Noia, 8 de marzo de 2013. A petición do PP de Noia convocouse
Xunta de Voceiros extraordinaria urxente o 18 de febreiro para tratar as
verteduras continuadas ao río San Xusto. Nela acordouse por unanimidade
de todos os grupos poñer en coñecemento de todas as administracións os
datos que dispón o concello relativos a estes incidentes que obrigaron a
tomar medidas coa auga da traída, pois os noieses beben desta corrente
de auga.
En concreto, no que atinxe á
vertedura provinte dun recheo segundo o informe do SEPRONA, o Concello
remitiu a documentación a Augas de Galicia, Axencia de legalidade
urbanística, Conservación da Natureza (organismos dependentes todos da
Consellería de Medio Ambiente) e á fiscalía medio ambiental.
Agora a fiscalía vén de decretar
incoación e apertura de dilixencias. Como se observa no documento
adxunto, nese decreto ante os feitos denunciados, que poden ser
constitutivos de delito, oficiouse á Consellería de Medio Ambiente
solicitude de informe sobre se a empresa Puentes y Calzadas cometeu
algunha irregularidade no depósito de material de rexeite da construción
da ponte sobre a ría, ao estar sometida esta construción a unha
declaración de impacto ambiental.
Este recheo, que cando foron os
feitos non tiña licenza de obra, coas intensas chuvias deste inverno
provocou que parte do material de sedimentación chegara ao río San Xusto
de onde capta auga o Concello de Noia, o cal provocou problemas no
subministro do vital elemento.
O alcalde, Rafael García Guerero,
quixo destacar "a axilidade e atención coa que traballou a fiscalía
neste asunto" e agradece, asemade, "a dilixencia co que están actuando
desde o sistema xudicial".
Podemos ver no CGAC de Santiago, ata o 10 de marzo, a exposición “Vibracións prohibidas”, baseada nunha rigorosa investigación sobre a censura levada a cabo por Xavier Valiño, que xa publicou as súas pescudas e conclusións ó respecto –moitas veces sorprendentes- no libro Veneno en dosis camufladas:la censura en los discos pop-rock durante el franquismo.
Ó ver a exposición, a pregunta case que inevitable que me veu á cachola foi: Quen eran os censores? Reprimidos, obsesos? Unha estirpe monolítica, ou había un pouco de todo? Ata onde sei, non formaban un corpo burocrático oficial, e exercían a súa labor de forma voluntaria, por cartos ou por celo vixilante, para escalar posicións ou para contar co beneplácito do Réxime, que pedía continuamente mostras claras de adhesión.
A Lei de Prensa e Imprenta promulgada por Manuel Fraga en 1966 é definida case sempre como aperturista, debido a que foi ideada de cara á galería internacional cando os turistas estranxeiros comezaban a encher as praias españolas. Pero tal como lemos no libreto da exposición, “no campo do pop e do rock a lei de 1966 implica unha notable intensificación da acción dos censores”, que intentaban menoscabar a influencia da contracultura nos países occidentais sobre a xeración que non vivira a Guerra Civil.
Velaquí algúns exemplos de portadas censuradas que podemos ver nesta exposición, na que tamén hai unha jukebox a disposición do visitante na que se poden escoitar algunhas das cancións censuradas.
A maior parte das portadas expostas foron retocadas por motivos morais, ou sexa, por ensinar carne dunha firmeza que non se podía aturar. Booker T. e os MG´s pasan de estar cunha rapaza en actitude de san flirteo de praia, na máis pura tradición beach boy, a estar concentrados e a escuras nunha sala de concertos. Castigados, a traballar!
Un exemplo supremo do esmerado da observación en busca de subversión témolo no que atopou o censor neste disco de Frank Zappa. Primeiro comparade a versión orixinal (arriba) coa edición española (abaixo):
Demasiadas cousas que mirar! O censor debía ser o campión mundial da busca de Wally, pois atopou unha mazaroca de millo, ou algo así, encaixada nun lugar nada apropiado, e borrou o punto de contacto entre alimento e anatomía:
Aínda que hai que quitar o chapeu perante algunha das ocorrencias dos censores para que non se viran proximidades de pube nin tetas. Fascíname o que argallaron nesta portada dos belgas Chakachas. Aínda que así deixan máis á imaxinación:
Outro dos motivos para a censura de portadas e cancións era a súa irreverencia relixiosa. Por exemplo, a portada deste disco duns tales The Casuals, foi substituída por imaxes de promoción do grupo (por certo, un deles debe ser primo de Mick Jagger) porque na orixinal podía verse un debuxo dun vello con barba sostendo unha gadaña e un reloxo de area. A Morte non foi traballar ese día e Deus tivo que facer o traballo sucio. Mellor facelo que mandalo.
Falando de morte, é sabido que os mandatarios de entón eran moi fans dela. Os seus vixiantes prefiren un cadaleito a unha moza núa, polo visto entre a portada orixinal deste disco de Iron Butterfly:
E a versión española previamente censurada:
Morte ou sexo? Morte, morte!
Na mesma onda, os censores pasaron por alto alegremente as cancións de Charles Manson, supoño que facendo gala, como noutros exemplos, da súa ignorancia respecto a quen era o tipo en cuestión, tal vez pensando que era un folkie dos Apalaches. Ou ó mellor lles daba igual, despois de todo era un asasino de yeyés.
Entre as portadas censuradas por motivos políticos, chama poderosamente a atención que se prohibisen portadas contrarias á guerra do Vietnam en España e non nos EE.UU. Tal é o caso deste disco de Scorpions, titulado “Levados pola forza” (a portada española é a de abaixo, claro):
Obrigouse ó grupo Doctor Pop a cambiar o titulo do seu éxito “Sofía” polo de “Lucía” en 1975, por mor da futura xefa de Estado consorte, non fora a ser que se pensara que era ela a que ía de troula:
Aínda que o máis incrible do asunto, dentro da incoherencia e a confusión dos pobres censores, que non daban feito, é que nalgúns casos en España a portada era cambiada por unha imaxe máis explícita que a da edición orixinal! Por exemplo, neste disco dos Tremeloes, o grupo que contratou Decca en 1962 cando tivo que elixir entre eles e uns liverpoolianos chamados The Beatles:
En España saen espidos, pero nin así conquistaron os corazóns patrios:
O tipo da portada do disco de Richard Anthony pasa de bailar cunha moza na edición orixinal a facer aparecer mediante un feitizo de maxia negra saído das súas mans a palabra “Twist” escrita con arrepiante caligrafía sátanica.
En fin, xa sei que hoxe en día resulta moi fácil falar e dicir “eu nunca o toleraría” e tal, pero esencialmente estamos feitos de inercia. Para ser un nazi de base só se necesita pasividade. Por outra banda, resúltame conmovedor, cincuenta anos despois, que os mandamases creran que o rock- e o twist- podían derrubar a orde social, que a arte podía cambiar o mundo e convertelo nun paraíso (nun inferno distinto para eles, que xa vivían no seu propio inferno) igualitario e carnal. Os medos dos “porcos de pé” e os desexos da mocidade coincidían. Os mozos levaron un pequeno chasco e, coma sempre, esqueceron a medida que se facían adultos, e os mandatarios mandóns respiraron aliviados. Cun par de retoques todo seguiría igual.
Ribeira, 8 de marzo de 2013.- Foron preto dun cento as leiteiras do municipio que finalmente acudiron á chamada do Concello de Ribeira e que ateigaron por completo o salón de plenos do Consistorio na merecida homenaxe que se lle quixo brindar a este colectivo no Día Internacional da Muller Traballadora.
Presidido polo alcalde Manuel Ruiz, o acto deu comezo coas notas musicais de tres alumnos de saxofón do Conservatorio ribeirense (Amaro Sampedro, Alejandro Sánchez e Laura Isabel Rodríguez), acompañados do mestre deste centro José Fungueiriño.
A continuación, a concelleira de Igualdade Aroa Fernández explicou brevemente as políticas municipais que en defensa da muller e para favorecer a igualdade de xénero desenvolve o Concello, principalmente a través do CIM, e tamén quixo eloxiar o significativo papel que desempeñaron as leiteiras tanto no seo da economía doméstica como dende o punto de vista socializador, ao establecer vínculos entre as distintas familias ás que se levaba o leite.
Un diploma e unha flor
Acto seguido, a psicóloga do CIM, Ángeles Pazos, deu lectura a un fragmento dunha obra de Emilia Pardo Bazán alusivo ao día a día das mulleres leiteiras. Tras volver soar os acordes do cuarteto musical, chegaría o turno de facer a entrega a cada leiteira participante dun diploma e dunha flor como lembranza desta conmemoración -acción realizada polos distintos concelleiros e concelleiras participantes no evento-, en tanto que Manuel Ruiz obsequiou cunha réplica en cerámica do faro de Corrubedo á máis veterana das presentes: Josefa Prego Rego, de 95 anos.
Antes de rematar o acto con máis música, o alcalde pronunciou unha intervención na que apelou ao exemplo dado por todas estas mulleres que con traballo duro foron quen de sacar adiante ás súas familias nunhas condicións moito máis difíciles que as de agora, e avogou por que a sociedade actual tome nota de que os logros se conseguen co esforzo de moita xente. “Todo homenaxe cara vós é pouco”, incidiu.
Así mesmo, Ruiz Rivas informou de que ademais de agasallar a Josefa Prego como a leiteira máis veterana das presentes no acto, nos próximos días ten intención de visitar e obsequiar a outra leiteira que, neste caso, é a maior do municipio: María Saíñas García, que no próximo abril cumprirá 108 anos.
Manolo Seijas e María Xosé Alfonso presentárono na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos" de Noia esta mañá
Noia, 8 de marzo de 2013. http://www.cxgmurosnoia.blogspot.com é o enderezo web que escolleron na directiva de Compromiso por Galicia de Muros-Noia para a ubicación do seu portal web -blog- a nivel comarcal. Manolo Seijas, coordinador da formación nesta bisbarra, asegurou que se trata dun portal gratuíto xa que “ o noso obxectivo era que este espazo web non supuxera ningún custe económico”. Este será o espazo na Rede onde se publicarán as acción políticas que Compromiso leve a cabo na comarca de Muros e Noia. Ademais conta cun apartado no cal a veciñanza pode aportar directamente ideas, información ou inquedanzas, xa que, segundo comentou María Xosé Alfonso "esta é a nosa forma de facer política, contando coa xente e sendo unha ferramenta útil para eles”. Como se observa ao entrar no blog, Lousame, Outes, Muros e Noia teñen un espazo propio para as cuestión de índole local, ao seren as localidades nas que está implantada esta formación, de alicerces ben novos.
Porto do Son, 8 de marzo de 2013. Esta mañá celebrouse no IES de Porto do Son unha charla coloquio entre o alumnado a cargo da profesora universitaria Aurora Marco (Noia), co título de "As silenciadas". Foi organizada polo IES de Porto do Son e pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, representada no acto polo seu vogal Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, ex alcalde socialista do municipio.