1.2.11

Porto do Son: ata o 15 de febreiro, "Elas ensinan", no centro de interpretación de Baroña

A mostra recolle a historia de 18 mestras que desenvolveron a súa actividade en Galicia en diferentes momentos históricos. Do 16 ao 28 de febreiro estará en Lousame.

Porto do Son, 1 de febreiro de 2011. A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe no Centro de Interpretación do Castro de Baroña en Porto do Son a exposición “Elas ensinan”, que rende homenaxe ás mulleres educadoras, pedagogas, ás mestras, como pioneiras da incorporación das mulleres ao mercado laboral e exemplo de mulleres que non se botaron atrás fronte as dificultades que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia.

A mostra, que estará en Porto do Son ata mediados deste mes e despois percorrerá ata final do ano 21 concellos galegos, recolle os exemplos de dezaoito mulleres galegas que adicaron a súa vida á educación e á formación de varias xeracións de galegas e galegos, sendo un exemplo de vocación, de servizo público e de compromiso co seu país a través do seu coñecemento e do seu exemplo.

A secretaria xeral da Igualdade, que estivo acompañada polo alcalde do Concello, Xoán Pastor Rodríguez, e pola concelleira de Servizos Sociais de Porto do Son, Joaquina González, lembrou que ao longo da historia as mulleres se viron privadas do dereito á educación ou relegadas a un segundo plano, xa que non tiñan acceso á mesma formación e eran educadas de forma diferente aos homes.

Elas, dixo, foron “mulleres innovadoras e decididas, cun obxectivo común, mellorar a educación do seu alumnado” e “foron as responsables de que xurdiran xeracións de mulleres decididas a traballar pola igualdade, sen importarlles as circunstancias sociais, históricas ou políticas do momento”.

Marta González citou o pensador e educador brasileiro Rubén Alves, quen dixo que ensinar é un exercicio de inmortalidade. “Levaba razón, -apuntou- xa que todos e todas nós gardamos na nosa memoria e no noso corazón a lembranza de alomenos unha mestra excepcional que incidiu na conformación da nosa personalidade de xeito decisivo. A todas elas, só nos queda, institucional e persoalmente, darlles as grazas, pola súa gran influencia no que fomos, e no que somos”, rematou.

Na exposición poden verse paneis sobre a vida e o traballo das dezaoito mestras galegas seleccionadas para esta mostra, pero complétase co acceso a unha base de datos onde se recollen as biografías de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que o público interesado poda acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre o concello onde naceu.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: os comuneiros de Camboño abordarán o problema da praga do piñeiro na súa vindeira asemblea do 19 de febreiro

Lousame, 1 de febreiro de 2011. A praga do piñeiro (nemátodo dos piñeiros) que está a afectar a varios concellos de Pontevedra comeza a preocupar nestas bisbarras. Na vindeira asemblea dos comuneiros de Camboño é un dos puntos do día a debater e procurarán informar sobre as medidas a tomar para evitalo.

A asemblea dos comuneiros Barbanza de Camboño é ás nove da mañá do vindeiro sábado 19 de febreiro. Se non van comuneiros abondo, a segunda convocatoria é pola tarde, ás sete e media, sempre no local social de Camboño.

A orde do día é a que segue:

1. Lectura e aprobación, se é o caso, da acta da Asemblea Anterior.

2. Aprobación se procede Balance de contas exercicio 2010.

3. Dar conta dos acordos tomados pola Xunta Reitora, e ratificación se procede.

4. Medidas a tomar contra a praga do piñeiro.

5. Dar conta das xestións e actuacións dadas en defensa da titularidade do Monte e seguintes pasos a dar.

6. Renovación se procede Convenio Gandeiros.

7. Permuta de terreo.

8. Altas e Baixas.

9. Outros asuntos de interese xeral.

10. Preguntas e propostas.

Dada a importancia dos temas a tratar, pregan asistencia e puntualidade.

Xunta de Galicia: uns 7 millóns de euros para erradicar a praga do piñeiro

A completa erradicación do brote do nematodo do piñeiro detectado nun exemplar situado no concello pontevedrés das Neves, así coma os labores de control e contención do mesmo vai supoñer para a Administración Autonómica un custe que “non vai ser menor de sete millóns de euros”, segundo a estimación feita esta mañá polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, antes da reunión do Consello Forestal de Galicia convocada para tratar este asunto.

O titular de Medio Rural fixo estes cálculos tendo en conta a “reparación das zonas nas que haxa que actuar, coa limpeza de restos de corta e as medidas profilácticas que hai que tomar”. Juárez advertiu que “hai unha repercusión económica clara e a Xunta o que está tratando, xunto co sector, é que sexa a menor posible para o sector, asumindo a Administración a parte que lle corresponde dun xeito equitativo”.

En relación coas posibles perdas económicas que poida causar este brote, o conselleiro advertiu que “nestes momentos tanto as autoridades sanitarias galegas como as nacionais e comunitarias coinciden en que, dadas as características do brote e tendo en conta a época do ano na que estamos, é posible valorizar o produto que existe na zona”.

De feito, engadiu, “desde hai xa semanas estanse concedendo permisos de corta, os propietarios están vendendo a madeira e aquela que non se corte polos particulares na zona de 1,5 quilómetros arredor do foco vai ser obxecto dunha poxa pública que xa se está preparando; vai haber, pois, unha valorización do produto e as perdas vanse reducir de xeito notable”.

Caída á metade dos prezos?

Preguntado sobre a presunta baixada de ata un 50% dos prezos da madeira na zona afectada, Juárez dixo que a Xunta non ten, neste momento, “ningún dato fiable ao respecto”, para advertir a continuación que se están facendo ventas do produto por parte dos propietarios que así o decidiron e a industria nega estas baixadas.

O conselleiro quixo sinalar que “a cuestión dos prezos hai que tomala con moita precaución e nestes momentos cremos que o sistema que se adoptou é o máis equitativo para os propietarios, porque permite que eles fagan a erradicación pola súa conta e que a mesma se faga en tempo”. Doutra banda, o titular de Medio Rural insistiu na necesidade de limpar a zona “antes de que cheguen as temperaturas máis altas, sendo importante que o labor se faga dun xeito transparente, que permita a todos non ter ningunha dúbida de que o procedemento é o mellor posible”.
Samuel Juárez explicou que esta xuntanza do Consello Forestal de Galicia tivo como finalidade expoñer, por parte dos responsables da Xunta, as medidas tomadas desde o descubrimento do brote, as actuacións adoptadas ao longo dos últimos meses e as perspectivas neste momento.

Piden colaboración ao sector
O conselleiro da Xunta foi claro ao respecto: “Imos pedir a todo o sector a súa colaboración para conseguir este obxectivo e tratar entre todos que as cuestións e dúbidas que haxa se poidan ir delimitando e acordando co sector nun espírito de colaboración”.  Lembrou que está a piques de ser publicado no DOG un Decreto no que se declaran de utilidade pública as medidas de control deste brote e se definen todas as medidas que se van levar a cabo na zona.

Dixo ademais que a erradicación do foco xa se levou a cabo inmediatamente, no mes de novembro. Destruída totalmente a árbore infectada e as circundantes, neste intre están en marcha os traballos de corta por parte dos particulares e ampliouse de novo o prazo (ata o vindeiro 4 de febreiro) para a solicitude dos preceptivos permisos.

   Postura de Adega: máis prevención

Diante da propagación da praga do nematodo que está a afectar ás masas forestais de piñeiros do sur do país e as medidas de erradicación anunciadas pola por Medio Rural, ADEGA insta á Xunta a tomar medidas de carácter preventivo que eviten a proliferación desta doenza tanto a curto como a longo prazo. "Nos últimos anos vimos asistindo ao impacto de pragas novas en Galicia como este nematodo dos piñeiros ou o fungo dos ameneiros, alén das que xa evan con nós uns anos, como o gorgullo do eucalipto, ou xa endémicas (tinta do castiñeiro, pulguiña do carballo). Parece evidenciarse unha relación entre a extensión destes andazos e a globalización do mercado forestal, e entre a virulencia crecente dos episodios e o cambio climático. Diante destes desafíos, a Xunta non está a dar a talla, propoñendo cortas e fumigacións masivas mentres segue cunha política forestal miope, curtopracista, e orientada ao monocultivo de pirófitas, agora para usos enerxéticos", explica a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.

A día de hoxe, aseguran no seu web, "non existen medidas que consigan controlar o nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), unha vez detectado nas árbores, e ao tratarse dunha doenza de corentena, en cumprimento da normativa, está establecido a corta das árbores afectadas e o seu radio de acción. ADEGA é consciente dos danos que esta praga supón para as masas forestais de piñeiros e para os propietarios destas desde que chegou a Galicia através de Portugal (onde chegou en 1999 procedente de Norteamérica), e cuxo seguimento foi feito pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra)".

ADEGA considera que desde a Consellaría de Medio Rural "non se están a desenvolver todas as medidas e accións necesarias para frear a súa proliferación no presente e no futuro. Fronte a esta doenza, ADEGA propón tomar medidas preventivas de carácter integral para o noso monte, diversificando os seus produtos e servizos, apostando por medias ecosistémicas e polas especies frondosas autóctonas. O monocultivo de especies no que se basea a actual política forestal da Xunta, favorece a chegada de pragas e enfermidades, reduce a biodiversidade natural e hipoteca o futuro económico do noso rural. Dado que o noso monte ten que ser pensado en clave de futuro para as xeracións futuras, estas son medidas a medio e longo prazo, que deberían de estar xa postas en marcha".

ADEGA reclama ademais ao goberno galego que realice un importante esforzo para sensibilizar, informar e formar aos propietarios afectados e a toda a sociedade sobre estas pragas e enfermidades, facilitando así o establecemento e a aplicación de medidas preventivas que eviten a expansión da doenza e o declive progresivo do noso monte.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a pintora Inés Abad Lamas colga paisaxes na casa da cultura ata o 15 de febreiro


Máis cadros desta pintora en Artelista.com, aquí

Noia, 1 de febreiro de 2011. Do 1 ao 15 de febreiro pódese visitar en Noia a exposición de pintura "A paisaxe como unha mirada de expresión. A figuración como unha mirada de sensacións" da pintora compostelá Inés abad Lamas. Está colgada na casa de cultura "Antón Avilés de Taramancos" e o horario de visita vai de 09:00 a 14:00 e de 18:00 a 20.00 de luns a venres.

Curriculum de Inés Abad (Compostela, 1975)

      Iníciome no mundo artístico no ano 1991, nun obradoiro de pintura no que experimento diferentes técnicas de debuxo (acrílico, óleo,...). En 1992 matricúlome na Escola de Artes Plásticas Mestre Mateo de Santiago de Compostela, onde desenvolvo un estudo máis individualizado do debuxo e da cor, partindo sempre dunha teoría clásica. 

      Paralelamente aos meus estudos académicos participo en conferencias, ciclos, ... no Museo de Arte Contemporánea, interesándome máis por coñecer diferentes estilos e outras disciplinas artísticas, para acadar un coñecemento da arte plástica dende outra perspectiva. 

      O estilo da miña pintura ten diversas influencias, dende os estilos clásicos ata outros máis atrevidos. A temática ten dous polos principais: os temas figurativos (matizando moito a figura da muller) dende unha liña de expresión clásica ata unha transformación máis expresionista e os temas de paisaxes que tamén inciden nunha nunha temática clásica e nunha temática expresionista. 
 

      O traballo que amoso nesta exposición, defínoo como A paisaxe unha mirada de expresión. A figuración como unha mirada de sensacións, ambos os dous conceptos únense  e desenvolven camiños paralelos, que reforzados por un xogo de cores enmarca a esencia da composición. 

      A temática das paisaxes desprende a esencia dunha pintura que transforma as formas pola cor  como mancha, que define a maxia do seu conxunto expositivo. 

      A temática figurativa somérxenos nun mundo de personaxes no que, a través da linguaxe plástica, as cores fan de fío condutor en toda a composición e transforman a esencia das cousas. 

      Mesturo a “sensualidade e cultura”, a “reflexión e emoción” nunha guerra íntima na que loito por plasmar no lenzo “outra realidade”, a que existe dentro de cada ser e cada cousa, na que se mira cos ollos pechados e fala o mundo das lembranzas.

      Accións

    • Exposición colectiva na Coruña, no MACUF (Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa) en axuda á  problemática do Prestige.
    • Participación na poxa de Arte Benéfica Pintando Sorrisos Asociación Agromar Café-Teatro Xesteira, Ourense 2006.
    • Participación no XIII Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude, A Coruña 1999.

          Exposicións Individuais

          2010 – Café Balcón, O Grove.

          2006 – Café Hotel Tránsito dos Gramáticos, Santiago de Compostela.

          2006 – Galería Sargadelos, A Estrada.

          2004 – Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Xunta de    Galicia, Santiago de Compostela.

          2002-2003 – Centro Socio Cultural de Vite, Santiago de Compostela.

          2002 – Restaurante Enxebre, Hostal dos Reis Católicos, Santiago de Compostela.

          2001 – Cafetería Agarimo, Santiago de Compostela.

          2000 – Pub Fuco Lois, Santiago de Compostela.

          1999 – Sociedade Liceo, Noia.

          1998 – Pub Joam Airas, Santiago de Compostela.

          1998 – Casa da Cultura “Casa do Coxo”, Rianxo.

          1997 – Café Literarios, Praza da Quintana, Santiago de Compostela.

          1995 – Café Pub Metate, Santiago de Compostela. 
     

          Exposicións Colectivas

          2002 – Galería La Campana, Santiago de Compostela.

          2001 – Galería José Lorenzo, Santiago de Compostela.

          1997 – Fundación Aurelio Aguirre, Centro Socio Cultural de Conxo, Santiago de   Compostela.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng oponse de novo á retirada da escolleira da ría, que cualifica como simple "operación estética"

A nacionalista Ana Pontón advirte de que o convenio asinado entre Portos de Galicia co Estado "inviabiliza na práctica a recuperación do porto histórico, un dos puntos recollidos na iniciativa aprobada cos votos do PP na Cámara galega"

Noia, 1 de febreiro de 2011.- A deputada do BNG Ana Pontón pedirá explicacións no Parlamento polo acordo ao que chegou Portos de Galicia co Estado, segundo o cal os 225.000 metros que ocupa a escollera en Noia pasan a ser titularidade do Estado, “o que supón unha renuncia de competencias totalmente inxustificada e inviabilizar na práctica o proxecto de recuperación do porto histórico da vila”.

Ana Pontón denunciou que con esta decisión se vulnera o acordo acadado na Cámara, a iniciativa do BNG, dun proxecto integral de rexeneración da Ría, “que é o que nós sempre defendimos”, e que incluía manter a titularidade galega do porto, revisar o proxecto de demolición da canle de aceso á vila para redactar un verdadeiro proxecto de saneamento, así como desenvolver as actuacións precisas para recuperar o porto histórico.

A deputada nacionalista lamenta o “cinismo” do PP por ter votado unha cousa no Parlamento e de seguido actuar na dirección contraria e advertiu que este comportamento, ademais da súa gravidade polo que significa de desprezo ao Parlamento e aos acordos que alí se toman, vai supor a perda dunha oportunidade histórica para Noia.

Para a parlamentaria, o que acaba de acontecer, non obstante, ao BNG "non lle colle de sorpresa porque durante o debate dos orzamentos votou en contra dunha partida específica proposta polos nacionalistas para o proxecto portuario de Noia".

O Bng local di que retirar a escolleira non suporá limpar a ría


Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG nesta localidade, Bieito González, deixa claro que esta formación política vai seguir loitando e negociando para dar resposta á “lexítima demanda dos noieses e noiesas de abrir a vila ao mar”.

Trátase, insistiu, "de concienciar á cidadanía e ás forzas políticas e sociais sobre o potencial portuario que caracteriza Noia e así iniciar o camiño da súa recuperación para convertela no verdadeiro porto de Compostela, o que pasa, primeiro, por recuperar o porto e de seguido recuperar o resto do espazo”.

Bieito González reitera que malia as “intoxicacións”, nin a escolleira que agora pasa á titularidade do Estado é a causante da acumulación de lodos o esteiro, “como ben recoñeceu o propio Goberno central en resposta ao BNG no Congreso”, nin a súa retirada vai traer consigo a limpeza da ría, “só unha operación estética”, engade Ana Pontón.

Relacionada:


Rexeneración da Ría: máis preto, trala reversión de 224.000 m2

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical