O Viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento, José Manuel Lage Tuñas rexistrou esta mañá unha interpelación no Parlamento "para que o goberno galego explique o caos existente na direccion xeral de Función Pública e a parálise que están sufrindo as oposicións de inspección turística da Xunta de Galicia”
Praia de Augas Santas (Catedrais) en Ribadeo
Santiago. 7 de xullo de 2010.- O Viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento, José Manuel Lage Tuñas rexistrou esta mañá na cámara autónomica unha interpelación ao goberno galego “co obxecto de denunciar a situación de indefensión que están vivindo moitos opositores que se inscribiron no proceso selectivo de acceso ao corpo de inspección turística da Xunta de Galicia”.
Lage Tuñas recorda que “os opositores levan 21 meses agardando a que o goberno galego nomee o tribunal das oposicións de inspección turística, e están sen información, sen noticias, e sen expectativas, xa que a opacidade é un rasgo característico da Dirección Xeral da Función Pública dende a chegada de Feijóo e o seu conselleiro Rueda ao goberno galego”.
Os socialistas galegos impulsarán no parlamento iniciativas urxentes para que o goberno galego clarifique “os intereses que están defendendo ao ter paralizada esta oposición”. Lage Tuñas explica que “coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta de Galicia estanse paralizando os procesos selectivos de acceso ao emprego público, e de forma destacada aqueles referidos ás funcións de inspección e control da legalidade.”
Dende o PSdeG exponse que foio pasado 30 de outubro de 2008 cando se publicaba no Diario Oficial de Galicia (D.O.G) a orde do 24 de outubro de 2008 pola que se convocaba o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de inspección turística.
Os opositores que aproben deberán inspeccionar os servizos turísticos en Galicia
O portavoz da área institucional do Grupo Socialista explica que “a propia orde da convocatoria deste proceso selectivo expresa con claridade que o primeiro exame realizarase no prazo máximo de corenta días desde a constitución do tribunal que xulgue as probas. “ Engade que “en decembro do ano 2008 a Xunta de Galicia facía pública a lista de admitidos e excluidos no citado proceso selectivo pero seis messes máis tarde, concretamente o 15 de xullo O goberno galego, nunha decisión moi discutible, abre de novo un prazo extraordinario para a presentación de solicitudes para o proceso selectivo, permitindo que se inscriban as persoas que o desexen, amparándose na modificación da Lei da Función Pública, polo cal eliminaron a existencia de alomenos unha proba en galego para os exames de acceso á función pública.” “É dicir, un proceso aberto en outono de 2008, coa lista pechada de admitidos e excluidos en decembro de 2008, volve a reabrise en xullo de 2009.” expoñen os deputados Lage Tuñas, Fernández Leiceaga e Quintas Álvarez na iniciativa rexistrada no día de hoxe.
Lage Tuñas denuncia que “durante o ano 2009 os opositores, que levan xa máis de dous anos preparando as probas de acceso ao corpo de inspección urbanística, non teñen noticia nin novidade sobre o nomeamento de tribunal nin a data de exame, nun proceso ao que teñen optado despois de pagar as correspondentes taxas, vivindo unha absoluta desinformación por parte do goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.” “Despois de vinteún (21) meses o proceso selectivo está parado, o goberno galego non ten nomeado o tribunal correspondente, e os opositores non teñen notificación nin comunicación por parte da Xunta de Galicia sobre a convocatoria dos exames da citada oposición", argumentan.
Lage Tuñas asegurou que “os socialistas galegos imos estar ao carón dos opositores e imos a pedir a explicacións necesarias porque a indefensión dos opositores é absoluta” e considera necesario “resolver con urxencia unha situación que afecta á credibilidade da administración pública galega e ao sistema de acceso ao emprego público.” O deputado do PSdeG preguntábase hoxe que decisións inmediatas ten pensado tomar o goberno galego para facer efectiva a Orde do 24 de outubro de 2008 pola que se convocaba o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de inspección turística, e cando pensan proceder ao nomeamento do tribunal e posteriormente fixar a data do primeiro exame.