9.4.12

Ribeira: presentan o venres 27 de abril un libro da xornalista Beatriz Manjón

Noia: este venres 13 de abril presentan "Derradeiras vontades" na casa de cultura

  • En dous volumes abórdanse feitos arredor da morte segundo documentos medievais e modernos na vila de Noia, pero válidos para toda Galicia
Media_httpfarm8static_ktdwe

A sacristía de Santa María a Nova garda moitas laudas dos gremios medievais

Noia, 9 de abril de 2012. Este venres, 13 de abril, ás 20:30 horas na Casa da Cultura "Antón Avilés de Taramancos" de Noia terá lugar a presentación do libro "Derradeiras vontades", dos profesores Xosé Manuel Neira Pérez, teólogo, e José Barroso Castro, filólogo. O libro -en dous volumes e cun custe de case 130 euros- foi publicado pola editorial Mendaur e pódese mercar, ademais de nas librarías, na propia web da editorial, aquí.

Abórdase neste estudio o feito da morte no contexto galego na vila de Noia na Idade Media e Moderna. Nos dous volumes, con máis de 60 documentos notariais que tratan sobre os gremios de Noia, clérigos da Confraría da Concepción de Noia,
notarios e outros, amósanse documentos de derradeiras vontades con doazóns a cambio de misas de aniversario pola salvación da alma do crente doante.

Pode que tamén lle interese:








Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: programación de "Abril, mes dos libros"

  •  Haberá un contacontos, tres charlas literarias e unha xornada que mistura títeres e hip-hop

 

Ribeira, 9 de abril de 2012.- O Concello presentou hoxe o seu mes máis literario cunha programación de actividades de promoción e divulgación do libro que fai un ano máis un especial fincapé na lingua galega e os autores que a cultivan. Para pormenorizar o programa do Abril Mes dos Libros, déronse cita no Auditorio Municipal as concelleiras de Cultura e Educación (Elvira Pisos e María do Carme Vizcaya), a encargada do Concello do servizo de normalización lingüística, Alicia Padín; e o arquiveiro municipal, José Antonio Otero.

 

Así, o propio 23 de abril, Día Internacional do Libro, terá lugar no Auditorio unha actuación de A Tropa do Trapo que, baixo o título de “A viaxe das palabras”, está dirixida ao alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria do municipio. Está previsto que os alumnos dos colexios Galaxia, Frións, Sagrado Corazón de Castiñeiras, Bayón e A Milagrosa de Oleiros cubran as 279 prazas existentes no salón de actos da instalación municipal, durante esta actuación de contaconcos que terá lugar ás 10.30 horas.

 

A Viaxe das Palabras é a historia dunha nena, Lucía, que descobre unha maleta vella do seu avó, a quen non chegou a coñecer. Os seus pais non lle deixan ver o que hai dentro, pero unha noite Lucía decide averiguar que segredos se gardan no seu interior.

 

Xoves Literarios

Outro apartado do Abril Mes dos Libros verá conformado polos Xoves Literarios. Grazas ao programa de animación á Lectura “Letras Vivas” da Xunta de Galicia, o Concello é quen de albergar esta iniciativa formada por un conxunto de conferencias dirixidas a acrecentar o contacto dos riveirenses coa literatura. Concretamente, estes Xoves Literarios, cuxa entrada é de balde, terán lugar os días 12, 19 e 26 de abril, a partir das 20 horas no Conservatorio Municipal:

 

      Xoves, 12 de abril: “Muller-literatura”, por Concha Blanco. A profesora de piano do Conservatorio, Teresa Bretal, realizará unha presentación musical con pezas de composición propia antes de que a escritora Concha Blanco trace un percorrido polo papel do muller na literatura.

      Xoves, 19 de abril: “Dos fastos aos festexos”, por Francisco Antonio Vidal Blanco, que examina os principais festexos actuais e amosa os seus paralelismos cos fastos dos que falan Ovidio e outros autores clásicos.

      Xoves, 26 de abril: “O multifacetismo emprendedor de Paz-Andrade”, por Xesús Manuel Valcárcel. Con esta charla preténdese afondar na figura polifacética do homenexeado neste ano no Día das Letras Galegas, Valentín Paz-Andrade.

 

TítereHop

Finalmente, hai que resaltar a celebración de TítereHop: un evento adscrito ao programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida especificamente a adolescentes de 13 a 17 anos. A acción terá lugar o sábado 14 de abril no polideportivo do CEIP O Grupo e constará de dúas representacións (de 11 a 13 e de 17 a 19.30 horas).

 

O programa da actividade comprenderá un obradoiro de hip-hop impartido polo rapeiro García (integrante do grupo “Dios que te crew”), un obradoiro de expresión plástica a cargo de profesionais de “Viravolta Títeres” consistente na construción dun monicreque cantor e, finalmente, a posta en escena do con este monicreque do traballado no obradoiro de hip-hop: esta parte será captada cunha cámara de vídeo para ser colgada posteriormente na Rede vía youtube.

 

Os adolescentes interesados en participar nesta actividade gratuíta poden inscribirse enviando o formulario colgado na páxina web ao enderezo normalizacion@riveira.com.

 





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: O Serán do Patrocinio celébrase o sábado 28 e domingo 29 de abril

Patrocinio_rianxino_2012_ok


Rianxo, 9 de abril de 2012. O sábado 28 e o domingo 28 de abril volta celebrarse o Serán do Patrocinio, organizado pola asociación cultural rianxeira Fogo Fatuo.

Ao serán pode apuntarse quen así o desexe: só hai que achegarse e falar coa organización. Queren que calquera persoa se anime a tocar, polo que só piden levar o instrumento que se queira e tocalo alí e bailar con todos os participantes. Haberá comida e bebida de balde para todo aquel e toda aquela que se anime a tocar e bailar pezas, así como arroz con letie para todo tipo de asistentes ao serán, sexan músicos, bailadoras ou público.

Ao longo da noite do sábado 28 vanse sortear varias cestas e se o tempo o permite incluso algún asistente vai sorprender ao público cunha "tecno-muiñeira".

Xa o domingo 29 haberá unha alborada que correrá por conta da agrupación de gaitas de Fogo Fatuo, misa cantada e baile cos máis pequenos da escola de pandereta e baile "Aleivosía". Tamén haberá un aperitivo na barra da asociación.

www.fogofatuo.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: denuncian o boicot do Concello de Padrón á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública

Media_httpfarm5static_qaxfe

Imaxe de arquivo do mercadillo de Padrón, que estes días celebra a Pascua

Padrón, 9 de abril de 2012. Varios membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza estiveron onte, domingo 8 de abril, pola mañá no mercado de Padrón recollendo sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa e Promoción da Sanidade Pública no Parlamento Galego.

"Mais tivemos que suspender a recollida porque a Policía Municipal mandounos levantar a mesa e parar a recollida xa que nos informaron de que o permiso que solicitamos hai tres semanas estaba denegado. Temos que decir que ata ese momento ninguén do concello de Padrón se dirixiu a nós nin vía correo postal, electrónico ou teléfono: parece que o concello considera que o xeito  adecuado de responder aos cidadáns é enviando a Policía municipal", explican dende a Plataforma pola Sanidade Pública. En Padrón goberna, en minoría, o alcalde do PP Antonio Fernández Angueira.


"Dende a Plataforma consideramos que a solicitude do permiso para recoller sinaturas é meramente un trámite administrativo, e que nun estado democrático non existe ningunha xustificación para que non se lle permita a un colectivo de cidadáns exercer o seu dereito a informar e facer partícipes aos seus concidadáns dun dereito constitucional como é a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular no parlamento.Queremos dende aquí denunciar os feitos acaecidos o domingo 8 de abril no mercado de Padrón", remata Marian Rodríguez Blanco, representante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: "Parece un xudeu do Castelo!", por Domingo Regueira

     Persuadido por este dito, ocorréuseme rastrear a Rúa Tetuán na parroquia do Castelo na procura de algún outro motivo que xustificase a presenza dos conversos xudeus neste barrio da Pobra do Caramiñal. Despois de moito rastrear, atopeime con esta mostra, a cal quero compartir con todas aquelas persoas que sintan curiosidade polo pasado e desexen tocar testemuñas da súa historia con mostras e argumentos que, dalgunha maneira, sustenten estas SherlockHolmianas pescudas.

Ao mesmo tempo —coma sempre—pretendo sensibilizar a veciños e rexedores das vilas barbanzanas para que estas antigallas, que son as poucas follas dos libros que nos quedan dun recente pasado, sexan  expostas e adecuadamente, aclaradas e publicadas para que os veciños de vilas, barrios e aldeas saiban que cada risco marcado nun eiteiro, cada pedra fincada na terra, cada construción antiga e cada ferramenta, apeiro ou útil que os nosos antigos usaban nas súas casas, talleres ou embarcacións son as ilustracións físicas que acreditan, amenizan e dan fe dos textos que narran a historia. Por iso non deberían ser ignoradas, esquecidas, destruídas, desprezadas, desbotadas, anatematizadas, espoliadas ou esnaquizadas. Punto.

Cada pobo ten a súa historia e polo tanto cumpre custodiar tales vestixios en museos ou salas adecuadas, e non nos caros e cutres e infrautilizados tenderetes que estamos vendo.

Deus sabe a cantidade de voltas que as pedras que conforman as casas levan dado!

As entallas onde os xudeus poñían a mezuzah tamén se atopan desprazadas, formando parte dos muros e das vivendas reconstruídas. Non hai máis que ver como algunhas marcas de canteiros dos perpiaños da igrexa do Castelo están invertidas.

O “rebaixe” na xamba dereita da porta onde os xudeus pasaban a man o entrar e saír da casa, era para recordar a oración que contiña o roliño da mezuzah ao modo que os cristiáns se persignan -ou persignaban- o saír.

Este “rebaixe”,  —como se mostra no debuxo—probablemente fose onde se aloxaba o tubo (mezuzah), que contiña a oración e por causa de xustificar a súa adhesión ó cristianismo —aínda que en realidade probablemente fose unha  falsa apostasía—, eliminaron a entalla que o contiña para, deste xeito, borrar calquera simboloxía que os vinculase co xudaísmo. Pero a man, disimuladamente, seguíana pasando. Logo, a cada lado da porta gravaban unha cruz como signo confírmante da súa (imposta) cristianización.

                Agora as mezuzahs son de caprichosos deseños e caros materiais e para a súa colocación traen —coma os electrodomésticos— un manual de instalación, pero as daqueles tempos eran funcionais.  Probablemente a xente tivese outras prioridades.

Prisciliano, como druida, oficiaba debaixo dun carballo, penedo ou alpendre. Agora fanse os rituais en suntuosos presbiterios ao amparo de xigantes baldaquinos de alquímicos bronces e salomónicas columnas atrapadas por refulxentes guirnaldas de carísima factura, para que os coitados fieis, ao ver tal, idiotizados, engurrados, apoucados e minguados na súa identidade non se sintan nin miñocas. Mentres, os congregantes locen vangardistas atavíos que chocan violentamente coa moda do “seu” mesías, que se vestía no mercado.

O políticos españois, sobre todo “as”, destinan máis tempo a recorrer perruquerías e boutiques, que a resolver os grandes problemas que aflixen, magoan e alienan aos seus “subditos”.

Ao parecer, o despido dos sefardís non foi por outra cousa máis que por intereses relixiosos, pois estaban roubándolle a clientela o cristianismo e isto tampouco é de facer. <<Cada un ao seu, dicía o que andaba roubando a verdura>>


Domingo Regueira.


P.D. Para os que teñan curiosidade nesta materia poden ollar esta interesante páxina.

http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2004PDF/2004%20431-466%20EMILIO%20FONSECA.pdf


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a consellería de Educación asegura que o ceip de Olveira funcionará xa con normalidade esta semana

Ribeira_colexio_olveira

  • As alumnas e alumnos do centro ribeirense volverán ás aulas mañá tras as vacacións de Semana Santa, logo de que se estean a rematar os traballos de acondicionamento do centro tras a fuga de auga producida

  • A estrutura do colexio non foi afectada polo escape, polo que só será necesario substituír o mobiliario auxiliar ao que chegou a auga

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, na visita ao colexio

Ribeira, 9 de abril de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria garante o normal desenvolvemento das clases no CEIP de Olveira, a cuxas aulas regresarán mañá os estudantes tras as vacacións de Semana Santa. Así o explicaron o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana; que se achegaron hoxe -acompañados polo alcalde, Manuel Ruiz- a este centro para coordinar os traballos de acondicionamento que se están a realizar no centro tras a fuga de auga producida.

Neste sentido, os representantes da Consellería explicaron que a estrutura do centro non foi afectada polo escape, polo que só é preciso substituír nos vindeiros días o mobiliario auxiliar que foi alcanzado pola auga; uns traballos que se realizarán polas tardes, para non interferir na actividade lectiva. Neste momento, e desde que se tivo coñecemento da avaría, empresas contratadas polo departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad están a finalizar os traballos de limpeza do colexio, así como os de comprobación do illamento do sistema eléctrico e de acondicionamento dos servizos de auga, co fin de que estean preparados para o seu uso na xornada lectiva de mañá, tal e como se informou ás familias das alumnas e alumnos.

Cómpre sinalar, tal e como explicaron o director xeral e o xefe territorial aos representantes da comunidade educativa do CEIP de Olveira, que a Consellería traballou desde o primeiro momento no que se coñeceu a fuga para que esta avaría non producise interferencias no funcionamento do centro, en especial no desenvolvemento das clases. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia amosa o seu compromiso co benestar do conxunto da comunidade educativa, en particular do seu alumnado, que non verá afectado a súa actividade lectiva por mor dos traballos de acondicionamento do mobiliario que se desenvolvan nos próximos días.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: Adega di que os planos de conservación das especies están "baleiros de contidos"

  • Moita "recomendación pero pouca vontade de conservación", di a organización ecoloxista galega 
  • De seguir os ritmos da administración, burocráticos a máis non poder, as especies ameazadas estarían protexidas dentro de 243 anos
  • Alertan dos efectos sobre a píllara das dunas ao limpar areais como o de Corrubedo, en Ribeira, con maquinaria

9 de abril de 2012. Segundo informa hoxe Adega, nestes intres atópanse a exposición pública os planos de conservación/recuperación de 3 especies, das máis 200, incluidas no catálogo Galego de Especies Ameazadas. "Tivemos que agardar 5 anos para que a Xunta decidírase a desenvolver estes instrumentos, básicos para garantir o futuro da nosa biodiversidade máis fráxil. De seguirmos este ritmo, a administración cumprirá coa obriga legal de protexer efectivamente a estas especies dentro de 243 anos! ADEGA ten constancia que dende 2007, licitáronse, elaboráronse e entregáronse ducias de Planos de Conservación, cal é o motivo para telos gardados dende aquela nun caixón?  Agora por fin a Xunta apresenta o do sapoconcho galego (réptil), a píllara das dunas (ave), e a escribenta das canaveiras (ave), mais o seu contido non recolle medidas efectivas para a conservación destas especies e os seus hábitats: son só un compendio de "recomendacións", e polo mesmo, carentes de forza legal que por desgraza ninguén vai cumprir", asegura a agrupación defensora do medioambiente galego.

"Estes documentos deberían definir claramente as actividades que poden ser autorizadas, estar prohibidas ou reguladas, atendendo ao estado das poboacións e ás necesidades de conservación da especie. No entanto, os decretos están inzados de "recomendacións" que como sabemos, raras veces se cumpren", continúan.

Os perigos da limpeza das praias con maquinaria

Por exemplo, no caso da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) está comprobado o dano da maquinaria para o peneirado dos areais, maquinaria pesada e demáis inventos para "limpar" as praias, sobre a cría da especie. Ademais, é unha realidade que a limpeza limpeza manual non encarece o procedemento con respecto á mecánica. Tal se fai en praias como as de Corrubedo, mais non noutras nas que aniña esta especie como a de A Lanzada. recomendar a limpeza manual, se fiuca só nunha recomendación non servirá pada nada. Compre, particularmente nas zonas da Rede Natura onde aniña esta especie, prohibir a limpeza mecánica e a retirada de algas de forma xenérica.


Media_httpfarm4static_bsbnf

Nada de cans por areais onde haxa niños

Outra "recomendación" fai referenza aos cans: son demostrados predadores das niñadas de píllara e a súa presenza nas praias en tempada de cría non pode resolverse cunha "recomendación" para que estean presos. O dereito a pasear un can polo hábitat da píllara (podendo deambular por calquera outro sitio) non pode prevalecer sobre a obriga legal de protexer unha especie amezada.

Resulta tamén curioso -segundo Adega- que o Decreto da píllara (Anexo II Sección 2ª 2.1) recolla "Medidas para a eliminación de aparcadoiros non autorizados en zona dunar"??? Se non están autorizados e están en zona dunar, alguén está incumprindo a lei porque estas actividades non están permitidas nestes hábitats, estremadamente fráxiles, e máis en Rede Natura. Como é que a Xunta ten coñecemento destas prácticas e non actúa?

Escribenta nas brañas de Laíño, en Dodro

Advirte Adega que no caso da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica) a medida estrela é propoñer cortas de carrizais, sen ter en conta que nestes espazos pode haber hábitats prioritarios como as Turbeiras calcáreas de Cladium mariscus. A conservación dunha especie non debería provocar afeccións a outras especies nin a hábitats. Mesmo estas cortas e clarexos poderianse facer en plena en tempada de cría da especie!! (Anexo IV)). Ademais, "a frecuencia das cortas debe adaptarse ás necesidades da especie e ás necesidades dos agricultores locais". Tendo en conta que moitas destas cortas faríanse no Dominio Público Marítimo-Terrestre, a necesidade dun agricultor que quere cortar un carrizal público para aproveitamento privado non pode prevalecer sobre a obriga legal de conservar o hábitat da escribenta e doutras especies e hábitats protexidos.

"En definitiva, uns documentos que a Xunta apresenta cun escandaloso retraso, nun número ridículo a teor das especies necesitadas de protección, e cuns contidos "descafeinados" para outra volta, fuxir da súa obriga legal de conservar este patrimonio natural", conclúe Adega.

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: publicadas as bases en inglés e castelán do IV Premio Atlante de Gravado

Media_httpfarm4static_kjqeb

Nun futuro -agora están as bases do certame anterior- en galego en:

www.fundartes.com


Antes, en Certo:




bases_prize_atlante_eng12.doc Download this file

IV PREMIO ATLANTE.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical