29.11.12

Lingua galega: o ribeirense Carlos Callón presentou "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez"

  • Foi en Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea, nun almorzo informativo

Media_httpfarm9static_wcuwp

Carlos Callón co seu editor, Manuel Bragado

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Esta mañá presentouse en Compostela, só aos medios, "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez" nun almorzo informativo. Nese encontro con xornalistas o autor, Carlos Callón, natural de Ribeira, estivo acompañado polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen deu alí "unha moi boa noticia: estase a preparar xa a segunda edición deste libro, para poder dar resposta á demanda existente", explicou Callón.

"O manualiño leva escasas semanas nas librarías e, como digo, a presentación para os medios aínda foi esta mesma mañá, polo que o meu agradecemento e a miña alegría pola extraordinaria resposta se multiplican. Grazas por acollérdelo como un traballo útil!", remata Callón, activista cultural e da lingua galega que inda está pendente dos tribunais por recriminarlle a un xuíz da Coruña -o decano para máis escarnio- que non cumpría a Lei de Normalización Lingüística.

Media_http3bpblogspot_hobfc

Callón ten agora mesmo tres libros en Xerais sobre a cuestión da lingua


Os primeiros actos públicos de presentación deste manual serán o día 13 de decembro en Santiago de Compostela e o día 18 en Silleda. Calquera día cáese pola súa terra para presentalo, do que daremos cumprida información.

Quere mercar este libro en Internet? Pois prema aquí



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Slam Arousa, na Pousada das Ánimas, na ponte de decembro

Slam


Boiro, 29 de novembro de 2012. Slam.Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22.30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco)

Normas de recitado slam.arousa:

 

  1. Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
  2. Non podes usar música, disfraces ou accesorios
  3. É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
  4. Non é imprescindible saber o texto de memoria... pero axuda, claro!
  5. Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
  6. Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
  7. O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor pra deleitar ao público. 
Ramón Blanco gañou o Slam Arousa en Ribeira

O slam.arousa do mes de novembro, que se celebrou na vila de Ribeira, tivo unha moi boa acollida de público e participantes. Foron 10 os poetas que se decidiron a recitar os seus propios versos.

Trala lectura, o xurado popular, composto por 7 persoas do público, seleccionadas aleatoriamente, decidiron facer finalistas a Ramona Golias (membra do grupo de teatro Airiños), Manuel L. Rodrigues (poeta de Noia ben coñecido na comarca) e Ramón Blanco, quen resultou finalmente gañador da velada. Na anterior, celebrada en Taragoña, a ganadora fora a poeta ourensá Celia Parra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 30, "Shakespeare para ignorantes", de Quico Cadaval, con Mofa e Befa

  • Ás 21:00 no auditorio
  • Para público adulto
  • A retirada de entradas (máx. 2 por persoa) comeza unha hora antes


O espectáculo, para adultos, proporciona gargalladas aseguradas

Rianxo, 29 de novembro de 2012. O aspecto inicial deste espectáculo escrito polo ribeirense Quico Cadaval é o do produto didáctico en estado puro, recalcando a condición do público de colectivo carente duns concretos coñecementos.

Dende esta transparencia expositiva, o primeiro que se desenvolverá na escea será a conferencia dun prestixioso profesor. Presumidamente, a conferencia pretende ser unha amena palestra para un público con coñecementos menos que básicos da imortal obra do conspicuo bardo. O profesor reclamará, para facer máis deleitosa a instrución que pretende inocular nas moleiras dos circustantes, o concurso de dous actores talentosísimos, máis temporalmente desempregados. Estes son MOFA&BEFA.

E non se esquezan de:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ensino: a Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza recollerá sinaturas para que se retire a nova Lei de Educación

Media_httpfarm3static_faqtg

Boiro, 29 de novembro de 2012. A Asemblea En Defensa do Ensino Público da Barbanza reuniuse onte, mércores 28 de novembro, no IES A Cachada de Boiro. Dende fai meses, véñense facendo reunións periódicas en diferentes centros educativos co fin de tomar contacto con familias e profesorado para analizar a situación actual do ensino público na nosa bisbarra.

Nesta ocasión, o debate centrouse no anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) dado que se trata dunha norma que, segundo esta plataforma da sociedade civil, "desmantela a educación pública a favor da privada, impón un sistema de reválidas que aumenta os obstáculos para o alumnado, elimina materias fundamentais na formación dos xóvenes,  elimina a participación democrática de toda a comunidade educativa no Consello Escolar e despreza a función docente".

A recollida comeza en decembro

Ante esta situación, decidiuse levar a cabo una iniciativa de recollida de sinaturas para esixir a reitada do anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) que se poñerá en marcha na primeiras semanas do mes de decembro. A Asemblea está a elaborar un documento que se fará chegar ás familias no que se lles convida  a asinar en contra de dito anteproxecto. Posteriormente, enviarase a relación de sinaturas á Consellería de Educación e ao Ministerio de Educación.

A Asemblea convida a quenes estén interesados en informarse a que os busquen nas redes sociais (www.facebook.com/AsembleaEnDefensaDoEnsinoPublicoDaBarbanza) ou a que acudan á próxima xuntanza que se levará a cabo o día 24 de xaneiro na Pobra do Caramiñal.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Renacer" informa este venres, 30 de novembro, e sábado, 1 de decembro, sobre a Sida

  • Co gallo do Día Internacional de Loita contra esta doenza
  • Sinalan que o máis importante segue a ser a prevención, que só se logra con información

Media_httpwwwasociaci_gleju

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia.

Esta celebración brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo. A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos  nos vindeiros días. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

Media_httpfarm5static_bfeje

Haberá reparto de condóns e material informativo

Instaláranse diversas mesas informativas nos tres institutos de ensinanza secundaria, nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos o venres día 30, durante o recreo, ás 11:30 horas. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA o xoves 29 ás 18:40 horas, trala que se repartirá material informativo.

O sábado día 1 de decembro na rúa peonil do concello (ó lado da Farmacia Sanmamed) tamén se colocará unha mesa informativa para informar e sensibilizar á poboación en xeral.

Estas actividades englobánse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociacion Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical