cal redundaría nun menor custo mensual do servizo para cada veciño.

EFICIENCIA

A opción de dúas depuradoras conta co consenso dos veciños e das distintas asociacións non só polo seu aforro, senón por ser a alternativa, das presentadas, a máis eficiente, e por  ter moito menor risco para o medio ambiente e os recursos marisqueiros.  

O Estudo de Impacto Ambiental non contempla a separación en orixe das augas fecais e pluviais, condición esencial para realizar unha depuración efectiva de todo tipo de augas residuais, xa que cada un dos tipos precisa unha depuración específica. Polo tanto, a separación dos tipos de augas residuais en orixe daría como resultado a clara mellora da calidade da auga, dado que cada tipo iría ben depurado segundo as súas  características.

GRAVES DEFICIENCIAS NO EIA RIBEIRA

Sagres presenta as súas alegacións ao documento de Estudo de Impacto Ambiental "pola súa falta de rigor, polas súas carencias, e por estar baseado en información non actualizada". A asociación considera que o documento non é válido para continuar o procedemento, posto que non aborda o problema de fondo que é a sobredimensión das estacións de bombeo existentes, debido a unha mala estratexia na que se incorpora máis capacidade de bombeo a medida que os problemas de incapacidade da rede se suceden, en lugar de afondar nas causas que provocan o mal funcionamento (entrada de augas pluviais, infiltracións, etc.). 

Entre outras omisións, non considera o valor dos bancos marisqueiros e pesqueiros que poderían verse afectados en caso de fallo técnico, vertedura accidental ou mal funcionamento continuado, nin considera a afección das zonas pesqueiras e as zonas de protección na selección de alternativas, nin presenta un Plan de Vixiancia Ambiental acorde cos riscos que asume.

Sagres considera que a solución plantexada "é parcial, pois esquécese da primeira prioridade, que debería ser a depuración das augas residuais industriais do Poligono de Xarás, que na actualidade seguen verténdose sen depuración na Punta do Touro". Tampouco considera a mellora e actualización da rede de saneamento, extendendo o servizo a tódalas vivendas do concello e separando as augas residuais das pluviais.

Necesidade urxente, retraso inadmisible

Sagres considera que "a necesidade de depurar as augas residuais é urxente, e o retraso inadmisible, pero é decepciónante que a Administración Hidraúlica queira  implantar o mesmo modelo de xestion de augas residuais que se vén intentando impoñer sen éxito desde hai 15 anos, bombear toda a auga residual lixo a unha esquina do Concello". Un modelo obsoleto que contravén as recomendacións da Comunidade Europea.


Verteduras en plena Rede Natura

Será outra infraestrutura máis coa que se está a despilfarrar os cartos do erario público, pois a súa eficiencia ecolóxica será baixa, xerará enormes custos de explotación que non serán asumibles polos veciños e suporá un paso máis na degradación dunha zona de gran valor ambiental, turístico e paisaxístico, xa que o emisario submariño verterá en plena Rede Natura, a escasos centos de metros do Parque Nacional Maritimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e a corta distancia da praia do Vilar e o Parque Natural das Dunas de Corrubedo - Vixán.

Sagres quere recordar que "non existe en todo o territorio nacional un lugar onde coincidan tantas figuras de protección como Punta Couso: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural, Zona LIC-Rede Natura, Reserva Mariña Internacional do Convenio OSPAR e Convenio RAMSAR, é que as augas onde se pretende instalar o emisario son precisamente onde a Cofradía de Carreira-Aguiño quere promover unha reserva pesqueira".

Que recúen

Sagres considera que "a Administración debe dar marcha atrás nas súas decisións, e proporcionar un servizo de depuración das augas residuais que os veciños e as augas da Ría se merecen: un deseño que depure en orixe e de xeito eficiente, que respecte o medio ambiente, as zonas protexidas (que fan inigualable a Punta Couso e o noso Concello no contexto nacional), e a produción pesqueira sostible en busca do menor risco ambiental".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Carreira acolle este venres 11 unha charla sobre compostaxe e separación de lixo

Cartel_compostaxe_reciclaxe

  •  Vanse entregar bolsas separativas aos veciños que se acheguen ao acto
  • Imparte a charla Protección Civil
Ribeira, 10 de maio de 2012.- En liña co anunciado o pasado o luns en canto á implantación no municipio de Ribeira dun programa de compostaxe doméstica da man de Sogama, mañá venres ás 21 horas terá lugar a primeira das charlas informativas previstas para divulgar entre os veciños as vantaxes da práctica da compostaxe, así como os beneficios da separación de residuos.

 

Esta primeira charla terá lugar na Casa de Cultura da parroquia de Carreira e será impartida por membros de Protección Civil de Ribeira, os cales previamente recibiron un curso específico de formación a fin de contar cos coñecementos necesarios.

 

O acto é público e gratuíto para quen queira asistir. Os veciños que acudan ao citado centro cultural recibirán, en sintonía co contido da actividade, bolsas de cores de 20 litros de capacidade que teñen por finalidade facer máis cómoda a segregación de refugallos en orixe (amarelas para depositar os envases de plástico, latas e briks; azuis, para o papel e cartón; e verdes para o vidro).

 

Composteiros

Ademais, os que así o desexen poderán aspirar a recibir un dos 50 composteiros de 360 litros de capacidade, fabricados a partir de material reciclado, que Sogama entregou ao Concello nesta primeira fase do programa, co fin de seren distribuídos entre vivendas rurais e outorgarlles así a posibilidade aos seus ocupantes de transformar a materia orgánica xerada nun abono con excelentes propiedades para o solo.

 

Dende o Concello se tomará nota de todos os veciños interesados en percibir un destes composteiros, tanto na charla de mañá como no resto de charlas que se sucederán proximamente. No caso de que a demanda excedese á oferta, estes recipientes serían entregados priorizando a aqueles peticionarios que cumprisen unha serie de requisitos (como criar animais nas súas casas, etc...).


Antes, en Certo:


Compostaxe doméstica: só para o rural, 50 composteiros


Sábado 12: "Kontos de akí e acolá", con M. Irimia


Música: a conexión ribeirense do ensemble galego de saxofón


Leliadoura: a banda sonora da vida


Orzamentos: os de este ano renegan da crise

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: obradoiros e seminarios para maio e xuño

Boiro_mago-xacobe

  • O sábado 12 de maio, un de hip-hop e outro de expresión plástica. Prazo para inscribirse ata este venres 11
  • O 1, 8 e 15 de xuño, seminario sobre avaliación de ideas empresariais para a mocidade
  • O 4, 11, 18 e 25 de xuño e 2 de xullo, obradoiro de fotografía

 Boiro, 10 de maio de 2012. Vén cargado, como ten que ser, este maio de actividades culturais, tamén en Boiro. Este sábado, 12 de maio, vanse realizar dous obradoiros en Boiro no local Leñaverde (Centro Social de Boiro).

Obradoiro de hip-hop impartido por García MC, Dios Ke te Crew, consistente en:
-    Historia xeral da cultura hip-hop
-    Dinámica introdutoria. Creación de rimas
-    Elaboración de letras por grupos
A temática a utilizar será libre, os rapaces elixirán o tema no que se atopen máis cómodos á hora de elaborar os textos. O seu mundo é o que mellor funcionará á hora da temática.

Obradoiro de Expresión plástica “construción dun monicreque que cante” impartido por Viravolta.

Construción dun boneco sinxelo que poida ter algún movemento propio (boca, brazos) a partires de materiais sinxelos coma cartón, vasos de plástico, calcetíns, papel…guiados por monitores a construcción vaille resultar fácil e divertida e os mozos e mozas poderán enriquecer o monicreque coas suas aportacións  particulares.

Os obradoiros son gratuítos e para inscribirse o prazo está aberto ata o día 11 de maio as 14h. Os lugares para inscribirse ou ampliar a información son:

Oficina de Información Xuvenil Boiro(centro Social 1º Andar), tlf 981842635 e mail omix@boiro.org

Casa da Cultura Ramón Martínez López, tlf 981848425 e mail cultura@boiro.org

Seminario sobre ideas empresariais

O departamento de Emprego do Concello de Boiro organiza, en colaboración ca Oficina de Información Xuvenil, un  seminario gratuíto para a xuventude de avaliación de ideas empresariais. O seminario realizarase no Centro Social en 3 sesións: 1, 8 e 15 de xuño (de 16.00 a 21.00 horas).

Sesión 1: Xeración de ideas (1 de xuño)
Sesión 2: Maduración de ideas (8 de xuño)
Sesión 3: Avaliación cualitativa da idea (15 de xuño)

Os obxectivos son: crear, analizar e rendibilizar unha idea empresarial, a través do coñecemento da dita idea e da súa maduración, que permita a aproximación á viabilidade económica do proxecto de empresa e do seu potencial como negocio.

As inscricións pódense facer ata o 24 de maio de 2012 no Departamento de emprego do Concello de Boiro (2º andar).

Obradoiros fotográficos

O seminario "Fotografiar o movemento" vaise impartir os días 4-11-18 e 25 de xuño e o 2 de xullo de 19.30h a 21h e ten como obxectivo dotar aos participantes dos recursos técnicos e as ocpións idóneas de cámara para resolver de forma creativa situacións onde o movemento sexa o protagonista da imaxe.

O de macrofotografía vaise impartir os días 6-13-20 e 27 de xuño e 4 de xullo de 20 a 21.30h e ten como obxectivo dotar dos coñecementos e técnicas básicas para a fotografía de aproximación e os primeiros planos.

O prezo dos obradoiros é 35 euros cada un e inclúen saídas prácticas. Para realizar a inscrición  débese acudir a Oficina de Información Xuvenil no Centro Social de Boiro(1º andar) ou no teléfono 981842635.

Outras actividades culturais para estes días:

  • O vindeiro venres 11 de maio de 2012 ás 20:00h espectáculo de maxia na Casa da Cultura de Boiro a cargo do mago Xacobe Sanz. Destinado ao público infantil e familiar
  • Maxia no Centro Social de Cabo de Cruz, este sábado 12 de maio de 2012 ás 18:00. Co  MAGO TETO, xentileza de Supermercados Claudio de Cabo de Cruz que celebra o seu 8º aniversario, apta e gratuita para todos os públicos, ademáis esta empresa repartirá agasallos entre todos os asistentes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical