11.11.10

Política: os socialistas únense ás reivindicacións dos opositores sen praza que protestaron hoxe fronte á Xunta de Galicia

O PSdeG recolle as reivindicacións de opositores que levan agardando meses para tomar posesión como funcionarios
Tuñas interpelaran ao goberno sobre os retrasos “inxustificados” na toma de posesión como funcionarios

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2010. O portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage Tuñas, recolleu hoxe as reivindicacións dos opositores que levan meses agardando para tomar posesión como funcionarios. O deputado socialista estivo hoxe presente na protesta dos opositores, ás portas de San Caetano, onde os opositores denunciaron a falta de veracidade nos prazos anunciados por Función Pública.

Lage Tuñas anuncioulles que dende o grupo socialista interpelarán ao goberno de Núñez Feijoo no pleno do Parlamento sobre os retrasos “inxustificados” na toma de posesión como funcionarios dos opositores que hoxe se manifestaban en Santiago de Compostela. Ademais presentou hoxe unha nova iniciativa recollendo as demandas dos opositores.

“José María Barreiro (Director Xeral da Función Pública) mentiu e creou confusión, xa que non é certo que a semana que vén os opositores vaian a tomar posesión das súas prazas. Algúns levan dende o mes de decembro do ano 2009 agardando para tomar posesión, o que constitúe unha auténtica vergonza para a administración pública galega” espetou Lage Tuñas.

“Existe un desprezo absoluto por máis de 780 opositores que levan agardando moitos meses para a súa toma de posesión como funcionarios e polo que se ve van seguir agardando ata o ano 2011” explicou José Manuel Lage despois de manter un encontro cun numeroso grupo de opositores.

O deputado socialista defenderá no Parlamento “a necesidade de que o goberno tome decisións e free a sangría de anomalías e malas prácticas que rodean ás oposicións para traballar na Xunta de Galicia”.  Asegura que “dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta os procesos selectivos están convertidos nun “via crucis” para centos de opositores”.

Subliña tamen que o PSdeG-PSOE comparte a denuncia dos opositores na que aseguran como agora, e co goberno de Núñez Feijóo, os procesos selectivos duran o dobre que co anterior goberno socialista. Replica que “dende o PdeG-PSOE solicitamos que antes de que finalice o ano 2010 se lle asigne a súa praza a máis de 700 opositores que están agardando. Pedimos que s. tramite a toma de posesión como funcionarios dos opositores que gañaron a súa praza fai meses”. E acusou á Xunta de “estar paralizando e ralentizando os procesos selectivos sen xustificación de ningún tipo”.

Lage considera que “hai un desprezo absoluto polos opositores que levan máis de dous anos traballando duro para gañar unha praza”.

“O tertuliano Feijóo segue máis preocupado de opinar de todo o que non lle compete que de resolver a mala xestión que se está producindo na área de función pública da Xunta de Galicia. É preciso levar adiante unha reforma dos sistemas de acceso á función pública para garantizar a axilidade na súa xestión, a imparcialidade e a limpeza nos citados procesos selectivos, e rematar con once meses cheos de conflictos, anomalías, sospeitas de irregularidades e malas prácticas por parte do goberno galego”, rematou o outiense.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: clausurado o curso de monitor sociocultural

A Pobra do Caramiñal, polo San Martiño de 2010. O curso de formación en animación sociocultural , subvencionado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Conselleria de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, foi clausurado hoxe. Tivo un total de 15 participantes e durou tres meses, co que acumulou un total de 325 horas.

Unha das actividades realizadas que merece destacar foi a visita teatralizada ao Museo Valle-Inclán. Nela, participantes no curso disfrazáronse de escritores relacionados con Valle-Inclán (Manuel Murguía, o marido de Rosalía de Castro, que prologou o primeiro libro do arousano ou Rubén Darío, así como do propio Valle) e guiaron aos demais nun interesante roteiro polo museo adicado ao escritor.   

Teñen previsto facer as prácticas, que terán unha duración dunha semana, durante catro horas ao día ,  nas Unitarias do Concello e na Gardería Monte Carmelo; coas que xa se puxeron en contacto, para o seu comenzo inmediato.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: premio Altofalante 2010 á Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística


O Altofalante 2009 fora para a Cofradía da Dorna de Ribeira

Ribeira, polo San Martiño de 2010. O presidente da asociación cultural ribeirense Altofalante, Xosé Antonio Vázquez Cobas, informa da decisión tomada este ano para conceder o premio Altofalante 2010. Como é costume en Certo, reproducimos íntegra a acta do xurado:

A Xunta Directiva da Asociación Cultural Altofalante, celebrada o  sábado 2 de outubro de 2010, entre outros asuntos,  por unanimidade acordou:  
 

Conceder o premio Altofalante do Ano 2010, á Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística (CGEDNL)

     Esta entidade agrupa a profesorado e Equipos de Normalización Lingüística que desenvolven a súa actividade no seo dos centros de ensino do país, de cara a que o alumnado saia da escolarización obrigatoria sendo competente na nosa lingua.     

A Xunta directiva destacou como méritos á hora de conceder o premio, os seguintes: 

  • Ser quen de xuntar a unha parte moi importante das comunidades educativas de Galicia de cara a coordinarse e actuar conxuntamente no ámbito da normalización lingüística nos centros.
  • Participar activamente -dando argumentos pedagóxicos e lingüísticos- da necesidade de que o noso idioma teña maior presenza no sistema educativo.
  • A capacidade para integrar no seo da organización a profesionais do ensino público, privado e privado-concertado e de todos os niveis educativos.
  • Organizar campañas de sensibilización e dinamización da nosa lingua como poden ser “Orgullosos no noso. Orgullosos do Galego” que foron un grande éxito de proxección pública.

Así mesmo por acordo da Asemblea Xeral  da Asociación Cultural Altofalante,  a Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística será nomeada “socio de honra” de dita asociación.

   A Xunta Directiva de Altofalante fará público o fallo do premio uns días antes do 13 de Novembro, “Día da Dignidade de Galicia”

   O premio entregarase o vindeiro sábado 20 de Novembro ás 20:00 horas no Conservatorio Municipal de Ribeira. 
 

En Ribeira a 2 de Outubro de 2010

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: encontro do curso da Aula Galega de Saxofón esta fin de semana no conservatorio


En xullo deste ano houbo varios concertos de saxo en Ribeira

Ribeira, 11 de novembro de 2010. Esta próxima fin de semana (o sábado 13 e o domingo 14) terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Ribeira o segundo encontro do curso 2010/2011 da Aula Galega de Saxofón.

Os estudantes de saxofón chegados  de conservatorios como o Profesional de Vigo, Profesional de Pontevedra, Profesional de Santiago, Profesional de A Estrada, Profesional de Ponferrada, Escola de Música de Valga, Escola de Música de Vila de Cruces, Escola de Música de Ribadumia, así como alumnos do Conservatorio Profesional local, terán unha nova oportunidade para ampliar e perfeccionar os seus coñecementos co mestre Rodrigo Vila (profesor do Conservatorio Superior das Illas Baleares).

Este seminario é unha iniciativa pioneira do  Conservatorio Profesional de Música de Ribeira e ten como responsable de organización ao seu profesor de saxofón, José Fungueiriño Ramos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: simulacro de incendio este venres 12 de novembro no instituto de Coroso


Imaxe de arquivo doutro simulacro desenvolto en Ribeira

Ribeira, 11 de novembro de 2010. Protección Civil vai coordinar mañá venres, día 12 de novembro, un simulacro de incendio no IES Coroso. Esta acción, que terá lugar a partir das 11.15 horas, ten como principais obxectivos poñer en práctica o plan de autoprotección do centro educativo, adestrar ao persoal do centro e do persoal exterior con implicación neste tipo de sinistros (Protección Civil, Grumir, Policía Nacional, Policía Local e Bombeiros), comprobar a capacidade de resposta dos medios que interveñen e observar os erros que se cometan para posteriormente emendalos e incluílos no plan de autoprotección.

No desenvolvemento do simulacro partirase dunha suposta alarma de incendio nunha aula baldeira sita na primeira planta do centro. O exercicio constará da evacuación total e correcta do centro educativo, o control de alumnos e persoal desaloxado no exterior, e a valoración dos tempos de evacuación e de resposta de medios externos. 

Esta acción está codirixida por Protección Civil de Ribeira e a dirección do centro educativo IES Coroso e contará cos seguintes medios participantes: persoal interno do colexio, persoal de Protección Civil e do Grumir, bombeiros comarcais e persoal da Policía Local e da Policía Nacional.


Desenvolvemento do exercicio

O desenvolvemento do exercicio terá lugar do seguinte xeito: ás 11.15 horas un responsable do centro educativo informará por teléfono ao 112 de que se está a producir un incendio nunha aula da primeira planta do edificio e de que proceden á súa evacuación. O 112 da aviso aos bombeiros comarcais, policías nacional e local, Protección civil e Grumir para que se preparen para atender a suposta emerxencia. A Policía Local enviará unha patrulla ao lugar de aviso, onde acudirán tamén unha dotación de bombeiros, efectivos da policía nacional e un equipo de Protección Civil e Grumir cun camión motobomba e un vehículo dotado con medios de intervención e extinción en incendios urbanos. 

Mentres tanto, no centro estarase a realizar o desaloxo polos cauces establecidos no plan de autoprotección, e levarase a cabo unha estrita vixilancia tanto da evacuación como da orixe da emerxencia. 

Unha vez rematado o desaloxo procederase ao reconto de alumnos no punto de reunión, e o responsable máximo da evacuación esperará a chegada dos medios de intervención externos para informar ao responsable destes da situación. No caso de que á chegada do equipo de intervención externa aínda non se rematase coa evacuación ou co reconto dos alumnos, este equipo colaborará na finalización destas tarefas. 

A continuación, o equipo de intervención externa entrará no centro acompañado polo responsable do mesmo e revisarán o peche de portas e fiestras, así como o correcto desaloxo do edificio. Unha vez rematada o exercicio, valorarase o seu desenvolvemento con especial fincapé nos erros cometidos. 

De todo o desenvolvemento do exercicio, así como da súa finalización, informarase puntualmente á Central de Emerxencias 112 a través de Protección Civil, telefonicamente ou por terminal remoto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical