- Sagres presenta as súas alegacións ao documento de Estudo de Impacto Ambiental da depuradora prevista "pola súa falta de rigor, polas súas carencias, e por estar baseado en información non actualizada"
- Sagres quere recordar que "non existe en todo o territorio nacional un lugar onde coincidan tantas figuras de protección como Punta Couso: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural, Zona LIC-Rede Natura, Reserva Mariña Internacional do Convenio OSPAR e Convenio RAMSAR, é que as augas onde se pretende instalar o emisario son precisamente onde a Cofradía de Carreira-Aguiño quere promover unha reserva pesqueira".
Ribeira, 10 de maio de 2012. A Asociación Sagres quere manifestar o seu desacordo coa solución proposta pola Administración Hidraúlica de Galicia para a depuración das augas residuais do Concello de Ribeira, consistente no bombeo das augas residuais de todo o concello a través da marxe litoral cara a Punta de Couso, Aguiño, para alí instalar unha gran depuradora.
"Sorprendentemente, a Administración opta pola opción máis custosa e menos eficiente e rexeita a opción O, consistente na depuración das augas residuais mediante dúas depuradoras de menor tamaño, unha para Palmeira-Ribeira e outra para Castiñeiras, Carreira e Aguiño", explican en nota de prensa dende ese colectivo.
EN CIFRAS: un millón de euros de aforro
Segundo os datos do Estudo de Impacto Ambiental, facer dúas depuradoras –alternativa 0- (unha para Palmeira-Ribeira, e outra para A Meixida, Castiñeiras, Carreira e Aguiño) coas súas conducións correspondentes é un 10% mais barato que construír unha soa gran depuradora en Punta en Couso, ou sexa, un aforro de máis de un millón de euros (1.114.000 €) de investimento inicial, así ademais de conlevar un menor investimento inicial, suporá tamén un aforro enerxético de mais de 60.000 euros anuais en enerxía (a prezos de 2012, segundo recolle o propio documento), o cal redundaría nun menor custo mensual do servizo para cada veciño.
EFICIENCIA
A opción de dúas depuradoras conta co consenso dos veciños e das distintas asociacións non só polo seu aforro, senón por ser a alternativa, das presentadas, a máis eficiente, e por ter moito menor risco para o medio ambiente e os recursos marisqueiros.
O Estudo de Impacto Ambiental non contempla a separación en orixe das augas fecais e pluviais, condición esencial para realizar unha depuración efectiva de todo tipo de augas residuais, xa que cada un dos tipos precisa unha depuración específica. Polo tanto, a separación dos tipos de augas residuais en orixe daría como resultado a clara mellora da calidade da auga, dado que cada tipo iría ben depurado segundo as súas características.
GRAVES DEFICIENCIAS NO EIA RIBEIRA
Sagres presenta as súas alegacións ao documento de Estudo de Impacto Ambiental "pola súa falta de rigor, polas súas carencias, e por estar baseado en información non actualizada". A asociación considera que o documento non é válido para continuar o procedemento, posto que non aborda o problema de fondo que é a sobredimensión das estacións de bombeo existentes, debido a unha mala estratexia na que se incorpora máis capacidade de bombeo a medida que os problemas de incapacidade da rede se suceden, en lugar de afondar nas causas que provocan o mal funcionamento (entrada de augas pluviais, infiltracións, etc.).
Entre outras omisións, non considera o valor dos bancos marisqueiros e pesqueiros que poderían verse afectados en caso de fallo técnico, vertedura accidental ou mal funcionamento continuado, nin considera a afección das zonas pesqueiras e as zonas de protección na selección de alternativas, nin presenta un Plan de Vixiancia Ambiental acorde cos riscos que asume.
Sagres considera que a solución plantexada "é parcial, pois esquécese da primeira prioridade, que debería ser a depuración das augas residuais industriais do Poligono de Xarás, que na actualidade seguen verténdose sen depuración na Punta do Touro". Tampouco considera a mellora e actualización da rede de saneamento, extendendo o servizo a tódalas vivendas do concello e separando as augas residuais das pluviais.
Necesidade urxente, retraso inadmisibleSagres considera que "a necesidade de depurar as augas residuais é urxente, e o retraso inadmisible, pero é decepciónante que a Administración Hidraúlica queira implantar o mesmo modelo de xestion de augas residuais que se vén intentando impoñer sen éxito desde hai 15 anos, bombear toda a auga residual lixo a unha esquina do Concello". Un modelo obsoleto que contravén as recomendacións da Comunidade Europea.
Verteduras en plena Rede Natura
Será outra infraestrutura máis coa que se está a despilfarrar os cartos do erario público, pois a súa eficiencia ecolóxica será baixa, xerará enormes custos de explotación que non serán asumibles polos veciños e suporá un paso máis na degradación dunha zona de gran valor ambiental, turístico e paisaxístico, xa que o emisario submariño verterá en plena Rede Natura, a escasos centos de metros do Parque Nacional Maritimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e a corta distancia da praia do Vilar e o Parque Natural das Dunas de Corrubedo - Vixán.
Sagres quere recordar que "non existe en todo o territorio nacional un lugar onde coincidan tantas figuras de protección como Punta Couso: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural, Zona LIC-Rede Natura, Reserva Mariña Internacional do Convenio OSPAR e Convenio RAMSAR, é que as augas onde se pretende instalar o emisario son precisamente onde a Cofradía de Carreira-Aguiño quere promover unha reserva pesqueira".
Que recúen
Sagres considera que "a Administración debe dar marcha atrás nas súas decisións, e proporcionar un servizo de depuración das augas residuais que os veciños e as augas da Ría se merecen: un deseño que depure en orixe e de xeito eficiente, que respecte o medio ambiente, as zonas protexidas (que fan inigualable a Punta Couso e o noso Concello no contexto nacional), e a produción pesqueira sostible en busca do menor risco ambiental".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario