Persuadido por este dito, ocorréuseme rastrear a Rúa Tetuán na parroquia do Castelo na procura de algún outro motivo que xustificase a presenza dos conversos xudeus neste barrio da Pobra do Caramiñal. Despois de moito rastrear, atopeime con esta mostra, a cal quero compartir con todas aquelas persoas que sintan curiosidade polo pasado e desexen tocar testemuñas da súa historia con mostras e argumentos que, dalgunha maneira, sustenten estas SherlockHolmianas pescudas.
Ao mesmo tempo —coma sempre—pretendo sensibilizar a veciños e rexedores das vilas barbanzanas para que estas antigallas, que son as poucas follas dos libros que nos quedan dun recente pasado, sexan expostas e adecuadamente, aclaradas e publicadas para que os veciños de vilas, barrios e aldeas saiban que cada risco marcado nun eiteiro, cada pedra fincada na terra, cada construción antiga e cada ferramenta, apeiro ou útil que os nosos antigos usaban nas súas casas, talleres ou embarcacións son as ilustracións físicas que acreditan, amenizan e dan fe dos textos que narran a historia. Por iso non deberían ser ignoradas, esquecidas, destruídas, desprezadas, desbotadas, anatematizadas, espoliadas ou esnaquizadas. Punto.
Cada pobo ten a súa historia e polo tanto cumpre custodiar tales vestixios en museos ou salas adecuadas, e non nos caros e cutres e infrautilizados tenderetes que estamos vendo.
Deus sabe a cantidade de voltas que as pedras que conforman as casas levan dado!
As entallas onde os xudeus poñían a mezuzah tamén se atopan desprazadas, formando parte dos muros e das vivendas reconstruídas. Non hai máis que ver como algunhas marcas de canteiros dos perpiaños da igrexa do Castelo están invertidas.
O “rebaixe” na xamba dereita da porta onde os xudeus pasaban a man o entrar e saír da casa, era para recordar a oración que contiña o roliño da mezuzah ao modo que os cristiáns se persignan -ou persignaban- o saír.
Este “rebaixe”, —como se mostra no debuxo—probablemente fose onde se aloxaba o tubo (mezuzah), que contiña a oración e por causa de xustificar a súa adhesión ó cristianismo —aínda que en realidade probablemente fose unha falsa apostasía—, eliminaron a entalla que o contiña para, deste xeito, borrar calquera simboloxía que os vinculase co xudaísmo. Pero a man, disimuladamente, seguíana pasando. Logo, a cada lado da porta gravaban unha cruz como signo confírmante da súa (imposta) cristianización.
Agora as mezuzahs son de caprichosos deseños e caros materiais e para a súa colocación traen —coma os electrodomésticos— un manual de instalación, pero as daqueles tempos eran funcionais. Probablemente a xente tivese outras prioridades.
Prisciliano, como druida, oficiaba debaixo dun carballo, penedo ou alpendre. Agora fanse os rituais en suntuosos presbiterios ao amparo de xigantes baldaquinos de alquímicos bronces e salomónicas columnas atrapadas por refulxentes guirnaldas de carísima factura, para que os coitados fieis, ao ver tal, idiotizados, engurrados, apoucados e minguados na súa identidade non se sintan nin miñocas. Mentres, os congregantes locen vangardistas atavíos que chocan violentamente coa moda do “seu” mesías, que se vestía no mercado.
O políticos españois, sobre todo “as”, destinan máis tempo a recorrer perruquerías e boutiques, que a resolver os grandes problemas que aflixen, magoan e alienan aos seus “subditos”.
Ao parecer, o despido dos sefardís non foi por outra cousa máis que por intereses relixiosos, pois estaban roubándolle a clientela o cristianismo e isto tampouco é de facer. <<Cada un ao seu, dicía o que andaba roubando a verdura>>
Domingo Regueira.
P.D. Para os que teñan curiosidade nesta materia poden ollar esta interesante páxina.
http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2004PDF/2004%20431-466%20EMILIO%20FONSECA.pdf
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario