1.2.11

Noia: o Bng oponse de novo á retirada da escolleira da ría, que cualifica como simple "operación estética"

A nacionalista Ana Pontón advirte de que o convenio asinado entre Portos de Galicia co Estado "inviabiliza na práctica a recuperación do porto histórico, un dos puntos recollidos na iniciativa aprobada cos votos do PP na Cámara galega"

Noia, 1 de febreiro de 2011.- A deputada do BNG Ana Pontón pedirá explicacións no Parlamento polo acordo ao que chegou Portos de Galicia co Estado, segundo o cal os 225.000 metros que ocupa a escollera en Noia pasan a ser titularidade do Estado, “o que supón unha renuncia de competencias totalmente inxustificada e inviabilizar na práctica o proxecto de recuperación do porto histórico da vila”.

Ana Pontón denunciou que con esta decisión se vulnera o acordo acadado na Cámara, a iniciativa do BNG, dun proxecto integral de rexeneración da Ría, “que é o que nós sempre defendimos”, e que incluía manter a titularidade galega do porto, revisar o proxecto de demolición da canle de aceso á vila para redactar un verdadeiro proxecto de saneamento, así como desenvolver as actuacións precisas para recuperar o porto histórico.

A deputada nacionalista lamenta o “cinismo” do PP por ter votado unha cousa no Parlamento e de seguido actuar na dirección contraria e advertiu que este comportamento, ademais da súa gravidade polo que significa de desprezo ao Parlamento e aos acordos que alí se toman, vai supor a perda dunha oportunidade histórica para Noia.

Para a parlamentaria, o que acaba de acontecer, non obstante, ao BNG "non lle colle de sorpresa porque durante o debate dos orzamentos votou en contra dunha partida específica proposta polos nacionalistas para o proxecto portuario de Noia".

O Bng local di que retirar a escolleira non suporá limpar a ría


Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG nesta localidade, Bieito González, deixa claro que esta formación política vai seguir loitando e negociando para dar resposta á “lexítima demanda dos noieses e noiesas de abrir a vila ao mar”.

Trátase, insistiu, "de concienciar á cidadanía e ás forzas políticas e sociais sobre o potencial portuario que caracteriza Noia e así iniciar o camiño da súa recuperación para convertela no verdadeiro porto de Compostela, o que pasa, primeiro, por recuperar o porto e de seguido recuperar o resto do espazo”.

Bieito González reitera que malia as “intoxicacións”, nin a escolleira que agora pasa á titularidade do Estado é a causante da acumulación de lodos o esteiro, “como ben recoñeceu o propio Goberno central en resposta ao BNG no Congreso”, nin a súa retirada vai traer consigo a limpeza da ría, “só unha operación estética”, engade Ana Pontón.

Relacionada:


Rexeneración da Ría: máis preto, trala reversión de 224.000 m2

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical